Agora

bebé burela
Agora

Auxilian en Burela un bebé de 18 meses que quedara encerrado só na casa cunha pota ao lume

Os servizos de emerxencias auxiliaron este domingo un bebé de 18 meses que quedara encerrado na casa cunha pota ao lume, despois de que a súa nai saíse un momento da vivenda e a porta fechase. A muller solicitou axuda urxente e até o lugar trasladouse a Policía Local de Burela, así como os Bombeiros de Barreiros, que finalmente puideron abrir a porta do domicilio e acceder ao seu interior. Xa dentro do piso, atoparon o bebé en perfecto estado e a pota aínda non ocasionara ningún incendio ou incidente.
Axentes da Policía Local.
Agora

Detido en Lugo un home por agredir a súa parella e lesionar a un policía

Un home foi detido en Lugo por agredir a súa parella e lesionar a un axente, segundo informa a Policía Local no seu parte de incidencias. Os feitos producíronse na noite do 5 de agosto na zona da Ronda da Muralla. Á súa chegada, a muller explicou aos axentes que o home lle dera dúas labazadas, tratando de sacarlle algo do bolso. O varón, pola súa parte, negouse a identificarse, proferindo insultos contra os axentes, chegando a dar un empurrón e lanzando puñadas e patadas, polo que foi necesaria a súa inmobilización. Finalmente, foi detido por un delito de violencia machista e atentado a axentes da autoridade. A vítima rexeitou ser asistida nun centro médico.
Incendio en Vilalba. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)
Agora

Un incendio xa controlado queima 10 hectáreas en Vilalba

Varios medios de extinción, terrestres e aéreos, foron mobilizados na noite do domingo á segunda feira por un incendio que xa está controlado e que queimou unhas 10 hectáreas en Vilalba (Terra Chá). Segundo informa a Consellaría do Medio Rural en declaracións á axencia Europa Press, o lume iniciouse na parroquia de Belesar contra as 20.30 horas e quedou controlado ao fío das 00.53h. Até o momento, traballaron neste incendio cinco axentes, dez brigadas, unha cuadrilla, nove motobombas, unha pa, dous avións e dous helicópteros. De acordo cos datos da Xunta, oito hectáreas son de monte raso, e dúas, de superficie arborada.
Centro de atención de emerxencias do 112 Galiza (Foto: Xunta).
Agora

Evacúan ao hospital un home atropelado, na beirarrúa, por un camión en Ribeira

Un home tivo que ser trasladado en ambulancia ao hospital na noite do domingo despois de ser atropelado por un camión, cando estaba na beirarrúa, e sufrir un golpe na cabeza en Ribeira (O Barbanza). Segundo informa a central de emerxencias 112-Galiza, sucedeu ao fío das 23.45 horas na rúa Canarias, próxima ao mercado municipal. Así, os xestores do 112 solicitaron a intervención de Urxencias Sanitarias da Galiza-061, dos bombeiros de Ribeira, dos membros do GAEM do municipio e dos axentes da Policía Local.
Dúas persoas collendo a papeleta durante as eleccións municipais do 28-M. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)
Agora

A Xunta Electoral decide hoxe se revisa os votos nulos de Madrid, como pedía o PSOE

A Xunta Electoral Central decidirá hoxe se atende a petición do PSOE de revisar todos os votos nulos emitidos na Comunidade de Madrid nas eleccións estatais do pasado 23 de xullo, ao estimar que, de validarse 4,43% das 30.200 papeletas que foron cualificadas como nulas, poderían recuperar o escano que gañou o PP tras o reconto do voto exterior. A Xunta Electoral Provincial de Madrid ten paralizada a entrega de credenciais aos electos por esta circunscrición á espera de que se pronuncie o organismo arbitral. No escrito que presentou a semana pasada, o PSOE acusaba a Xunta Electoral Provincial de Madrid de infrinxir a normativa electoral e de vulnerar a Constitución ao negar a súa petición para que se revisen todos os votos consignados como nulos. Por iso pedía á XEC que revogase o acordo da xunta provincial e accedese á revisión de todos eses votos.
O prezo da luz aumenta alcanzou o máximo deste mes de setembro (Foto: Nós Diario).
Agora

O prezo da luz repunta 3,2% esta sexta feira, até os 66,84 euros/MWh

O prezo media da luz para os clientes de tarifa regulada vinculados ao mercado almacenista repunta esta sexta feira, día 4 de agosto, 3,2% respecto a esta quinta feira, até os 66,84 euros por megawatt/hora (MWh). Por franxas horarias, o prezo máximo, de 94 euros/MWh, rexistrarase entre as 21 e as 23 horas, mentres que o prezo mínimo darase entre as 16 e as 17 horas, con 27,63 euros/MWh, segundo os datos provisionais do Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE) recollidos por Europa Press.Nestes catro primeiros días do mes, a media sitúase nos 73,58 euros/MWh, fronte aos 154,9 euros/MWh que rexistrou en agosto de 2022.

