Agora

O presidente de Rusia, Vladimir Putin, a quinta feira. (Foto: Kremlin / DPA)
Agora

Putin presenta a súa candidatura ás eleccións presidencias rusas que decorrerán en marzo

O mandatario ruso, Vladimir Putin, confirmou hoxe que será candidato nas eleccións presidenciais, nas que opta á reelección nun cargo que segundo a última enquisa publicada polo Centro Levada mantería outros seis anos por unha ampla marxe. Desde 1999 Putin desempeñouse como presidente ou primeiro ministro. A Comisión Electoral rusa determinou que as votacións se desenvolvan do 15 ao 17 de marzo de 2024.

O Obradoiro, igual que o Breogán, queren celebrar a permanencia. (Foto: Monbus Obradoiro).
Agora

Os 'play-0ff', a tiro para Obradoiro

Están a tiro de pedra, a só un triunfo. A igualdade que caracteriza a Liga ACB fai que a diferenza entre o décimo terceiro clasificado (Surne Bilbao Basket) e Lenovo Tenerife, o oitavo -último posto que dá acceso a participar na próxima Copa do Rei de Baloncesto- sexa só dun triunfo, estando o Monbus Obradoiro inmerso nesa pelexa con pleno dereito grazas ás súas cinco vitorias. Iso si, para non descolgarse debe superar un rival directo como é Joventut de Badalona ás 12.30 horas de mañá. O Breogán, pola súa parte, podería facerlle un gran favor á escuadra capitalina se é quen de vencer o Bilbao a domicilio ás 18 horas deste sábado. Ademais, e xa no referente ao baloncesto feminino, este sábado (19 horas, Pavillón da Malata) hai derbi galego entre Baxi Ferrol e Durán Maquinaria Ensino. 
O galego rachou o domingo co récord de España de maratón. (Foto: Adidas).
Agora

O maratoniano galego Tariku Novales recibe ataques racistas

No número da sexta feira de Nós Diario publicábamos unha entrevista co maratoniano galego Tariku Novales, que a semana pasada tornaba no recordman estatal da modalidade após percorrer os 42.195 metros en 2.05.48. Porén, non todo o mundo celebrou o éxito do atleta. Algúns mesmo empregaron a cor da súa pel para atacalo, algo que o noiés de orixes etíopes denunciou a través da súa conta de X. "España non é un país racista. En España hai moito racista, que é diferente", escribía acompañando unha serie de capturas nas que distintas persoas ironizaban sobre a súa cor de pel ou sinalábano dicindo que "non é español, ten a nacionalidade, que é diferente".
O presidente da Güiana, Irfaan Ali, a finais de 2022. (Foto: Presidencia da Güiana)
Agora

Tropas estadounidenses inician manobras na Güiana pola reclamación territorial venezolana

Os Estados Unidos fixeron público que hoxe comezaron manobras militares aéreas sobre a Güiana coa colaboración do Exército do país suramericano, unha decisión que chega pouco despois de que as autoridades venezolanas e güianesas anunciaran que abriron unha “canle de comunicación” no marco das tensións pola reclamación de soberanía de Venezuela sobre o Esequibo, un territorio que na actualidade controla a Güiana. 
Ponte medieval do Burgo, no inicio da ruta, sobre a desembocadura do río Mero, entre os concellos de Cambre e Culleredo. (Foto: Colectivo Xea).
Agora

En liberdade os detidos polo alixo de cocaína atopado en Cambre

As catro persoas detidas pola Policía española, en colaboración co Servizo de Vixilancia Aduaneira, logo do achado dun alixo de cocaína que alcanzaría os 7.200 quilogramos nunha empresa de peixe conxelado en Cambre (comarca da Coruña) foron postas en liberdade. Segundo informou a Delegación do Goberno, a Policía deixou "en liberdade provisional" os catro apresados logo de tomarlles declaración sen chegar a pólos a disposición xudicial. 

