Agora

A selección galega é a vixente campioa da Copa das Rexións (Foto: Futgal).
Agora

Coia (Vigo), sede galega escollida para acoller a Copa das Rexións UEFA

O Campo Federativo de Coia, en Vigo, albergará a Fase Nacional da Copa das Rexións UEFA, na que a selección galega, vixente campioa de España e de Europa, colisionará contra Canarias e Aragón nunha cita que terá lugar do 8 ao 10 de decembro. A Galiza marcou o camiño cara a gloria das 19 federacións territoriais que participarán nunha nova edición da proba, a competición por antonomasia do fútbol afeccionado, que neste 2023 chega á súa décimo terceira edición. Todos os encontros que terán lugar no en Coia disputaranse a partir das 12 horas, sendo o primeiro o Canarias-Galiza (8 de decembro), o segundo o Aragón-Canarias (9 de decembro) e o último, xa o 10, Galiza-Aragón.

Barxa, Porteiro, Costa e Obelleiro, esta terza feira no acto de Vigo (Foto: Nós Diario).
Agora

María Obelleiro defende en Vigo a importancia dunha prensa libre

O salón de actos da Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO) de Vigo acolleu na tarde desta terza feira un novo acto organizado por Nós Diario con motivo da publicación do número 1.000, que sairá este sábado. O encontro contou coa participación do membro do consello de administración de Sermos Galiza -editora deste xornal- Nemesio Barxa, da xornalista María Xosé Porteiro, da directora de Nós Diario, María Obelleiro, e do presidente da sociedade editora do diario, Xoán Costa. María Obelleiro destacou o papel "indispensábel" deste xornal para conseguir "sacar do ostracismo temas de actualidade que os poderes públicos, nomeadamente a Xunta, queren agochar". A este respecto, destacou o papel do medio para "socializar o espolio eólico, as portas xiratorias entre a Xunta e as empresas ou a situación nas residencias de maiores". Xoán Costa, asegurou no acto que "Nós Diario depende de que haxa máis subscritoras e subscritores e máis apoio social" e sinalou que “un dos obxectivos é lograr 1.000 novas subscricións para o xornal”.

Ourense acolle esta cuarta feira, 8 de novembro, ás 20 horas, no Salón nobre do Liceo, un novo acto polos 1.000 números.

A rexedora Sanmartín, no centro, na presentación da campaña (Foto: Nós Diario).
Agora

O Concello de Compostela presenta a campaña "O teu machismo dá noxo"

Con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o 25 de Novembro, o Concello de Compostela presentou esta terza feira unha campaña baixo o nome de "O teu machismo dá noxo" que se desenvolverá ao longo deste mes coa intención de reflexionar sobre as formas de violencia machistas. A este respecto, a alcaldesa da capital galega, Goretti Sanmartín, explicou que con esta campaña quérese transmitir que "a sociedade compostelá di non a todo tipo de violencia".
1 (15)
Agora

Vigo e Ameneiro, virtuais subcampioas de Europa de Rally

Non será necesario agardar á última cita do European Rally Trophy para saber se Édgar Vigo e Fátima Ameneiro conseguen proclámanse subcampioas do certame continental de Rally, pois logo da publicación da listaxe de rexistro da última cita da tempada, na que non figuraba o nome de ningunha das parellas de pilotos que poderían arrebatarlle esa posición de privilexio, as galegas xa son virtuais subcampioas do evento. A tempada 2023 supuxo un "gran desafío" para Vigo e Ameneiro, que competiron tanto en terra como en asfalto con dúas marcas e modelos de coches diferentes en sete países distintos e na que, ademais, as lesións fixeron acto de presenza nos momentos máis inoportunos. Non obstante, e como salientou Vigo despois de coñecer a nova, farán "o imposíbel" por repetir fazaña no 2024.
O secretario xeral da OTAN, o noruegués Jens Stoltenberg. (Foto: NATO / DPA)
Agora

A OTAN suspende o Tratado sobre Forzas Convencionais en Europa logo da saída rusa

Os membros da Organización do Tratado do Atlántico Norte, a alianza militar liderada polos Estados Unidos, trasladaron hoxe que suspenden indefinidamente a súa participación no Tratado sobre Forzas Armadas Convencionais en Europa, xusto o día no que se fixo efectiva a saída de Rusia do entendemento, que limitaba o equipamento militar que podían posuír conxuntamente os Estados da OTAN e do Pacto de Varsovia.
José Ramón Gómez Besteiro copou hoxe boa parte da atención mediática nos corredores do Parlamento da Galiza. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
Agora

