Agora

Autoestrada AG-55. (Foto: Grupo Itínere)
Agora

A autoestrada Carballo-A Coruña terá cortes puntuais entre hoxe e a quinta feira por arranxos do firme

A autoestrada autonómica Carballo-A Coruña (AG-55) contará con cortes puntuais entre esta segunda e a quinta feira, do 2 ao 5 de outubro, debido aos traballos para arranxar o firme da vía. Sempre que o permita o tempo, están previstas actuacións nos ramais das ligazóns situadas nos quilómetros 8 (Sabón), 29 (Carballo leste) e 33 (Carballo norte). Sinalizarase cada zona de traballo e habilitaranse os correspondentes desvíos. Ademais, na sexta feira, 6 de outubro, realizaranse traballos de reforzo de firme en carrís de saída e entrada de varias ligazóns, que só requirirá o corte na zona de traballo, polo que a circulación terá lugar por carrís adxacentes. En total, actuarase sobre características superficiais do firme en 64.900 metros cadrados e estruturais en 29.667 metros cadrados.
O ex alcalde de Quiroga, Julio Álvarez.
Agora

O ex alcalde de Quiroga Julio Álvarez (PP), detido por violencia machista

O que fora alcalde de Quiroga (comarca homónima) entre 1987 e 2023, Julio Álvarez (PP), foi detido na tarde desta quinta feira pola Garda Civil por un delito de violencia machista, segundo avanza o xornal El Progreso. Foi arrestado por presuntamente golpear á súa muller e pasou a disposición xudicial na mañá desta sexta feira.
Epicentro do sismo.
Agora

Ordes rexistra un terremoto de magnitude 2

A veciñanza do concello de Ordes, na comarca homónima, percibiu na mañá desta sexta feira, un tremor de terra de magnitude 2 na escala de Richter. En concreto, segundo reflicten os datos do Instituto Xeográfico Nacional, o terremoto produciuse contra as 10.14 horas, con epicentro ao noroeste da localidade.
Centro de atención de emerxencias do 112 Galiza (Foto: Xunta).
Agora

Unha moza queda atrapada nunha bufarda en Viveiro ao tentar rescatar o seu gato

Unha moza quedou atrapada na bufarda da súa vivenda, situada na localidade mariñá de Viveiro, cando tentaba rescatar o seu gato, polo que foron os bombeiros os que finalmente tiveron que axudalos a ambos. Segundo informa o 112-Galiza, os feitos ocorreron minutos despois das 21 horas desta pasada quinta feira, cando a muller, facendo uso dunha manta, baixou polo oco da bufarda, xa que o seu gato estaba alí e non podía saír. Con todo, cando quixo volver subir, non foi capaz, polo que a súa nai pediu axuda aos bombeiros. Unha vez na vivenda, situada na avenida de Lourdes de Viveiro, os efectivos rescataron tanto a muller como o felino, que se precipitara dous ou tres metros máis abaixo da cuberta onde estaba a súa dona.
Unidade móbil para a doazón de sangue. (Foto: ADOS)
Agora

Chaman a doar sangue ante as baixas reservas de sangue A positivo e 0 positivo

As reservas de sangue de tipo A positivo e 0 positivo atópanse en nivel baixo na Galiza, polo que a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) fai un chamamento a doar. Pola súa parte, os tipos de sangue A negativo, AB negativo e 0 negativo están en nivel normal de reserva. Só os tipos B negativo e AB positivo contan con reservas en bo nivel. ADOS, dependente do Sergas, fai fincapé en todas as persoas que precisan dunha transfusión debido a unha operación, un transplante de órgano, un cancro, un accidente de tráfico ou unha hemorraxia, entre outros motivos. Para unha atención axeitada necesítanse perto de 500 doazóns de sangue ao día no conxunto do país. Así, pódese doar nos sete puntos das principais cidades e nas dez unidades móbiles que percorren diariamente os municipios.
Ángel Ron, presidente do Banco Popular até 2017 (Foto: Europa Press).
Agora

