Agora

O tren MD 9082 non saíu de Vigo-Urzaiz por falta de maquinista.
Agora

Renfe emite 41.800 abonos gratuítos para viaxar en Media Distancia e Avant na Galiza

Renfe emitiu un total de 41.800 abonos gratuítos de Media Distancia e Avant na Galiza para viaxar entre o 1 de setembro e o 31 de decembro de 2023. Segundo informa a operadora ferroviaria, do total de títulos expedidos, 41.764 corresponden a abonos gratuítos para Proximidades e Media Distancia, e os 37 restantes para o servizo Avant, bonificado a 50%, que une Ourense con Zamora, A Gudiña e Sanabria. En todo o Estado, Renfe superou o millón de abonos gratuítos expedidos para viaxar en Proximidades, Rodalies e Media Distancia neste último trimestre.
Axentes da Policía española nunha rúa de Madrid durante o aviso de bomba. (Foto: @vzla_ep)
Agora

Un aviso de bomba durante un congreso da OTAN en Madrid obriga a desaloxar varias rúas

Ás 14.30, durante un congreso da OTAN, recibiuse unha ameaza de bomba no Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación (CDTI), dependente do Ministerio de Ciencia, localizado no número 4 da céntrica rúa Cid en Madrid. Como medida de precaución, máis de 150 persoas foron desaloxadas do edificio, e fecharon ao tráfico nas rúas circundantes. Unha medida cautelar que tamén provocou o feche doutros edificios públicos como veciño Museo Arqueolóxico Nacional e da Biblioteca Nacional, que viron interrompidas a súa actividade pola alerta terrorista.

#bebé #natalidade #nacementos (Foto: Nós Diario)
Agora

A natalidade continúa á baixa na Galiza

Os falecementos descenderon un 7,63% na Galiza Galicia até mediados de agosto en relación co mesmo período do ano anterior, mentres que os nacementos baixaron tamén, por volta de 1,12%, en xullo en comparación con igual mes de 2022, segundo as últimas estimacións do INE, difundidas esta cuarta feira. No caso das defuncións, alcanzaron as 21.506 até a semana 34 do presente exercicio no país, mentres que o pasado ano foron 21.506 até esa mesma data. E no que atinxe aos nacementos, foron 8.080 no acumulado do ano, neste caso con datos recollidos até xullo. Son 1,12% menos en variación interanual, debido a que 12 meses atrás ascendían a 8.172.
Planta de Stellantis, antiga Citroën, nas inmediacións de Balaídos na cidade de Vigo (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press).
Agora

Stellantis Vigo suspende hoxe dúas novas quendas por falta de pezas

A dirección da factoría viguesa do grupo automobilístico Stellantis vén de comunicar ao persoal novas alteracións na actividade, con paradas que afectarán un dos sistemas de produción pola falta de subministracións. En concreto, a escaseza de pezas necesarias para a fabricación dos seus vehículos obrigará a compañía a parar o sistema 1, onde se ensamblan os Peugeot 2008 e 301 e o Citroën C-Elysée, durante a quenda de tarde e noite desta cuarta feira. A produción na factoría viguesa xa estivo parada en varias quendas antes na últimas semana, e tamén houbo alteracións xusto despois do regreso do cadro do período vacacional.
Unidade móbil para a doazón de sangue. (Foto: ADOS)
Agora

ADOS chama a doar ao permanecer baixas as reservas dos grupos A+ e 0- nos hospitais

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) realizou un chamamento xeneralizado á participación da poboación galega na doazón de sangue e, de maneira especial, ás persoas doadoras dos grupos A+ e 0-. Nun comunicado, a Consellaría de Sanidade explica que as reservas destes grupos presentan niveis baixos, polo que é preciso reforzar o permanente chamamento á participación nas campañas de doazón que realiza a través de ADOS.

