Agora

Home desaparecido en Ortigueira.
Agora

Localizan un home de 91 anos que levaba todo o día desaparecido en Ortigueira

A Garda Civil localizou un home de 91 anos que permanecía desparecido desde primeira hora da mañá no municipio de Ortigueira (Ortegal). A Garda Civil recibiu a alerta ás 21.40 horas do domingo. Unha persoa da contorna familiar do desaparecido e que reside fóra da comunidade levaba toda a tarde sen poder comunicarse con el, polo que avisou un coñecido que localizou o vehículo do nonaxenario. Tiña a porta aberta nunha leira situada no lugar da Galiñeira, onde ten cabalos e á que adoita acudir a diario para alimentalos. Con todo, non había rastro do home. A Garda Civil iniciou un operativo para dar co seu paradoiro e atopouno ás 22.15h, tombado boca arriba sobre unha superficie de barro e auga, como permaneceu durante toda a xornada, cun temporal de choiva e vento. O seu estado era consciente, aínda que desorientado e coa roupa encharcada, mais sen síntomas de hipotermia. Foi trasladado en ambulancia ao hospital de Ferrol Arquitecto Marcide.
C. Puigdemont (2º pola dereita) e S. Cerdán (3º pola dereita), hoxe. (Foto: Nós Diario)
Agora

O secretario de Organización do PSOE reúnese con Puigdemont de cara á amnistía das independentistas represaliadas

Santos Cerdán, secretario de Organización do PSOE, xuntouse hoxe en Bélxica co ex presidente catalán Carles Puigdemont, de Junts, no marco das negociacións para que o presidente español, Pedro Sánchez (PSOE), sexa reelixido no Congreso. As partes declararon que as negociacións “avanzan na boa dirección”. As forzas nacionalistas catalás exixen, entre outros, a amnistía das persoas independentistas represaliadas polo Estado para apoiar Sánchez. 

Laurentino Cortizo, presidente de Panamá, na madrugada de hoxe. (Foto: Presidencia de Panamá)
Agora

Panamá prohibe a minaría metálica e convoca un referendo logo das protestas contra unha mina de cobre

No sexto día de protestas en Panamá para exixir a derrogación dunha concesión a unha empresa canadense que pretende explotar unha mina de cobre a ceo aberto nunha área selvática, o presidente progresista Laurentino Cortizo resolveu na madrugada de hoxe convocar un referendo o 17 de decembro para que a poboación teña a última palabra arredor do contrato mineiro. En paralelo, o Goberno presentou un Proxecto de lei que acaba coa minaría metálica.
Migrantes chegados a El Hierro, en Canarias, o pasado 23 de outubro. (Foto: Europa Press)
Agora

O Porriño acollerá os migrantes que ían chegar a Sobrado dos Monxes

O Concello do Porriño acollerá nun albergue do municipio os migrantes procedentes das Canarias que estaba previsto que chegasen a Sobrado dos Monxes (comarca de Melide) esta segunda feira. Fontes precisaron que chegarán á localidade o día 1 de novembro e serán aloxados nun albergue. Esta segunda feira estaba previsto que o Goberno situase no municipio de Sobrado dos Monxes a 40 dos máis de 400 migrantes que ten intención de trasladar á Galiza, pero finalmente descartouse esta opción, entre críticas do alcalde socialista da localidade, Lisardo Santos, que sinalou que o Concello non tivo "ningunha comunicación oficial, nin por parte da Delegación nin do Ministerio, dicindo nin unha cousa nin a outra".

tabaco (Foto: Nós Diario)
Agora

Prohibido fumar: o Concello de Santiago declara o parque de Galeras libre de fume