Ángel Ron pide ao xuíz que arquive a investigación contra el sobre a ampliación de capital do Banco Popular en 2012

A defensa do ex presidente do Banco Popular —hoxe disolto e absorbido por Santander— Ángel Ron pediu ao xuíz da Audiencia Nacional que investiga a ampliación de capital da extinta entidade en 2012 o arquivo da causa para o seu representado ao abeiro do informe dos peritos do Banco de España, que resalta que a operación "foi un éxito", que as contas "expresaban a imaxe fiel" do banco e que supuxo "un bo investimento con independencia da rendibilidade que obtivese cada un dos accionistas". A través dun escrito, a representación legal de Ron defendeu que non é necesario que os citados peritos acudan á sede xudicial a ratificar o informe emitido en xullo e que, dado que non quedan por practicar dilixencias, non se debe acordar unha prórroga da instrución —vence o 8 de outubro—.
Un axente e un vehículo da Policía española. (Foto: Policía).
Agora

Prisión provisional para un home detido en Lugo como presunto autor dunha agresión sexual

A maxistrada do Xulgado de Instrución número 2 de Lugo vén de decretar o ingreso en prisión provisional comunicada e sen fianza dun home investigado por un delito de agresión sexual, segundo confirmaron fontes xudiciais. Os feitos sucederon durante a fin de semana na cidade amurallada e o investigado foi detido na xornada do domingo pola Policía Nacional.
Manda de xabarís. (Foto: Gonzalo Varas)
Agora

Até 131 peticións de batidas de xabaril nos primeiros 11 días de 'emerxencia cinexética'

A Xunta da Galiza rexistrou un total de 131 peticións de batidas de xabaril nos primeiros 11 días de 'emerxencia cinexética'. Confirmouno esta cuarta feira no pleno do Parlamento a conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, a preguntas da deputada do PP Begoña Abeijón, á que deu esta información salientando a "total colaboración" da Xunta cos concellos e o resto de institucións. Vázquez precisou que é "competencia" dos concellos preservar as zonas urbanas e periurbanas e que por iso é necesario, tamén, autorizar a instalación de gaiolas para atrapar xabarís co obxectivo de "frear a peste porcina". Aliás, ironizou con que estes animais non van "de Curtis" até "A Coruña" de compras, senón que viven na propia contorna da cidade herculina, polo que pide aos concellos controlar as camadas e as zonas onde habitan estes exemplares, dos que se abateron 18.397 na tempada de caza 2021-22.
Xurxo Doval e Lara Méndez. (Foto: Europa Press)
Agora

'Revolta nas aulas', a campaña das Xuventudes Socialistas para exixir máis financiamento en educación

Xuventudes Socialistas presentou esta cuarta feira na Universidade da Coruña (UDC) a campaña 'Revolta nas aulas' co obxectivo de demandar melloras no ámbito educativo e financiamento. O seu secretario xeral, Xurxo Doval, precisou que buscan xerar "pensamento crítico" entre o estudantado ante a "falta de financiamento". Doval demandou unha primeira matrícula gratuíta na universidade e financiamento para os comedores, "que subiron 21%". Ademais, alertou do custo do material escolar, polo que reclamou máis medidas de apoio ás familias, alén de incidir na gratuidade dos libros de texto, que o PP rexeita "cando sacan o bono deportivo". "Hai un desmantelamento encuberto da FP, están a incrementarse as horas de formación virtual cando se perde calidade", engadiu, ao que sumou, entre outras demandas, a dun técnico "que sirva de ligazón" co ámbito empresarial.

