Agora

Pedro Sánchez e Alberto Núñez Feixoo esta segunda feira antes do debate electoral (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
Agora

Feixoo e Sánchez reuniranse esta cuarta feira no Congreso para falar da investidura

O presidente do PP, Alberto Núñez Feixoo, e o líder do PSOE, Pedro Sánchez, reuniranse esta cuarta feira no Congreso. Nunha interlocución vía WhatsApp Feixoo solicitou Sánchez manter unha charla telefónica para tratar a investidura. O presidente do Goberno en funcións coincidiu na conveniencia de celebrar esa reunión mais preferiu que fosen os seus gabinetes quen pactasen a data. Acordaron xuntarse no Congreso dos Deputados ás 10 horas. O PP enmarca este encontro na normalidade democrática que ha de marcar a axenda após o 23-X e na institucionalidade previa ao debate de investidura fixado para o 26 de setembro. Feixoo xa avanzou o seu interese en que PP e PSOE traballen nun modelo que facilitase a investidura da lista máis votada.

Vehículo incendiado na A-52 (Foto: Subdelegación do Goberno en Zamora).
Agora

Reaberto ao tráfico o tramo da autovía A-52 onde ardeu un camión cargado de chocolate

O tráfico no tramo da autovía A-52 cortado en Seabra como consecuencia dun incendio o pasado domingo dun camión que transportaba chocolate quedou restabelecido ás 14 horas desta segunda feira, xornada na que tivo que ser cortada a circulación de novo debido ao reactivación das lapas na carga e pola necesidade de limpar a vía para garantir as condicións de seguridade. A vía cortouse o pasado domingo polo incendio á primeira hora dun camión entre o quilómetro 117, á altura de Vilavella (A Mezquita, comarca de Viana), e o quilómetro 107, en Lubián (Seabra). O incidente obrigou a interromper o tráfico durante toda a xornada do domingo e a embolsar os camións baixo o protocolo de nevadas.

Vista da cidade de Vigo. (Foto: Nós Diario)
Agora

Detido en Vigo após tentar asfixiar a súa parella cando ela lle dixo que quería deixar a relación

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron un home de 33 anos de idade, como presunto autor dun delito de violencia de xénero tras tentar asfixiar a súa parella cando ela lle dixo que quería romper a relación. Segundo informaron fontes policiais, o 092 recibiu unha chamada alertando dun episodio de violencia machista nunha vivenda da rúa Figueiras. Unha dotación desprazouse ao domicilio e alí entrevistouse cunha muller, que explicou que se atopaba no salón da súa casa conversando coa súa parella e que, cando lle dixo que tiña intención de romper a relación, el reaccionou de forma agresiva e violenta, agarrándoa polo pescozo e tentando asfixiala. A muller presentaba arañazos no pescozo, a man esquerda inflamada e faltáballe unha uña.

Camións de bombeiros (Foto: Nós Diario).
Agora

Bombeiros liberan un condutor atrapado tras envorcar o seu coche en Oleiros

Profesionais dos bombeiros de Arteixo e do servizo de emerxencias de Oleiros liberaron o condutor dun vehículo que sufriu unha saída de vía e terminou envorcado cando circulaba pola avenida 'Ché' Guevara do municipio de Oleiros. O suceso produciuse ao redor das 07.30 horas desta segunda feira, segundo trasladou o CIAE 112 Galiza, que recibiu o aviso de mans dun particular que chamou a central de emerxencias para pedir axuda para unha persoa que non podía saír do seu coche debido a que este se atopaba envorcado de forma lateral. Desprazados ao lugar, os efectivos de emerxencias colaboraron para excarcerar o único ocupante do turismo, quen foi trasladado en ambulancia ao hospital.

Un axente e un vehículo da Policía española. (Foto: Policía).
Agora

Detidas cinco persoas en Lugo nunha operación contra a venda de droga

Cinco persoas foron detidas nunha operación conxunta entre Policía Nacional e Garda Civil que permitiu desarticular un punto de venda de drogas que estaba controlado por un dous clans familiares dedicados ao tráfico de estupefacientes "máis activos" da cidade de Lugo. A investigación contra este grupo estaba en marcha desde 2022 e derivou nos arrestos e rexistros levados a cabo os días 22 e 23 deste mes de agosto, segundo informou a Policía Nacional nun comunicado. Ademais das detencións, procederon ao rexistro de dúas vivendas situadas en Lugo, onde se incautaron de material para a manipulación de droga, 60 gramos de cocaína, 60 gramos de haxix e outros 30 de marihuana.