O PSdeG busca con BNG e PP que o Parlamento "condene" os ataques a sedes socialistas

O PSdeG lanzou esta terza feira —por medio do seu candidato á Xunta da Galiza, José Ramón Gómez Besteiro— aos outros dous grupos con representación na Cámara galega, PP e BNG, un texto para tratar de alcanzar unha declaración institucional, para a que é necesaria a unanimidade do hemiciclo, na que se faga unha "condena aos ataques contra as sedes socialistas, así como as ameazas, insultos e ataques aos seus membros". Populares e nacionalistas aínda non puideron analizar o texto, mais a líder do BNG, Ana Pontón, xa trasladou o seu apoio ao PSOE: "Hai que condenar calquera ataque a unha sede dunha organización política, non se pode permitir nin normalizar nun sistema democrático".
Punto de carga de coches eléctricos nunha zona de aparcamento. (Foto: Nós Diario)
Agora

A venda de turismos e furgonetas de ocasión cae 7,9%, até os 9.929 vehículos en outubro

A venda de turismos e furgonetas de ocasión na Galiza caeu 7,89% en outubro, comparando co mesmo mes do ano pasado, con 9.929 unidades vendidas, das que 8.508 foron turismos e 1.421 vehículos comerciais lixeiros. Son datos de Ancove, a Asociación Nacional de Comerciantes de Vehículos, que explica que de xaneiro a outubro transferíronse no país 102.656 vehículos de segunda man, o que supón un incremento de 2,09% respecto aos dez primeiros meses de 2022. No que atinxe á 'idade' dos vehículos a nivel estatal, 109.731 unidades de segunda man vendidas en outubro superaban os 10 anos, o que supón 1,6 % menos que en outubro do ano pasado, malia que este segmento mantén unha cota de mercado de case 56%. Por outra parte, os coches eléctricos volven experimentar un forte incremento, cunha suba nas vendas de outubro de 39,7%, aínda que o balance anual segue reflectindo un descenso de case 2% na venda deste tipo de coches. Os diésel e gasolina seguen á cabeza.
Acto convocado por DMD en Compostela para apoiar o Día da Morte Digna na Galiza (Foto: DMD).
Agora

12 de xaneiro... Día da Morte Digna? O Parlamento debáteo hoxe

O Parlamento debate hoxe unha proposición non de lei para declarar o 12 de xaneiro como Día da Morte Digna na Galiza, unha iniciativa que introduciu o BNG e que apoian unha vintena de entidades, entre asociacións, plataformas, sindicatos e ONG, xunto coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Para a Asociación Dereito a Morrer Dignamente Galiza, a proposta suporía "un recoñecemento que contribuirá ao progreso na atención e o coidado ás persoas na etapa final da súa vida, ao respecto á autonomía e liberdade" e ao "progreso da morte digna". O texto apunta que nos atopamos "no inicio dunha nova etapa, na que a sociedade vai incorporando con normalidade o novo dereito". "Deben, entón, promoverse as accións necesarias para avanzar na morte digna que ten o seu sustento no respecto á autonomía e liberdade das persoas", sinala.
Abel, Marco e Xan (de esquerda a dereita) coparon o podio absoluto. (Foto: FGDA),
Agora

BILLARDA | A superficie condiciona a xornada

Como a borrasca Domingos fixo das súas, a xornada competitiva na Liga Atlántica de Billarda viuse obrigada a disputarse en interior, e concretamente no Pavillón Polideportivo da Silva (Cerceda), que acolleu a quinta data da Conferencia Noroeste. A superficie do recinto, cuberta de goma de caucho, condicionou completamente o xogo, facéndose unicamente seis varados: dous de Collazo, e un único por parte de Abel Ponte, Bonxe, Ricardo Torres e Roi Morís. A vitoria final na categoría absoluta foi para Marco (Cochiqueiros de Cerceda), sendo segundo Abel Ponte (Campo da Feira) e terceiro Xan Rodiño (Lúa de Forza de Sanxenxo). Na modalidade feminina venceu Sonia (Cochiqueiros), mentres que na infantil volveu gañar Valentín Pastoriza (Filloas de Sangue). Por equipos, APB foi a número '1'.
Proxecto de cidade deportiva do Celta (Foto: Celta).
Agora

A Cidade Deportiva do Celta será xulgada no Porriño

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) non admitiu a trámite a denuncia de Ecoloxistas en Acción por unha suposta prevaricación do Consello da Xunta tras aprobar, de forma inicial, a Factoría do Deporte Galego-Galicia Sports 360 que o Real Club Celta impulsa no concello de Mos como "proxecto de interese autonómico". Nun auto, o TSXG decidiu remitir a denuncia ao Xulgado de Instrución decano do Porriño "dada a ausencia de querela", e por non poder atribuírse "feito delituoso de modo individualizado a persoa que teña a consideración de aforada", debendo trasladarse a denuncia "ao Xulgado de Instrución competente", neste caso, o do Porriño.

