Agora

Segue en Nós Diario a evolución do prezo da luz. (Foto: Nós Diario)
Agora

O prezo da luz sobe esta sexta feira mais segue por embaixo dos 6 euros/MWh

O prezo medio da luz para os clientes de tarifa regulada vinculados ao mercado almacenista subirá esta sexta feira, 3 de novembro, 30% con respecto á xornada anterior, até os 5,76 euros por megawatt hora (MWh), aínda que proseguirá a tendencia baixa de prezos dos últimos días neste arranque de novembro. Por franxas horarias, o prezo máximo, de 15,50 euros/MWh, rexistrarase entre as 20 e 21 horas, mentres que haberá un mínimo, un día máis, de cero euros/MWh, entre as 04 e 05 horas, segundo os datos provisionais do Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE). Ademais, no tramo do día das dúas ás seis da madrugada o mercado almacenista eléctrico marcará uns prezos mínimos próximos aos cero euros/MWh.
Interior da Igrexa de Santa María de Nogueira de Miño, en Chantada. (Foto: Xunta da Galiza)
Agora

Facenda avanza que a Igrexa pagará desde mañá o Imposto sobre Construcións e Obras

O secretario de Estado de Facenda, Jesús Gascón, anunciou esta quinta feira, 2 de novembro, que o Boletín Oficial do Estado (BOE) publicará hoxe a orde ministerial que elimina a exoneración do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras da que desfrutaba a Igrexa Católica. Fontes de Facenda puntualizaron que a orde entrará en vigor mañá, polo que a Igrexa terá que pagar este tributo desde este sábado, 4 de novembro. Así o avanzou Gascón, que recordou que esta orde responde ao acordo alcanzado o pasado mes de marzo entre o Goberno español e a Conferencia Episcopal Española (CEE) que se fixo efectivo o 29 dese mes. Esta medida implicará que os Concellos e as entidades locais do Estado español recadarán un total de 16 millóns de euros ao ano. 
Asistentes á presentación do libro de Xoán Colazo, esta quinta feira no Vide, Vide! (Foto: Nós Diario)
Agora

As viaxes de Colazo chegan a Compostela

O espazo enocultural Vide, Vide! de Santiago de Compostela acolleu esta quinta feira, 2 de novembro, a presentación do libro 112 viaxes na miña terra de Xoán Colazo editado por Sermos Galiza S.A. No acto, organizado pola Agrupación Cultural O Galo, interveu, ademais do autor, o economista Aleixo Vilas. Logo das súas intervencións, decorreu un coloquio e a proxección dun audiovisual que recolleu imaxes de parte dos sitios referenciados na monografía e que explicitou a idiosincrasia da xeografía da Galiza. O libro de Colazo, que leva anos percorrendo a Galiza, busca incitar á viaxe polo país, dándolle visibilidade a lugares que non aparecen noutros libros de viaxe. O autor reflexiona sobre a xeografía física e humana galega, profundamente transformada e agora, a través desta obra, convídanos a revivir esas "andainas polas derradeiras paraxes galegas descoñecidas".

Agora

O Pazo dos Deportes de Lugo estreará asentos no Breogán-Barcelona

O Pazo dos Deportes de Lugo presentará un aspecto renovado para o partido do vindeiro domingo entre o Leite Río Breogán e o potente Fútbol Club Barcelona, pois os traballos de montaxe dos novos asentos no aro inferior das bancadas avanzaron "de forma definitiva na última semana", tal e como explicou a Vicepresidencia da Deputación de Lugo. "Unicamente queda pendente a instalación das cadeiras da Fila '11', que precisan dun sistema de soporte adaptado ás dimensións desa bancada, máis estreita que o resto, polo que a empresa adxudicataria habilitará uns bancos provisionais para as persoas que ocupen esas localidades no choque ante o Barça", explicou o ente. O seu responsábel, Efrén Castro, engadiu que unha vez que rematen as obras o seguinte obxectivo será a renovación da cuberta.
 
Eucaliptos na Galiza. (Foto: Xunta)
Agora

A caída dun eucalipto fere un traballador en Guitiriz (A Terra Chá)

Un traballador tivo que ser evacuado ao hospital ao resultar ferido esta quinta feira, 2 de novembro, pola caída dun eucalipto, posibelmente polo vento, no municipio chairego de Guitiriz. Ocorreu ao redor das 11 horas no lugar de Xestelas, parroquia de Mariz, segundo informan fontes dos servizos de emerxencias.

