Traballador@s de Povisa protestan nos xulgados de Vigo para que a empresa cumpra as sentenzas

A folga encetada este 17 de maio ficou adiada porque a dirección incumpre os seus propios "e abusivos" servizos mínimos. Con todo, as reclamacións non cesan: esixen que se cumpran as resolucións xudiciais que obrigan a prorrogar o marco laboral propio e non o provincial.

povisa
photo_camera [Imaxe de arquivo: © S.S.]

Malia teren adiada a folga indefinida até que Povisa non acate os seus propios "e abusivos" servizos mínimos, o pulso entre @s traballador@s e a dirección da clínica privada concertada co Sergas continúa para frear o despedimento de 14 compañeir@s da quenda de fin de semana.

Se na cuarta feira se concentraron diante da Inspección de Traballo para esixir que se acaten os devanditos servizos mínimos, esta quinta feira as reclamacións transladáronse aos xulgados, onde pediron que a dirección da empresa cumpra as sentenzas ditadas na súa contra e que a obrigan a aplicar o marco laboral propio fronte á súa intención de aplicar o marco provincial. 

"Estivemos case na porta de entrada até que a policía nos desaloxou, mais seguimos co protesto", explica a presidenta do comité de empresa, María Xesús Neira (CIG), quen asegura que "aínda que non nos recibiu ninguén non imos parar até que alguén faga cumprir as resolucións xudiciais que gañamos".

500 euros mensais menos nas nóminas

Foi precisamente unha desas sentenzas a que paralizou a greve indefinida convocada a finais de agosto de 2013: a sentenza avocou Povisa a deixar de aplicar o marco laboral provincial para voltar ao marco propio namentres non se aprobase un novo. Os sindicatos con representación no comité de empresa calculan que o convenio provincial supón unha perda de 500 euros mensais nas nóminas d@s traballador@s que xa fan parte do cadro de persoal, e unha perda meirande aínda para quen veña nov@. 

"Agardaremos a que polo menos Inspección de Traballo se reúna connosco e, namentres non o faga, seguiremos cos protestos", conclúe María Xesús Neira quen na terza feira informou do aprazamento da folga porque a empresa empregou "a esquirolaxe interna" para lle por a cambadela a este dereito da clase traballadora ao contratar efectivos para substituír @s profesionais en greve.

Comentarios