A investigación segue aberta e o volume da substancia incautada na tarde da pasada terza feira no polígono de Espírito Santo convérteo nun dos operativos antidroga máis importantes dos últimos anos no Estado español. 

Terminal de gas natural licuado de Reganosa en Mugardos (Foto: Europa Press).
Agora

O Estado español serve de ponte ao resto da Unión Europea para o gas natural ruso

Rusia consolidouse como terceiro provedor (por detrás dos EUA e de Alxeria) entre xaneiro e novembro de gas natural licuado (GNL) do Estado español, o seu maior importador na Unión Europea (UE). A pesar dun leve descenso na demanda, o Estado español exerce de exportador de GNL ruso ao resto da UE, pois dos 5.210 millóns de metros cúbicos importados até setembro de todas as orixes do mundo, 1.050 foron reexportados na UE.
Local de doazón no Hospital Nicolás Peña de Vigo. (Foto: Nós Diario)
Agora

O Sergas urxe a doazón de sangue dos grupos A- e 0+

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) do Servizo Galego de Saúde (Sergas) chama a veciñanza da Galiza a doar sangue após comprobar que as reservas dos grupos A negativo e 0 positivo están en niveis baixos. Os únicos grupos que se atopan en nivel bo son B negativo e AB positivo, mentres que A positivo, 0 negativo, B positivo e AB negativo están nun nivel normal. Así, ADOS recorda que nos hospitais galegos necesitan perto de 500 doazóns de sangue para poder desenvolver o seu labor asistencial. Por isto, incide que se pode doar sangue nalgunha das dez unidades móbiles que despregan cada día pola xeografía galega ou nalgún dos sete locais permanentes de doazón na Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Compostela ou Vigo.
(Foto: RFGF).
Agora

A Irmanidiña comeza a defensa do título UEFA

Volve a vixente campioa de España e de Europa, a selección galega de fútbol amateur. A Irmandiña comeza hoxe o seu percorrido de cara á defensa do seu título no Campo Federativo de Coia, en Vigo, que abrirá as súas portas de balde para que poida asistir calquera persoa que o desexe. Alí disputará a primeira fase da Copa das Rexións UEFA, colidindo en primeiro lugar co combinado das Illas Canarias ás 12 horas, nun debut que podería ser fundamental de cara a lograr o obxectivo de rematar como primeira clasificada do seu grupo. Para iso, o seleccionador nacional, Iván Cancela, contará con 18 homes ao seu dispor, sendo os conxuntos máis representados o Arousa (4) e o Atlético Arteixo (4).  
(Foto: Fegato).
Agora

O Europeo de Taekwondo Sub-21 agarda polos deportistas galegos

A capital de Romanía, Bucarest, pasou a selo tamén do taekwondo continental, pois acolle desde onte e até o próximo domingo, día 10 de decembro, unha nova edicion do Campionato de Europa Sub-21 desta arte marcial. En total foron nove as taekwondoin galegas que se desprazaron até o país dos Cárpatos: Helena García (-73, Dobok), Samuel Meilán (-58, Tao), Silvia Otero (-49, Mat´s), Noa Romero (-49, Natural Sport), Desi Rivadulla (-73, Suh), Irene Montemuiño (-62, Natural Sport), Adrián Salanova (-68, Maniotas), Sergio Troitiño (-87, Mat´s) e Javier Otero (-54, Kae), que puideron ser 10 de non ser pola lesión de  Mateo Boudjenane.

José Ramón Gómez Besteiro (Foto: M. Dylan / Europa Press)
Agora

Besteiro reivindica a xestión dos fondos europeos por parte do sector ante unha Xunta "incapaz"

O candidato do PSdeG-PSOE á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, reivindicou a xestión dos fondos europeos por parte do sector pesqueiro para sacar adiante proxectos innovadores, fronte a un Goberno galego que é "incapaz" de facelo. Así se pronunciou Besteiro durante unha visita realizada esta quinta feira ás instalacións frigoríficas que a Organización de Palangreiros da Garda (Orpagu) abriu no ano 2022 no polígono de Tui (Baixo Miño) con avanzada tecnoloxía de robótica e automatización para mellorar os procesos de carga, descarga e manipulación de peixe.