Coche da Policía Local de Vigo.
Agora

Detido en Vigo un home por ameazar de morte a súa ex parella cun desaparafusador diante dos fillos

Un home, R.O.F., de 37 anos de idade, foi detido na tarde desta cuarta feira en Vigo após ameazar de morte a súa ex parella. Foi contra as 16.55 horas cando a Policía Local tivo coñecemento dos feitos a través dunha chamada que solicitaba asistencia nun edificio da Travesía de Vigo debido a unha discusión de parella. Unha vez no lugar, os axentes atoparon un individuo con "actitude pasiva", a pesar de que se escoitaban os choros dunha muller no interior do piso, polo que entraron e falaron coa vítima, que se atopaba nun "grave estado de nerviosismo". Ela manifestou que a súa ex parella xa o día anterior rompera todas as súas pertenzas, así como electrodomésticos varios, incluíndo a televisión. Isto motivou unha discusión entre ambos e no medio da mesma o home ameazáraa de morte cun desaparafusador, mentres os seus fillos de 4 e 6 anos presenciaban a escena. Logo entrevistáronse co home, que prestou declaracións "contraditorias", polo que foi detido como presunto autor dun delito de violencia machista. Minutos despois, trasladaron a muller a un centro médico, debido ao episodio de ansiedade que sufría.
Produtos de Gadisa (Foto: Gadisa).
Agora

Gadisa Retail colabora con máis de 2.000 empresas de orixe local na compra de produtos

Gadisa Retail mantén colaboración con máis de 2.000 empresas de orixe local na compra de produtos, segundo informa en relación á actividade desenvolvida o ano pasado. Nun comunicado, apunta que a maioría son pequenas e medianas empresas, cooperativas e negocios familiares. Ademais, indica que a compañía destinou 466 millóns de euros á compra destes provedores. Sobre esta colaboración, sinala que pon de relevo a "cultura empresarial" da propia empresa, "orientada a fortalecer o tecido produtivo das comunidades nas cales está presente con máis de 460 puntos de venda das súas diferentes liñas de negocio".

#mascota #can #cans #casa #piso #vivenda (Foto: Nós Diario)
Agora

Un estudo descarta que as mascotas contaxiasen humanos de Covid-19

O SARS-CoV-2 (Covid-19) contáxiase de humanos a mascotas (retro-contaxio) e non á inversa, polo que se descarta que os animais puidesen contribuír á expansión da Covid-19, segundo demostraron investigadores da Universidade Complutense de Madrid (UCM) en estudos efectuados durante a pandemia. Este achado acaba de despexar algunhas dúbidas que suscitaron especial preocupación ao principio da pandemia de Covid-19 (abril-maio 2020), sobre o potencial papel epidémico que os animais (especialmente as mascotas) puidesen ter na transmisión e mantemento de SARS-CoV-2.

Un barco de OpenArms rescatando migrantes (Foto: Matias Chiofalo / Europa Press).
Agora

A ONG OpenArms rescata 46 persoas no Mediterráneo

A ONG OpenArms rescatou esta quinta feira en augas do Mediterráneo 46 persoas que viaxaban nunha embarcación en perigo. Segundo informou a ONG na súas contas das redes sociais, todos están a salvo e a bordo do seu remolcador xunto ás 24 persoas que recolleron o día anterior e que están na cuberta da embarcación. A eles súmanse outras 40 persoas que foron localizadas e asistidas por OpenArms na terza feira, 1 de agosto, cando viaxaban á deriva en augas internacionais ata que foron rescatadas polas autoridades italianas.

