Agora

Vigo ofrecerá un petisco da despedida de Leilía no Culturgal,
Agora

Leilía esgota en 6 horas as entradas para o seu derradeiro concerto

“Mil grazas Compostela, estamos abraiadas!” así manifestaba Leilíao nas súas redes sociais o seu agradecemento pola resposta recibida. Tras encher ate á bandeira o Teatro Jofre o pasado domingo, quen queira asegurarse poder se despedir delas terá que aproveitar o concerto de Pontevedra deste sábado no Culturgal,  para o que aínda quedan algunhas entradas, xa que esta terza feira esgotábanse en minutos as do que será o último concerto da formación, que terá lugar no Auditorio de Compostela o vindeiro 13 de xaneiro.

VIGOOOO
Agora

Presentan unha carta aberta a Abel Caballero demandando medidas urxentes contra o cambio climático

Amigas da Terra, Amnistía Internacional, Ecoloxistas en Acción,  Greenpeace e Verdegaia esixen ao alcalde por carta que a cidade olívica sume esforzos para frear o quecemento global. As organizacións despregaron unha faixa para demandar un plan plurianual de acción municipal sobre a crise climática e unha canle de diálogo permanente entre o concello e a cidadanía. Tamén presentaron un decálogo de propostas de adaptación e mitigación da mudanza do clima, medidas de ámbito local e que, segundo as ONGs, requieren máis ca nada vontade política.

 

vedra augardente
Agora

Localizan un almacenamento ilegal con máis de 200 litros de licor café e augardente nun supermercado de Vedra

A Garda Civil localizou un almacenamento ilegal de licores nun supermercado do municipio de Vedra, comarca de Compostela, no cal se incautaron máis de 200 litros de bebidas como licor café, augardente. Durante a inspección realizada no estabelecemento atopáronse 206 litros de licores, cun valor estimado que supera os 1.800 euros. Estes alcois estaban distribuídos en depósitos, carecendo das marcas fiscais necesarias. Como medida cautelar, o alcol foi inmobilizado e precintado no estabelecemento, quedando ao dispor da autoridade aduaneira ata que se resolva a situación legal.

terra fisterra michelib
Agora

Terra, de Fisterra, achega unha nova estrela Michelin á Galiza, que suma 19 en 17 restaurantes

A Guía Michelin 2024 recoñeceu 31 restaurantes do Esado español con 1 Estrella Michelin. .Na Galiza estréase Brais Pichel (de Terra, en Fisterra). Terra súmase con esta nova distinción a unha listaxe no que xa son 17 os restaurantes na Galiza os que acumulan 19 estrelas, dúas deles Culler de Pau do Grove e Pepe Vieira Camiño dá Serpe de Poio con dúas estrelas cada un. Ademais de Terra, unha estrela Michelin teñen os restaurantes Maruja Limón, de Vigo; Silabario, de Vigo; Eirado da Leña, de Pontevedra; Yayo Daporta, de Cambados; Casa Solla, de Poio; Árbore da Veira, da Coruña; As Garzas, de Malpica; Retiro da Costiña, de Santa Comba; A Tafona, de Santiago de Compostela; Casa Marcelo, de Santiago de Compostela; O Pazo, de Padrón; Restaurante Miguel Ángel González, de Pereiro de Aguiar; e Nova e Ceibe, de Ourense.

(Foto: Escola Atlética Lucense).
Agora

O Campionato de Cros Escolar chega ao Estadio Municipal da Alta

Centros de ensino e ANPA dos municipios da Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo, Dodro e Padrón participarán nun Campionato de Cros escolar que terá lugar no Estadio Municipal da Alta mañá, 30 de novembro, a partir das 11 horas, e que reunirá máis de 1350 rapaces e rapazas. As categorías que tomarán parte desta cita deportiva son as de benxamín, alevín, infantil e cadete, tanto nas súas modalidades masculina como feminina, recibindo medalla os e as 15 primeiras clasificadas de cada grupo de idade. O concelleiro de Deportes da Pobra, Eloy Sobrido, destacou nun acto de presentación que tivo lugar na xornada de onte que, alén do eido estritamente deportivo, o obxectivo da proba é "fomentar hábitos de vida saudábeis".
 
