Galiza perdeu 134.400 empregos desde 2009 na faixa de idade de 16 a 34 anos

Mentres a poboación ocupada medrou nos últimos tres lustros na Galiza, o emprego xuvenil experimentou un notábel descenso de até 40%. 154.745 mozos e mozas de entre 16 e 30 anos abandonaron o país desde 2009 até 2022.

2010 05 17 compostela P1180407
photo_camera Varias persoas camiñando polas rúas de Compostela, que como o resto das áreas urbanas concentra o groso da poboación xuvenil. (Foto: Nós Diario).

A poboación ocupada de entre 16 e 34 anos diminuíu en 134.400 persoas de 2009 a 2024. Se hai 15 anos, cando Alberto Núñez Feixoo alcanzou a Presidencia da Xunta, a Galiza contaba con 386.500 ocupados e ocupadas nesa faixa, á volta de xuño de 2024 o país non superaba as 231.100, o que se traduce na perda de até 155.400 empregos e unha caída do emprego xuvenil de 40,2%. Asemade, destas 231.100 asalariadas, 47.700 sitúanse entre 16 e 24 anos e 183.400, entre 25 e 34 anos, destruíndose neste período 30.000 postos de traballo no primeiro dos tramos e 125.400 no segundo.

O comportamento do emprego xuvenil nestes últimos 15 anos foi diverxente ao do resto do mercado laboral. Así, en xuño de 2024, último mes con datos, a poboación ocupada ascendía na Galiza a 1.133.600 persoas, superando en 82.800 as cifras de emprego de 2009. Neste período, os servizos operaron como o auténtico motor do mercado de traballo, sendo o único sector da actividade económica cuns niveis de ocupación superiores aos de tres lustros atrás. Precisamente, neste período destacou a destrución de emprego na industria e no sector primario.

O aumento do paro xuvenil coincide cunha caída da poboación nesa faixa de idade. Mentres no ano 2009 un total de 678.135 galegos e galegas tiñan entre 16 e 35 anos, representando 24,4% do total da poboación, as últimas cifras desagregadas, a 31 de decembro de 2023, reducían a 456.911 os mozos e mozas destas idades, ficando en 16,9% do total e caendo porcentualmente 36,3%. O menor descenso rexístrase na faixa de idade de entre 16 e 20 anos, onde menor impacto teñen a lóxica laboral e a emigración.

A baixada poboacional

A caída do emprego xuvenil ten provocado unha diminución importante da poboación de entre 16 e 34 anos, como consecuencia, esencialmente, da emigración. A este respecto, o novo éxodo galego, fundamentalmente ao Estado español e os destinos tradicionais do continente europeo, presenta características novidosas, até o punto de que 10% dos titulados e tituladas superiores da Galiza con entre 25 e 34 anos residen actualmente fóra do país. Nesta dirección, o profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Isidro Dubert sinala que "esta nova vaga migratoria de mozos e mozas, cuxa partida asume formas acordes cos novos tempos, tamén constitúe unha importante e inestimábel perda de capital humano".

Emigración

Un total de 407.000 persoas, 154.745 delas menores de 30 anos, abandonaron a Galiza desde 2009. As cifras recollidas no histórico do Instituto Nacional de Estatística (INE) rexistraron, entre 2009 e 2022, 265.753 emigrantes galegas e galegos ao Estado español e 121.623 a outras partes do mundo. Unha mostra do alcance deste fenómeno é que o continxente humano que marchou da Galiza neste período supera as residentes de cada unha das sete cidades galegas, a poboación total dos concellos da circunscrición de Lugo, con 327.847 habitantes en 2020, ou a de Ourense, con 306.802.

Case catro de cada dez (38%) do total dos galegos e galegas que emigraron entre 2009 e 2022 eran menores de 30 anos. Ao tempo, 71% das 154.745 persoas con idades inferiores a esa que abandonaron o país situábanse entre os 16 e os 29 anos, sumando un total 109.677 homes e mulleres, o que evidencia que a emigración tornou hoxe na principal saída para a poboación nesa faixa de idade, que nestes últimos 15 anos enfrontou tres crises sucesivas, comezando pola Grande Recesión iniciada en 2009, a pandemia da Covid-19  en 2020 e a crise de prezos que seguiu a esa emerxencia sanitaria e económica.

A precariedade laboral

A precariedade marca a realidade laboral da mocidade. Así, as persoas de entre 18 e 34 anos representan 17,7% da poboación galega, mais significan 37,8% do total das persoas desempregadas, alcanzando as 45.300 para unhas cifras totais de 119.800 desocupadas. Na mesma dirección, o salario das persoas de entre 24 e 34 anos fica 20,1% por baixo do conxunto galego. Aliás, 26,6% da poboación de entre 18 e 34 anos traballa a tempo parcial, fronte ao 14,1% do total da poboación da Galiza.

Comentarios