A concelleira de Deportes, Relacións Veciñais, Festas, Rural e UMAD de Santiago, Pilar Lueiro, informou hoxe da declaración do Parque de Galeras como espazo sen fume, polo que a partir desta mesma terza feira, 31 de outubro, estará prohibido fumar no recinto. Santiago inclúe así este parque público na Rede Galega de Parques sen Fume, posta en marcha pola Xunta para favorecer a existencia de espazos libres de tabaco. Consecuentemente, explicou a edil, desde mañá estará prohibido fumar no parque de Galeras para que a cidadanía poida "ir gozar ao ar libre sen fume". A declaración implica sinalización, pero non vixilancia e sancións, co que a concelleira apelou á "responsabilidade individual". A intención do Concello é ampliar esta iniciativa nun futuro a outros parques.
Un paquete de tabaco. (Foto: Nós Diario)
Agora

Recuperan uns 4.000 paquetes de tabaco que apareceron flotando no río Ulla á altura de Pontecesures

Uns 4.000 paquetes de tabaco foron recuperados da auga ao longo dos dous últimos días despois de que empezasen a aparecer cartóns flotando no río Ulla á altura de Pontecesures (comarca de Caldas). Fontes da Garda Civil citadas pola axencia Europa Press apuntan que do río foron sacados uns 400 cartóns que conteñen, cada un, dez paquetes de tabaco. Toda a mercadoría foi posta en mans do Servizo de Vixilancia Aduaneira, mentres que a Garda Civil abriu dilixencias para investigar a orixe do tabaco, que empezou a aparecer na mañá do pasado sábado no náutico de Pontecesures.
#turismo #turista #turistas #hotel #hoteis #peregrinos (Foto: Arxina)
Agora

As pernoctacións en aloxamentos extrahoteleiros galegos soben 21,5% en setembro polo tirón dos albergues

As pernoctacións en aloxamentos extrahoteleiros galegos —cámpings, aloxamentos de turismo rural, apartamentos turísticos e albergues— subiron por volta de 21,5% en setembro, en comparación co mesmo mes de 2022, até situarse nas 448.910 noites, segundo os últimos datos achegados polo Instituto Nacional de Estatística (INE). O número de viaxeiros hospedados neste tipo de estabelecementos tamén aumentou 21% durante o noveno mes do ano, con 272.219 turistas que chegaron á Galiza.
O ex primeiro ministro sudanés Abdallah Hamdok. (Foto: Mohamed Khidir / Xinhua News / Contactophoto)
Agora

A sociedade civil sudanesa busca reactivar a transición democrática no medio da guerra

Ducias de organizacións civís e grupos políticos do Sudán resolveron en Adís Abeba, a capital etíope, crear a Fronte Democrática Civil, que estará liderada polo ex primeiro ministro Abdallah Hamdok, transcendeu a sexta feira. Hamdok foi deposto por un golpe de Estado en 2021 protagonizado polas Forzas Armadas sudanesas e os paramilitares das Forzas de Apoio Rápido. Desde o 15 de abril, militares e paramilitares enfróntanse nunha guerra civil.

Epicentro do sismo esta sexta feira (Foto: IGN).
Agora

Rexístrase un terremoto de magnitude 3,3 con epicentro en Ribeira

O Instituto Xeográfico Nacional alertou na madrugada desta sexta feira do rexistro dun terremoto con epicentro no concello de Ribeira (O Barbanza). Segundo a entidade, o sismo tivo unha magnitude de 3,3 na escala de Richter e foi moi pouco perceptíbel. O sismo, segundo o Instituto Xeográfico Nacional, deuse por volta das 7.35 horas desta sexta feira.Desde a entidade aconsellan protexerse en caso de sentir un terremoto de forte magnitude, asegurando os elementos que poidan caer e protexéndose debaixo de mesas.

Restos dun ataque en Khartún das Forzas de Apoio Rápido. (Foto: Europa Press / Contacto / Xinhua)
Agora

As dúas partes da guerra civil sudanesa reactivan as conversas en Arabia Saudita

A cidade saudita de Jeddah acolleu hoxe a volta á mesa de negociación das Forzas Armadas sudanesas e os paramilitares das Forzas de Apoio Rápido, que fora suspendida en maio. Polo de agora, os militares descartaron un alto o fogo mentres se negocia a fin da guerra civil, que comezou o pasado 15 de abril e elevou a cifra de persoas desprazadas á forza no Sudán a máis de sete millóns, amais de desatar un conflito étnico en Darfur.