Dina Boluarte, líder do Perú tras a destitución de Pedro Castillo. (Foto: Presidencia do Perú / DPA)
Agora

A Fiscalía Xeral do Perú denuncia no Congreso a mandataria polas mortes nas manifestacións

Patricia Benavides, fiscal xeral do Perú, demandou a presidenta Dina Boluarte no lexislativo como presunta responsábel dos asasinatos de arredor de 50 persoas nas protestas na súa contra. A demanda chega cando Benavides -chave na ofensiva xudicial contra o deposto presidente Pedro Castillo que levou ao poder Boluarte co apoio da ultradereita- está acusada de liderar unha rede criminal na Fiscalía, informou na madrugada de hoxe a axencia AFP.

Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 da Galiza, no municipio da Estrada (Foto: Europa Press).
Agora

Falece un condutor en Tomiño tras saír da vía e caer por un terraplén

Un condutor perdeu a vida na localidade de Tomiño (comarca do Baixo Miño) tras saír da vía e caer por un terraplén mentres circulaba por unha pista forestal da parroquia de Vilachán. Tal como informou o 112 Galiza, foi un particular o que alertou os xestores de emerxencia. A partir de aí, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias deuse aviso a Urxencias Sanitarias, aos bombeiros do Baixo Miño, aos membros do GES da Guarda, á Garda Civil e á Policía Local, ademais da Protección Civil de Tomiño. A pesar de que os servizos de emerxencias traballaron durante varios minutos para tratar de liberar o condutor, finalmente o persoal sanitario só puido confirmar o falecemento desta persoa.

'O Celta somos nós', o LP do celtismo.
Agora

'O Celta somos nós': 13 cancións para celebrar cen anos de celtismo

O colectivo Soulboys Celta, a peña celtista catalá Blau-Cel e as Tropas de Breogán lanzarán este sábado, 2 de decembro, un vinilo en formato LP moi especial para todo o celtismo e co que pretenden seguir a celebrar o centenario do clube. Trátase de O Celta somos nós, composto por 13 temas de 11 bandas diferentes que van desde os míticos Keltoi! até un improvisado grupo que leva por nome Javier Maté&The Jimmy Hagans, aludindo aos dous memorábeis futbolistas dos anos 80. Neste disco tamén se poderán escoitar cancións de lendas como Siniestro Total, Dakidarría, Tropa do Carallo, Dr. Cotomondongo&Metales Preciosos, Falperrys, Travesas City Rockers, Engra!, Thee Tumbitas e Residuos do Sistema.
Pedro Jiménez Borja, desaparecido na Coruña.
Agora

Aparece en Sevilla un home desaparecido onte na Coruña

O home de 82 anos que faltaba do seu domicilio na Coruña desde esta segunda feira foi localizado hoxe en bo estado en Sevilla, segundo informou a asociación SOS Desaparecidos após solicitar axuda para dar con el. Trátase de Pedro Jiménez Borja, unha persoa de "alta vulnerabilidade" e que faltaba do seu domicilio, na cidade herculina, desde onte, día 27.
Outeiro, Xan e Bego integraron o podio individual absoluto. (Foto: FGDA).
Agora

Corredoiras triunfa sobre a herba de Bueu na Liga Atlántica de Billarda

O Campo da Estacada estaba impecábel para a práctica da billarda nunha Conferencia Rías Baixas que regresaba á herba en Bueu despois de dúas xornadas consecutivas disputándose baixo o teito dos pavillóns. Alí, o equipo local, Corredoiras, que non está asinando o inicio dos seus soños na Liga Atlántica, deu un golpe enriba da mesa impoñéndose con 74 puntos, superando na clasificación por equipos Lúa de Forza de Sanxenxo (69) e Gharaboto de Marín (tamén 69). Na categoría individual absoluta gañou Xan Rodiño (Lúa de Forza), seguido por Outeiro (Corredoiras) e Bego (Corredoiras), mentres que na feminina primeira foi Ainhoa (Armadiña de Combarro), que estivo acompañada no podio por Belmira (Valpaços Terra Quente de Vigo) e unha Antía que tamén milita na formación olívica. 
A escuadra de Vilagarcía xogará a segunda rolda do torneo do KO. (Foto: Arousa SC).
Agora

