Concentracións en seis cidades galegas a prol do indulto a traballadores condenados a prisión

As mobilizacións están convocadas por CIG, CCOO e UGT e decorrerán o xoves para denunciar a represión e se solidarizar con Carlos, Serafín, Ana e Tamara.

ana tamara indulto

Actualmente hai catro traballadoras e traballadores galegos á espera de entrar en prisión por condenas derivadas da súa loita en defensa dos seus dereitos laborais. Carlos e Serafín (Vigo) e Tamara e Ana (Pontevedra). CIG, CCOO e UGT convocan para este xoves, 21, concentracións en varias cidades do País para manter a loita polo indulto a estas catro persoas.

As mobilizacións decorrerán baixo o lema “Defender os dereitos da clase traballadora non é delito!” e queren denunciar as “penas desproporcionadas, inxustas e abusivas coas que pretenden amedrentarnos e debilitar a nosa capacidade de resposta como clase” e esixirase o indulto para as persoas afectadas.

CCOO, CIG e UGT lembran que estas penas de prisión son un “castigo” para persoas “que se significaron na defensa dos dereitos dos seus compañeiros e compañeiras”, pero sempre “dentro da máis estrita legalidade”. Por esta razón, denuncian queas penas de prisión impostas son “inxustas” e “desproporcionadas”. Os tres sindicatos encadran este tipo de castigos no marco da “represión” contra a clase traballadora que afirman protagonizan os gobernos do PP


Lugares e horas

- A Coruña: 12:00 h, diante da delegación do Goberno

- Ferrol: 12:00 h, diante do edificio da Xunta

- Compostela: 11:30 h, diante da sede da Xunta en San Caetano

- Lugo: 12:00 h, diante da Subdelegación do Goberno

- Ourense: 12:00 h, diante da Subdelegación do Goberno

- Pontevedra: 11:00 h, diante da Audiencia Provincial

Comentarios