Recollida do bivalvo arrastrado pola preamar (Foto: Confraría de Noia).
Agora

Gran preocupación en Noia polo marisco morto a raíz do desaugue do encoro do Tambre

O sector marisqueiro de Noia realizou onte unha recollida do bivalvo que foi arrastrado pola preamar na fin de semana. O obxectivo da actividade é recuperar o que estea vivo e avaliar a mortaldade derivada da apertura do encoro do Tambre. A bióloga do pósito, Liliana Solís, informou Nós Diario de que foron recollidas un total de 18 toneladas de crías de berberecho de 20 milímetros de tamaño, das que 65% estaban aínda vivas. Ademais, a mortaldade do bivalvo tamén preocupa en Rianxo.
Jordi Turull e Miriam Nogueras, de Junts, esta segunda feira nun hotel de Bruxelas (Foto: Europa Press).
Agora

A redacción da Amnistía enquista as negociacións entre Junts e o PSOE

Junts e o PSOE seguen enquistados en "cuestións técnicas" para afinar o redactado dunha lei de amnistía que permita lograr un acordo entre ambas as partes para investir ao presidente do Goberno español en funcións e candidato á reelección, Pedro Sánchez. A pesar de admitir que esta segunda feira serviu para avanzar na negociación do acordo de investidura, os equipos de ambas as formacións están a traballar algúns aspectos do redactado, en especial na exposición de motivos, porque é onde está en xogo o alcance e a constitucionalidade da norma, apuntan.

Anthony Albanese e Xi Jinping, líderes de Australia e a China, hoxe. (Foto: AAPIMAGE / DPA)
Agora

Australia intenta reactivar as relacións coa China após ser conxeladas en 2020

Tres anos despois de que Beijing conxelara as relacións bilaterais con Australia logo de sumarse Camberra á ofensiva contra as empresas tecnolóxicas chinesas dos Estados Unidos, o primeiro ministro australiano, Anthony Albanese, defendeu hoxe que existen “sinais prometedores” de reconciliación na súa visita á China, na que se reuniu co presidente chinés, Xi Jinping, que destacou que “algúns problemas foron resoltos”.
concentracións galiza palestina
Agora

Galiza volve mobilizarse hoxe contra o "xenocidio" en Palestina

Os colectivos BDS Galiza, Mar de Lumes, a Asociación Galaico-Árabe Jenin e a Asociación Galiza por Palestina fan esta segunda feira, 6 de novembro, un novo chamamento á mobilización social para denunciar o "xenocidio" ao que aseguran que Israel está a someter Gaza e trasladar o apoio do pobo galego ao palestino nestes momentos de crecente crise humanitaria no país. As concentracións de hoxe decorrerán a partir das 20 horas en máis dunha vintena de localidades.
Cortes do tráfico polas obras na AP-9.
Agora

As obras para conectar a AP-9 coa A-54, en Santiago, provocarán desvíos de tráfico

As obras para conectar a autoestrada AP-9 e a autovía A-54 —ligazón Orbital— en Santiago de Compostela provocarán cortes ao tráfico. A partir das 22 horas desta segunda feira e até as 6h da terza producirase un corte total simultáneo da circulación en ambas as calzadas da AP-9, debido ao traslado dun tendido eléctrico aéreo que atravesa o trazado AP-9 á altura da E-03 —quilómetro 64,757—. Aliás, todo o tráfico que circula pola AP-9 en sentido A Coruña abandonará a vía pola saída anterior á zona da obra —saída 67, por Santiago Norte—. Como itinerario alternativo proponse o traxecto pola SC-20 sentido Norte, se o destino é a A-54 ou o aeroporto de Santiago, e pola SC-20 ou N-550 con destino Sigüeiro —enlace do quilómetro 55—, con posibilidade de retomar a AP-9 en sentido A Coruña. En canto ao tráfico que circula pola AP-9 cara a Pontevedra, sairá da autoestrada na ligazón de Sigüeiro —saída 55— e como alternativa proponse o traxecto pola N-550 en sentido Pontevedra, así como a ligazón co periférico SC-20 e a posibilidade de tomar a AP-9 en sentido Pontevedra na ligazón de Santiago Norte —quilómetro 67—.
As da Guarda venceron nos seus dous últimos enfrontamentos. (Foto: Rocasa Gran Canaria).
Agora