A Xustiza deportiva, de novo do lado do Arousa

O Granada non tira a toalla e continúa a súa cruzada xudicial para revocar a eliminación copeira ditaminada pola Real Federación Española de Fútbol (RFEF) logo da aliñación indebida que cometeu no partido de primeira rolda da Copa do Rei e que supuxo o avance do galego Arousa Sociedade Cultural á seguinte rolda do torneo do KO. Nesta ocasión foi o Tribunal de Arbitraxe Deportivo (TAD), quen, esta segunda feira, determinou que, unha vez máis, os andaluces non teñen razón, denegando a "suspensión cautelar" da súa eliminación e, polo tanto, da posibilidade de competir na Copa do Rei no lugar do conxunto vilagarcián.
 
Praza do Concello de Moaña (Nós Diario).
Agora

Moaña é recoñecida como Cidade Amiga da Infancia

O Ministerio de Mocidade e Infancia, a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), o Instituto Universitario de Necesidades e Dereitos da Infancia e a Adolescencia (Iundia) e Unicef, que conforman a Secretaría Permanente de Cidades Amigas da Infancia, recoñeceron o concello de Moaña como Cidade Amiga da Infancia, sendo a sétima entidade local galega á que se lle recoñece esta condición. Ademais, Moeche, Redondela, Teo e Tomiño renovaron este recoñecemento, que implica compartir a visión e realizar acción encamiñadas a que crianzas e adolescentes poidan gozar plenamente dos seus dereitos, contar con espazos reais de participación e desenvolverse plenamente na súa contorna máis próxima.

O primeiro ministro neozelandés, Christopher Luxon. (Foto: Oficina do primeiro ministro de Nova Zelandia / Europa Press / Contacto)
Agora

O novo Goberno conservador neozelandés reverterá a lei antitabaco para recadar impostos

As asociacións sanitarias criticaron hoxe o novo Executivo conservador, o máis dereitista da historia de Nova Zelandia, logo de que os medios locais difundiran a súa intención de reverter a lei antitabaco aprobada en 2022, que tería que entrar en vigor en 2024 e que prohibiría que as persoas nadas a partir de 2009 puidesen comprar cigarros ao longo da súa vida. O Goberno xustificouno en recadar ingresos para cumprir cos recortes do pacto de coalición.

A doutora do CHUS Luz Couce.
Agora

Luz Couce, xefa de Neonatoloxía do CHUS, gaña o XXIII Premio Nóvoa Santos da Asomega

A Asociación de Médicos Galegos (Asomega) acordou por unanimidade outorgar á xefa do servizo de Neonatoloxía do Hospital Clínico de Santiago (CHUS), Luz Couce, o XXIII Premio Nóvoa Santos pola súa traxectoria investigadora. A Xunta Directiva de Asomega destaca de Couce, quen é tamén directora científica do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), o seu excelente palmarés científico ao longo dos últimos 30 anos, avalado por máis de 300 publicacións, 33 proxectos competitivos como investigadora principal e sete rexistros de propiedade intelectual. Este galardón recoñece "os méritos científicos e profesionais, así como o seu compromiso coa sanidade e coa Galiza" dos candidatos que se presentaron, tal e como explica a asociación de médicos nun comunicado.
Centro de atención de emerxencias do 112 Galiza (Foto: Xunta).
Agora

Falece unha persoa e outras dúas resultan feridas tras unha colisión entre dous vehículos en Boiro (O Barbanza)

Unha persoa morreu e outras dúas resultaron feridas esta sexta feira após unha colisión entre dous vehículos na AG-11, ao paso polo concello coruñés de Boiro, en sentido Ribeira.

Segundo informou o 112, foi ao fío das 21 horas cando recibiron o aviso dun particular. Con todo, a gravidade da situación pasou inadvertida para as primeiras persoas que deron a voz de alarma. Con todo, instantes despois, recibiron novas informacións que urxiron a intervención dos grupos de emerxencias ao atoparse unha persoa, en estado grave, atrapada dentro dun dos vehículos.

A central de emerxencias solicitou a colaboración dos Bombeiros de Boiro e tamén do 661, pero nada puideron facer por salvar a vida desta persoa. Ademais, outros dous implicados necesitaron asistencia médica e un foi evacuado ao Hospital do Barbanza.

