Agora

A Muralla de Lugo (Foto: Nós Diario)
Agora

Detido un veciño de Lugo como presunto autor dun roubo con violencia

Axentes da Policía Nacional de Lugo detiveron un veciño da cidade como presunto autor dun roubo con violencia e un furto, segundo informaron fontes policiais. Os feitos ocorreron o pasado 18 de setembro, cando o 091 recibiu unha chamada alertando sobre un roubo con violencia cometido na Praza da Constitución. Ao chegar ao lugar, os axentes entrevistáronse con testemuñas do sucedido, que puideran seguir ao sospeitoso, ao que acabaron localizando escondido nunha vivenda e procederon á súa detención. A investigación permitiu deteminar que o detido era o presunto autor do furto dun bolso que contiña diferentes aparellos electrónicos, e que fora subtraído o día anterior nun bar.

Centro de atención de emerxencias do 112 Galiza (Foto: Xunta).
Agora

Falece unha persoa tras arder o seu coche após saír da vía na Cañiza

Unha persoa faleceu na tarde desta quinta feira, tras arder o seu coche ao saírse da vía cando circulaba pola EP-5001, ao paso pola parroquia da Franqueira, na Cañiza, e bater contra unha arqueta. Segundo informou o 112, os equipos de emerxencia acudiron a socorrer esta persoa ao fío das 17.30 horas. A pesar dos esforzos dos veciños, que retiraron a vítima do interior do vehículo en canto comezou a arder, a persoa perdeu a vida. Con todo, non descartaron que sufrise unha indisposición previa que a levase a perder o control do vehículo. O que si parece evidente é que o vehículo saíu da vía, bateu coa arqueta e ardeu por completo.
Escavación en Bértoa. (Foto: ARMH)
Agora

Atopan cascos de bala na foxa na que se busca catro represaliados

Os arqueólogos que dirixen a exhumación dunha foxa común da Guerra Civil no cemiterio de Bértoa, en Carballo (comarca de Bergantiños) atoparon esta quinta feira os primeiros restos de violencia, como cascos de bala. A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica explica que o lugar do achado fora sinalado por unha veciña. Alí espérase atopar os restos de catro persoas asasinadas polos franquistas.
O ex vicepresidente do Goberno español, Alfonso Guerra (Foto: Jesús Hellín / Europa Press).
Agora

Alfonso Guerra sobre Yolanda Díaz: "Critica a Felipe González entre un salón de peiteado e outro"

Deputados e cargos de Sumar tacharon "repugnantes e "lamentábeis" as declaracións do ex vicepresidente socialista Alfonso Guerra contra a líder da formación, Yolanda Díaz, e denunciaron con iso incorre en "machismo". Nunha entrevista en Antena 3, Guerra asegurou que a vicepresidenta segunda en funcións é unha política "sen esencia" e que fixo críticas ao ex presidente Felipe González "entre un salón de peiteado e outro". Respecto diso pronunciouse o portavoz de Sumar, Ernest Urtasun, para lamentar sobre as palabras de Guerra que "algúns están a perder completamente os papeis".

Glifosato.
Agora

Bruxelas busca renovar por 10 anos a licencia do glifosato, o herbicida máis usado no mundo

A Comisión Europea propuxo renovar a licenza de uso do glifosato, o herbicida máis utilizado tanto a nivel mundial como na UE, por período de 10 anos, o que rebaixa en cinco anos o tempo proposto por un grupo de empresas que busca a súa renovación, aínda que deber ser aínda referendado polos Estados membro. Tras a análise da conclusión e do informe de avaliación da renovación elaborado polos países da UE en calidade de relatores conxuntos, os servizos da Comisión consideraron que a aprobación do glifosato pode renovarse, suxeito a determinadas condicións, e presentaron un proxecto de informe de renovación, pendente de recibir comentarios das capitais.

