Agora

Individuos xuvenís de ourizo de mar. (Foto: Xunta da Galiza)
Agora

Incorporan 5.000 xuvenís de ourizo de mar aos bancos naturais de Lira, en Carnota

O Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) de Ribadeo (A Mariña) realizou esta quinta feira a entrega de 5.000 exemplares xuvenís de ourizo de mar que foron enxendrados nas súas instalacións á confraría de Pescadores de Lira, en Carnota (comarca de Muros). Estes ourizos incorporaranse aos bancos naturais da reserva mariña dos Miñarzos. Os exemplares proceden dunha posta que iniciou a súa fase de cultivo larvario en maio de 2023. Así, a idade destes ourizos é de oito meses e a camada foi dividida en dous lotes. Esta iniciativa inclúese entre as actividades programadas dentro da acción de investigación Xumarou, na que traballan desde 2021 e que busca mellorar os protocolos de cultivo desta especie no criadeiro que a Consellaría do Mar posúe en Ribadeo.
Ponte nas Ondas
Agora

Abre o prazo para ser parte do proxecto 'Ponte... nas Ondas!'

Desde esta sexta feira, día 17, até o 30 de novembro, os centros educativos que así o desexen poderán solicitar a súa adhesión ao modelo de educación patrimonial 'Ponte... nas ondas!', recoñecido pola Unesco. A Consellaría de Cultura, Educación, FP e Universidades abre o prazo da convocatoria, nunha primeira fase, a un total de 20 centros públicos das etapas de Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato, que pasarán a formar parte da Rede de centros 'Ponte... nas Ondas!'. Os interesados deberán presentar un proxecto que será valorado polas súas achegas ao Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares do curso 2022-23 e ao programa Radio na Biblio. O modelo 'Ponte... nas ondas!' naceu da man da Asociación Cultural e Pedagóxica homónima no ano 1995 na Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal.
Os desprazamentos e a maior exposición ao sol en praias e piscinas eleva o número de incidencias sanitarias no verán. (Foto: Europa Press)
Agora

A Galiza rexistra 36 mortes por afogamento no que vai de 2023

A Galiza rexistrou no que vai de ano un total de 36 mortes por afogamento en espazos acuáticos, das cales tres tiveron lugar o pasado mes de outubro. No conxunto do Estado, desde o 1 de xaneiro de 2023 producíronse 379 afogamentos, o que sitúa este ano como o curto peor da serie desde que hai rexistros. Segundo o informe de afogamentos que elabora a Real Federación Española de Salvamento e Socorrismo Catalunya, con 61 mortes por afogamentos non intencionados, é o territorio con máis sinistros destas características seguido de Andalucía, con 58; País Valencià e Canarias, con 44; Galiza, con 36, e Baleares, con 30. Un 75% destes accidentes tiveron lugar en praias, seguidas de piscinas e ríos.
Foto: Celta Baloncesto
Agora

Baxi, Celta e Ensino regresan á acción na Primeira de baloncesto

A Primeira División de Baloncesto feminino, máis coñecida por razóns comerciais como Liga Endesa, regresa esta quinta feira, e con ela as tres representantes da Galiza na competición: Durán Maquinaria Ensino, Celta e Baxi Ferrol. Esta última formación desexa dar continuidade a unha fantástica xeira de resultados que a levou a gañar os seus tres últimos partidos a costa de Casademont Zaragoza (Pavillón Príncipe Felipe, 20 horas), mais non será tarefa doada, xa que a formación maña só perdeu un xogo no que vai de liga. Tampouco será doado o reto que encara o Celta tamén ás 20 horas no Palau Municipal D'Esports ante o Cadi La Seu, nin máis nin menos que tratar de gañar o seu primeiro encontrox. Por último, o Ensino de Lugo, recibe no Pazo Provincial ás 20.15 o cuarto clasificado, Spar de Girona.
Foto: Concello de VIlagarcía
Agora

O medio maratón regresa ás rúas de Vilagarcía

As rúas de Vilagarcía de Arousa volverán acoller o domingo 26 de novembro a Media Maratón Concello de Vilagarcía, un evento que non se disputaba desde o ano 2019, antes da irrupción da pandemia da Covid-19. O certame regresa á capital arousá ao grande, xa que adquirirá tamén a condición de Campionato Galego de Media Maratón. Con respecto á aceptación dos e das atletas, nun acto de presentación que tivo lugar no día de onte o presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Villar, confirmou que a falta dunha semana para o feche do prazo de inscrición xa hai 400 persoas anotadas, mostrando o seu optimismo de cara a que se alcance o límite dos 500 dorsais. 
 
