“Seguimos sen material”, alertan desde a sección sindical da CUT Alternativas na Xustiza en Ferrol. Explican nun comunicado que no edificio xudicial aínda están a agardar polo segundo envío de material remitido pola Xunta da Galiza “que se comprometeu a que o pasado terza feira 21 de abril xa estaría nos 45 partidos xudiciais galegos”.
Explican que o xulgado de garda “está a traballar con luvas prestadas por outro xulgado de Instrución, e o xel está esgotado”. Entenden que estas medidas preventivas adoptadas pola Dirección Xeral de Xustiza para os funcionarios e funcionarias da Administración de Xustiza galega aos que está “obrigando a retornar aos seus postos” non son as correctas.
Tres dispensadores de xel para todo o edificio
Sen os equipos de protección individual (EPI) a única protección son os dispensadores de xel hidroalcohólico. “Hai tres en todo o edificio que ten cinco andares”, aseguran no comunicado.
Cren que na administración da Xustiza galega “xa hai casos positivos de funcionarias e funcionarias” como para adoptar medidas. Por último agardan que os EPI que cheguen “non estean caducados hai 6 anos como xa aconteceu”.