Derbi ao máximo nivel entre Guardés e O Porriño na elite do balonmán

Hai case un ano, a finais do mes de novembro, o Conservas Orbe Rubensa Balonmán Porriño gañaba na súa casa ao Mecalia Atlético Guardés no coñecido como "Derbi das nosas". Desde entón, ao longo deste 2023 enfrontáronse dúas veces máis, vencendo en ambas as ocasións o Guardés. Agora, concretamente mañá ás 12 horas da tarde, o equipo do Porriño e o da Guarda volven colisionar no marco da décima xornada na máxima categoría do balonmán estatal, nun duelo fratricida sen favorito, pois a formación do Val da Louriña é quinta con 10 puntos, mentres que a arraiana emerxe no sexto posto. O preparador porriñés, Ismael Martínez, non quixo mollarse, salientando que para el este é "un partido moi especial" no que a meta das súas xogadoras sempre é "sacar os puntos". 
Agora

O Arousa reclamará nos despachos o pase na Copa

O Arousa foi eliminado na primeira fase da Copa do Rei após perder na Lomba ante todo un Primeira División como é o Granada por un resultado de 0 a 3. Non obstante, apostando polo porteiro do filial e 24 anos de idade Adri López como titular, o conxunto andaluz violou unha normativa da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), organizadora da competición, que no seu artigo 250 indica que os xogadores con ficha dos filiais deben contar con menos de 23 anos para poder xogar. Ante este escenario, a escuadra galega confirmou que os seus servizos xurídicos xa están "traballando" para denunciar a situación ante a RFEF e obter así un boleto para a segunda rolda copeira.

A primeira ministra de Italia, Giorgia Meloni, a quinta feira. (Foto: Leon Neal / PA Wire / DPA)
Agora

O Goberno ultradereitista italiano aproba unha reforma no camiño ao presidencialismo

Logo do rexeitamento da oposición ao Executivo de extrema dereita en Italia, encabezado por Giorgia Meloni, á súa proposta de mudar a forma de Goberno ao presidencialismo, o Consello de Ministras e Ministros en Roma aprobou hoxe un proxecto de reforma que introduce a elección directa da primeira ministra, que acumularía novas competencias até o de agora en mans da Presidencia sen límite de mandatos, que si existe a nivel rexional.
Mobilización do persoal de Vitrasa polas rúas de Vigo. (Foto: Nós Diario)
Agora

Persoal de Vitrasa convoca folga indefinida ante as "negativas da empresa a negociar o convenio"

Persoal de Vitrasa, a concesionaria do transporte público do Concello de Vigo, convocou unha folga indefinida a partir do vindeiro 25 de novembro co obxectivo de forzar a empresa a que negocie un novo convenio colectivo. Tal como informou nun comunicado a Confederación Intersindical Galega (CIG), sindicato que preside o comité, o cadro de persoal decidiu de forma maioritaria levar a cabo esta medida "ante a negativa da compañía para negociar o convenio colectivo e despois de que 13 traballadores fosen sancionados con 60 días de suspensión de emprego e soldo no marco dos paros parciais que se están desenvolvendo". O sindicato nacionalista explicou que esta decisión se tomou tras unha consulta realizada polo comité ao persoal, que rexistrou unha "alta participación".
Estación de tren de Padrón (Foto: Nós Diario).
Agora

Unha avería mantén parado en Padrón máis de hora e media un tren da liña Vigo-Coruña

Unha avaría mantivo parado sobre a vía ás portas do municipio de Padrón (comarca do Sar) un tren da liña de media distancia entre Vigo e A Coruña. O tren tomou a saída da estación de Vigo pero quedou paralizado por "unha incidencia técnica puntual" na zona de Padrón durante 95 minutos, segundo informaron fontes do operador ferroviario. Transcorrida máis de hora e media, o tren puido retomar a marcha e circulou cun atraso acumulado de 110 minutos.