O camión atrancado en Ferrol.
Agora

Un camioneiro lituano queda atrapado co seu trailer nunha estrada de Ferrol polo GPS

Un camioneiro de nacionalidade lituana quedou atrapado co tráiler de grandes dimensións que conducía nunha estrada de Ferrol ao seguir as indicacións, erróneas, do seu GPS. O incidente produciuse contra as 13.30 horas na zona do Calvario, na parroquia de Santa Icía, nun lugar no que tamén limitan os municipios de Ferrol e Narón. Ao lugar do incidente desprazáronse nun primeiro momento axentes da Policía Local de Ferrol, que trataron de colaborar co profesional para poder realizar a manobra, pero non resultou posíbel, pois hai un muro de formigón nun lado e, no outro, un gardarraíl, todo iso nunha zona moi estreita e en curva. Posteriormente desprazáronse profesionais de Bombeiros de Ferrol, que traballan na retirada dunha parte do gardarraíl para que o camión puidese reanudar a marcha. Algúns veciños do lugar afirmaron que outros condutores con camións que seguen as indicacións do GPS xa se viron en situacións similares, aínda que a vía non permanecera nunca durante tanto tempo cortada.
Presentación do proxecto, na Universidade de Vigo.
Agora

A Uvigo impulsa 22 comunidades enerxéticas

O proxecto europeo EC4Rural, coordinado pola Universidade de Vigo (UVigo), promoverá a creación de 34 comunidades enerxéticas no rural europeo, co obxectivo de promover a transición cara a enerxías limpas. O proxecto comezará a través de dous pilotos en Estonia e no Estado español, que permitirán a creación e implantación de 34 comunidades enerxéticas noutros tantos concellos rurais, 22 delas na Galiza.
Ángeles Tilve Jar, directora do Museo Provincial de Pontevedra. (Foto: Rafa Estévez)
Agora

Ángeles Tilve Jar, nova directora do Museo de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra anunciou esta cuarta feira o nomeamento de Ángeles Tilve Jar como nova directora do Museo Provincial de Pontevedra en substitución de José Manuel Rey, cesado polo novo Goberno da institución (PP). Tilve, licenciada en Xeografía e Historia e especialista en Arte Moderna e Contemporánea, será a primeira muller en asumir o cargo. Ten longa traxectoria como investigadora, publicando libros e artigos e é recoñecida polos seus coñecementos de pintura galega e española dos séculos XIX e XX.
O presidente de Asturias, Adrián Barbón (Foto: Armando Álvarez).
Agora

O presidente de Asturias: "Entre o Navia e o Eo non se fala galego"

O presidente de Asturias, Adrián Barbón, provocou polémica nas redes sociais tras unha publicación na súa conta de X (antiga Twitter) en que asegura que entre o Navia e o Eo “non se fala galego”. Asegura que nesa zona o que se pode escoitar é “fala eonaviega”.

 Na súa mensaxe, o presidente asturiano tamén indicou que “dá gusto escoitar a xente deses concellos falala con naturalidade, pois é a súa lingua materna”. Unhas declaracións que múltiples expertos entre os que se encontran o catedrático de Filoloxía, Xosé-Henrique Costas refutan.

Zonas da Galiza en alerta amarela esta cuarta feira (Foto: Meteogaliza).
Agora

Unha borrasca deixa parte da Galiza en alerta amarela por chuvia e vento

Unha borrasca situada ao norte de Irlanda motivará que parte da Galiza permaneza esta cuarta feira en alerta amarela por fortes ventos e precipitacións. O fenómeno deixará no país forte vento do suroeste na costa e zonas altas do terzo norte en terra. Ademais, nas últimas horas da xornada e primeiras da quinta feira espéranse choivas fortes. Así, a partir das 9 horas, hai aviso amarelo por refachos de vento superiores ao 80 km/h na zona da Mariña e no noroeste do país. Toda a costa estará en alerta por vento do suroeste de forza sete. Ademais, entre as 00 e as 6 horas tamén estará en aviso amarelo o soroeste da Galiza por acumulación de choivas.

Verteduras achadas no río Tea, en Ponteareas. (Foto: Proxecto Ríos)
Agora

Medio cento de concellos participan este ano no programa 'Móllate polos ríos' da man de Adega

A XVI Limpeza Simultánea 'Móllate polos ríos', organizada polo Proxecto Ríos de Adega, decorrerá este ano de forma simultánea en 52 municipios de todo o país e nela participarán máis de 60 asociacións, concellos, colectivos ecoloxistas, centros de ensino e outras entidades, algunhas delas novas que se suman por primeira vez nesta nova edición. Será este domingo, día 24, e mobilizará "unha gran cantidade de voluntarios e voluntarias que se mollarán polos ríos destes 52 concellos para deixalos libres de lixo", salientan desde a organización ecoloxista. Pola súa parte, os centros de ensino están convocados a realizaren esta mesma actividade dous días antes, na sexta feira. Todo o voluntariado será agasallado cunhas camisolas conmemorativas.
Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 da Galiza, no municipio da Estrada (Foto: Europa Press).
Agora