Un temporal no pasado mes de decembro deixou ondas de até catro metros de altura. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)
Agora

Alerta amarela na costa noroeste do país por ondas de até catro metros

A costa noroeste do país e a Costa da Morte estarán esta cuarta feira en aviso amarelo, entre as 21 horas e a madrugada da quinta, por mar de fondo con ondas que poden alcanzar os catro metros. Segundo informa Meteogaliza, está previsto que este aviso amarelo por mar de fondo se prolongue até as 3 horas da madrugada da quinta.Unha nova fronte atlántica traerá un ascenso das temperaturas máximas, que subirán na área cantábrica, alto Ebro e Xirona, segundo a predición da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) que alerta de intervalos de vento forte no litoral noroeste da Galiza.

Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 da Galiza, no municipio da Estrada (Foto: Europa Press).
Agora

Unha persoa é trasladada a un centro sanitario tras caer co seu vehículo por un terraplén en Maside

Os bombeiros do Carballiño-O Ribeiro excarceraron na madrugada desta terza feira unha persoa que se saíu da vía e caera por un terraplén en Maside (comarca do Carballiño), polo que foi trasladada a un centro sanitario. Tal como informou o 112 Galiza, foi sobre as 03.20 horas cando os servizos de emerxencia tiveron constancia do accidente, rexistrado no punto quilométrico 79 da AG-53, ao seu paso pola localidade de Maside. Segundo contaba o alertante, un coche saltara a mediana e precipitouse por un terraplén. Por iso, non se podía circular pola vía e tampouco acceder ao vehículo sinistrado.

Persoal de Navantia bloqueando a entrada o estaleiro en Ferrol. (Foto: Europa Press).
Agora

Impugnan o censo das eleccións sindicais de Navantia-Ferrol por incluír "representantes da empresa"

A CXT vén de impugnar ante a mesa electoral central de Navantia-Ferrol o censo provisional para as eleccións sindicais que decorrerán en outubro, por supostamente incluír persoas que son "representantes da empresa". Segundo denuncia a organización, o censo inclúe directores, membros do comité de dirección e representantes da compañía presentes na comisión negociadora do convenio colectivo. Neste contexto, a CXT cualifica de "aberración" que estas persoas "poidan votar para escoller aos que van ser os seus interlocutores nas relacións laborais". Por iso, remarcan, "deben ser excluídos do censo".
O 'Galita' pódese consultar na web do Centro Ramón Piñeiro.
Agora

O Centro Ramón Piñeiro estrea 'Galita', o primeiro dicionario en liña galego-italiano

O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades presentou esta segunda feira en Compostela o Dicionario galego-italiano Galita, o primeiro dicionario bilingüe en liña que permite a conversión directa entre estas dúas linguas románicas. Trátase dun proxecto pioneiro dentro da lexicografía contrastiva que, baixo a dirección da catedrática emérita da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Isabel González, "facilita a difusión do galego máis aló das súas fronteiras como canle divulgadora da nosa cultura e da nosa fala", sinalou Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta da Galiza, nun acto no que tamén participaron Armando Requeixo, secretario do Centro, e Manuel González, coordinador científico.
Alberto Núñez Feixoo e Alfonso Rueda, nun acto do PP durante o pasado verán. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
Agora

Rueda viaxará mañá a Madrid para acompañar Feixoo na sesión de investidura

O líder do PP e candidato á Presidencia do Goberno español, Alberto Núñez Feixoo, protagonizará o debate de investidura desta terza feira no Congreso, unha sesión na que estará arroupado polos seus 'baróns' territoriais, entre eles o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, que incluíu o desprazamento a Madrid na súa axenda oficial como titular do Executivo galego. Feixoo ofrecerá un discurso "moi propositivo" que incluirá propostas "económicas, sociais e institucionais" e que durará perto dunha hora e media, como preludio dunha votación, salvo sorpresa, condenada ao fracaso.
Vacinas contra o virus sincituial (Foto: Xunta da Galiza).
Agora

Comeza a vacinación en bebés contra o virus respiratorio sincitial, causante de 80% dos ingresos

Sanidade iniciou esta segunda feira a campaña de inmunización pediátrica contra o virus respiratorio sincitial (VRS), que supón entre 80 e 85% dos ingresos en bebés, segundo datos achegados con motivo das primeiras vacinacións en recentemente nados tras a chegada de 15.500 doses ao país. Así o explicou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nunha visita ao Hospital Materno Infantil da Coruña na cal estivo acompañado pola directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, e o xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, Luís Verde, xunto a outros profesionais sanitarios, entre eles o xefe da Unidade de Pediatría do Materno, Jerónimo Pardo. 