Cartel vandalizado en Lugo.
Agora

Vandalizan un cartel contra a violencia machista en Lugo

Un dos carteis cos que o Concello de Lugo declara que a cidade está "libre de violencias machistas" apareceu vandalizado esta cuarta feira, concretamente coa palabra "machista" tachada. A alcaldesa da cidade, Lara Méndez, condenou os feitos a través da súa conta de Twitter: "Unha vez máis temos que lamentar un acto vandálico na cidade vinculado co negacionismo da violencia de xénero, ideario no que están instalados os partidos da dereita". Censurou, ademais, que "mentres se blanquean este tipo de violencias polo mero feito de ser mulleres, só neste mes de xullo asasinaron oito mulleres". "Todo o que non sexa loitar contra a violencia machista é ser cómplice da mesma", concluíu.
Nava Castro, candidata polo PP, exercendo o seu dereito a voto este domingo en Ponteareas. (Foto: Nós Diario)
Agora

O PP de Ponteareas nega "prácticas caciquís" e acusa o PSOE de "non acatar os resultados electorais"

Desde o PP de Ponteareas trasladaron esta cuarta feira o seu "rotundo rexeitamento" ás "graves acusacións formuladas" polo grupo socialista, que avanzou que levaría á Fiscalía as supostas "prácticas caciquís" das que acusa a alcaldesa, Nava Castro. A rexedora defende que "non hai ningún familiar facendo tarefas nin ocupando instalacións municipais", malia que, afirmaron os conservadores, "cando sexa preciso" contará "para os seus asuntos particulares e persoais con quen queira". Pola contra, o PP pediu ao PSOE de Ponteareas que "cuestione o seu propio partido" e mencionou aspectos como unha reunión co delegado do Goberno estatal na Galiza en decembro de 2022 na que estivo o seu candidato nas municipais, Delfín Domínguez, "quen non era ningún cargo". Tamén ven "elucubracións malintencionadas" dos socialistas e cren que "non saben acatar os resultados electorais". "Sempre actuamos correctamente e respectamos, como non podía ser menos, que sometan calquera cuestión a criterio da Fiscalía, pero que non engadan comentarios malintencionados nin enlamen a práctica política", din.

Coche da Policía Local de Vigo.
Agora

Detido un home en Vigo por agarrar do pescozo e golpear contra un enreixado a súa parella

Un home, J.L.C., de 36 anos de idade, foi detido na madrugada desta cuarta feira en Vigo após agarrar do pescozo a súa parella e golpeala contra un enreixado metálico dun local comercial. Segundo informou a Policía Local, os feitos ocorreron contra as 2 horas na avenida de Balaídos e os axentes tiveron constancia a través dunha chamada telefónica. Unha vez no lugar, os funcionarios interceptaron o suposto agresor, que negou os feitos. Simultaneamente, outro axente falou coa vítima, que estaba acompañada por un grupo de testemuñas que trataban de tranquilizala. Malia que nun primeiro momento a muller tentou ocultar a agresión, despois confirmouna, indicando aos policías que ten moito medo ao seu mozo. Varias testemuñas precisaron que o home insultou e agarrou violentamente a parella durante a actuación de dúas orquestras nas inmediacións do estadio. Por iso, o home foi detido como presunto autor dun delito de violencia machista.
Interior da libraría Numax de Santiago.
Agora

Máis de 8.000 mozos e mozas galegas solicitaron xa o Bono Cultural Xove

Un total de 170.931 mozos e mozas solicitaron o Bono Cultural Xove tras a apertura do prazo de solicitude o pasado 13 de xuño, segundo vén de comunicar o Ministerio de Cultura e Deporte. Deles, 8.053 son galegos e galegas. O ministro Miquel Iceta valorou a "boa marcha" do programa destacando que "a pouco máis dun mes e medio de lanzar a iniciativa, 35% dos posíbeis solicitantes do Bono Cultural Mozo xa o solicitaron". "Espero que antes de que remate setembro, todos os que fan 18 anos este ano soliciten o bono, e poidan gozar así das vantaxes de 400 euros destinados ao consumo ou a compra de produtos ou actividades culturais. Paga a pena", afirmou Iceta.
O centro de saúde de Carballedo, en Cerdedo-Cotobade.
Agora

Alertan da falta de médicos e pediatras na sanidade pública de Cerdedo-Cotobade

O grupo municipal socialista de Cerdedo-Cotobade vén de denunciar que a sanidade pública deste municipio da comarca de Pontevedra está "nunha situación crítica". A través dun comunicado afirman que desde esta terza feira "as persoas usuarias do centro de saúde de Carballedo que acudiron as súas citas atopáronse con que non estaba ningún dos dous facultativos que pasan consulta" e "non avisaron os doentes". Ademais, sinalan que en Tenorio "o médico titular está de vacacións" e atenderase "segundo dispoñibilidade". Por último, as rapazas e os rapaces deste concello tampouco terán pediatra. "Tras a marcha da anterior titular este servizo cubriuse de forma provisional, mais neste momento non hai", indican desde o PSdeG local.