Incendio forestal declarado en Riós (comarca de Verín). (Foto: ATBrif)
Agora

Activo un incendio forestal en Riós que afecta a 20 hectáreas e obrigou a cortar a N-525

A Consellaría do Medio Rural informou dun incendio forestal que permanece activo no municipio de Riós (comarca de Verín), que calcinou xa unhas 20 hectáreas de terreo e obrigou a cortar puntualmente a N-525 por fume. En concreto, o lume iniciouse sobre as 16.10 horas nas parroquias de Fumaces e A Trepa e durante algún tempo obrigou a cortar a circulación da estrada N-525 ao seu paso pola primeira zona, dado que o fume dificultaba a visibilidade. Para o control deste incendio mobilizáronse, polo momento, un técnico, cinco axentes, oito brigadas, seis motobombas, catro helicópteros, unha pa e cinco avións.

Paseo da Dársena na Coruña (Foto: CDN / Adobe Stock).
Agora

Bombeiros da Coruña recuperan o cadáver dun home no mar

Bombeiros da cidade da Coruña recuperaron na medianoite desta quinta feira no mar o cadáver dun home, segundo informan en relación a esta intervención na súa conta de twitter, agora chamada X. En concreto foi sobre as doce da noite e o corpo, dun septuaxenario, foi localizado na zona da dársena, enfronte da estatua do Parrote. Ao lugar, trasladáronse tres dotacións dos bombeiros, ademais de efectivos da Policía Local, Nacional e de servizos sanitarios. En relación a este suceso, descartouse que estivese vinculado cun feito delituoso.

Praia do Con, en Moaña (O Morrazo). (Foto: Turismo da Galiza)
Agora

Fechan ao baño a praia do Con en Moaña, após detectarse un episodio "puntual" de contaminación por fecais

A praia do Con en Moaña (O Morrazo) fechou ao baño esta cuarta feira, 23 de agosto, tras confirmarse a contaminación por fecais nunhas mostras tomadas a pasada fin de semana e cuxos resultados se coñeceron nas últimas horas. Os estudos realizados por Sanidade confirmaron esa contaminación polo que, seguindo o protocolo, puxéronse en coñecemento do Concello de Moaña eses resultados, para que informe os usuarios e usuarias da praia, a única do municipio con Bandeira Azul, e tome as medidas pertinentes. Así, o consistorio moañés procedeu a izar a bandeira vermella no areal e a informar a través de carteis.

Candorcas avistadas na ría de Arousa (Foto: Pablo Covelo / CEMMA).
Agora

A Xunta vincula a presenza de candorcas na costa coa busca de alimentos

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, vinculou a presenza de candorcas na costa galega coa procura de alimentos, tras a identificación doutros dous exemplares na ría de Arousa. Así o manifestou, a preguntas dos xornalistas, con motivo da inauguración dunha exposición na Autoridade Portuaria da Coruña. Por outra parte, en materia de seguridade, lembrou que a Xunta puxo en marcha unha app para que os navegantes poidan comprobar "por onde se están movendo as candorcas e facilitar que poidan variar o rumbo". "Tamén os navegantes poden informar da súa localización", dixo en relación ás candorcas o conselleiro.

Un helicóptero antiincendios nunha imaxe de arquivo (Foto: Nós Diario).
Agora

Extinguido un incendio que se iniciou nunha nave industrial de Foz

Bombeiros sufocaron un incendio que esta cuarta feira queimou un palé con material prensado e un contedor de lixo nunha nave industrial de Foz (A Mariña), segundo informa o 112. En concreto, arderon uns ferros de pladur, nunha nave de material de illamento situada na parroquia de San Martiño de Mondoñedo que non viu afectada a súa estrutura. Tampouco sufriron danos outros materiais ou vehículos presentes na instalación. Ademais dos bombeiros, foron mobilizados efectivos do GES, Garda Civil e servizos sanitarios, por precaución. Tamén se deu aviso aos servizos ambientais da Xunta, pero os danos foron leves.