Torreta eléctrica (Foto: David Zorrakino / Europa Press).
Agora

O prezo da luz aumenta 43,4% e marca o nivel máis alto do último mes

O prezo medio da luz para a clientela de tarifa regulada vinculada ao mercado almacenista sobe esta segunda feira, 25 de setembro, 43,42% con respecto a onte, até os 119,05 euros por megawatt hora (MWh), o nivel máis alto desde o pasado 24 de agosto. Por franxas horarias, o prezo máximo, de 160 euros/MWh, rexistrarase entre as 21 e as 22 horas, mentres que o prezo mínimo darase entre as 14 e as 15 horas, con 85,93 euros/MWh, segundo os datos provisionais do Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE). No que vai de mes, a media do mercado eléctrico sitúase nos 100,98 euros/MWh, fronte aos 146,81 euros/MWh que rexistrou no mesmo período de setembro de 2022 o prezo do 'pool'.
antonio cabaelos sanx
POLÍTICA

Loito oficial no Concello de Sanxenxo polo falecemento do concelleiro do PSdeG Antonio Cacabelos

O Concello de Sanxenxo cancelou todos os actos oficiais previstos para estes días polo falecemento do concelleiro do PSdeG Antonio Cacabelos, que tamén era o presidente do Club de Xubilados de Portonovo. Desta forma, decretou o loito oficial até a segunda feira e as bandeiras ondearán a medio mastro. Así, suspendeu os actos inaugurais da Festa da Empanada e o Pleno ordinario da xornada a segunda feira. Os concelleiros municipais expresaron as súas máximas condolencias a familiares e amigos do falecido.

O escritor e director da Editorial Galaxia, Francisco Castro (Foto: Judith Cendón).
Agora

A Editorial Galaxia ratifica a dimisión de Francisco Castro

O Consello de Administración da Editorial Galaxia, reunido esta sexta feira após os últimos acontecementos, acordou aceptar a dimisión como director xeral de Francisco Castro, avanzada a pasada segunda feira. A editorial agradécelle "os servizos prestados" desde que accedera ao cargo en 2016 e fica pendente de elixir o seu sucesor ou sucesora, unha incógnita polo de agora.

Sorteo Copa do Rei de balonmán.
Agora

Alcobendas, Puerto Sagunto e Mallorca, rivais dos equipos galegos na Copa de balonmán

A Real Federación Española de Balonmán (RFEBM) sorteou esta sexta feira os enfrontamentos para a primeira eliminatoria da Copa do Rei, torneo no que participan os tres equipos galegos que xogan na Liga Asobal —BM Cangas— e na División de Honra Prata —BM Cisne e Atlético Novás—. Só os pontevedreses do Cisne terán diante un equipo da súa mesma categoría, o BM Alcobendas —en Madrid—, pois o Cangas visitará o Mallorca, da categoría de prata, e o Novás recibirá na casa unha escuadra da elite, o Puerto Sagunto.
Vista exterior do CEIP Igrexa-Candeán, en Vigo (foto: Google Maps).
Agora

Denuncian discriminación e falta de transporte escolar no CEIP Igrexa-Candeán, en Vigo

O Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galiza (STEG) vén de denunciar a situación que se vive actualmente no CEIP Igrexa-Candeán, situado nunha parroquia rural do concello de Vigo, e que é “representativa da marxinación que sofre o rural galego”. O CEIP pasou de ter 200 matrículas hai 15 anos a 70 no presente curso, debido entre outras cousas “á falta de transporte escolar que leva a moitas familias a matricular ás súas crianzas nos centros privados-concertados, os cales dispoñen de transporte escolar”, indican.