Agora

Heba Abu Nada, a poeta palestina asasinada por Isarel (Foto: @DaniMayakovski).
Agora

A AELG mostra o seu "profundo pesar" pola morte da poeta palestina Heba Abu Nada tras un ataque israelí

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) vén de mostrar o seu profundo pesar polo recente asasinato en Gaza da poeta e novelista palestina Heba Abu Nada, referente na loita polos dereitos das mulleres. Heba Abu Nada faleceu a consecuencia dun dos ataques realizados por Israel contra a poboación palestina. Na véspera, escribira: “Se morremos, saiban que estamos satisfeitos e firmes, e díganlle ao mundo, no noso nome, que somos persoas xustas do lado da verdade”. Tiña 32 anos, era bioquímica e nutricionista, ademais de poeta e autora de novelas como O osíxeno non é para os mortos.
Alumnado do centro Portovello de Ourense (Foto: Erguer. Estudantes da Galiza).
Agora

Erguer denuncia a "vulneración de dereitos estudantís" por parte do centro Portovello de Ourense

A organización estudantil Erguer. Estudantes da Galiza denuncia a imposición dunha normativa por parte do equipo directivo do centro Portovello de Ourense que “vulnera os dereitos do estudantado, non permitindo xustificar ningún tipo de faltas de asistencia salvo casos extremos como defuncións de parentes directos ou informe médico especializado”. O estudantado denuncia a “actitude de estreiteza por parte da directiva que teima en non dialogar co alumnado, e sinala o prexuízo académico que supón a imposibilidade de xustificar a non asistencia, ademais de reclamar a suspensión desta nova normativa polo abuso de poder que supón por parte do centro e pola invisibilización das diferentes circunstancias que poidan estar sufrindo as estudantes”.
Segue a evolución do prezo da luz en 'Nós Diario' (Foto: Nós Diario).
Agora

O prezo da luz aumenta esta segunda feira 42%

O prezo medio da luz para os clientes de tarifa regulada vinculados ao mercado almacenista subirá esta segunda feira, 23 de outubro, un 42% con respecto ao domingo, até os 124,12 euros por megawatt hora (MWh). Por franxas horarias, o prezo máximo, de 215 euros/MWh, rexistrarase entre as 20 e 21 horas, mentres que o prezo mínimo darase entre as 04 e as 05 horas, con 96,90 euros/MWh, segundo os datos provisionais do Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE). No que vai de outubro, a media do mercado eléctrico sitúase nos 103,64 euros/MWh, fronte aos 130 euros/MWh que rexistrou o 'pool' no mesmo período de 2022.

O ex presidente brasileiro Jair Bolsonaro o 16 de outubro. (Foto: Oslaim Brito / Europa Press / Contacto)
Agora

A Intelixencia brasileira espiou durante o mandato de Bolsonaro políticos e xornalistas

A Polícia Federal do Brasil trasladou hoxe que durante o mandato do presidente de extrema dereita Jair Bolsonaro, entre 2019 e 2023, a Agência Brasileira de Inteligência espiou de forma ilegal tanto rivais políticos como xornalistas, no comezo dunha investigación que aborda o uso dunha aplicación para seguir estas persoas durante tres anos. O programa, FirstMile, foi adquirido na presidencia do conservador Michel Temer (2016-2019).

Entrada á Audiencia Nacional. (Foto: Óscar Cañas / Europa Press).
Agora

A AN envía a prisión tres detidos en Granada e Barcelona por enaltecemento e adoutrinamento terrorista

O xuíz da Audiencia Nacional Santiago Pedraz acordou enviar a prisión tres detidos —un en Granada e os outros dous nun pobo de Barcelona— polos presuntos delitos de enaltecemento e adoutrinamento terrorista. Fontes xurídicas citadas pola axencia Europa Press confirmaron que o titular do Xulgado Central de Instrución Número 5 tomou esta decisión após pasaren ante el catro detidos. Un deles, natural de Madrid, foi posto en liberdade. As mesmas fontes confirmaron que os tres detidos aos que o maxistrado enviou a prisión foran detidos esta terza feira polo presunto adoutrinamento terrorista a través das redes sociais. O outro detido, que xa está en liberdade, foi detido esta quinta tamén en Madrid.
Desprendemento na A-6.
Agora