Marcha das e dos médicos lusos en defensa do sistema público. (Foto: Federação Nacional dos Médicos)
Agora

O sindicato portugués de médicas e médicos afirma que a adhesión á folga alcanzou 80%

A greve de doutoras e doutores en Portugal, que vive hoxe o seu segundo e último día, logrou un nivel de participación de entre 80% e 85% das e dos profesionais, informou a Federação Nacional dos Médicos, que convocou a folga en defensa dunha actualización salarial e dos servizos de saúde públicos. O Executivo insistiu á axencia Lusa que apenas unha de cada catro médicas e médicos se ausentaron no primeiro día de greve.
MARQCOS A MES ADEPUTACIÑÓN
Agora

A Deputación da Coruña asina convenios coa Mesa e co Correlingua para o fomento do galego

A deputada de Normalización Lingüística, Soledad Agra, asinou esta cuarta feira un convenio de colaboración coa Mesa pola Normalización Lingüística e coa Agrupación Cultural Correlingua para o financiamento dos proxectos “A liña do galego” con 34.000 euros e “Na casa, na escola, bota a lingua fóra!”, con 20.000 euros respectivamente. O obxectivo destes convenios é contriuir, dende a entidade provincial, “á normalización da lingua galega e fomentar o seu uso, mediante o apoio a iniciativas sociais normalizadoras, así como á existencia e difusión de contidos en lingua galega”. A área de Normalización lingüística da Deputación avanza, así, na consecución dos seus obxectivos de “normalización e fomento do noso idioma, colaborando con diferentes entidades de referencia que traballan para alcanzar este mesmo obxectivo”.

armando ojea democracia ourensá
Agora

Armando Ojea, tenente de alcalde de Ourense, será o candidato de Democracia Ourensá á presidencia da Xunta

O tenente alcalde do Concello de Ourense, Armando Ojea, encabezará a candidatura de Democracia Ourensá (DO) nas "inminentes" eleccións 2024 ao Parlamento da Galiza, pola única provincia que concorrerá o partido, a de Ourense. Armando Ojea Bouzo exerceu de profesor de física e é un dos fundadores do partido de Gonzalo Pérez Xácome e actualmente é concelleiro e deputado provincial. Armando Ojea, un dos principais ideólogos de DO, canda Xácome constituíu "un binomio sen o que non se entendería Democracia Ourensá". "Non hai mellor candidato para defender en Santiago os intereses de Ourense", remarcou a formación, que informou a través dun comunicado desta elección.

Un camión levanta unha vaca morta en Xermade, na comarca da Terra Chá (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
Agora

A Enfermidade Hemorráxica Epizoótica deixa xa 76 vacas mortas na Galiza

O balance de vacas mortas a causa da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) –coñecida popularmente como a 'Covid das vacas'– elevouse onte até 76 na Galiza, cun total de 18 comarcas veterinarias afectadas. Trátase dunha doenza que mantén o sector gandeiro en tensión ante os elevados custos do tratamento e as grandes perdas que supón ter animais enfermos nas granxas. Alén disto, gandeiros e gandeiras galegas mostráronse especialmente críticos coa Consellaría do Medio Rural por non prestar esta a axuda necesaria para pórlle freo a esta doenza. Precisamente, o conselleiro desta área, José González, logo da xuntanza do Consello Agrario decorrida esta terza feira, anunciou a creación dun grupo de traballo para anticipar as consecuencias de novas enfermidades animais e vexetais que afectan o sector primario galego, como é a EHE.

Coa forza de Maximus, o Breogán buscará un novo triunfo europeo en Riga. (Foto: Río Breogán)
Agora

O Hapoel pon a proba o Breogán na Champions League

O renacido Leite Río Breogán, que vén de deixar o último posto ligueiro na ACB após lograr a súa segunda vitoria da tempada a pasada fin de semana, aspira a dar continuidade ao triunfo sobre o Joventut de Badalona na Champions League de Baloncesto. A escuadra celeste retorna esta cuarta feira a unha competición na que sumou un triunfo no seu debut sobre Bursaspor Info Yatirim e caeu derrotado despois ante Telekom Baskets Bonn -vixente campión- coa idea de consolidarse no segundo posto do Grupo 'F'. Para iso deberá vencer  a partir das 20.30 horas, e baixo a atenta mirada das cámaras da TVG2, o Hapoel Holón en Riga (Lituania), onde os israelís disputarán os partidos que lles correspondan como locais a causa do conflito que se vén desenvolvendo no seu país durante as últimas semanas.
Foto: F.Molter
Agora