 

(Foto: Celta Baloncesto).
Agora

Derbi fratricida entre Ensino e Celta na elite do baloncesto

Finalizada a pasada xornada a terríbel xeira de derrotas coa que o Celta Baloncesto comezou a súa andaina na máxima categoría, as celestes queren dar continuidade aos triunfos vencendo o Ensino nun derbi que se desenvolverá ás 17 horas no Pavillón de Navia. O seu rival, que tamén gañou a semana pasada e escalou até o duodécimo posto, desexa o cuarto triunfo para esquecer o seu mal arranque. Ademais, o terceiro representante da Galiza na Liga Endesa e primeiro na táboa, Baxi Ferrol -que é oitavo con catro vitorias-, recibe na Malata (20.15 horas) o sempre perigoso Valencia Básket, que o pasado sábado esmagou o fechacancelas, Embutidos Pajariel, por 80-43.
Representantes do PP conmemoraron o 25-N vendo 'Matria'. (Foto: Nós Diario)
Agora

Representantes do PP reivindican as políticas de igualdade e acoden ver 'Matria' ao cinema

Ducias de representantes do PP na Galiza, entre deputadas e deputados e integrantes de Novas Xeracións, foron esta sexta feira ao cinema para ver Matria, filme dirixido por Álvaro Gago, con motivo do Día Internacional contra a Violencia Machista. A secretaria xeral do PP, Paula Prado, reivindicou as políticas dos populares fronte ao "compromiso de postureo", que, ao seu xuízo, practica o Goberno de Pedro Sánchez e a xa ex ministra de Igualdade Irene Montero. 
O presidente de Portugal, Marcelo Rebelo de Sousa. (Foto: Filipe Amorim / Global Image / Europa Press / Contacto)
Agora

O Ministério Público investiga o presidente luso por trato de favor a unhas coñecidas no sistema de saúde

O xornal luso Público desvelou hoxe que a Fiscalía está a investigar o presidente portugués, Marcelo Rebelo de Sousa, por unha presunta mediación para que unhas xemelgas luso-brasileiras foran sometidas a un tratamento nun hospital de Lisboa por unha rara doenza, e cun valor de dous millóns de euros. A familia das crianzas é coñecida da parella do fillo do presidente. Rebelo de Sousa negou ter participado, algo que si fixo a Casa Civil da Presidência.

(Foto: Meeting Gadis).
Agora

O Meeting Gadis reúne na Coruña os novos talentos da vela galega

Serán 150 as embarcacións da categoría optimist, pertencentes aos principais clubs do noroeste peninsular, as que compitan nas augas da baía da Coruña esta fin de semana en busca da vitoria no Meeting Gadis, segundo acto da Semana Abanca Versión Rías Altas. O conxunto con maior número de deportistas será o local Real Club Náutico da Coruña, con 23 optimistas, seguido do Marítimo de Canido de Vigo con 18, que aspiran a demostrar por que a súa escola de vela está considerada como unha das mellores de todo o Estado. O favoritismo recae na escuadra olívica no que respecta á modalidade masculina, pois viaxa con Paco Riveros e Alejandro Alonso, os dous primeiros do ránking, mentres que na feminina o principal candidato é o Canido, que conta con Carolina Comesaña (1) e Alma Chamorro (3).
Rolda de prensa do nacionalista Néstor Rego no Congreso. (Foto: Carlos Luján / Europa Press)
Agora

BNG demanda a Planas que reclame na UE a suspensión do veto ás artes de pesca de enmalle e palangre

O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, presentou unha proposición non de lei na Cámara baixa na que empraza o Ministro de Pesca, Luis Planas, a que reclame no seno da UE a suspensión do veto ás artes fixas de pesca como o palangre e o enmalle, revisando a prohibición vixente que naceu dunha decisión adoptada pola UE “sen os necesarios informes científicos e socioeconómicos sobre o impacto desta ríxida medida nas frotas pesqueiras e o resto do sector mar industria”. Ademais, o parlamentar do BNG demanda ao Ministerio que traslade á UE “o firme rexeitamento do Goberno español diante calquera posíbel ampliación das zonas vedadas sen estar acompañadas dos informes e estudos científicos rigorosos e exhaustivos. Tamén deben contar coas análises pertinentes sobre o impacto socioeconómico deste tipo de decisións”.