Agora

Concentración na praza do Toural contra os ataques en Palestina (Foto: Nós Diario).
Agora

"Paz e liberdade para Palestina": Compostela berra contra as hostilidades da Faixa de Gaza

A compostelá praza do Toural acolleu unha concentración esta segunda feira baixo o lema ‘Paz e liberdade para Palestina’. Alí, as persoas manifestantes reclamaron o cesamento das hostilidades por parte do Estado de Israel e a liberdade do pobo palestino nunha xornada marcada polo aumento dos ataques por parte Israel contra a Faixa de Gaza.Tamén esta segunda feira Bruxelas anunciou que conxelaba a axuda humanitaria a Palestina, unha decisión na cal finalmente recuaron.

Reunión da Mesa Sectorial de Educación. (Foto: Xunta da Galiza)
Ensino

Os sindicatos decidirán esta terza feira se apoian a proposta de Educación de horarios e ratios, da que a CIG se desmarca

Os sindicatos decidirán esta terza feira se apoian ou non a proposta da Consellaría de Educación de rebaixa de horario lectivo para docentes e cocientes, da cal a Confederación Intersindical Galega (CIG) xa se desmarcou. A Consellaría de Educación trasladou esta segunda feira aos sindicatos a proposta definitiva, similar á xa avanzada a semana pasada. Así, dáse de prazo até o mediodía desta terza feira, 10 de outubro, para pronunciarse. A mesa sectorial está conformada por CIG, CCOO, ANPE e UXT. O secretario nacional de CIG-Ensino, Suso Bermello, incide no rexeitamento do seu sindicato a unha proposta que é "exactamente" igual á da semana pasada, "sen ningún tipo de cambio".

Néstor Rego intervén no Congreso (Foto: Alberto Ortega / Europa Press).
Agora

Rego reúnese mañá con Sánchez para negociar a investidura

O deputado e portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, manterá esta terza feira un encontro co presidente do Goberno español en funcións, Pedro Sánchez, no marco do inicio das negociacións para alcanzar un posíbel acordo de investidura. Rego advirte que o voto favorábel do Bloque á investidura de Sánchez "estará supeditado a que se adquiran compromisos claros coa Galiza". "Así llo imos transmitir mañá na reunión", avanza, sobre o encontro que decorrerá nas dependencias do grupo socialista no Congreso contra as 11.30 horas.
Piquete ás portas de Navantia.
Agora

Un piquete impide o acceso a Navantia Ferrol de operarios das auxiliares Gabadi e Moncina

Os traballadores das empresas auxiliares Gabadi e Moncina non puideron acceder na mañá desta segunda feira ás instalacións de Navantia Ferrol, pola presenza dun piquete que bloqueou o acceso como medida de protesta polo incumprimento de convenio. Desde os sindicatos acusan estas dúas compañías, que forman parte do mesmo grupo, de incumpriren os acordos salariais do convenio provincial do metal, que ten un anexo onde se recollen os soldos mínimos que teñen que percibir estes traballadores, e que no caso de Gabadi e Moncina, segundo os sindicatos, "están por baixo destas cantidades". Ademais, a parte empresarial estaba citada o pasado día 6 a reunirse coa comisión das auxiliares, pero non acudiu ao encontro, o que motivou que desde o ámbito sindical decidisen impedir os seus traballadores entrar no estaleiro de Ferrol.

Imaxe de arquivo dun casamento. (Foto: Nós Diario)
Agora

Galiza, entre os territorios con máis rupturas matrimoniais: 56,2 por cada 100.000 habitantes

O número de demandas de ruptura matrimonial —nulidades, separacións e divorcios— presentadas na Galiza no segundo trimestre deste ano foi de 1.517, o que supón 16,8% máis que as 1.299 do mesmo período de 2022, segundo os datos publicados hoxe polo Consello Xeral do Poder Xudicial. Galiza rexistra 56,2 demandas de ruptura matrimonial por cada 100.000 habitantes, por riba das 50,8 da media estatal. A taxa galega é a cuarta máis alta do Estado, só superada por Canarias (63,4), Balears (59,9) e País Valencià (57,5). Deste modo, aumentaron os divorcios consensuados (de 738 a 877, un 18,8%) e o non consensuados (de 515 a 605, un 17,5%). Pola súa parte, as separacións consensuadas foron 24 (nove menos que un ano antes) e as non consensuadas foron oito (cinco menos na comparativa interanual).
Segue en Nós Diario a evolución do prezo da luz. (Foto: Nós Diario)
Agora

