Agora

Foto: Deputación da Coruña
Agora

A Volta á Galiza será na última semana de febreiro

Ezequiel Mosquera, ex ciclista e director xeral da firma de eventos deportivos Emesports e da Volta Ciclista profesional á Galiza -actualmente denominada O Gran Camiño- anticipou hoxe que a próxima edición do certame terá lugar na última semana de febreiro de 2024. O que fora líder do Xacobeo Galicia revelou que, "aínda que o percorrido definitivo está por trazar", a rolda contará con total de catro etapas, e que haberá máis equipos World Tour -a máxima categoría posíbel- que no ano 2023: "Se no 2022 e no 2023 tiñamos que chamar nós, agora son eles os que se poñen en contacto connosco, porque saben que aquí na Galiza se desenvolve un evento que é top".

mal tratoa nimal seporna
Agora

Investigada por malos tratos animais unha veciña de Pontevedra que deixou morrer de inanición cinco gatos e un can

A Garda Civil investiga unha muller de 39 anos de idade como presunta autora dun delito de malos tratos animais, após descubrir que deixara morrer de fame e sede cinco gatos e un can da súa propiedade no interior dun piso no barrio de Monteporreiro, en Pontevedra. O Seprona tivo coñecemento dos feitos a través de funcionarios de Xustiza que executaran unha orde de desafiuzamento no domicilio por falta de pagamento de aluguer e que se atoparon varios animais mortos. Os axentes que acudiron á vivenda atoparon no salón os restos de tres gatos mortos, un deles momificado, e o esqueleto doutros dous felinos. Así mesmo, tras a porta da cociña había outro esqueleto, o dun can que puido ser identificado mediante o microchip. A muller ten antecedentes por feitos similares.

xeometría
Agora

Rosa María Tielas gaña o primeiro premio do IV Concurso de Fotografía Concello de Covelo

O Concello de Covelo entregou os premios do seu IV Concurso Fotográfico Concello de Covelo a Rosa María Tielas Conde quen coa súa foto “Xeometría” acadou o primeiro premio; a Sergio Fandiño Sotelo que se fixo co segundo posto con “Ponte Maceira” e a Francisco Javier González de Jesús que gañou o terceiro premio coa foto “Patrimonio Micolóxico”. Fomentar a participación da veciñanza en actividades artísticas e creativas foi o obxectivo do IV Concurso Fotográfico Concello de Covelo. 

feminismo 25N compostela
Agora

‘Organicémonos contra as violencias machistas!’, as mobilizacións da MMM para este 25-N

‘Organicémonos contra as violencias machistas! A nosa loita é pola vida!’ é a palabra de orde da Marcha Mundial das Mulleres para este 25 de novembro na Galiza. As mobilizacións decorrerán en varias cidades e vilas, cuxo número vai aumentando a medida que se achega a xornada na que se conmemora o Día Internacional contra a Violencia Machista.

Lugar e hora:
- A Coruña, Obelisco, 19 horas
- As Pontes, praza do Hospital, 18:30 horas
- Ames, praza do Concello, 12 horas
- Carnota, praza da Pedra, 19 horas
- Cee, praza 8M, 20 horas
- Compostela, praza 8m, 20 horas manifestación; 21:30 ruada praza Praterías
- Ferrol, praza do Himno, 19 horas
- Lugo, multiusos da Xunta, 20 horas
- O Porriño, diante do Concello, 20 horas
- Ourense, 12:30 horas, acción Paseo-Concordia; 19:30 horas manifestación Subdelegación
- Ponteceso, praza do Recheo, 13 horas
- Pontedeume, praza do Concello, 12 horas
- Pontevedra, praza de Ourense, 12 horas
- Rianxo, praza de Padrón, 12 horas
- Ribadavia, praza Maior, 20 horas
- Val Miñor, cruce da Ramallosa, 20:30 horas
- Vigo, Vía Norte/Urzáiz, 20 horas
- Vilalba, praza da Constitución, 18:30 horas

 

Manifestación das vítimas do Alvia, o pasado 24 de xullo en Santiago de Compostela (Foto: César Arxina / Europa Press)
Agora

O Supremo cita a plataforma de vítimas do Alvia en relación co recurso para unha investigación independente