Dorothé na vila.
Agora

O documental 'Dorothé na vila', sobre o legado de Schubarth, xa en aberto

A pasada semana finou en Xenebra a etnomusicóloga suíza Dorothé Schubarth, unha das persoas que máis fixeron pola recuperación e posta en valor do folclore musical da Galiza. E co gallo do seu pasamento os directores Alejandro Gándara e Olaia Tubío veñen de pór en aberto, a través da plataforma Vimeo (nesta ligazón), o documental Dorothé na vila, unha obra que segue o rastro de Schubarth no seu percorrido pola Galiza desde finais dos anos 70, nun periplo que as levou a descubrir as historias que se agochan tras o Cancioneiro Popular Galego.
Ambulancia do 061 (CIG)
Agora

Atopan un ciclista falecido na parroquia pontevedresa de Salcedo

Un ciclista foi localizado inconsciente cando circulaba por Salcedo, en Pontevedra, sobre o mediodía desta segunda feira. Segundo informa a central de emerxencias do 112-Galiza, recibíronse varias chamadas de alertantes particulares que indicaban que atoparan a un ciclista inconsciente no chan. Así, foron mobilizados efectivos de Urxencias Sanitarias da Galiza-061, Bombeiros de Pontevedra, Policía Nacional e Local, da Garda Civil de Tráfico e dos membros de Protección Civil de Pontevedra. Cando chegaron ao lugar, porén, os servizos sanitarios só puideron confirmar o seu falecemento.
Luís Bará, do BNG, en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)
Agora

O BNG ve a Rueda "esgotado" e avisa de que "está preparado" para ofrecer unha alternativa para Galiza

O viceportavoz parlamentario do BNG, Luís Bará, considerou hoxe en rolda de prensa que o Goberno de Alfonso Rueda está "esgotado" e vive un "fin de ciclo" ante o que a súa formación está "preparada" para "ofrecer unha alternativa" para Galiza. "Estamos ante un Goberno esgotado, de fin de ciclo que perdeu pulso e impulso, que ten un balance moi negativo. E é un Goberno absolutamente supeditado á axenda do PP de Madrid", dixo. Sobre o pleno desta semana na Cámara galega, afirmou que se poderá ver como os deputados galegos reciben "instrucións" para traer aquí o debate coa "estratexia de supervivencia" dun Alberto Núñez Feixoo "condenado ao fracaso na súa investidura". Preguntado pola posíbel data das eleccións, Bará sostivo que Rueda as convocará "cando lle interese ao PP" e a el mesmo. "Xogará co calendario", asegurou, ao tempo que advertiu: "O BNG vai a por todas para conquistar a hexemonía social e a Presidencia da Xunta".

A deputada socialista Begoña Rodríguez Rumbo, hoxe, en rolda de prensa. (Foto: Europa Press)
Agora

O PSdeG insiste en que Rueda convocará as eleccións "en función do interese electoral do PP"

A viceportavoz parlamentaria do PSdeG, Begoña Rodríguez Rumbo, insistiu esta segunda feira en que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, convocará as eleccións galegas "en función do interese electoral" do Partido Popular. Así se pronunciou en rolda de prensa ao ser preguntada polas declaracións de Rueda o domingo á Cadena SER, nunha entrevista na que eludiu pór data aos comicios porque "agora non toca". Na súa intervención de hoxe, Rodríguez Rumbo sostivo que "se hai un estilo Rueda" polo momento non se coñece. "Seguimos coñecendo o estilo Feixoo, o seguidismo de Feixoo no que cede sempre o protagonismo e non acaba de asumir que é o presidente do Goberno galego", lamentou. Fronte a isto, a parlamentaria socialista dixo que Rueda "ten que pór o seu sinal" e "cambiar o estilo que durante 14 anos" fixo a Galiza "ser menos e ter menos recursos públicos".
Tren accidentado en Montmeló. (Foto: VilaWeb)
Agora

Catro mortos nun atropelo de tren en Montmeló (Catalunya) nun lugar prohibido a peóns

