Agora

As mulleres foron as mellores en todas as categorías en liza. (Foto: FGDA).
Agora

Ainhoa certifica a súa primeira vitoria ligueira na Liga Nacional de Billarda

A quinta xornada na Conferencia Rías Baixas da Liga Atlántica de Billarda permanecerá sempre na memoria de Ainhoa (Armadiña de Combarro), quen con 18 anos obtivo o seu primeiro triunfo na categoría absoluta. De feito, como destacan desde a organización, os resultados dun evento disputado no Pavillón de Mosteiro (Meis) confirman "que a billarda non é só para vellas e vellos", pois das seis finalistas, cinco tiñan menos de 20 anos. Delas, só o único veterano (Manolo Outeiro) e Xián sabían o que é facerse co triunfo final de xornada, caendo a sorte do lado dunha Ainhoa que venceu Antía (Gharaboto de Marín) no desempate. Con respecto á modalidade feminina, gañou Bego (Corredoiras de Bueu), mentres que na infantil impúxose Sofía (Gharaboto), completando así un podio exclusivamente feminino.
O primeiro ministro australiano, Anthony Albanese, hoxe. (Foto: AAPIMAGE / DPA)
Agora

Inicia o xuízo contra o avogado australiano que revelou crimes de guerra na invasión estadounidense de Afganistán

Hoxe comezou en Australia o xuízo contra David McBride, un ex avogado do Exército que filtrou documentos a ABC, a emisora pública do país, que probaban os crimes de guerra dos soldados australianos na invasión e ocupación estadounidense de Afganistán. De ser declarado culpábel, McBride podería afrontar unha pena de prisión a perpetuidade. O acusado reclama que a discusión legal verse sobre se a filtración estaba xustificada.
Líderes de Australia, Anthony Albanese, e Tuvalu, Kausea Natano. (Foto: AAPIMAGE / DPA)
Agora

Australia pacta con Tuvalu ofrecerlle refuxio perante os efectos do quecemento global

As case 11.000 persoas que viven en Tuvalu, no océano Pacífico, poderán residir, estudar e traballar en Australia, así como acceder ao sistema sanitario e recibir apoio financeiro, logo do pacto asinado hoxe entre o primeiro ministro australiano, Anthony Albanese, e o seu homólogo de Tuvalu, Kausea Natano, perante o risco de desaparición do arquipélago nas próximas décadas ao elevarse o nivel do mar polo cambio climático. 

RFEA
Agora

Adeus aos 80 anos de idade a Nela Souto, a gran pioneira galega da velocidade

O atletismo galego perdeu unha das súas grandes pioneiras, María Elena, 'Nela', Souto, aos 80 anos de idade. A coruñesa foi a gran estandarte desa primeira xeración de velocistas que emerxeu na década de 1960, cando en 1963 o réxime franquista levantou a prohibición que afastou as mulleres da práctica desas modalidades durante case tres décadas. Os días 17 e 18 de agosto dese ano o Estadio de Montjuïc acolleu un Campionato de España no que unha deportista que tan só levaba tres meses facendo atletismo, logo dunha carreira no hóckey a patíns que a levou a ser internacional, subía ao máis alto do podio nos 200 metros lisos cun tempo de 29,3 segundos, xesta que repetiu en 1964, engadindo ao seu palmarés o ouro nos 100 metros.
As pintadas no exterior da sede do PSOE en Vimianzo (Foto: PSOE).
Agora

Aparecen pintadas na sede socialista de Vimianzo

A sede dos socialistas de Vimianzo (comarca de Terra de Soneira) apareceu con pintadas nos seus cristais en contra do líder estatal da formación, Pedro Sánchez. Nun comunicado remitido aos medios, o secretario xeral do PSOE da Coruña, Bernardo Fernández, condenou o suceso e asegurou que "non é un ataque ao PSOE, senón á democracia”.