O propio 061-Urxencias Sanitarias foi quen advertiu ao 112 de que, probablemente por un refacho de vento, un eucalipto caeu sobre un camión que cargaba madeira e ferira o condutor que estaba a traballar no lugar.

O home, que se atopaba liberado e accesíbel no camión, foi evacuado en ambulancia ao Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) de Lugo.

Protesta da ultradereita española o pasado domingo en Madrid. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
Agora

As mensaxes de odio contra o pobo romaní medran 15% azuadas polo ultraespañolismo

Medios estatais recolleron hoxe un informe da Fundación Secretariado Xitano que subliña que no último ano medraron 15% as mensaxes de odio contra o pobo romaní nas redes sociais no Estado español. Detrás dunha parte relevante destas mensaxes están persoas vinculadas co ultraespañolismo, que as mesturan con desinformación. Un estudo da UE sostén que este discurso de odio é máis frecuente que o dirixido á comunidade LGTB, islámica ou xudía. 
Terminal do aeroporto coruñés de Alvedro (Aena)
Agora

Aena gaña 1.139 millóns até setembro 71,3% máis e os seus ingresos crecen 20%

O xestor aeroportuario Aena rexistrou un beneficio neto de 1.139 millóns de euros nos nove primeiros meses do ano (con extraordinarios financeiros) o que supón 71,3% máis que o rexistrado no mesmo período de 2022 (664,7 millóns de euros), e unha cifra similar á rexistrada en 2019 (1.114,2 millóns de euros), segundo informou esta quinta feira a compañía á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV). Os ingresos totais consolidados aumentaron 19,9% fronte a 2022, até os 3.779,1 millóns de euros e as vendas totais das actividades comerciais superan xa os niveis prepandemia 15,6%.

Torreta eléctrica (Foto: David Zorrakino / Europa Press).
Agora

O prezo da electricidade marca o mínimo anual por segunda xornada consecutiva

O prezo medio da luz para as persoas usuarias de tarifa regulada vinculadas ao mercado almacenista caerá hoxe 2,4% con respecto a onte, até os 4,42 euros por megawatt hora (MWh), marcando así un novo mínimo no que vai de ano. O prezo máximo, de 10 euros/MWh, rexistrarase durante tres horas, entre as 8 e as 9 horas e entre as 19 e as 21 horas, mentres que o mínimo, de 0,06 euros/MWh, darase entre as 4 e as 5 horas.
Os de Terbutalina afirman que este é o seu álbum definitivo. (Foto: Nós Diario)
Agora

'Era cabra', o disco "definitivo" de Terbutalina, verá a luz esta sexta feira

Despois de varios singles cos que pretendían sacudir o panorama, esta sexta feira, a banda Terbutalina lanza o seu novo álbum, Era cabra. Segundo os de Esteiro (Muros), o novo traballo "reflicte un período que estivo cargado de concentración, creación e gravación" e revélase como "un regreso á orixe tras unha revisión dos seus principios máis esenciais e unha etapa de coñecemento e refortalecemento interno". Ademais, avisan de que Era cabra "vén con sorpresas". Gravado e producido nos estudios A Ponte por Tomás Axeitos e masterizado por Robin Smichtd nos estudios 24-96, a banda segue apostando por fórmulas baseadas na confianza no talento propio e dispostos a reconquistar os pogos perdidos, as horas intempestivas e os quilómetros na estrada. 
O Liceo levantou a Copa por última vez no ano 2021 (Foto: Hóckey Global)).
Agora

O Hóckey Club da Coruña, a polo liderado da OK Liga

O sorprendente Hóckey Club Coruña de hóckey sobre patíns, que na súa primeira tempada na elite ocupa a cuarta posición logo da disputa das seis primeiras xornadas, quere asaltar o liderado da OK Liga. Para iso precisa derrotar as madrileñas das Rozas (domingo, 12.30 horas) e que 'pinchen' as súas predecesoras na táboa, Telecable e Palau de Plegamáns -que teñen un punto máis que a escuadra galega- e a líder, Vila-Sana Cooperativa d'Ivars. Con respecto á OK Liga masculina, o Liceo da Coruña, que está completando un irregular inicio, precisa reconducir o rumbo, e para iso nada mellor que retomar a senda da vitoria ante o Caldes o sábado ás 18 horas.