O prezo da luz incrementa 1,94% esta sexta feira

O prezo medio da luz para os clientes de tarifa regulada vinculados ao mercado almacenista subirá esta sexta feira, 6 de outubro, 1,94%, até os 105,51 euros por megawatt hora (MWh). Por franxas horarias, o prezo máximo, de 130 euros/MWh, rexistrarase entre as 20 e as 21 horas, mentres que o prezo mínimo darase entre as 15 e as 16 horas, con 81,40 euros/MWh, segundo os datos provisionais do Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE). Neste primeiros seis días de mes, a media do mercado eléctrico sitúase por encima dos 104,8 euros/MWh. Setembro fechou cunha media de 103,3 euros/MWh.

Unha oficina de Abanca en Compostela (Nós Diario)
Agora

Dous homes atracan unha sucursal bancaria no Porriño

Dous homes atracaron na tarde desta quinta feira unha sucursal bancaria na localidade do Porriño (comarca de Vigo), segundo confirmaron fontes da Garda Civil. Os feitos ocorreron pasadas as 14.15 horas, cando dous homes entraron nunha oficina de Abanca do Porriño, polo menos un deles vestido cun chaleco de obra, para saír máis tarde con diñeiro da mesma. A Garda Civil, polo momento, descoñece a cantidade roubada.

Fontes do 112 indicaron que foi un particular o que alertou aos servizos de emerxencia de que dúas persoas estaban a atracar unha sucursal bancaria da Avenida de Bos Aires.O alcalde da localidade, Alejandro Lorenzo, indicou que as primeiras informacións apuntan a que os homes entrarían ao banco cun coitelo e un arma de fogo.

A Cidade da Xustiza de Vigo a ser desaloxada (Foto: Europa Press).
Agora

Unha falsa alarma de incendio obriga a desaloxar a Cidade da Xustiza de Vigo

A Cidade da Xustiza de Vigo foi desaloxada por unha falsa alarma de incendio que fixo soar os sinais acústicos minutos antes das 11 horas desta quinta feira. Esta situación obrigou a abandonar o inmóbel a todo o persoal e usuarios que se atopaban no interior do edificio xudicial da cidade olívica. Todos eles foron conducidos polo persoal de seguridade até o exterior da Cidade da Xustiza, á que, polo momento, non se desprazaron efectivos de bombeiros.Uns 15 minutos despois, tras comprobar que a alarma fora activada sen que respondese a unha situación de emerxencia, permitiuse o acceso ao edificio para retomar a actividade.

Presentación do exoesqueleto pediátrico na Coruña (Foto: Sinapse).
Agora

Presentan na Coruña o primeiro exoesqueleto para crianzas

Dous nenos, de sete e nove anos, probaron este mércores na Coruña o primeiro exoesqueleto pediátrico do mundo, posto no mercado por unha empresa en cuxo accionariado participa o Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC). En concreto, os nenos que o probaron son un menor que sofre unha patoloxía afín á parálise cerebral e outro que padece atrofia muscular espinal (AME). A xornada contou coa presenza de fisioterapeutas e terapeutas ocupacionais de Aspace-A Coruña, GalicaAme e Amencer-Aspace para recibir formación e ver en funcionamento do exoesqueleto.
Juan Carlos Rodríguez Ibarra, ex presidente de Estremadura (Foto: Andrés Rodríguez / Europa Press).
Agora

O ex presidente socialista de Estremadura, Rodríguez Ibarra, compara a amnistía "cunha violación"

O ex presidente socialista de Estremadura e membro do PSOE, Juan Carlos Rodríguez Ibarra, comparou a posíbel amnistía dos presos políticos do procés cunha “violación” que afecta a corenta millóns de españois. Nunha intervención no Forum Europa -presentou unha conferencia de Juan Luis Cebrián, presidente de honra do diario El País-, apuntou que se alguén incumpre a constitución española, está a vulnerar a el e o seu voto, porque votou "a esta España como é". "Como se pode tolerar que alguén viole a corenta millóns de españois?", acrecentou.