Ademais, aseverou que as discrepancias políticas nunha sociedade aberta e respectuosa hai que abordalas sempre a través do diálogo". O dirixente socialista afirmou que "actos así son inadmisíbeis nunha sociedade democrática" e chamou a "pór fin aos discursos de odio que fomentan comportamentos hostís contra os partidos políticos democráticos e os seus membros".

palestina
Agora

Galiza volve mobilizarse o 13 de novembro "contra o xenocidio en Palestina"

A Asociación Galaico-Árabe Jenin, BDS Galiza, Mar de Lumes e o colectivo Galiza por Palestina volven convocar a cidadanía galega, máis unha vez, a se mobilizar a vindeira segunda feira, 13 de novembro, en máis dunha vintena de localidades do país para expresar o seu rexeitamento ao "xenocidio" en Palestina e para demandar un alto o fogo inmediato en Gaza. As concentracións comezarán ás 20 horas.
Centro de atención de emerxencias do 112 Galiza (Foto: Xunta).
Agora

Falece un home tras sufrir un accidente cun chimpín en Cerdedo-Cotobade

Un home faleceu tras sufrir un accidente cun tractor no municipio de Cerdedo-Cotobade (comarca de Pontevedra), segundo informou a central de emerxencias do 112-Galiza. Os feitos ocorreron pouco antes das 21 horas desta quinta feira, cando un veciño chamou a Emerxencias para informar de que atopara a vítima no chan, á beira dun chimpín accidentado. O accidente produciuse nunha zona de difícil acceso no lugar de Rebordelo. O 112 informou Urxencias Sanitarias-061, Garda Civil e Protección Civil, e os efectivos confirmaron que nada se podía facer, xa que o home falecera no acto. O corpo estaba accesíbel e non foi necesaria a intervención doutros medios.
Concentración, esta quinta feira, ante o TSXG, na Coruña. (Foto: Strategic Minerals)
Agora

Traballadores concéntranse na Coruña contra o fechamento da mina de Penouta

Unhas duascentas persoas –entre os que se atopaban traballadores, alcaldes, asociacións sectoriais e sindicatos– concentráronse esta quinta feira ante o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) da Coruña para defender o emprego da mina de Penouta, no concello de Viana do Bolo (comarca de Viana), propiedade da empresa canadense Strategic Minerals. Baixo os lemas "Penouta Non se Fecha" e "Minaría é Vida", os e as manifestantes defenderon a "importancia que o Proxecto Penouta ten para o tecido produtivo" tanto galego como estatal. A mobilización xorde a raíz da decisión do TSXG, que en outubro suspendeu a resolución da Xunta da Galiza que autorizaba a explotación da mina de estaño e tantalio en Viana.
Saltará á pista do Cáceres estremeño ás 20.45 horas de hoxe. (Foto: Leyma Coruña).
Agora

O Básquet Coruña, a volver gañar

O Leyma Básquet Coruña, un dos dous representantes da Galiza na LEB Ouro, a categoría de prata do baloncesto estatal, volve á acción hoxe coa firme intención de manterse no máis alto da clasificación, pois a escuadra laranxa viaxa até Estremadura para xogar contra o Cáceres Patrimonio da Humanidade ás 20.45 horas de hoxe. O adestrador herculino, Diego Epifanio, sinalou que os seus xogadores teñen "moitas ganas" de sumar a sexta vitoria da tempada e retomar así a senda do triunfo, mais conscientes de que enfronte terán un bloque "con talento ofensivo individual" que vén de superar a pasada fin de semana na súa casa a Rioverde Clavijo. "Son moi agresivos no rebote ofensivo, e teñen capacidade para tirar de tres, o que nos podería xerar problemas", engadiu Epifanio sobre o Cáceres.
0_tlaf46vz
Agora

Lúa Gaming representará o Celta na Liga de eSports

O proxecto do Real Club Celta de Vigo no ámbito dos eSports inicia unha nova etapa da man de Lúa Gaming, un club galego nacido o pasado mes de marzo que torna así no representante da escuadra celeste neste eido. Como parte desta colaboración, os xogadores e creadores de contido de Lúa Gaming representarán o Celta na LaLiga FC Pro, a competición oficial de Liga de Fútbol Profesional (LFP) para o videoxogo FC24, última edición da saga anteriormente coñecida como FIFA. O lucense Luisi, "unha das revelacións do torneo a pasada campaña", será o novo estandarte celeste no mundo gaming, onde estará acompañado polo vigués Pablo Zamorano, quen fora o primeiro xogador oficial de eSports do Celta e que nesta etapa exercerá de adestrador e xogador suplente. Ademais, Carla Gabián participará no proxecto "como embaixadora e creadora de contido".
 