O ultradereitista Javier Milei nas votacións da primeira volta. (Foto: Cristobal Basaure Araya / SOPA Ima / DPA)
Agora

A extrema dereita arxentina difundiu unha suposta fraude electoral sen probas perante a súa derrota electoral

Medios arxentinos recolleron esta cuarta feira un informe da organización non gobernamental Contextual no que denuncia unha “acción coordinada” entre dirixentes da arxentina A Liberdade Avanza e persoas usuarias próximas á formación de extrema dereita nas redes sociais para difundir unha suposta fraude electoral na primeira volta das presidenciais do 22 de outubro, na que o seu candidato, Javier Milei, foi derrotado polo progresista Sergio Massa (Unión pola Patria) en contra das previsións das enquisas. Milei e Massa enfrontaranse o 19 de novembro na segunda volta dos comicios presidenciais. Contextual sinala que o propio Milei “avalou e lexitimou” as acusacións sen probas, replicando “operacións similares” da extrema dereita brasileira ou española.
Medicamentos antibióticos (Foto: Europa Press).
Agora

O Ministerio de Sanidade revisa o prezo de referencia de 17.000 fármacos

O Ministerio de Sanidade actualizou o sistema de prezos de referencia dos medicamentos no Sistema Nacional de Saúde (SNS) para 2023, unha medida para máis de 17.000 medicamentos que producirá un aforro estimado 217,54 millóns de euros, segundo as estimacións deste departamento. O Boletín Oficial do Estado publicou esta cuarta feira, 1 de novembro, a Orde do Ministerio de Sanidade pola que se procede a revisar os prezos de 17.671 presentacións de medicamentos, das cales 13.994 son dispensábeis en farmacias e 3.727 en hospitais. Serán as farmacias hospitalarias as que máis proveito tiren da revisión, cun aforro de 160,41 millóns de euros fronte aos 57,13 millóns das farmacias comunitarias.
Estudantes de Carballo con dereito a transporte escolar teñen que ir andando aos centros porque os vehículos van completos. (Foto: Europa Press)
Agora

Redondela mobilízanse polo transporte escolar no rural

"Non máis mocidade tirada nas paradas de Redondela". Con este lema, as asociacións de pais e nais de alumnado do municipio chama a veciñanza a concentrarase esta sexta feira, 3 de novembro, –20 horas– diante da Casa do Concello para reclamar transporte escolar para todos os menores que cursan estudos de Infantil, Bacharelato ou ciclos de FP. Segundo denuncian, "non dispoñen de transporte escolar pero tampouco de transporte público" alternativo para que as crianzas poidan acudir puntualmente os seus centros e regresar ás súas casas. As familias das parroquias do rural láianse de que as promesas de "potenciar" a súa contorna non se acompañe de medidas que contribúan á conciliación das familias. "Só temos atrancos. As nenas e nenos dependen dos adultos para chegar ao seu centro".
395347297_766181978857409_7207133478837056324_n
Agora

Torneos de béisbol pola igualdade en Cambre

O Club de Béisbol e Sófbol de Cambre mobilízase pola igualdade de xénero co gallo da inminencia do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Neste 2023, tal e como informou a secretaria da formación, Maria Fernanda Jóver, ampliarán o catálogo de actividades reivindicativas co obxectivo, tal e como apostilou o seu presidente, Jhonny Pérez Terán, de "chegar ao maior número de persoas posíbel". As máis importantes serán o Torneo a favor da loita pola tolerancia e non violencia de xénero e o Torneo a favor da Igualdade entre Homes e Mulleres, disputándose o primeiro o próximo 18 de novembro entre os alevíns-infantís de Cambre, Lume (Lugo) e Os Tilos (Teo), mentres que o segundo será o 25 de novembro cos equipos 'A', 'B' e 'C' do propio CBS Cambre.
Sepultura de John O'Dogherty no cemiterio dos Eidos, en Redondela. (Foto: Nós Diario)
Agora

Os cemiterios galegos adiantan a súa hora de feche pola borrasca 'Ciarán'

Os cemiterios galegos adiantan a súa hora de fechamento hoxe, Día de Todos os Santos, polos fenómenos adversos que se prevé que deixe a borrasca Ciarán en todo o país. Así, o Concello de Vigo anunciou que os cemiterios municipais fecharán ás 16 horas, dúas antes da habitual (18.30h), e quedan suspendidas todas as actividades de Samaín previstas no Calvario, Independencia, Príncipe e Navia. Pola súa parte, o Concello da Coruña, dada a alerta de vento, fechará o acceso principal ao cemiterio de San Amaro ás 16h, aínda que permanecerán abertas as laterais até as 19h. A Casa das Ciencias, no Parque de Santa Margarita, tamén ficará fechada desde as 14h e até novo aviso, da mesma forma que o propio acceso ao parque. O Concello de Santiago tamén ordenou o feche dos parques "mentres persistan estas condicións meteorolóxicas adversas".