Cartaz promocional de 'Land Rober'.
Agora

O 'Land Rober' da TVG leva o presidente da Xunta a "pintar a mona"

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acudirá esta quinta feira (22 horas) ao Land Rober Tunai Show, o programa que dirixe Roberto Vilar na TVG, para "pintar a mona". Será a primeira vez de Rueda nun programa de entretemento e, aproveitando a situación, facendo un xogo de palabras co seu nome, porano a "proba na ficción nunha 'Rueda de prensa'". O programa suxire que "igual lle toca bailar" co Combo Dominicano. Roberto Vilar xa recibiu en 2016 o ex presidente da Xunta Alberto Núñez Feixoo, quen tamén participou telefonicamente no programa con ocasión da presenza de Luís Zahera, a quen se considera de forma ficticia o "xemelgo" do ex mandatario galego, para felicitalo polo seu Goya.
Muller conducindo un coche.
Agora

Sorprenden unha nena de 13 anos ao volante dun coche en San Cibrao das Viñas

Unha nena de 13 anos foi sorprendida ao volante dun coche nas inmediacións do polígono industrial de San Cibrao das Viñas (comarca de Ourense). Unha patrulla da Garda Civil de Tráfico observou ás 15.30 horas do pasado domingo un vehículo que realizaba manobras erráticas na contorna do parque industrial, polo que decidiu darlle o alto. Os axentes descubriron que ao volante estaba unha rapaza de 13 anos á que o seu pai, no asento de copiloto, estaba a dar clases de conducir. Por iso, o pai está investigado como cooperador necesario na comisión dun posíbel delito contra a seguridade viaria que non pode ser atribuído á nena por ser inimputábel, aínda que o seu caso foi trasladado á Fiscalía de Menores. A Garda Civil de Ourense afirma que detectou seis episodios similares nos últimos meses e advirte que as sancións poden ser de tres a seis meses de cárcere e multa de doce a 24 meses.
Furgoneta accidentada en Baralla.
Agora

Ferido o condutor dunha furgoneta que impactou contra un camión na A-6 ao seu paso por Baralla

O condutor dunha furgoneta resultou ferido nun accidente de circulación rexistrado na noite da pasada terza feira na autovía A-6 ao seu paso polo municipio de Baralla (Lugo). O sinistro protagonizado por un furgón e un camión articulado tivo lugar ás 22 horas á altura do punto quilométrico 465 da autovía A Coruña-Madrid en sentido decrecente. O incidente saldouse cun ferido, o condutor da furgoneta, que tivo que recibir asistencia sanitaria. A colisión obrigou a desviar o tráfico pola N-6 até que os vehículos foron retirados e finalizouse coa limpeza da vía.
Bandeiras da CIG e da patria galega (Foto: Nós Diario).
Agora

A CIG convoca mobilizacións nas sete cidades galegas contra a "carestía da vida"

A Confederación Intersindical Galega (CIG) convocou para esta cuarta feira día 4 de outubro, asembleas de delegadas e delegados para analizar a actual situación económica, laboral e social. Ao seu remate, están previstas concentracións simultáneas, nas sete cidades, ás 12 horas. A central sindical denuncia o “gravísimo incremento dos prezos dos produtos de primeira necesidade, que está provocando, á súa vez un medre desbocado da inflación”. Unha situación que, xunto a suba do euribor e, en consecuencia das hipotecas, está afogando economicamente as familias e a clase traballadora no seu conxunto.
Unha cadela de compañía (Foto: Nós Diario).
Agora

Actívase o protocolo de incidentes de ciberseguridade ante un posíbel acceso a datos do rexistro de animais de compañía