Continúa cortada a A-6 á altura de Becerreá tras un desprendemento de terra e rochas

O desprendemento de terra e rochas rexistrado na tarde desta quinta feira na autoestrada A-6, á altura de Becerreá (Os Ancares), mantén cortado un tramo deste vial, mentres se desenvolven as tarefas de limpeza a cargo dos servizos de mantemento, segundo informaron desde a DXT. O corte, no quilómetro 450 da autoestrada, afecta os carrís en sentido Arteixo, e xa nas últimas horas obrigou a habilitar un desvío pola N-VI. O desprendemento, ocorrido pouco antes das 18 horas desta quinta, non provocou danos persoais, pero un furgón foi arrastrado polas rochas e a terra que caeron.

Paula Chaves e Manuel Manquiña nunha escena da película.
Agora

'O home e o can' de Ángel de la Cruz chega a 22 salas de cinema da Galiza

O home e o can, o último filme do director Ángel de la Cruz, chega esta sexta feira a 22 salas de cine da Galiza, despois da súa preestrea, esta quinta, na Coruña. O filme, rodado integramente en galego e en branco e negro, conta con Manuel Manquiña e Paula Chaves como protagonistas dunha historia que mira, en palabras do director, cara a "esa Galiza rural cada vez máis despoboada, onde a soidade non elixida ás veces o abafa todo". De la Cruz engade que "non podemos estar máis satisfeitos coa traxectoria do proxecto porque antes da súa estrea nos cines xa leva quince premios". O filme bebe directamente das fontes do neorrealismo, xa que o cineasta "quería renderlle homenaxe ao neorrealismo, volver mostrar a realidade, sen adornos".
Desprendemento na A-6.
Agora

Un desprendemento á altura de Becerreá na A-6 arrastra un furgón sen danos persoais e corta a vía

Un desprendemento de terra e rocha na autovía A-6, á altura de Becerreá (Os Ancaress) en sentido A Coruña, obrigou a cortar a vía. Malia que non houbo que lamentar danos persoais, un furgón foi arrastrado polo noiro. A Garda Civil de Tráfico, segundo informaron a Europa Press as fontes consultadas, habilitaron un desvío pola N-6 mentres se realizan os traballos de retirada dos restos da vía. Así, ademais de efectivos de Tráfico, tamén se desprazaron até o punto dos feitos, ocorridos contra as 17.50 horas de hoxe no quilómetro 450, persoal de mantemento da vía para actuar ante o noiro pola marxe dereita.
No convento das Bernardas, en Lisboa, residen xa varias familias. (Foto: Sandra de Castro)
Agora

Un investigador propón acoller persoas sen fogar en mosteiros e conventos portugueses

Rolando Volzone, un investigador italiano, recomendou hoxe, no comezo da cuarta edición da Conferência Internacional Arquitecturas da Alma, no Mosteiro da Batalha, en Portugal, utilizar mosteiros e conventos que non estean en funcionamento para acoller persoas sen fogar. A medida “pode axudar a resolver puntualmente algúns problemas ligados á vivenda” no contexto da crise que sofre a poboación lusa neste eido, explicou.
Marcial Castro Guerra, falecido esta quinta feira (Foto: Concello de Santiago)
Agora

Falece Marcial Castro Guerra, alcalde de Santiago de Compostela entre 1981 e 1983

O Concello de Santiago manifestou o seu pesar pola morte de Marcial Castro Guerra, alcalde da capital galega entre os anos 1981 e 1983. Castro Guerra foi o segundo rexedor compostelán tras o final da ditadura. Membro de Unión de Centro Democrático, tomou a substitución de José Antonio Souto Paz -falecido en 2017- tras a dimisión do seu compañeiro de partido en 1981. A etapa na Alcaldía de Castro Guerra terminou dous anos despois, cando o resultado das eleccións municipais de 1983 permitiu ao socialista Xerardo Estévez facerse co bastón de mando grazas ao apoio de UCD.

