Agora

librarias
Agora

Nova directiva na Federación de Librarías de Galiza

A Federación de Librarías de Galiza conta desde esta sexta feira cun novo equipo directivo, que asume desde xa os retos e necesidades do sector, representado por esta entidade. Os socios, reunidos en asamblea, outorgaron á proposta presidida por Cielo Fernández a súa confianza. A candidatura -única presentada-conta con cinco membros: a propia Cielo Fernández (Libraría Bahía de Foz) como presidente, Óscar Porral (da Librería Lenda, en Bertamiráns) como Vicepresidente, Celia Fernández (do Espazo Lector Nobel de Ourense) como Secretaria, Jacobo Antonio RodríGuez (Libraría Agasar, en Monforte de Lemos) como tesoureiro e Patricia Porto (Libraría Lila de Lilith, en Compostela). A Federación de Librarías de Galiza está integrada actualmente por 146 librarías.

facom fest
Agora

O FacomFest premia as obras 'Toxos', 'Vulgaris' e 'No Name'

A obra 'Toxos', de Jacqueline Reimúndez e Anxo Cambón, foi a obra gañadora da categoría de Ficción do Facom Fest, e está acompañada no palmarés por ' Vulgaris', de Mario Fernández Filloy, galardoada na de Non Ficción e por 'No Name', asinada polo Colectivo i para a banda Beach Avenue, na categoría de videoclip. En cada categoría outorgáronse igualmente varias mencións especiais en recoñecemento a labores técnicas e artísticas. Despois de catro días completos nos que o público puido asistir ás exhibicións das obras e participar en coloquios e actividades,déronse a coñecer nunha gala as pezas gañadoras da segunda edición do Facom Fest, o festival de cine do estudantado galego
Amancio Ortega retomou en 2019 a súa aposta polo sector enerxético após o infrutuoso intento de 2005 con Unión Fenosa (Foto: Europa Press).
Agora

Amancio Ortega compra o maior centro loxístico de Amazon en Irlanda por uns 225 millóns

O fundador e primeiro accionista de Inditex, Amancio Ortega, a través do seu brazo investidor Pontegadea, adquiriu un complexo loxístico no Baldonnell Business Park de Dublín, que ten como principal inquilino Amazon, por un importe de 225 millóns de euros, segundo confirmaron a Europa Press fontes coñecedoras da operación. En concreto, trátase da primeira operación loxística de Ortega en Irlanda, onde xa ten outros activos. Até o momento, devandito complexo loxístico, que conta con cinco inquilinos con contratos a longo prazo, era propiedade do especialista en desenvolvemento inmobiliario industrial e loxístico Mountpark, segundo informa o diario 'The Irish Times'. O complexo loxístico conta cunha superficie duns 120.000 metros cadrados e Amazon é o inquilino con maior volume e unha superficie de 63.000 metros cadrados.

Turismo rural (Foto: Nós Diario).
Agora

Soben as pernoctacións en apartamentos e cámpings na Galiza e caen en turismo rural e albergues

As pernoctacións en aloxamentos turísticos extrahoteleiros (apartamentos, cámpings, aloxamentos de turismo rural e albergues) experimentaron unha evolución diferente na Galiza en outubro, ao subir nos dous primeiros e caer nos dous segundos, segundo os datos que publica esta sexta feira o Instituto Nacional de Estatística (INE). En concreto, os apartamentos turísticos rexistraron o décimo mes do ano 55.389 pernoctacións, o que supón un incremento de 29,08% respecto ao mesmo período do ano anterior. Os cámpings case triplicaron os seus pernoctacións, até chegar a 21.288. Mentres, as pernoctacións en aloxamentos de turismo rural baixaron  2,37%, a 28.155; e descenderon 9,29% en albergues, até 141.560.