Catro persoas morreron ao ser atropeladas por un tren da liña R3 de Rodalies Renfe perto do municipio catalán de Montmeló (Vallès Oriental), entre as estacións de Parets del Vallès e Granollers-Canovelles, nun lugar prohibido para peóns. Tres dos afectados foron trasladados en estado leve ao Hospital de Mollet (Mollet del Vallès), e outra persoa foi dada de alta in situ. O accidente produciuse contra as 20.22 horas, cando un grupo de sete persoas cruzou a vía "nun punto non autorizado, en curva e de difícil visibilidade" e un tren da liña R3 atropelounos, segundo fontes de Renfe. O convoi atopouse coas persoas e non puido "evitar o impacto".
Roberto Caeiro. (Foto: Concello de Cuntis)
Agora

Falece Roberto Caeiro, concelleiro e portavoz de PSdeG de Cuntis

Roberto Caeiro, concelleiro e portavoz do PSdeG do municipio pontevedrés de Cuntis, faleceu esta sexta feira, 8 de setembro, segundo confirmou o propio consistorio municipal. O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, publicou nas súas redes sociais unha mensaxe no que envía condolencias á familia e a todos os que "tiveron a sorte de tratar a unha persoa tan especial". Pola súa banda, o PP de Cuntis tamén mostrou o seu "máis profundo pesar" e enviou as condolencias aos familiares e amigos. Roberto Caeiro estaba á fronte, tras as pasadas eleccións municipais, do departamento de Turismo, Patrimonio e Medio Ambiente, e da portavocía.

 

embarcacións tradicionais
Agora

Aprázase a Feira do Mar na Terra da Estrada por mor das previsións meteorolóxicas

Este sábado 9 e domingo 10 de setembro ía ter lugar no lugar de Torreboredo, na Estrada (Terra de Montes), a Feira do Mar en Terra, que busca mostrar e revalorizar o patrimonio marítimo nas súas diferentes vertentes. Esta sexta feira, anunciouse que por mor das previsións meteorolóxicas, foi preciso aprazar a feira “até novo aviso”. "Pedimos desculpas polas molestias, e aínda que nos dá moita pena, dámoslle a benvida á choiva que nos vai visitar e que dará de beber á nosa terra", anunciaron desde a organización da feira.

Imaxe do programa #CódigoAna (Foto: Nós Diario).
Agora

Ana Pontón lanza #CódigoAna, un programa para redes sociais de conversas "francas e distendidas"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, vén de crear un novo formato en redes sociais co obxectivo de abordar as diferentes temáticas de actualidade e preocupacións da cidadanía cun formato distendido e con persoas referentes de cada un dos ámbitos, o que busca chegar a colectivos máis aló do discurso político tradicional. Faino a través da apertura simultánea en redes sociais de #CódigoAna, no que, segundo as fontes nacionalistas, faranse charlas "francas e distendidas" con temas que "interesan e preocupan" a cidadanía.
Ceo nubrado na Limia. (Foto: Agostime / Europa Press)
Agora

As tormentas porán en aviso hoxe gran parte do interior da Galiza

Gran parte do interior da Galiza estará durante toda a tarde desta sexta feira en aviso amarelo por tormentas localmente fortes, segundo as predicións de Meteogalicia. A alerta estará activa a partir das 15 horas de hoxe no interior e noroeste do país, algunhas comarcas do interior e a zona do Miño. O aviso manterase ao longo de toda a tarde e até a madrugada. De cara ao sábado agárdanse choivas en toda a comunidade mais con probabilidade de tormenta unicamente en zonas do interior e o Miño.
Pedro Sánchez. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)
Agora

Pedro Sánchez dá positivo en Covid e non asistirá á cimenira do G-20 na India

O presidente do Goberno Español, Pedro Sánchez, anunciou esta quinta feira que deu positivo en Covid-19 polo que non poderá viaxar á India, onde ten lugar a cimeira do G-20 estes días. Sánchez fixo o anuncio na súa conta da rede social X (antiga Twitter), na cal aproveitou para indicar que “se encontra ben”. En representación do Estado español viaxarán a Nova Dheli Nadia Calviño, vicepresidenta primeira do Executivo estatal e José Manuel Albares, ministro de exteriores.