A concentración decorreu ás portas do centro de saúde.
Agora

Mobilización polo centro de saúde do Páramo

Decenas de persoas concentráronse esta mañá diante do centro de saúde do Páramo, concello da comarca de Sarria, nunha manifestación convocada polo BNG da localidade con motivo da "continua falta de persoal facultativo que impide a correcta atención primaria da veciñanza", tal e como denunciou a portavoz da formación nacionalista, Marta Porteiro. "A veciñanza está farta de que nos quiten servizos e farta de non saber nunca se imos ter facultativos que nos atendan", explicou. O Páramo ten unha poboación de 1.300 habitantes na que a maioría da poboación está moi envellecida e que, polo tanto, precisa de atención médica continua. Segundo Marta Porteiro, "entre baixas médicas e vacacións case non quedan facultativos".
O senador do PP Manuel Baltar, con Alfonso Rueda en segundo plano. (Foto: Agostime / Europa Press)
Agora

Baltar convoca unha xunta directiva na que o PP dá por feito que renunciará a liderar o partido en Ourense

O presidente do PP de Ourense, Manuel Baltar, vén de convocar unha xunta directiva provincial para última hora da tarde desta sexta feira, na que o partido dá por feito que presentará a súa renuncia a seguir liderando as filas populares nesta circunscrición, despois de desistir hai uns meses de optar tamén á Presidencia da Deputación de Ourense. En principio, o sucesor de Baltar á fronte da Deputación de Ourense, Luís Menor, persoa de confianza do presidente do PPdeG e da Xunta, Alfonso Rueda, é o mellor situado para colocarse á fronte dunha xestora na provincia e despois asumir as rendas do partido tras o correspondente congreso provincial.
Oficina de Emprego de Compostela (Foto: Arxina).
Agora

O paro subiu en 92.700 persoas no terceiro trimestre do ano no Estado español

O paro subiu en 92.700 persoas no terceiro trimestre do ano no Estado español, o que supón 3,3% máis que no trimestre anterior e o seu maior repunte en valores absolutos desde o terceiro trimestre de 2020, en plena pandemia. O total de desempregados subiu así até as 2.855.200 persoas e a taxa de paro avanzou dúas décimas, até 11,84%, segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) publicados esta quina feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE). O Ministerio de Asuntos Económicos destacou que o mercado laboral continuou mostrando no terceiro trimestre unha "boa evolución".

O fiscal xeral de Venezuela, Tarek William Saab. (Foto: Jesus Vargas / DPA)
Agora

A Fiscalía de Venezuela abre unha investigación por "fraude" nas eleccións primarias da oposición

O fiscal xeral de Venezuela, Tarek William Saab, vén de anunciar a apertura dunha investigación por unha suposta fraude cometida nas eleccións primarias da oposición venezolana, uns comicios dos que saíu vencedora a ex deputada María Corina Machado, inhabilitada por corrupción. "Dar a coñecer cifras falsas de participación nun evento electoral que non é auditábel, sen garantías de seguridade do voto, constitúe unha fraude á Constitución e ao país", sinalou Saab, segundo recolleu a Fiscalía venezolana na rede social (antes Twitter).
Abdulah Arabi, delegado da Fronte Polisario no Estado español. (Foto: Gustavo Valiente / Europa Press)
Agora

O Polisario critica que Sumar non exixira ao PSOE á volta ao dereito internacional no Sáhara Occidental

O abandono do Estado español na pasada lexislatura do dereito internacional no que atinxe ao Sáhara Occidental “xa deixou de ser unha responsabilidade exclusiva do actual presidente en funcións”, Pedro Sánchez, do PSOE, ao non reclamarlle Sumar rexeitar a autonomía marroquí sobre o territorio ocupado no pacto para un Goberno de coalición, comunicou hoxe Abdulah Arabi, delegado da Fronte Polisario no Estado español.