O Tribunal Supremo citou a unha vista á asociación Plataforma Vítimas Alvia 04155, que representa a afectados o accidente ferroviario ocorrido en Angrois (Santiago) en xullo de 2013, en relación co recurso que interpuxo para que haxa unha investigación independente sobre o sinistro, que ocasionou 80 mortes e deixou a máis dun centenar de feridos. A vista pública está fixada para este 21 de novembro ás 10 horas. O xuízo por estes feitos quedou visto para sentenza a finais do pasado mes de xullo, con dous procesados, o maquinista e un ex xefe de seguridade da empresa pública Adif, aos que está por ver se a maxistrada finalmente atribúelles responsabilidades penais (80 homicidios e 145 delitos de lesións por imprudencia profesional grave).

Dúas mulleres realizando as compras nun supermercado Gadis (Foto: Nós Diario).
Agora

Gadis únese á campaña 'A Gran Recollida' durante os días 24 e 25 de novembro

Durante os días 24 e 25 de novembro, todos os supermercados Gadis uniranse á iniciativa 'A Gran Recollida', habilitando zonas nos supermercados para depositar bens de consumo para axudar persoas en risco de vulnerabilidade social. Doar produtos non é a única opción, pois será posíbel realizar unha achega económica ao abonar calquera compra nas caixas, segundo informou onte o grupo de distribución alimentaria.
A bandeira dos Diaños Verdes ondeou con forza en Tarragona. (Foto: LFP).
Agora

O Rácing de Ferrol debuta na Liga Genuine

O Rácing Club Ferrol debutou a pasada fin de semana na Liga Genuine, un torneo promovido pola fundación da Liga de Fútbol Profesional (LFP) que busca a integración das persoas con diversidade funcional de carácter intelectual a través do deporte rei. Nun acto inaugural que tivo lugar no Nou Estadi Costa Dourada (Tarragona), 46 escuadras de todo o Estado abriron un torneo que comezou cunha volta de honra polo recinto mentres pola megafonía se escoitaban os himnos dos equipos e os seus xogadores protagonizaban un desfile sostendo cadanseu estandarte baixo os aplausos das bancadas. E, malia que o resultado é o de menos, a estrea do Rácing -que non foi o único representante da Galiza, pois tamén xogaron Dépor, Lugo e Celta- comezou cun tropezo ante o Málaga por 0-2.
Foto: FGDA
Agora

APB obtén a súa segunda vitoria seguida na Liga de billarda

Soandres acolleu a sexta xornada da Conferencia Noroesta dunha Liga Atlántica de Billarda onde no plano individual o mellor foi Viqueira (Cochiqueiros de Cerceda), quen superou no golpe de desempate o Raposo da Laracha, Cotelo (APB da Laracha), completando o podio Luís Ares, do equipo Río Miño de Castro de Rei. Na categoría feminina, e por segunda data consecutiva, o triunfo foi para Sonia de Cochiqueiros, ficando en segunda posición Delia (Río Miño) e terceira Merche (APB). Entre as crianzas, Valentín (Filloas de Sangue da Coruña) prolongou a súa xeira de imbatibilidade, mentres que no plano colectivo gañou APB, superando na táboa Campo da Feira e Filloas.
Agora

A CIG concéntrase ante o Parlamento para reclamar uns orzamentos "dignos" para sanidade e dependencia

A CIG concentrouse esta segunda feira ante o Parlamento, con motivo do debate de totalidade das contas galegas, coa fin de reclamar uns orzamentos "dignos" para sanidade pública e dependencia. En declaracións aos medios, o responsábel de CIG-Saúde, Manuel González Moreira, esixiu orzamentos "xustos e dignos" para a sanidade pública ante as "necesidades reais" existentes, especialmente en Atención Primaria (AP) e listas de espera "cada vez máis prolongadas" en hospitais. Expón que os 1.500 millóns para AP non chegan a 15% do global de Sanidade, dos cales 800 millóns vanse para gasto farmacéutico, ademais "dunha parte para financiar custos de privatización". Pola súa parte, o portavoz de xubilados da CIG en Ourense, Fernando Varela, denunciou que só hai 71 centro públicos do total de 286 residencias na Galiza.