Estudantado universitario (Foto: Europa Press).
Agora

Universidades galegas reivindican a importancia da innovación docente nunha xornada na Coruña

Representantes das universidades galegas reivindicaron a importancia da innovación docente nunha xornada na Coruña, que contou tamén coa presenza do secretario xeral de Univeridades, José Alberto Díez de Castro. Foi no marco da xornada promovida polo Centro de Formación e Innovación Educativa da Universidade da Coruña (UDC), xunto coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a de Vigo (UVigo). Trátase da primeira edición da Xornada Interuniversitaria Galega de Innovación Docente que aspira, segundo os seus responsábeis, a ser "un punto de encontro entre docentes universitarios de toda Galiza para pór en común experiencias e tecer redes de colaboración".

Liña de montaxe da fábrica de Stellantis en Vigo (Foto: Víctor Cameselle).
Agora

Novamente, a fábrica de Stellantis de Vigo suspende a súa produción esta quinta feira

A factoría viguesa da compañía automobilística Stellantis volverá suspender parte da súa produción esta quinta feira debido á falta de aprovisionamentos de certas pezas necesarias para os seus vehículos, mentres que cancelará toda a quenda de noite do próximo domingo. En concreto, tal como informou a empresa aos seus empregados, o Sistema 2, que ensambla as furgonetas das diferentes marcas do grupo, permanecerá sen actividade durante a quenda de mañá e de tarde da quinta. "Por causa de forza maior, como consecuencia da falta de aprovisionamentos, suspéndese a actividade do Sistema 2 nas quendas de mañá e tarde do xoves 19 de outubro", explica a compañía.

Edificio afectado polos combates en Khartún, a capital do Sudán, en setembro. (Foto: Mohamed Khidir / Europa Press / Contacto)
Agora

A OMS alerta: 10.000 crianzas poderían morrer este ano no Sudán pola guerra civil

A Organización Mundial da Saúde, un organismo da Organización das Nacións Unidas, advertiu hoxe que até 10.000 crianzas poderían falecer en 2023 no territorio sudanés por mor da guerra civil que comezou o 15 de abril, e que enfronta as Forzas Armadas do Sudán cos paramilitares das Forzas de Apoio Rápido. Nese sentido, reclamou “medidas urxentes” para axudar 7,1 millóns de persoas desprazadas internas, a cifra máis alta do planeta.
#eólicos #eólico #eólica #turbina #muíño #aeroxerador (Foto: Pedro Sala)
Agora

Arde por completo un aeroxerador dun parque eólico da Lama

Un aeroxerador situado no Monte do Ceo, no concello da Lama (comarca de Pontevedra) ardeu esta cuarta feira, segundo confirmaron desde a central de emerxencias do 112. O aviso deuse contra as 12.45 horas de hoxe e foron mobilizados efectivos dos Bombeiros do Salnés, o 061 —por prevención—, a Garda Civil, Protección Civil da Mancomunidade Oitavén-Tea —que non chegou a actuar— e o GES de Avión. No aviso informouse de que había chamas nun muíño, cuxa estrutura estas mesmas fontes confirmaron que quedou completamente calcinada.

Unha nai pasea co seu bebé nun carriño (Foto: Europa Press).
Agora

Entre xaneiro e agosto naceron 263 bebés menos que o pasado ano

Galiza rexistra un total de 9.270 nacementos nos oito primeiros meses de 2023, o que supón 263 menos (-2,76%) que no mesmo período de 2022, segundo os datos que publica o INE esta cuarta feira. No tocante ao mes de agosto, 1.185 bebés naceron no país, o que se traduce en 12,7% menos que no mesmo mes do ano anterior. Do total de 9.270 nais nos oito primeiros meses, o grupo maioritario é o de 35 a 39 anos de idade (3.037 nacementos), seguido de 30 a 34 anos (2.902). As nais de 40 anos ou máis foron 1.375, incluídas trece que tiñan 50 anos ou máis.
Centro loxístico le Lavacolla cheo delixo (Foto: CIG).
Agora

A CIG pide á Inspección de Traballo que feche o centro loxístico de Correos de Lavacolla por "risco biolóxico"