As grúas dos estaleiros vigueses son testemuñas da caída da produción industrial no sector naval galego. (Foto: Antonio Alcobendas)
Agora

A inflación industrial baixa 7,5% na Galiza no mes de setembro

Os prezos industriais na Galiza diminuíron 7,5% en setembro en comparación co mesmo mes de 2022, a pesar de que en agosto baixaran 8,4%, segundo informa esta cuarta feira o Instituto Nacional de Estatística (INE). Desta maneira, a inflación industrial galega caeu por baixo da media estatal, porque no total do Estado este dato situouse en -8,6% en setembro. Na Galiza, os bens de consumo subiron de prezo 7%, mentres que os bens de equipo fixeron o propio 1,2%. Con todo, os bens intermedios e a enerxía foron os que tiraron da inflación industrial cara abaixo, caendo 5% e 23,1%, respectivamente en setembro.

Vista xeral do hemiciclo do Congreso. (Foto: Europa Press)
Agora

O Congreso constitúe as dúas primeiras comisións desta lexislatura

O Congreso ten previsto constituír esta cuarta feira as dúas primeiras comisións parlamentarias que funcionarán durante a XV Lexislatura: a do Estatuto do Deputado, que se encarga de autorizar ou non as actividades privadas de cada membro do Congreso e de tramitar os suplicatorios que remite o Supremo cando quere investigar a algún parlamentario, e a de Peticións, cuxo labor é garantir o cumprimento do dereito que asiste á cidadanía de expor as súas demandas na Cámara. A constitución destas dúas comisións, así como a de Regulamento, competen exclusivamente á Cámara e non dependen da estrutura do Goberno, pero mentres a composición das dúas primeiras está taxada regulamentariamente non sucede o mesmo coa de Regulamento.

Katrin Jakobsdottir, primeira ministra de Islandia, en 2022. (Foto: Emmi Korhonen / Lehtikuva / DPA)
Agora

As mulleres islandesas, en folga para reclamar a fin la violencia machista e da fenda salarial

Case 50 anos despois da primeira folga deste tipo en Islandia, as mulleres e persoas non binarias do país declaráronse hoxe en greve -tanto no traballo remunerado como no que non- para premer a favor da fin da violencia machista, así como da desigualdade salarial con respecto aos homes. Katrin Jakobsdottir, a primeira ministra, ficou na casa, nunha xornada na que as escolas tiveron que fechar e o sistema sanitario ficou sen case persoal.
Gonzalo Pérez Xácome, líder de DO, en rolda de prensa após reunirse co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o pasado 4 de outubro. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
Agora

Democracia Ourensá concorrerá coa súa propia marca ás eleccións galegas

A formación política Democracia Ourensá (DO) concorrerá coa súa propia marca ás próximas eleccións ao Parlamento da Galiza. Así o deu a coñecer o seu líder, Gonzalo Pérez Xácome mediante un comunicado esta terza feira. Explica que DO presentarase como "o partido que é" ás eleccións do Parlamento Galego de 2024 e non baixo unha plataforma, cuxa alternativa "chegou a sopesarse cando se anunciou ir aos comicios". Con todo, aínda que Democracia Ourensá será quen forme a lista electoral, si adiantan que se incluirá nela cidadáns independentes de distintos puntos da circunscrición.

Vista do Parlament de Catalunya (Foto: David Zorrakino / Europa Press).
Agora

O Parlament de Catalunya vota sobre prohibir os famosos 'correbous'

O Parlament de Catalunya vota esta cuarta feira se tramita unha proposición de lei de comúns e da CUP para prohibir os 'correbous' na praia, os 'bous capllaçats' e os 'bous embolats' no país, tradicionais en municipios das Terres de l'Ebre (Tarragona). O pleno dará comezo ás 15 horas desta terza co monográfico sobre enerxías renovábeis e alongarase até a quinta co debate á totalidade doutra proposición de lei sobre dereitos de información en hipotecas e créditos, mocións e interpelacións. A iniciativa para abolir estas modalidades de 'correbous' chega ao hemiciclo máis dunha década despois de que o Parlament prohibise as touradas en Catalunya, nunha votación na cal CiU e PSC deron liberdade de voto aos seus deputados.