 

palestina
Agora

Máis unha vez, a Galiza sae hoxe á rúa contra o xenocidio en Palestina

“Non é unha guerra, é un xenocidio”. Baixo este lema volven hoxe, segunda feira, as mobilizacións e concentracións en apoio e solidariedade para co pobo palestino en cidades e vilas galegas. Desta volta son 27 as concentracións, convocadas por Mar de Lumes, BDS-Galiza, Galiza con Palestina e a asociación galaico-área Jenin, e que decorrerán entre as 19 e as 20:30 horas, segundo os lugares.

Persoas camiñan pola muralla de Lugo (Foto: Europa Press).
Agora

Detido en Lugo un home tras tentar roubar nun local de lecer utilizando unha arma simulada

A Policía de Lugo detivo un home tras roubar nun local de lecer utilizando unha arma simulada. O home, de mediana idade e veciño da cidade, entrou no bar coa cara totalmente cuberta cun pasamontañas e mostrando unha pistola, pedíndolle a recadación ao empregado. Aproveitando un descoido, o traballador abalanzouse sobre o ladrón, podendo inmobilizalo e dando conta do sucedido aos axentes. Unha vez no lugar, procedeuse ao arresto do home, o cal foi trasladado a dependencias policiais para o seu posterior posta ao dispor xudicial. Máis tarde, os funcionarios confirmaron que se trataba dunha arma simulada.
A Delegación do Goberno español en Madrid prohibiu todas as mobilizacións comunicadas polo 8-M (Foto: H.Bilbao / Europa Press)
Agora

Multiplícanse os dispositivos de localización de maltratadores activos na Galiza

Na Galiza hai 4.656 vítimas de violencia en seguimento, das que 3.098 contan con protección policial. Con estes datos, o número de dispositivos de localización de maltratadores activos na actualidade é o dobre dos que se rexistraban hai dous anos e multiplican por 10 os que había hai unha década, en 2013. Así o recollen os datos recompilados pola Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero do Ministerio de Igualdade, que sinalan que na Galiza hai activos 247 dispositivos de seguimento de maltratadores, un 63,5% máis que os 151 de 2022 e o dobre dos 124 que estaban activos en 2021. En 2013 só 22 estaban activos

Exemplar de mosquito tigre. (Foto: Nós Diario)
Agora

Baixan as temperaturas e descende a densidade do mosquito tigre na Galiza

A baixada das temperaturas e a chegada de chuvias intensas provocaron que o descenso considerábel do mosquito tigre, que o pasado mes de agosto apareceu en Moaña, segundo os datos de trampeo realizados pola Rede galega de vixilancia de vectores. Os datos compartíronse no comité técnico do mosquito tigre que se desenvolveu a pasada sexta feira, convocado pola Consellería de Sanidade. Os expertos continuarán realizando mostras até finais de novembro e estudarán a conveniencia de manter trampas de vixilancia naqueles municipios con maior incidencia. De cara ao ano que vén, acordaron deseñar campañas de información e concienciación cidadá.

Teléfono móbil coa aplicación de pagamento online. (Foto: Bizum)
Agora

Problemas para pagar con tarxeta e facer bizums pola caída de Redsys

Unha incidencia na plataforma de pagos en liña Redsys impediu durante aproximadamente unha hora que tanto os bancos como as persoas usuarias deste sistema de pago puidesen operar con normalidade. A plataforma de pagamento bancario rexistrou problemas en todo o Estado e dificultades para realizar pagos con tarxeta ou a través do móbil. A incidencia afectou a caixeiros, datáfonos, pagos en comercios ou ao servizo de Bizum. Varios usuarios alertaron a través de redes sociais deste problema e algunhas entidades financeiras tamén informaron a súa clientela. O fallo iniciouse sobre as 13 horas e ficou solucionado unha hora máis tarde, informou Redsys.

EuropaPress_4927874_playa_montalbo_punta_faxilda_oleaje_16_enero_2023_sanxenxo_pontevedra
Agora

Rexistrado un sismo de magnitude 2,4 fronte á costa galega de madrugada

O Instituto Xeográfico Nacional rexistrou na madrugada deste sábado un sismo de magnitude 2,4 con epicentro no océano Atlántico, fronte ao litoral galego. Segundo explica este organismo, o tremor de terra produciuse ás 2.53 horas, cunha latitude de 43.4870 e unha lonxitude de -9.3893 e a unha profundidade de nove quilómetros. Ademais, na tarde da pasada sexta feira ás 19.20 horas detectouse outro sismo, nun punto próximo, de magnitude 3,3. O tremor orixinouse a sete quilómetros de profundidade nas coordenadas 43.4834 de latitude e -9.3438 de lonxitude.
A veciñanza de Pazos de Borbén reclama unha sanidade digna no rural. (Foto: Nós Diario).
Agora