Helicóptero de salvamento Pesca II (Foto: Europa Press).
Agora

Localizado no Vicedo o corpo sen vida do ancián que saíu pescar camaróns e non voltou

O home de 83 anos que saíra esta cuarta feira da súa vivenda para pescar camaróns no concello do Vicedo (A Mariña) e non voltou foi localizado sen vida esta quinta feira polos equipos de emerxencias despregados para atopalo. A central do 112-Galiza recibiu o aviso de madrugada e o corpo do ancián foi localizado nunha zona próxima a unha das covas, para o que foi precisa a intervención do helicóptero Pesca II, un dos numerosos medios mobilizados para localizar este home.
Imaxe de arquivo do lugar do incidente.
Agora

Un incendio obriga a desaloxar oficinas da Xunta e Abanca na Coruña

As oficinas da Consellaría de Sanidade e de Abanca, situadas na rúa Durán Loriga, na Coruña, foron desaloxadas por mor dun lume nuns cartóns. Sucedeu pouco antes das 9 horas da mañá e saldouse sen feridos, segundo confirmou a Europa Press o servizo de emerxencias do 112-Galiza. O operativo de extinción activouse ás 8.50h após a chamada dun particular que alertaba do incendio. Ao lugar acudiron axentes da Policía Local e efectivos de bombeiros da cidade herculina, que confirmaron que o incendio se produciu no patio de luces do inmóbel, onde arderon uns cartóns "posibelmente por mor dunha cabicha de cigarro arroxada desde unha xanela".
Pleno do Concello da Coruña.
Agora

28 minutos de silencio no pleno da Coruña, un por cada asasinato machista desde maio

O curso político no Concello da Coruña comezou co primeiro pleno ordinario, que se iniciou con 28 minutos de silencio, un por cada caso de violencia machista desde a anterior sesión, decorrida o pasado 4 de maio. Segundo datos da Delegación do Goberno contra a violencia de xénero, lembrou a alcaldesa da cidade herculina, Inés Rei, o número de mulleres asasinadas por violencia machista no Estado español ascende a 42 no ano 2023 e a 1.226 desde o 1 de xaneiro de 2003, data na que comezaron a recollerse datos oficiais. Aliás, este ano foi tamén asasinado un menor; 49 en total desde 2003, e quedando até 422 menores orfos desde ese ano.
Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 da Galiza, no municipio da Estrada (Foto: Europa Press).
Agora

Falece en Lourenzá unha muller ao caer por un desnivel mentres traballaba nunha finca

Unha muller de 72 anos faleceu esta cuarta feira ao caer por un desnivel cando realizaba traballos de roza nunha leira situada no municipio de Lourenzá. Segundo informaron os servizos de emerxencia, o accidente produciuse no lugar de Castiñeiras Verdes, que pertence á parroquia de San Tomé de Lourenzá. A vítima, de iniciais A.M.G.G., atopábase realizando tarefas de roza cunha fouce na leira cando se precipitou desde unha altura de tres metros. Desprazados ao lugar no helicóptero medicalizado con base en Santiago, os efectivos de Urxencias Sanitarias 061 non puideron facer nada pola vida da muller, que faleceu no lugar.

A Chaira da Limia, unha das zonas que se verían prexudicadas (Foto: Stop Eólicos).
Agora

Stop Eólicos solicita ao Estado que free un 'macroproxecto' na Limia de 32 aeroxeradores

A plataforma Stop Eólicos Xurés-Celanova presentou alegacións ao proxecto de instalación dun "macrocomplexo" de produción eólica, denominado Clúster da Limia, e solicita ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco) que free nesta fase de tramitación inicial a "aberración ambiental, patrimonial, paisaxística e demográfica que suporía a instalación entre Trasmiras e Xinzo de 32 aeroxeradores de 240 metros de altura, en cotas por riba dos 800 metros e cunha ocupación de case mil hectáreas de solo e máis de vinte núcleos de poboación dentro da perimetral do complexo industrial".