Dios Ke Te Crew actuará hoxe xunto a xente amiga.
Agora

Dios Ke Te Crew celebra este sábado 20 anos de rap en galego sobre os escenarios


O concerto ‘Tremendos Anos 20’, para o que xa non quedan entradas dispoñíbeis, comezará ás 19.30 horas na Sala Capitol e continuará na Malatesta até as 05. A cita contará coa colaboración de Hermano L, DJ Mil, High Paw, Grande Amore, Malandrómeda, Boyanka Kostova,  Leo i Arremecághona, Santino, Vituco Neira (Ruxe Ruxe), Guillerme (Quempallou), Los Rastreadores, Rebeliom do Inframundo, Saibran Yi yi, Rico Suávez, Ra Velenosa, Chicho Selektor, Padre Murdock e Croma. Este sábado 2, a partir das 00 horas, poderanse escoitar nas principais plataformas dixitais os 20 remixes dos temas de DKTC incluídos no disco-fanzine que a banda edita co gallo da efeméride
 

melide
Agora

Melide entra a formar parte do padroado da Fundación Vicente Risco

O Concello de Melide vén de entrar a formar parte do Padroado da Fundación Vicente Risco. Esta integración vén culminar unha traxectoria de colaboración entre o Concello e a Fundación. De feito, Melide acolleu o ano pasado a entrega do XXVI Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais, cando se recoñeceu a obra Liberdades antigas, tempos modernos: o republicanismo de Castelao, de David Rodríguez. A Fundación Vicente Risco, con sede en Allariz, naceu co obxectivo de preservar o legado material e cultural do polígrafo ourensán, unha figura fundamental no estudo da cultura galega e no desenvolvemento do galeguismo de preguerra.

Presentación do novo proxecto de Martín Códax, esta quinta feira (Foto: Nós Diario).
Agora

Bodegas Martín Códax aposta polo Ribeiro coas ancestrais vides da cooperativa de Beade

Bodegas Martín Códax apostou onte pola Denominación de Orixe Ribeiro, pondo en valor a viticultura tradicional que "desempeñan, de forma excelente, os viticultores nas mellores e ancestrais vides do Val do Avia". A nova sociedade está formada pola Cooperativa de San Roque de Beade, que achega o inmobilizado, e conta tamén coa participación da entidade pública galega de capital risco XesGalicia e Bodegas Martín Códax que, aposta polo Ribeiro para desenvolver un novo proxecto baseado na viticultura tradicional da zona. “En Bodegas Martín Códax somos viticultores e por isto apostamos fortemente por este proxecto. A Cooperativa de Beade conta con moitas das mellores vides ancestrais da zona", resaltaron desde a empresa.
Praça do Comércio na capital portuguesa, Lisboa. (Foto: Eugenio Marongiu)
Agora

O aumento da inflación elevará entre 5% e 6% as pensións en Portugal o próximo ano

Na lei lusa, o aumento das pensións determínase segundo a media do crecemento real do produto interior bruto e a variación anual da inflación a 30 de novembro, mais sen ter en conta a vivenda. Desta maneira, os datos da estimación de inflación publicados hoxe polo Instituto Nacional de Estatística implican que en 2024 as e os pensionistas lusos recibirán pola prestación 5% máis no caso das máis altas e 6% das máis baixas.

Máis de 150 nadadores e nadadoras se retarán en Ferrolterra. (Foto: Club Natación Ferrol).
Agora

O Cidade de Narón de Natación chega aos 30 anos

A piscina do complexo Polideportivo municipal da Gándara acollerá o día 2 de decembro, a trixésima edición do Trofeo de Natación Cidade de Narón, que corresponde coa vixésima do Memorial Javier Lago. Un total de 150 nadadoras de nove clubs procedentes de todos os recunchos do territorio galego participarán na proba, tal e como avanzou o presidente da Agrupación Deportiva Náutico de Narón, Amando Guerrero. Xunto coa entidade anfitrioa, estarán representados nunha competición que arrancará ás 17 horas da tarde os conxuntos de Arteixo, Panas, Cidade de Santiago, Cedeira, Ferrol, Culleredo, Club Marina e Club do Mar. Esta proba está incluída no calendario da Federación Galega de Natación, sendo válidas as marcas para participar nun Nacional que se disputará en Lugo.
 
(Foto: RFEF).
Agora

Confirmado o acordo a tres bandas para o Mundial de Fútbol 2030

As federacións española, portuguesa e marroquina asinaron esta quinta feira o Acordo de Candidatura da FIFA, un documento que recolle o seu compromiso de adherirse ás regras e ao marco que rexen o proceso de candidatura para albergar o Mundial de Fútbol de 2030, no que Riazor (A Coruña) e Balaídos (Vigo) poderían ser unha das sedes escollidas. Segundo indicou a RFEF, o pacto ofrece "orientación sobre aspectos técnicos fundamentais da mesma, como a súa promoción e os criterios de avaliación". Pola súa parte, Fernando Gomes, presidente da Portuguesa, sacou peito, dicindo que argallarán un torneo que "impresionará os afeccionados e a todo o mundo do fútbol".