A CIG pediu ante a Inspección de Traballo que feche o Centro de Tratamento Automatizado (CTA) en Lavacolla, en Santiago de Compostela, por "risco biolóxico" debido á presenza de ratas, cascudas e insectos, segundo denuncia o sindicato. Nun comunicado, explica que se pide este fechamento mentres "non se proceda á limpeza e desinfección do centro de traballo", o cal se encarga da clasificación da correspondencia e paquetaría para toda a Galiza. Neste centro traballan unhas 150 persoas repartidas en tres quendas durante sete días á semana. A CIG alerta que este persoal traballa "en condicións insalubres". Apunta que hai 15 días o servizo de prevención de Correos confirmaba que había un risco moderado, pero advertía da posibilidade de risco grave, no cal se atopan agora, segundo estima o sindicato nacionalista.

Un temporal no pasado mes de decembro deixou ondas de até catro metros de altura. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)
Agora

Chuvia, vento e grandes ondas. Boa parte da costa galega en alerta amarela

As chuvias poñen en aviso amarelo boa parte do litoral galego por avisos de até 40 litros por metro cadrado en 12 horas. Ademais, os ventos, con refachos de até 90 quilómetros por hora, tamén terán afectación. Mentres, os fenómenos costeiros porán en risco importante a costa noroeste do país, onde soprarán ventos do suroeste de entre 62 e 74 quilómetros por hora (forza 8). Igualmente, terán risco por fenómenos costeiros, pero de nivel amarelo, as costas suroeste e norte da Galiza, onde os ventos soprarán tamén do suroeste pero con forza 7, de 50 a 61 quilómetros por hora.

Centro de atención de emerxencias do 112 Galiza (Foto: Xunta).
Agora

Falece un home mentres traballaba nun cortello en Friol

Un home perdeu a vida na tarde desta terza feira mentres traballaba no interior dun cortello situado en Friol (comarca de Lugo). Segundo apuntaron fontes do 112-Galiza a Europa Press, contra as 15 horas recibían unha chamada alertando de que unha persoa atopara a vítima no chan do cortello, situado no lugar da Cabana, parroquia de Nodar. O 112 mobilizou até o lugar os servizos sanitarios, o GES de Friol, Protección Civil e Garda Civil, que xa no lugar informou Emerxencias de que o home sufrira unha caída e que, cando chegaron os servizos de emerxencias, xa falecera. Con todo, outras fontes apuntan a que o falecido puido sufrir unha indisposición antes de caer.

O ministro de Exteriores, José Manuel Albares, nunha rolda de prensa. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
Agora

Albares ve resolto o "incidente" con Israel e di que Belarra non é "voz autorizada" para falar de política exterior

O ministro de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación en funcións, José Manuel Albares, deu por resolto o "incidente puntual" con Israel polas declaracións dalgúns membros do Goberno respecto ao ataque da resistencia palestina á vez que recalcou que as únicas "voces autorizadas" para falar de política exterior son o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e el mesmo. Por outra parte, o ministro non quixo entrar a valorar as declaracións realizadas nos últimos días pola ministra de Dereitos Sociais e líder de Podemos, Ione Belarra, que entre outras cuestións pediu levar a Israel ante o Tribunal Penal Internacional (TPI) polos presuntos crimes de guerra que se estarían cometendo en Gaza. Albares simplemente se limitou a dicir que Belarra “non é voz autorizada” para falar de política exterior.

Cordón policial no lugar do asasinato en Bélxica. (Foto: Hatim Kaghat / Belga / DPA)
Agora

A policía belga mata o autor do atentado de Bruxelas que deixou dúas mortes

A policía de Bruxelas matou o autor do atentado desta segunda feira á noite, no cal perderon a vida dous cidadáns suecos. O atacante foi Lassued Abdeslamn, un veciño de Bruxelas de 45 anos e de orixe tunisiana, que ía armado cun rifle de asalto e tamén feriu gravemente un taxista. Tras o ataque, as autoridades belgas suspenderon o partido entre a selección belga e a sueca, que se disputaba no estadio King Baldwin.A ministra belga do Interior, Annelies Verlinden, indicou que Abdeslamn resultou ferido por disparos da policía e, posteriormente, trasladado en ambulancia a un hospital para recibir reanimación na Unidade de Coidados Intensivos (UCI), onde finalmente faleceu.