Dúas persoas sofren queimaduras graves en Carnota nun incendio ocasionado por unha rozadoira

Dúas persoas foron trasladadas ao hospital con queimaduras de gravidade nun incendio iniciado por unha deflagración por gasolina mentres manipulaban unha máquina rozadoira en Carnota (comarca de Muros). O 112 Galiza tivo constancia dos feitos cando un particular chamaba a falta de 15 minutos das 21 da noite da segunda feira para alertar de que había lume nunha casa da parroquia de Lira. Ademais, confirmaba que no seu interior había dúas persoas. Así, a central de emerxencias solicitou a colaboración de Urxencias Sanitarias-061, dos bombeiros de Cee, do GES de Muros, da Garda Civil, da Policía Local de Carnota e de Protección Civil de Cee.
Cemiterio de Mondoñedo. (Foto: Arxina)
Agora

Redúcese a 12 horas o prazo mínimo para un enterramento

O 18 de outubro entrará en vigor o novo decreto de sanidade mortuoria publicado esta segunda feira no DOG. A norma recolle a redución de 24 a 12 horas o tempo mínimo de espera para enterrar unha persoa falecida e autoriza o enterramento sen cadaleito, algo que reclamaban desde hai tempo algunhas comunidades relixiosas que se vían na obriga de desprazarse fóra para cumprir cos seus rituais, como o musulmán e o xudeu. O novo documento, que "entrará en vigor ao mes da súa publicación", substituirá o decreto de 2014 e "mellorará aspectos da regulación para adaptalos aos requirimentos sociais e técnicos existentes", asegura a Xunta, simplificando as tramitacións e incorporando determinacións da guía consensuada no Sistema Nacional de Saúde.
Protesta esta segunda feira na Coruña do colectivo Xustiza para Unai (Foto: Xustiza para Unai).
Agora

Unha nova protesta ante os xulgados da Coruña reclama "xustiza" para o falecido Unai Martínez

O colectivo 'Xustiza para Unai', concentrouse nunha nova protesta fronte aos xulgados da Coruña para exixir "xustiza e verdade" e que se "asuman responsabilidades" polo accidente ocorrido en marzo de 2022 na refinería coruñesa no cal faleceu o traballador Unai Martínez e outro resultou ferido. Foi con motivo das declaracións previstas no Xulgado de Primeira Instancia número 6 da Coruña de responsábeis da empresa auxiliar para a que traballaban ambos os operarios, Nervión, en relación a este sinistro laboral. Tras unha pancarta co lema 'Sempre Unai' unha trintena de persoas, entre elas a viúva de Unai Martínez, Lorena Dacosta, corearon consignas como "Unai, irmán, nós non esquecemos" e "Nervión asasinos".
Segue a evolución do prezo da luz en 'Nós Diario' (Foto: Nós Diario).
Agora

O prezo da luz aumenta esta segunda feira 65,9%

O prezo media da luz para a clientela de tarifa regulada vinculada ao mercado almacenista repuntará esta segunda feira 65,9% con respecto a este domingo, até os 105,81 euros por megawatt hora (MWh). Por franxas horarias, o prezo máximo, de 164,12 euros/MWh, rexistrarase entre as 21 e as 22 horas, mentres que o prezo mínimo darase entre as 3 e as 4 horas, con 80,20 euros/MWh, segundo os datos provisionais do Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE). No que vai de mes, a media do mercado eléctrico sitúase nos 100,85 euros/MWh, fronte aos 150,46 euros/MWh que rexistrou no mesmo período de setembro de 2022 o prezo do 'pool'.

Domingos Freitas, concelleiro de Independetes Ponteareas (Foto: Nós Diario).
Agora

Un responsábel do BNG de Ponteareas denuncia un edil do Goberno local por chamalo "parapléxico"

Bolívar González, o que foi durante 17 anos concelleiro do Concello de Ponteareas (comarca do Condado) polo BNG, denunciou o actual membro da Corporación municipal Domingos Freitas tras chamalo "parapléxico" no pleno de investidura da actual alcaldesa, Nava Castro, o pasado mes de xuño. Tal como relata González na súa denuncia, foi durante a sesiónde constitución da nova corporación cando o denunciado dirixiuse "de forma pública no medio dunha disertación" cara ao denunciante, ordenándoo calar e cualificándoo de "parapléxico". Danse as circunstancias de que Bolívar González viuse obrigado a retirarse de toda actividade pública e laboral como consecuencia da deterioración de saúde que dificulta a súa mobilidader. "Estes feitos eran sobradamente coñecidos polo denunciado, tal e como reflicte un atestado policial do día dos feitos", subliñou González. El critica que case tres meses desde ese suceso non recibise unha desculpa ou unha mostra de arrepentimento por parte de Domingos Freitas, concelleiro de Independentes por Ponteareas que forma parte do goberno de Nava Castro (PP), ao ser o único edil non 'popular' que a votou para poder ser investida.

