O comité cualifica de chantaxe a actitude de Viaqua na negociación do convenio

O comité de empresa de Viaqua (antiga Aquagest) manterá a vindeira sexta feira en Pontevedra unha nova reunión coa dirección para tratar de avanzar na negociación do convenio colectivo.

A negociación do convenio colectiva estaría, segundo os delegados de persoal, estancada pola “actitude de chantaxe” que mantería a compañía que se encarga do servizo de abastecemento da auga en perto de medio cento de concellos galegos.

O voceiro da CIG na mesa de negociación, Rodrigo Pita, expresou a preocupación dos máis de 500 traballadores e traballadoras que ten a antiga Aquagest polos recortes que a firma quer impor en varios capítulos, nomeadamente no dos dereitos adquiridos, malia que as contas mostran números negros.

Plus de antigüidade

“Viaqua dá beneficios, beneficios importantes, e aínda así quere rebaixarnos as condicións, amparándose nas reformas laborais aprobadas polo Goberno central”, asegurou. Un dos principais obstáculos está a ser o plus de antigüidade, que a empresa mantén conxelado malia que ese acordo, ao igual que a masa salarial, só era aplicábel ao ano 2013. 

O comité di estar disposto a negociar o que sexa, mais non a perder poder adquisitivo, polo que anuncia que promoverá reunións cos voceiros municipais dos Concellos nos que presta servizo para lles expor a situación e o seu temor de que a dirección tente, apunta o delegado da CIG, “deixar correr o tempo para cando remate a prórroga, este vindeiro 31 de decembro, pasarnos ao convenio estatal, que ten peores condicións do que o noso propio”.

Comentarios