A década na que morren máis de 90 mariñeiros galegos

O sinistro marítimo na Ría de Vigo, con 3 mariñeiros mortos e 2 desaparecidos, alarga aínda máis a lista de vítimas en accidentes laborais no mar. Un sector que rexistra unha media estarrecedora: un sinistro grave cada 4 días e un morto cada mes.

Monumento_á_xente_do_mar_que_o_mar_levou._Rianxo._Galiza-4

A Organización Internacional do Traballo (OIT) considera o de mariñeiro como unha das profesións máis perigosas. Ningunha novidade para Galiza, un país onde vida e morte están relacionadas estreitamente co mar. No que vai de ano dúas traxedias (o afundimento en marzo do pesqueiro Santa Ana na costa asturiana e o sinistro desta terza feira na Ría de Vigo) volven traer a primeira liña mediática unha profesión, a de mariñeiro, na que traballan milleiros de galeg@s (Galiza representa o 52% de todo o Estado español).

Entre 1994 e 2013 faleceron 314 mariñeiros galegos. Só nos últimos anos, de 2005 até finais de decembro de 2013, 87 mariñeiros perderon a vida. De lle sumar o das traxedias antes citadas ('Santa Ana' e 'Mar de Marín'), a cifra supera os 90 falecidos en menos dunha década. Son dados preocupantes, como teñen recoñecido desde o propio sector, mais recibidos con fatalismo e resignación.

Nestes nove anos houbo 12.652 accidentes laborais no sector domar de Galiza. A gran maioría leves (12.000) mais tamén os houbo graves (786) e mortais (87)

Entre 2005 e 2013 rexistráronse 12.652 accidentes laborais no sector do mar de Galiza, segundo os informes do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboal (Issga). A inmensa maioría deles, de carácter leve (12.033, o que supón case catro por día). Mais tamén se rexistran sinistros graves. Foron 786 nestes nove anos, unha media dun cada catro días. Nese mesmo período, perderon a vida no mar 87 mariñeiros. Un cada 37 días. Un mariñeiro morto case cada mes.

Nomes, anos

Na costa hai anos marcados na memoria con nomes de barcos. En Ribeira o 2008 é o do 'Cordero', un arrastreiro que afundiu a 20 millas de Cabo Prior. Un mariñeiro morto e catro desaparecidos. En Burela o ano é o 2005 e o barco, o 'Siempre Casina'. O 2 e febreiro foi a pique fronte a costa de Burela. Seis mariñeiros mortos e dous desaparecidos. E a lista continúa.

O 2004 será para sempre no mar o ano de 'O Bahía'. Afundiu faenando perto das Sisargas: seis mariñeiros mortos e catro desaparecidos.

En Vigo o 2009 é o do palangreiro 'José Almuiña', naufragado a mil millas o leste das Bermudas. Houbo catro mariñeiros desaparecidos. Mais en Vigo o 2004 é o de 'O Bahía', unha das maiores traxedias do mar galego dos últimos anos. Afundiu o 2 de xuño mentres faenaba perto das Illas Sisargas. Seis mariñeiros mortos e catro desaparecidos. O 2002 en Lorbé (oleiros) é o do 'Meloxeira', que naufragou un 13 de abril na Ría de Coruña, e os seus catro mariñeiros non apareceron malia a intensa búsqueda durante días e días.

Mais a lista é interminábel: 'Furacán', 'Hermanos Landrove', 'Nuevo Amoradín', 'Sombriza',... así coma os portos de loito: Portosín, Cariño, Burela, Viveiro...

Foto portada: Roupa de augas posta a secar. Fragmento da película 'Mariñeiros', de José Suárez

Foto interior: Parte do monumento que en Rianxo lembra os rianxeiros mortos no mar. Entre parénteses, despois de nome e apelido, ano e lugar de falecemento

Comentarios