![Nós Diario](/media/nosdiario/images/2023/01/10/2023011017211925549.png)
Redacción
31/out./23 - 12:42
Os catro tripulantes dun pesqueiro afundido fronte a Monte Louro, no municipio de Muros (comarca homónima), foron rescatados esta terza feira após lograren alcanzar as rochas tras naufragar o barco no que faneaban. O Nuevo Abeijón, con porto base en Noia (comarca homónima), afundiu na zona do Neixón na mañá desta terza, segundo informou Salvamento Marítimo, que recibiu o aviso ás 10.25 horas doutros pesqueiros que se atopaban na zona. Trataron de achegarse ao lugar, pero o mal estado do mar e a proximidade ás rochas impedían que puidesen auxiliar os tripulantes do pesqueiro, que lograron alcanzar unhas pedras para porse a salvo. Alí agardaron a ser recollidos polo helicóptero Pesca 1 dos Gardacostas, que procedeu ao seu traslado até o Hospital do Barbanza, en Ribeira (O Barbanza).