Paralizada a condena de cárcere a dúas pontevedresas por participar nun piquete

Ana e Tamara recolleron decenas de miles de apoios nas redes, así como o do Parlamento galego ou das forzas sindicais e non entrarán en prisión até que o Consello de Ministros resolva o seu posíbel indulto.

tamaras-crop
photo_camera Ana e Tamara / Pontevedraviva.com

Ana Outerelo e Tamara Vidal, as dúas traballadoras pontevedresas condenadas a tres anos de cárcere pola súa participación nun piquete durante unha xornada de folga, recibiron a paralización da execución da sentenza para entrar en prisión, á espera de que se resolva a petición de indulto.

Así o confirmou o diario dixital pontevedraviva.com, que subliña o agradecemento de ambas as dúas afectadas pola mobilización social ao seu favor. Agora, convencidas de que a mesma está dando os seus froitos, recordan que é o Consello de Ministros o que debe decidir sobre o seu futuro.

86.000 sinaturas

O 11 de xuño, Ana e Tamara fixeron entrega no Ministerio de Xustiza das sinaturas recollidas na rede a prol do seu indulto -unhas 86.000- e ademais o Parlamento galego apoiou de forma unánime idéntica petición, que tamén foi reivindicada desde distintas forzas sindicais. Un día despois, foi a propia Fiscalía a que apoiou a petición de indulto para estas dúas traballadoras, que se amosan agora optimistas logo do que consideran “unha inxustiza”.

Comentarios