MINARIA
Agora

Ecoloxistas denuncian "impunidade" do sector mineiro con motivo da reunión de ministros de Economía en Compostela

Integrantes de Ecoloxistas en Acción e de comunidades afectadas pola minería en Touro e San Finx despregaron unha faixa denunciando "a impunidade do sector extractivo" con motivo do encontro de ministros europeos de Economía en Compostela. 'Stop impunidade minaría' reclamaba a pancarta despregada a poucos metros da Cidade da Cultura e no marco dunha iniciativa para denunciar "a inminente aprobación da Lei Europea de Materias Primas Críticas, coa que se acurtarán aínda máis os prazos de tramitación dos novos proxectos mineiros". "Ademais nesta lei introdúcese a figura de proxectos estratéxicos de interese europeo" cos que, denuncia Ecoloxistas en Acción, "inxectaranse miles de millóns de euros en proxectos destrutivos sen unha avaliación adecuada dos seus impactos".

ana pontón pili pampin
Agora

Pili Pampín, a primeira protagonista do espazo de entrevistas de Ana Pontón #CódigoAna

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, estrea o seu espazo de entrevistas e conversación con referentes de diferentes ámbitos da sociedade galega, #CódigoAna, coa artista Pili Pampín como protagonista. Así, o programa principia cunha entrevista a esta artista interxeracional, unha auténtica diva da música popular galega e que, ao mesmo tempo, arrastra xente nova a través das súas. #CódigoAna é un espazo no que se tratan temas que interesan e preocupan á cidadanía a través dos protagonistas que, nun cara a cara con Ana Pontón, contan a súa propia experiencia vital e profesional, coa que se poden sentir identificadas ou interpeladas outras persoas. Nesta entrega inicial, Pontón e Pampín abordan cuestións como como o presente e o futuro da xente nova, a emigración e a conexión da artista con públicos que non eran os habituais nas súas actuacións musicais.

Valentín González Formoso, ante os medios. (Foto: Nós Diario)
Agora

Unanimidade nas Pontes para pedir á Xunta a creación dunha comisión de seguimento dos proxectos industriais

O pleno municipal das Pontes (Eume) vén de acordar por unanimidade solicitar á Xunta a creación dunha comisión de seguimento dos proxectos industriais para esta localidade, que estaría formada pola Administración galega, o Concello e as organizacións sindicais. A proposta saíu adiante cos votos de PSOE, BNG e PP e o rexedor, Valentín González Formoso, trasladou que "todos os proxectos están en tramitación administrativa, pero descoñecemos os detalles dos mesmos". "O que si sabemos é que todos os proxectos están en risco pola tramitación administrativa e gustaríanos implicación política para que un trámite que pode levar un ano nestes casos poida reducirse a seis meses para que os proxectos poidan facerse realidade o antes posíbel. Sabemos que non é sempre fácil, pero os prazos son fundamentais para que os proxectos sexan canto antes realidade na nosa vila", engadiu.
Rúa Doutor Canoa, en Vigo.
Agora

Detido en Vigo un home por agredir a súa parella no interior dun coche

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron nas últimas horas un veciño da cidade, S.S., de 31 anos de idade, como presunto autor dun delito de violencia machista, tras golpear repetidamente na cara a súa parella mentres discutían no interior dun coche. Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron pasada a medianoite desta cuarta feira, cando un veciño chamou o 092 para alertar do incidente, na rúa Doutor Canoa. Tanto o home como a muller recoñeceron que mantiveran unha discusión pero non admitiron ningunha agresión. O home negou golpear a súa parella, a pesar de que a muller tiña o pómulo esquerdo inchado, e ela asegurou que a ferida non fora provocada por el. Con todo, a testemuña que alertou a Policía ratificouse na súa versión, e asegurou que non só vira a discusión, senón que observara como o home golpeara amuller repetidas veces na cara, polo que o agresor foi finalmente detido.