Caixas de sardiña incautadas esta sexta feira en Ribeira (Foto: Garda Civil)
Agora

Incautados case 14.000 quilos de sardiña en Corcubión

O Servizo Marítimo Provincial da Garda Civil da Coruña incautou 13.862 quilogramos de sardiña en Corcubión, após observaren e tomaren medidas contra un pesqueiro que se atopaba faenando ao cerco nunha zona prohibida na ría de Corcubión. O pesqueiro, ante a gran cantidade de sardiña capturada, serviuse de embarcacións para a súa recollida no mar, realizando posteriores transbordos non autorizados co fin de evadir os posibles controis e ocultar os excesos de capturas. Unha vez que o pesqueiro iniciou as descargas no porto de Corcubión, a Garda Civil levou a cabo unha inspección detallada das capturas que resultaron ser intervidas e o seu prezo de poxa púxose ao dispor da Consellaría do Mar.
Juan José Omella, presidente dos bispos españois, hoxe. (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)
Agora

A Igrexa pon condicións para indemnizar as vítimas por agresións sexuais de relixiosos

Despois dunha reunión extraordinaria hoxe da Conferencia Episcopal Española, o secretario xeral, Francisco García Magán, reiterou que están a favor de colaborar nun fondo de compensación para vítimas de abuso sexual pero só no caso de que se estenda a todas as vítimas e non só ás da Igrexa católica, logo dun informe da Defensoría do Pobo que estima en 445.000 as persoas que sufriron agresións sexuais no ámbito da Igrexa. 

O presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, esta terza feira en Vigo (Foto: Pedro Davila / Europa Press).
Agora

Abanca rompe as negociacións para a venda de Nova Pescanova á canadense Cooke

O presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, asegurou que o banco "aparcou" a procura dun socio industrial para Nova Pescanova, o que supón a ruptura das negociacións co holding canadense Cooke Inc, ao que esperaba ceder 80% das accións da compañía. Segundo afirmou Escotet esta terza feira, na actualidade Abanca está traballando para fortalecer o seu proxecto empresarial para Nova Pescanova, deixando a un lado a busca de potenciais compradores.
Xulgados de Santiago (Foto: Nós Diario).
Agora

Adeus ao teletraballo: o persoal da Xustiza da Galiza volve traballar presencialmente desde hoxe

A Dirección Xeral de Xustiza vén de trasladar aos seus traballadores unha circular do Ministerio de Xustiza na que se informa do fin do teletraballo decretado pola pandemia a partir desta mesma terza feira. Desde agora deberán acudir de novo a cada centro de traballo o 100% dos efectivos dos corpos de xestión procesual e administrativa, tramitación e auxilio xudicial e médicos forenses, sen prexuízo das licenzas e permisos correspondentes, non sendo posíbel exercer o teletraballo mentres non se aprobe a súa regulación específica no ámbito da Administración de Xustiza. Fontes sindicais atribúen ao Goberno galego a decisión de pór data de fin ao teletraballo e lembran que Andalucía, Asturias e Aragón mantéñeno. A Xunta, porén, replica que a orde procede do Ministerio.
Un helicóptero dos Gardacostas da Galiza. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press).
Agora

Rescatados os catro tripulantes dun pesqueiro que afundiu fronte a Monte Louro, en Muros

Os catro tripulantes dun pesqueiro afundido fronte a Monte Louro, no municipio de Muros (comarca homónima), foron rescatados esta terza feira após lograren alcanzar as rochas tras naufragar o barco no que faneaban. O Nuevo Abeijón, con porto base en Noia (comarca homónima), afundiu na zona do Neixón na mañá desta terza, segundo informou Salvamento Marítimo, que recibiu o aviso ás 10.25 horas doutros pesqueiros que se atopaban na zona. Trataron de achegarse ao lugar, pero o mal estado do mar e a proximidade ás rochas impedían que puidesen auxiliar os tripulantes do pesqueiro, que lograron alcanzar unhas pedras para porse a salvo. Alí agardaron a ser recollidos polo helicóptero Pesca 1 dos Gardacostas, que procedeu ao seu traslado até o Hospital do Barbanza, en Ribeira (O Barbanza).