Pazos de Borbén denuncia a falta de persoal médico cun velorio

O BNG de Pazos de Borbén (comarca de Vigo) convocou esta sexta feira diante do centro de saúde unha concentración en defensa da sanidade pública. A veciñanza participou nun velorio simbólico para protestar pola falta de persoal médico xa que desde 7 de novembro "o centro de saúde está totalmente desatendido sen ningún facultativo". Reclaman un segundo médico no concello no marco dunha sanidade digna no rural: substitución da médica de Atención Primaria, restitución do servizo de atención presencial á veciñanza, recuperar o servizo de pediatría cun horario ampliado, aumentar o persoal sanitario do centro de saúde e dotalo dos medios materiais necesarios.

O deputado do BNG no Parlamento galego Luís Bará. (Foto: Nós Diario)
Agora

A maioría das obras do Plan Move están sen rematar

O Plan Move, que abarca tanto a inversión en obras públicas como o deseño de estratexias de mobilidade e seguridade vial, centrou esta sexta feira o debate na Comisión parlamentaria de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos. 

Nela, o deputado do BNG Luís Bará definiuno como un bo exemplo dun Goberno que "incumpre sistematicamente" os seus compromisos. "Un mal goberno que xestiona mal e que é incapaz de executar os seus propios orzamentos", afirmou. A día de hoxe, dixo Bará, após case 14 anos a "inmensa maioría das actuacións previstas están sen rematar ou se comezar. O balance é desastroso". 

Agora

María Obelleiro reivindica no Carballiño a necesidade dun diario en galego

A campaña pola edición do número 1.000 de Nós Diario –que saíu do prelo hai este sábado unha semana, o pasado 11 de novembro– chegou nesta sexta feira ao Carballiño, cun acto organizado pola Agrupación Cultural Avantar e pola tenda do proxecto de deseño galego e en galego OZocoGZ. Na tarde de onte tomaron a palabra Darío Ángel Rodríguez, da AC Avantar, o escritor e filólogo Xoán Carlos Domínguez Alberte, e a directora de Nós Diario, María Obelleiro, que puxo en valor o feito de que un xornal en papel, escrito en galego e desde unha axenda galega, teña chegado a publicar o seu número 1.000. A vindeira semana a campaña do número 1.000 deste xornal continuará a terza feira, día 21, en Pontevedra, o 22 en Carballo (Bergantiños), o 23 na Guarda (Baixo Miño) e o 24 en Melide. 
Vladimir Putin, presidente ruso, o 9 de novembro en Kazhakhstán. (Foto: Kremlin / DPA)
Agora

Comezan os envíos gratuítos de cereais rusos en dirección a seis países africanos

O Ministerio de Agricultura de Rusia trasladou hoxe que as entregas gratuítas de cereais a seis países africanos, que foran anunciadas polo presidente Vladimir Putin, xa están en marcha, ao dirixirse dous barcos con 25.000 toneladas cada un a Somalia e Burkina Faso. Moscova quere remitir 200.000 toneladas antes do final deste ano, nun programa que tamén inclúe envíos á República Centroafricana, Zimbabwe, Malí e Eritrea. 

Bloque de vivendas en Ourense. (Foto: Agostime / Europa Press)
Agora

Dez meses consecutivos en caída: a compravenda de vivendas descende 20% en setembro

Galiza rexistrou un total de 1.602 compravendas de vivendas en setembro, o que supón 20% menos que no mesmo mes que o ano anterior, segundo os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) esta sexta feira. A caída é lixeiramente inferior ao 23,7% de descenso da media española. Deste modo, a compravenda de vivendas acumula dez meses consecutivos de baixadas interanuais na Galiza, pois o último dato positivo produciuse en novembro de 2022. Como é habitual, a compravenda de vivendas no país por cada 100.000 habitantes é a máis baixa do Estado, con só 73 transaccións, lonxe da media de 114 no Estado. Do total de setembro, a compravenda foi de 1.556 vivendas libres e 46 protexidas. Ademais, 434 eran novas e 1.168 usadas.