Exhibición de Martín Del Puente nas Finais da ATP

O maior expoñente do tenis galego en cadeira de rodas, Martín Del Puente, protagonizará unha exhibición no anteriormente coñecido como Torneo de Mestres, hoxe ATP Finals, o último gran torneo da tempada masculina. En Turín (Italia), que por terceiro ano consecutivo acolle un certame que no pasado levantaron lendas como Björn Borg, John McEnroe, Pete Sampras ou Roger Federer, o vigués -que a pasada fin de semana levantou o seu sexto título do Máster Nacional após vencer na final Enrique Siscar por 6-0 e 7-5-, terá a oportunidade de demostrar as súas habilidades ante a atenta mirada dos oito mellores competidores e parellas do ránking mundial masculino, tanto na modalidade individual como na de dobres, que medirán forzas até o próximo domingo.

TABEIRÓN
Agora

Comisadas en Vigo 25 toneladas de quenlla conxeladas

Inspectores do Servizo de Gardacostas de Galicia comisaron case 25 toneladas (24.803 quilos) de quenlla e 49 quilos de aletas cortadas desta mesma especie de escualo nun operativo levado a cabo nun almacén frigorífico de Vigo. Segundo explican nun comunicado, o peixe proviña de Angola e foi capturado no Atlántico Sur por un buque conxelador con bandeira angolana, que se atopaba inactivo na lista do ICCAT (Comisión Internacional para a Conservación do Atún Atlántico). En consecuencia, o barco non estaba autorizado a pescar, reter a bordo, transbordar ou desembarcar túnidos e especies afíns ou especies capturadas en asociación con elas, incluíndo a quenlla.

aragon vigo
Agora

Atopan un cadáver nunha vivenda da rúa Aragón, no barrio vigués do Calvario

A Policía Nacional achou esta segunda feira o cadáver dun home nunha vivenda da rúa Aragón de Vigo, segundo fontes policiais consultadas por Europa Press. Por agora, descoñécense as causas do seu falecemento, á espera de que a autopsia aclare os motivos polos que o home perdería a vida. Foi un particular o que alertou á Policía. O corpo deste home foi atopado sobre un colchón nun edificio xunto a unha xiringa, polo que unha sobredose podería ser a causa da morte, segundo adiantou Faro de Vigo. 

Hospital Clínico de Santiago (Foto: Nós Diario).
Agora

Arquivada a denuncia da nai que pediu paralizar a eutanasia da súa filla en Compostela

A Fiscalía arquivou a denuncia da nai que pediu paralizar, a través de Avogados Cristiáns, a prestación da eutanasia solicitada pola súa filla, unha muller de 54 anos que padece esclerose múltiple, na área sanitaria de Compostela. O Servizo Galego de Saúde (Sergas) recibiu na mañá desta terza feira a documentación do Ministerio público co arquivo do caso polo que o procedemento continuará de acordo ao estabelecido na Lei 3/2021 de regulación da eutanasia. En concreto, a eutanasia estaba programada para o pasado día 2 de novembro, pero os profesionais sanitarios non puideron acceder ao domicilio, ao non abrirlles a nai da muller. Despois diso, tal e como informou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comeseñala, a Xunta remitiu o caso á Fiscalía. A muller solicitou que se lle practicase a eutanasia e a comisión que a avaliou sostivo, entre outras cuestións, que padecía dores insoportábeis. Con todo, a nai, tal e como sinalou Avogados Cristiáns, negou este aspecto ao sinalar que non se axusta á verdade.

 

O Tribunal Constitucional nunha imaxe de arquivo (Foto: Zarateman / Creative Commons).
Agora

Publicada no DOG a admisión a trámite do TC do recurso de inconstitucionalidade contra a lei de litoral

O Diario Oficial de Galiza (DOG) publicou esta terza feira a admisión a trámite do Tribunal Constitucional do recurso do Goberno español contra a Lei galega de litoral. O (TC) admitiu a trámite o pasado 6 de novembro o recurso do Goberno contra unha trintena de artigos da Lei 4/2023, do 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral da Galiza, á vez que suspendeu parcialmente a súa aplicación. O Parlamento galego aprobou o pasado xullo a nova lei do litoral cos votos en solitario do PP. O Constitucional estudará agora o fondo do asunto e, mentres tanto, suspendeu a vixencia e aplicación dos preceptos impugnados, desde a data de interposición do recurso (11 de outubro de 2023) para as partes e desde o día en que apareza publicada a suspensión en BOE --o pasado xoves-- para terceiros.

Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 da Galiza, no municipio da Estrada (Foto: Europa Press).
Agora

Cinco persoas feridas, entre elas un menor de idade, nun accidente en Carballo

Cinco persoas resultaron feridas, entre elas un menor de idade, nun accidente de tráfico ocorrido en Carballo (comarca de Bergantiños), na tarde noite desta segunda feira. O 061 recibiu a alerta na Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias e mobilizou ao lugar do accidente a unha ambulancia asistencial de soporte vital avanzado, tres ambulancias de soporte vital básico e persoal sanitario do Punto de Atención Continuada de Carballo. No punto do accidente foron atendidas cinco persoas, que posteriormente foron trasladadas ao Hospital da Coruña: unha muller de 34 anos, outra de 23, un home de 29 anos e outro de 38 anos. Pola súa parte, un menor de idade foi derivado ao Hospital Materno Infantil Teresa Herrera da Coruña.

Rafael Mouzo, María Obelleiro e Xoán Costa, esta segunda feira en Corcubión. (Foto: Nós Diario)
Agora

'Nós Diario' leva a Corcubión a campaña polos 1.000 números deste medio

A xira de Nós Diario pola edición do seu número 1.000 –que saíu do prelo o pasado sábado, 11 de novembro– recalou esta segunda feira en Corcubión (comarca de Fisterra), nun acto organizado pola Universidade Popular de Corcubión e polo Concello que decorreu na Capela do Pilar. No evento tomaron a palabra Rafael Mouzo, vicepresidente da Universidade Popular, Xoán Costa, presidente de Sermos Galiza –empresa editora do xornal–, e María Obelleiro, directora de Nós Diario, que puxeron en valor a necesidade da existencia o único xornal impreso en galego. A campaña polo número 1.000 deste diario continuará ao longo desta semana, visitando na terza feira Moaña (O Morrazo), na cuarta Verín, na quinta feira Vilagarcía (O Salnés) e OCarballiño na sexta feira. 

Visita do conselleiro do Mar ao helicóptero Pesca II en Celeiro, Viveiro (A Mariña). (Foto: Xunta da Galiza)
Agora

O servizo de Gardacostas salvou máis de 1.700 vidas en 30 anos

O balance do número de persoas socorridas polo servizo de Gardacostas da Galiza cifra en máis de 1.700 as mortes evitadas desde a posta en marcha do organismo, en 1990, un servizo que funciona os 365 días do ano e as 24 horas do día. 

Así o confirmou esta segunda feira o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, durante unha visita á base do helicóptero Pesca II en Celeiro (Viveiro, A Mariña). Precisamente, a multinacional adxudicataria do servizo, a británica Avincis, deixou esta comarca sen helicóptero de rescate en repetidas ocasións. Entre elas, dez días en setembro e cinco días en xuño.

O incendio de Trabada o pasado mes de outubro (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Agora

84.546 hectáreas queimadas: 2023 mantense como o cuarto ano con máis superficie calcinada

Os incendios forestais queimaron un total de 84.546,26 hectáreas entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2023, menos dunha terceira parte do terreo calcinado no mesmo período de 2022, cando arderon 265.425, 31 hectáreas, segundo datos do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. As cifras mostran que este este ano queimouse un 68,15% menos de superficie que durante o mesmo prazo en 2022, o que supón un total de 180.879, 05 hectáreas menos, aínda que a cifra é un 3,4% menos que a media desde 2013. Do volume total, 3.540,7 hectáreas queimáronse entre o 8 e o 31 de outubro deste mes. 2023 mantense como o cuarto ano con máis superficie afectada polos lumes.

Saltará á pista do Cáceres estremeño ás 20.45 horas de hoxe. (Foto: Leyma Coruña).
Agora

Baloncesto e solidariedade danse a man na Coruña

Este próximo domingo, día 19 de novembro, o Básquet Coruña, terceiro clasificado na LEB Ouro, aproveitará o partido que disputará ás 19 horas da tarde no Pazo dos Deportes de Riazor para unir forzas co Banco de Alimentos Rías Altas e a súa campaña A Gran Recollida. "Con intención de apoiar a causa dunha forma máis participativa e de dar maior visibilidade á acción que a nivel estatal realiza cada ano o Banco de Alimentos, ofreceremos un troco de boletos por comida até un máximo de 1.000 invitacións". Cun límite de unha por persoa, entre os produtos máis demandados destacan "leite infantil, potitos, aceite, leite, café, cacao, azucre, comida en lata, pasta ou fariña".