Grandes ondas na costa da Coruña (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press).
Agora

Activada a alerta laranxa en todo o litoral galego polo temporal

 A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta vén de activar a alerta laranxa para esta quinta feira por temporal costeiro en todo o litoral do país. En concreto, segundo datos da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso afectará toda a costa desde a tarde de hoxe debido a mar combinado do noroeste con ondas de até sete metros. Ademais, haberá ventos de forza sete no litoral do noroeste e oeste da Galiza, así como na costa da Mariña. Neste contexto, co obxectivo de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias informou da situación aos concellos das provincias afectadas, deputacións, servizos provinciais, servizos de Protección Civil e aos clubes náuticos, entre outros. Ademais, no caso dos concellos con plans de emerxencias municipais (Pemu) recomendou que se activen na fase de preemerxencia.
A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, hoxe.  (Foto: Christophe Licoppe / European Comm / DPA)
Agora

O Executivo da UE reclama abrir negociacións para que Ucraína entre no bloque comunitario

A Comisión Europea recomendou hoxe aos Estados membros do bloque comunitario que na cimeira de xefas e xefes de Estado e de Goberno de decembro acepten abrir as negociacións de adhesión con Ucraína, admitindo que hai reformas pendentes no ámbito da protección das minorías e da loita contra a corrupción. A mesma recomendación efectuou sobre Moldova e Bosnia-Hercegovina, neste último caso condicionado aos avances nos criterios exixidos.

Acto de 'Nós Diario' en Ourense (Foto: Nós Diario).
Agora

Obelleiro resalta en Ourense a relevancia dun xornalismo galego

O Salón nobre do Liceo de Ourense acolleu esta cuarta feira un novo acto da campaña coa que Nós Diario celebra a publicación do seu número 1.000, que sairá do prelo o vindeiro sábado, 11 de novembro. Ademais, na quinta feira, 9 de novembro, haberá un acto similar en Ferrol, no salón de actos do Antigo Hospicio da cidade das Burgas. 

O evento desta cuarta, organizado pola AC Auriense baixo o lema "Mil números editados, mil subscricións máis", contou coa participación do presidente da entidade ourensá, Daniel Gómez, da poeta de Xunqueira de Ambía (comarca de Allariz-Maceda), Rochi Nóvoa, do avogado e integrante do Consello de Administración de Sermos Galiza S.A., Nemesio Barxa, do presidente da empresa editora deste xornal, Xoán Costa, e da directora de Nós Diario, María Obelleiro.

A directora destacou o papel "indispensábel" que xoga o xornal para conseguir "sacar do ostracismo temas de actualidade que os poderes públicos, nomeadamente a Xunta da Galiza, queren agochar". Pola súa parte, Costa asegurou no acto que "Nós Diario depende de que haxa máis subscritoras e subscritores e máis apoio social".

Sede do 112 (Foto: Europa Press).
Agora

Morre un home no incendio dunha vivenda en Betanzos

Un home faleceu na tarde desta cuarta feira no incendio dunha vivenda situada na rúa Alcalde Beccaría da localidade de Betanzos (As Mariñas). Fontes dos servizos de emerxencia indicaron que a vítima é un home duns 70 anos de idade que se atopaba no interior do piso no que residía, na cuarta planta do edificio. O incendio orixinouse arredor das 17.30 horas, cando alertaron os veciños do inmóbel. Desprazáronse até alí os bombeiros do parque comarcal, a Policía Local e Protección Civil. O incendio produciuse en dúas habitacións da vivenda e o resto do inmóbel viuse afectado polo fume. O falecido foi localizado inconsciente no baño da súa vivenda, onde se lle practicaron manobras de reanimación, sen éxito. Finalmente os bombeiros lograron sufocar o lume.