Operarios traballando na extinción e control do incendio de Barreiros. (Foto: Europa Press)
Agora

Extinguido un incendio en Barreiros após queimar menos dunha hectárea e obrigar a cortar unha estrada

Un incendio forestal declarado esta terza feira no municipio de Barreiros (A Mariña) quedou extinguido contra as 17.28 horas, logo de queimar 0,86 hectáreas. O fogo, precisaron fontes do Goberno galego, declarouse na parroquia de San Cosme de Barreiros ás 13.13 horas e quedou extinguido unhas catro horas despois. Nas tarefas para apagar o lume participaron sete motobombas, seis brigadas e tres axentes, alén de efectivos municipais e bombeiros comarcais. O incendio, sinalaron desde o Concello de Barreiros, orbigou a cortar a estrada que vai desde o Hotel Rías Altas (San Pedro) até a rotonda de Barreiras (Cabarco), á altura do quilómetro 3, no acceso á Fraga do Santo Estevo.
Encoro de Cecebre, en Cambre. (Foto: Nós Diario)
Agora

Os encoros galegos baixan as súas reservas case un punto e quedan a 67% da súa capacidade

Os encoros galegos contan nestes momentos con 2.491 hectómetros cúbicos de auga embalsada, o que supón 27 menos que hai unha semana, segundo os datos ofrecidos esta terza feira polo Ministerio para a Transición Ecolóxica. As reservas baixaron case un punto porcentual nos últimos sete días, ficando así a 67,01% do total da súa capacidade. En concreto, os encoros da conca Miño-Sil están a 67,1% da súa capacidade, con 2.033 hectómetros cúbicos de auga —19 menos que a pasada semana—, mentres os de Galiza Costa fican a 67%, o que supón 458 hectómetros cúbicos de auga embalsada, oito menos que a pasada terza feira. No conxunto do Estado español, a reserva de auga embalsada caeu esta semana até 42,2% da súa capacidade total tras perder en sete días 692 hectómetros cúbicos (-1,2%).

Vista da cidade de Vigo. (Foto: Nós Diario)
Agora

Un atropelo en Vigo deixa un home falecido

Un septuaxenario faleceu en Vigo tras un atropelo, segundo informaron desde a Policía Local e o servizo de emerxencias 112. Na tarde da segunda feira, o 112 recibiu unha chamada por unha atropelo á altura do número 184 da rúa Sanjurjo Badía. Ao lugar, desprazáronse os servizos sanitarios, ademais de Bombeiros, Protección Civil e Policía Local, que confirmou o falecemento do home, que, segundo as primeiras hipóteses, caería á vía, resultando atropelado.

Tere Abelleira ante a nipoa Nagano. (Foto: Pablo García / Europa Press)
COPA DO MUNDO DE FÚTBOL

Contundente derrota de Tere Abelleira ante o Xapón (4-0)

A galega Tere Abelleira apañou, xunto co resto das súas compañeiras no combinado estatal, a súa primeira derrota no Mundial de fútbol de Australia e Nova Zelandia. Sobre o céspede do Estadio Rexional de Wellington a galega sumou outra titularidade, mais despois de dous triunfos -sobre Costa Rica e Zambia- non puido facer nada para frear unha selección xaponesa que se impuxo por un contundente 4 a 0. As nipoas fecharon o seu triunfo na primeira metade, chegando ao tempo do descanso con 3-0 grazas aos tantos de Miyazawa (2) e Ueki. Xa no segundo tempo, e con Abelleira fóra do céspede -substituída por Zornoza no 72-, Tanaka meteu o cuarto e definitivo gol no minuto 88.
bañeira queimada
Agora

Unha queima descontrolada deriva nun incendio a 10 metros de casas habitadas en Vigo

Unha queima descontrolada provocou a pasada sexta feira un incendio a só dez metros dun grupo de casas habitadas en Vigo, saldándose cun total de 500 metros cadrados de matogueira alta calcinados. Os feitos ocorreron na rúa Roupeiro, na parroquia de Matamá. Á chegada dos axentes os veciños trataban de sufocar as chamas e foron axudados posteriormente polos bombeiros. Nunha primeira inspección ocular, os funcionarios observaron que nunha zona próxima ao lume había unha bañeira vella con restos de queima no seu interior, parecendo o foco de inicio do lume. Tras a investigación, localizouse a R.P.N., home de 60 anos de idade e veciño do lugar, que admitiu que queimara cartóns e papeis no interior da bañeira, ausentándose do lugar sen comprobar que o fogo estivese apagado.