A Xunta activou o protocolo estabelecido para incidentes de ciberseguridade perante a posibilidade de que se produciu un acceso aos datos dos usuarios da aplicación do rexistro de animais de compañía (Regiac). Tal e como se detalla no Diario Oficial da Galiza (DOG) desta terza feira a Dirección Xeral de Patrimonio Natural informa de que recibiu unha comunicación mediante a que se traslada que se produciu un incidente de seguridade informática que afectou aos datos persoais das persoas titulares de animais de compañía inscritos no Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía da Galiza (Regiac).
ambulancias-galicia-sergas-contrato
Agora

Morre atropelado un home de 59 anos en Santiago

Un home de 59 anos faleceu na madrugada desta terza feira ao ser atropelado por un vehículo no barrio de Conxo de Santiago de Compotela. O suceso produciuse contra as 5.44 horas desta terza feira, segundo informou Urxencias Sanitarias 061. Até o lugar do accidente desprazouse unha ambulancia do 061 que non puido facer nada pola vida do home, de iniciais J.S.S. e que tiña 59 anos.
As illas Sisargas,en Malpica (Foto: Concello de Malpica).
Agora

Salvamento Marítimo rescata un pesqueiro cun fallo no motor nas illas Sisargas

Salvamento Marítimo prestou auxilio esta segunda feira a un pesqueiro que se atopaba en problemas ao sur das Illas Sisargas, na costa noroeste galega. Foi o propio barco, con dúas persoas a bordo, o que pediu axuda a Salvamento Marítimo, despois de que o motor parase e non arrincase. Até a zona onde se produciron os feitos mobilizouse á LS Bianca, de Cruz Vermella, que remolcou a embarcación até o porto de Malpica.

Gonzalo Pérez Xácome, durante un pleno municipal. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
Agora

O Colexio de Xornalistas volve reprobar o alcalde de Ourense após atacar unha xornalista

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas da Galiza trasladou esta segunda feira, "unha vez máis", o seu rexeitamento a un "novo trato despectivo" do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, cara a unha profesional da comunicación, logo de sinalar publicamente a xornalista de La Voz de Galicia Ruth Nóvoa, "vítima duns ataques e insultos nos que á impertinencia e á completa falta de respecto súmase unha certa compoñente sexista que fai aínda máis impropia e condenábel" a conduta do rexedor, censuran desde o Colexio. "Xa é tempo de que o rexedor cese por completo a súa estratexia de desprezos reiterados cara aos e ás profesionais do xornalismo, completamente intolerábeis nun cargo público", engaden.
Felipe VI e Pedro Sánchez, na Zarzuela. (Foto: Europa Press)
Agora

Felipe VI inicia a rolda de consultas para designar un novo candidato á investidura

O xefe do Estado español, o rei Felipe VI, inicia esta segunda feira no Pazo da Zarzuela (Madrid) a rolda de consultas para designar un novo candidato á investidura, logo de fracasar o intento do líder do PP, Alberto Núñez Feixoo. O favorito —e quen, agás sorpresa maiúscula, será elixido polo rei— é o presidente do Goberno en funcións, o socialista Pedro Sánchez. Ao longo do día de hoxe Felipe VI recibirá as e os líderes das formacións políticas representadas no Congreso para sondar os posíbeis apoios na investidura agás BNG, ERC, Junts e EH Bildu, que acordaron 'plantar' o monarca.
Alexia Putellas, Jennifer Hermoso e Irene Paredes, celebrando o triunfo no Mundial. (Foto: Jose Breton / Afp7 / Europa Press)
Agora

O xuíz toma declaración hoxe ás xogadoras Alexia Putellas, Irene Paredes e Misa Rodríguez polo 'caso Rubiales'

O xuíz da Audiencia Nacional que investiga o ex presidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF) Luis Rubiales polo bico que propinou sen consentimento á xogadora Jennifer Hermoso na entrega de trofeos do Mundial en Sidney (Australia) tomará declaración a partir das 10 horas desta segunda feira, como testemuñas, ás xogadoras Alexia Putellas, Irene Paredes e Misa Rodríguez. Dúas delas comparecerán por videoconferencia e unha de forma presencial ante o titular do Xulgado Central de Instrución Número 1, Francisco de Jorge, que investiga presuntos delitos de agresión sexual e coaccións contra Rubiales.