Ambulancia medicalizada. (Foto: Sergas)
Agora

Falece atropelado un home na Estrada

Un home faleceu na tarde desta terza feira, 22 de agosto, após ser atropelado por unha furgoneta na Estrada (Terra de Montes). A vítima é un octoxenario veciño desta localidade. Segundo a información do CIAE 112-Galiza, o atropelo tivo lugar sobre as 17.30 horas avenida Benito Vigo da Estrada, onde unha furgoneta atropelou a vítima mentres cruzaba a rúa. Ata a zona desprazouse un primeiro equipo sanitario do 061 e mesmo se valorou a posibilidade de activar o helicóptero medicalizado con base en Compostela. Con todo, os facultativos confirmaron que o home falecera como consecuencia do impacto. Ademais dos sanitarios, até o lugar, en pleno centro da Estrada, desprazáronse efectivos de Policía Local e membros do GES da localidade.

Exemplar de medusa recollido na praia de Razo, en Carballo (Bergantiños). (Foto: Europa Press)
Agora

Localizan e recollen varios exemplares de medusas en praias de Carballo e Malpica

Efectivos de socorrismo localizaron e recolleron esta terza feira, 22 de agost, varios exemplares de medusas chegados a praias da comarca de Bergantiños, especialmente en Carballo e Malpica. As medusas foron recollidas e retiradas, aínda que non foi necesario pechar as praias ao baño. A especie que está a xerar “problemas” na zona é a Pelagica noctiluca, unha medusa de cor morada-parda que foi a atopada o sábado e que podería ser tamén a desta terza. No sur da Galiza e na Mariña, con todo, os fechamentos de praias das últimas semanas estiveron motivados pola presenza doutra especie, a 'carabela portuguesa' (Physalia physalis), que produce unha picadura moi intensa e con posíbeis efectos adversos.

Cepas do Ribeiro. (Foto: Sole Felloza)
Agora

Adegas do Ribeiro dan inicio oficialmente á campaña da vendima

Adegas da Denominación de Orixe O Ribeiro comezan esta semana a súa vendima, segundo informan. Trátase de cinco adegas que solicitaron facelo para recoller as uvas de maduración máis temperá, como algún godello de parcelas situadas en zonas baixas. Nun comunicado, a Denominación de Orixe Ribeiro explica que as condicións climáticas deste ano fixeron que o comezo da vendima se adiantase uns días con respecto a anos anteriores. Tras o control en viñedo dos inspectores do consello regulador, constatouse que "hai algunhas zonas e variedades de uva que se atopan nun excelente grao de maduración". "Esta vendima augúrase que será moi extensa no tempo", avanza a Denominación de Orixe, que explica que se calcula que sexa até mediados de outubro.

Unha persoa prende a luz (Foto: Nós Diario).
Agora

O prezo da luz continúa a subir e marca o seu nivel máis alto nos últimos dous meses

O prezo media da luz para os clientes de tarifa regulada vinculados ao mercado almacenista repuntará esta terza feira, día 22 de agosto, 2,9% con respecto á segunda feira, até situarse nos 120,67 euros por megawatt hora (MWh), tocando un novo máximo no que vai de mes de agosto. Por franxas horarias, o prezo máximo, de 158,61 euros/MWh, rexistrarase entre as 21 e as 22 horas, mentres que o prezo mínimo darase en catro horas, entre as 12 e as 16 horas, con 98,51 euros/MWh, segundo os datos provisionais do Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE). Desta maneira, o prezo da luz desta terza feira será o máis alto nos dous últimos meses, tendo que retroceder até o pasado 22 de xuño, cando marcou 122,45 euros/MWh, para atopar un rexistro superior para un día.

A plantación de marihuana en Marín (foto: Policía Nacional).
Agora

Desmantelada unha plantación de marihuana en pleno casco urbano de Marín

A policía desmantelou unha plantación de marihuana que un veciño de Marín tiña no seu domicilio, polo que que se logrou desactivar un punto de cultivo e distribución de estupefacientes e deter o responsábel como presunto autor dun delito contra a saúde pública. O autor dos feitos, un home de 46 anos, convertera o seu piso, un ático dun céntrico edificio da vila, nunha auténtica "factoría verde" do cultivo de plantas de marihuana, segundo o corpo policial. Na comisaría de Marín recibíronse días antes da intervención unha serie de informacións sobre a posíbel actividade ilícita desenvolvida por este individuo, polo que os axentes iniciaron xestións de investigación.