Abel Losada, voceiro parlamentar PSdeG
Agora

Abel Losada, novo subdelegado do Goberno español en Pontevedra

O concelleiro do Concello de Vigo e ex diputado no Parlamento galego do PSdeG, Abel Losada, será o novo subdelegado do Goberno español na provincia de Pontevedra, e tomará posesión do seu cargo a próxima semana, en substitución de Maica Larriba, que se xubilou e deixou o cargo a finais de agosto pasado. Losada (Ourense, 1964) é doutor en Ciencias Económicas pola Universidade de Compostela e profesor de Historia e Institucións Económicas na Universidade de Vigo, especialista en demografía e economía da poboación. Durante o Goberno bipartito presidido polo socialista Emilio Pérez Touriño, en concreto, entre 2008 e 2009, foi director xeral do Gabinete do presidente da Xunta da Galiza.

A artista Janet Novás. (Foto: Antonio Urquijo)
Agora

María Vázquez, Álvaro Gago, Xoel López, Janet Novás e 'O soño da sultana', nomeados galegos aos Goya

A 38º edición dos Premios Goya deixa varios nomeados galegos, entre os que destaca María Vázquez, que optará a mellor actriz polo seu papel en Matria, unha película pola que o cineasta Álvaro Gago competirá en Mellor Dirección Novel. Pola súa parte, Janet Novás concorrerá a mellor actriz revelación por O corno. Chama a atención que esta sexa o único nomeamento da cinta de Jaione Camborda despois de gañar a Cuncha de Ouro no Festival de Donostia. Así mesmo, o músico coruñés Xoel López pode ser galardoado na categoría de mellor canción polo seu tema Eco, da película Amigos até a morte. Ademais, a cinta O soño da sultana, coprodución con participación da galega Abano Producións, atópase na categoría de Mellor Película de Animación. 
pediatria arcade soutomaior
Agora

Soutomaior fai un ano sen pediatra no centro de saúde de Arcade

Soutomaior leva desde novembro de 2022 sen pediatra no centro de saúde de Arcade, despois de que a Xunta decidise non cubrir a baixa da anterior facultativa que ocupaba a praza. Nestes doce meses, a Xunta obviou as numerosas queixas da veciñanza do concello e as peticións para buscar unha solución a esta situación, indica o BNG.  “A falta de pediatras durante todo este ano fixo que os períodos de agarda fosen de varias semanas, o que obrigou moitos pais e nais a levar aos seus fillos a Pontevedra para que puidesen ser atendidos”. O BNG reclama solucións á Xunta e prepara un calendario de accións para esixir que se respecten os dereitos da veciñanza

 

Traballadores da construción (Foto: Xoán Roberes).
Agora

As licenzas para construción de edificios baixan 17%

As licenzas concedidas para a construción de edificios foron 141 na Galiza en agosto, 16,5% menos que no mesmo mes de 2022, segundo os datos publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) esta quinta feira. Con todo, compútase un incremento das licenzas para a construción de vivendas, cun total de 130, oito máis que un ano antes (+6,5). Pola súa parte, o número de edificios a rehabilitar pasa de 116 en agosto de 2022 a 128 no oitavo mes de 2023, o que se traduce en 10% de aumento. Tamén aumentan as vivendas para reformar, pasan de 27 a 36. Mentres, as licenzas para demolicións en agosto só foron nove, unha cifra de seis unidades menos na comparativa interanual, cando eran 15.

Unha ambulancia xunto a un centro residencial. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Agora

Critican que dúas enfermeiras do Hospital de Verín pasarán de Urxencias a facer traslados en ambulancias

O sindicato de Enfermería Satse esixe á Xerencia da Área Sanitaria de Ourense que anule a orde de que dúas enfermeiras do Hospital de Verín pasen de prestar servizos en Urxencias a realizar traslados en ambulancias. Se non, ameaza con recorrer á Inspección. A través dun comunicado, a organización advirte que un servizo "esencial" na comarca, como é o de Urxencias, "non pode sufrir un recorte deste calado de ningún modo". Diminuír unha enfermeira pola mañá e outra pola tarde vai xerar "un claro risco asistencial", advirte o sindicato.