Agora

Atletismo e solidariedade, xuntos en Pontevedra

6c931fd5-0120-477b-a76d-4bdb4304cd2b-399
Agora

O Dépor fai un chamamento a doar alimentos ante o Logroñés

O Real Club Deportivo e a Asociación Banco de Alimentos Rías Altas inician o vindeiro sábado 11, nun partido correspondente á xornada 12 da Primeira Federación entre o conxunto branquiazul e o Logroñés en Riazor, unha campaña conxunta de recollida de alimentos que está apadriñada por Lucas Pérez.
A súa meta é que cada persoa asistente ao coliseo herculino acoda cun litro de leite para doar, que poderán depositar nunha das cinco furgonetas que estarán aparcadas nas catro esquinas do estadio, así como na Porta '0'. Ademais, nas próximas semanas o Banco de Alimentos levará a cabo a súa habitual campaña de Nadal, na que tamén colaborará o Deportivo da Coruña.
F-aKfG2b0AAbnbt
Agora

O Liceo presenta Guido Pellizzari, a súa nova fichaxe

O Deportivo Liceo, único representante da Galiza na OK Liga de hóckey masculino, presentou onte a súa última incorporación, o arxentino Guido Pellizzari. Contratado até o final da presente tempada, o veterano xogador (31 anos) chega procedente so Saint-Omer francés, onde levantou dúas Ligas, unha Copa e dúas Supercopas. Anteriormente militara nos cataláns Vendrell e Calafell, o Valença portugués e o Andes Talleres do seu país natal, desde onde deu o salto a Europa. A súa contratación responde ao desexo de cubrir a lesión de longa duración de Bruno Saavedra -aínda convalecente dunha doenza de escafoides- e ao intento de achegar dinamismo a un Liceo que está asinando un irregular inicio de tempada, como acredita o feito de que leve o mesmo número de vitorias (3) que de derrotas. 
Granxa de porcos (Foto: Europa Press).
Agora

Morren case un centenar de porcos no incendio dunha granxa na Estrada

Case un centenar de porcos faleceron esta cuarta feira nun incendio rexistrado nas instalacións dunha granxa na Estrada (Terra de Montes). A alerta do 112 Galiza activouse arredor das 10 horas, cando o 061 avisaba de que se dirixía a esta granxa. Finalmente ninguén necesitou asistencia médica, mais houbo importantes danos materiais no illante do tellado da nave e a instalación eléctrica. Ademais o lume ocasionou a morte de case 100 animais, dos 200 que había na granxa. A empresa xestora das instalacións encargouse do traslado dos porcos que sobreviviron e da retirada dos que morreron. Fontes policiais situaron a orixe do lume nunha nave lindeira. O 112 tamén informou doutro incendio industrial, neste caso no municipio de Xinzo (A Limia), nunha fábrica de madeira do parque empresarial da localidade. Os bombeiros do parque comarcal de Xinzo foron os encargados de sufocar o incendio. Arderon dous silos de serraduras, posibelmente por un problema no sistema de extracción, mais non houbo feridos.

oficina (Foto: Nós Diario)
Agora

Galiza creou 2.461 empresas máis das que destruíu en 2021

Na Galiza operaron 196.675 empresas economicamente activas ao longo do ano 2021. Creáronse 15.167 e desapareceron 12.706, o que supuxo unha taxa neta de 1,3%, segundo os últimos datos achegados polo INE. No conxunto do Estado español, operaron 3.416.248, creáronse 314.033 e desapareceron 250.182, o que sitúa a taxa neta algo por riba, en 1,9%.
Dous obreiros traballando nunha obra de pavimentación. (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)
Agora

A CIG cualifica de "golpe de Estado" a sentenza do TSXG que anula o convenio da construción

A CIG denunciou que a anulación do convenio da construción da circunscrición de Pontevedra por parte do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) tras a demanda presentada pola patronal estatal supón “un auténtico golpe de Estado” contra os dereitos do persoal do sector e censurou que o empresariado pretenda impor, coa complicidade de CCOO e UXT, un marco estatal que empeora as condicións salariais e laborais. A central sindical nacionalista lamentou que tanto a patronal estatal como os sindicatos CCOO e UXT estean na dinámica de boicotear ou entorpecer as melloras que se obteñen no noso país, intentando impor o que se pacta en Madrid “aínda que supoña unhas condicións miserentas que empobrecen o persoal do sector".