O prezo da luz aumenta alcanzou o máximo deste mes de setembro (Foto: Nós Diario).
Agora

O prezo da luz aumenta novamente e marca o seu nivel máis alto en dous meses

O prezo media da luz para os clientes de tarifa regulada vinculados ao mercado almacenista subirá esta segunda feira, día 21 de agosto, outro 3% respecto ao domingo, e marcará o nivel máis alto en dous meses ao situarse en 117,25 euros por megawatt/hora (MWh). Por franxas horarias, o prezo máximo, de 149,58 euros/MWh, rexistrarase entre as 20 e as 21 horas, mentres que o prezo mínimo darase entre as 15 e as 16 horas, con 97,09 euros/MWh, segundo os datos provisionais do Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE). Nestes 21 primeiros días do mes, a media do mercado eléctrico sitúase nos 91,04 euros/MWh, fronte aos 263,61 euros/MWh que rexistrou en agosto de 2022.

Centro de atención de emerxencias do 112 Galiza (Foto: Xunta).
Agora

Arden dúas naves industriais en Castro de Rei e o lume esténdese ao monte

Os servizos de emerxencias traballan na extinción dun incendio que afecta dúas naves industriais situadas no municipio de Castro de Rei (comarca da Terra Chá), en concreto, no lugar de Casás, parroquia de Goberno. O incendio iniciouse nunha nave de labras de madeira e pasou a outra que contén madeira acumulada. Ademais, hai unha granxa de pitos nas proximidades, pero a certa distancia e con monte polo medio. No lugar traballan os Bombeiros de Vilalba, membros do GES da Pontenova, Garda Civil e tamén medios do distinto forestal da zona de Castro de Rei, xa que o lume estendeuse tamén ao monte.

Porto de Ribeira (Foto: Luis Miguel Bugallo Sánchez).
Agora

Dous detidos en Ribeira por roubo con forza no interior dun barco

Axentes adscritos á Comisaría de Policía de Ribeira detiveron dúas persoas como presuntos autores dun roubo con forza nunha embarcación pesqueira atracada no porto da localidade. Os feitos sucederon hai unhas semanas, cando o propietario denunciou que entraran na embarcación tras forzar a porta de acceso á cabina, e substraíran diversos efectos (GPS, tablet e sistemas de telecomunicacións, entre outros). Tras iniciar a investigación, púidose determinar a participación de varias persoas nos feitos, dos que dous foron localizados e detidos. Non se descarta que haxa máis detencións. A policía puido recuperar todos os efectos subtraídos.

A zona onde estaba o vertedoiro ilegal na Coruña (Foto: Garda Civil).
Agora

Desmantelan un vertedoiro ilegal nunha zona forestal da Zapateira, na Coruña

A patrulla do Servizo de Protección á Natureza da Garda Civil da Coruña, en colaboración cun axente forestal do Distrito II, desmantelou un vertedoiro incontrolado nunha zona forestal da Zapateira, entre os municipios da Coruña e Arteixo. Segundo informa o corpo, os axentes realizaban labores de prevención de incendios forestais na zona cando observaron a presenza dun vertedoiro incontrolado formado por roupa ou colchóns. O vertedoiro, apuntan, "xeraba un grande impacto ambiental na zona, así como un risco en caso de producirse un incendio forestal", tendo en conta que o índice de risco diario de incendio (IRDI) está estabelecido como moi alto nesa zona.

O prezo da luz aumenta esta quinta feira (Foto: Rasstock).
Agora

O prezo da luz repunta esta quinta feira 7,7% e alcanza os 113,96 euros/MWh, o prezo máis alto do mes

O prezo media da luz para a clientela de tarifa regulada vinculados ao mercado almacenista subirá esta quinta feira, 17 de agosto, 7,67% con respecto a esta cuarta feira e situarase en 113,96 euros por megawatt/hora (MWh), o seu nivel máis alto no que vai de mes de agosto. Por franxas horarias, o prezo máximo, de 136,01 euros/MWh, rexistrarase entre as 21 horas e as 22 horas, mentres que o prezo mínimo darase entre as 14 e 15 horas, con 89,98 euros/MWh, segundo os datos provisionais do Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE). Desta maneira, o deste quinta feira será o prezo máis alto do mercado almacenista para unha xornada no que vai de mes de agosto e o seu nivel máis alto desde o pasado 3 de xullo, cando superou os 117 euros/MWh.