Darío Villanueva e Iria Castro (foto: Deputación de Lugo).
Agora

O escritor Darío Villanueva recolle o Premio Otero Pedraio na Deputación de Lugo

O académico vilalbés Darío Villanueva recibiu onte no Pazo de San Marcos, en Lugo, o Premio Otero Pedraio 2023, certame que recoñece o labor de persoas e institucións que fomentan a cultura galega. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo foi a organizadora do acto, que cada unha das Deputacións galegas convoca de maneira rotatoria. "Otero Pedraio foi un construtor da nación galega, unha nación no mundo e por iso para nós, desde a área de cultura de Vicepresidencia da Deputación de Lugo, é un pracer colaborar co Premio Otero Pedraio conxuntamente coas outras tres Deputacións e, este ano, como institución anfitrioa, é unha honra dar este premio a Darío Villanueva”, sinalou na súa intervención a deputada de Cultura, a nacionalista Iria Castro.
A Estación espacial internacional en abril deste ano. (Foto: NASA Johnson)
Agora

O Executivo de Rusia aproba un proxecto de estación lunar conxunta coa China

A Comisión de Proxectos Lexislativos, que depende do Gabinete ruso, deu luz verde á creación dunha estación científica conxunta entre Rusia e a China na lúa, informaron hoxe medios rusos. A proposta está incluída nun proxecto de lei para ratificar os pactos no ámbito da cooperación espacial entre ambos os dous países. A previsión é que a construción da base lunar remate entre 2035 e 2040, facilitando a presenza do ser humano no satélite.

(Foto: HC Liceo).
Agora

Oportunidade para o desquite do Liceo ante o Barcelona

O gran clásico do hóckey a patíns estatal, o Deportivo Liceo da Coruña-Fútbol Club Barcelona, escribirá hoxe o seu segundo capítulo en menos dunha semana. Sen tempo para lamber as feridas, este encontro suporá unha oportunidade de ouro para que o conxunto herculino obteña o desquite logo da dolorosísima derrota que apañou o pasado sábado na OK Liga, onde caeu goleado por 0-6 no Palau Blaugrana. Programado ás 20 horas de hoxe, a afección verdibranca poderá seguir as evolucións dos seus xogadores na fase de grupos da WSE Champions League a través do portal web de World Skate coa esperanza de obter o seu primeiro triunfo no campo do Barça en tres anos. 

O primeiro ministro luso, António Costa, a segunda feira. (Foto: Nós Diario)
Agora

Aprobado o Orçamento do Estado para 2024 en Portugal co voto en solitario do PS

Coa abstención do Livre e o Pessoas-Animais-Natureza, e o voto en contra do resto da oposición, ficou aprobado hoxe no lexislativo o Orçamento do Estado para 2024, grazas á maioría absoluta do Partido Socialista (PS). Nos vindeiros días farase efectiva a dimisión do primeiro ministro António Costa, presentada tras unha redada anticorrupción da Fiscalía, que investiga Costa, e que dará paso a unhas eleccións anticipadas o 10 de marzo de 2024. 

A concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, con José Rioseco. (Foto: Concello de Santiago).
Agora

Compostela acolle o I Open Promesas Mireia Belmonte

A piscina de Santa Isabel acollerá o próximo sábado, día 2 de decembro, o I 'Open Promesas Mireia Belmonte', un evento no que participarán 246 nadadores e nadadoras de 18 clubs tanto da Galiza como de fóra do territorio nacional. A competición presentouse esta cuarta feira no Pazo de Raxoi da man da concelleira de Deportes, Pilar Luiero, e o presidente do Club de Natación Cidade de Santiago, José Rioseco. A edil mostrou a súa "satisfacción" porque a capital galega estea "á altura de cidades como Barcelona, Sevilla ou Madrid" -que, xunto con Castellón e Bilbao, reciben as outras paradas do certame-, expresando ademais o seu "agradecemento" ao Club Natación Santiago. Con respecto aos horarios, a acción, orientada ás categorías alevín e infantil, arrancará ás 10 horas da mañá, estendéndose até as 17.