(Foto: VT Sports).
Agora

A selección galega participa no I Campionato Ibérico de Tenis, que se xogará en Ourense

A Galiza torna desde esta quinta feira na capital peninsular do tenis, pois Ourense e as instalacións dos clubs Santo Domingo e Padel Prix acollen até o próximo domingo, día 10 de decembro, a primeira edición dun Campionato Ibérico Absoluto que contará coa participación, ademais da selección galega, dos combinados enviados por Asturias, Castela e León, Cantabria, Aveiro, Coimbra, Leiria e Porto. Esta última selección será a primeira rival tanto da Irmandiña masculina como da feminina, debutando nos dobres tan cedo como esta quinta feira ás 10 horas  na Pista Cuberta 1 do Padel Prix -os homes, Rafael Izquierdo e Iago Domínguez- e na Pista Cuberta 2 do mesmo recinto as mulleres, Celia Cerviño e Emma Baliña. 
Bañistas nunha praia galega no outono de 2023. (Foto: Elena Fernández / Europa Press)
Agora

As temperaturas de novembro fan de 2023 o ano máis cálido

Logo de que a pasada segunda feira Meteogaliza dera a coñecer que o outono de 2023 foi o máis cálido e húmido da serie histórica –cunha temperatura media de 16,4ºC e un acumulado de precipitacións de 797 l/m2– o Servizo de Cambio Climático de Copernicus (C3S) confirmou esta cuarta feira que "as extraordinarias temperaturas mundiais" de novembro converten 2023 no ano máis cálido desde que existen rexistros.

Segundo o boletín mensual que publica o C3S, novembro de 2023 tivo unha temperatura media do aire en superficie de 14,22ºC, 0,85ºC por riba da media de 1991-2020 para ese mes, e 0,32ºC por riba da temperatura de novembro de 2020, que fora o mes de novembro máis cálido até a data.

(Foto: FEDDF)
Agora

Judith Rodríguez, sétima na Copa do Mundo de Esgrima de Tailandia

Finalizou o percorrido da galega Judith Rodríguez na Copa do Mundo de Esgrima en Cadeira de Rodas que se está desenvolvendo na localidade tailandesa de Nakon Ratchasima. Após asinar un brillante percorrido que a levou até a rolda de cuartos de final, non foi quen de entrar na pelexa polas medallas logo de perder cunha deportista que xogaba co factor campo ao seu favor, Aphinya Thongdaeng. Sétima na clasificación xeral do campionato, con este resultado a tiradora -que o pasado ano 2022 tornou na primeira non só a nivel da Galiza, senón do conxunto do Estado, en lograr unha medalla de ouro nunha proba da Copa do Mundo- finalizará o 2023 no cuarto lugar do ránking da Federación Internacional de Deportistas en Cadeira de Rodas e Amputados.
 
Montenegro, líder do PSD, co presidente luso Rebelo de Sousa. (Foto: Nós Diario)
Agora

PSD e CDS avanzan nas negociacións para unha coalición electoral nos comicios lusos de 2024

O conservador Partido Social Democrata (PSD) de Portugal negocia co Partido do Centro Democrático Social (CDS) a constitución dunha coalición electoral para os comicios do 10 de marzo de 2024, nunhas conversas que están “ben encamiñadas”, trasladaron hoxe varias fontes das organizacións ao xornal luso Público. A Iniciativa Liberal rexeitou nun primeiro momento unirse á coalición, que permitiría ao CDS volver ao lexislativo, do que saíu en 2022. 

OS NINGUÉNS
Agora

Lembran as persoas falecidas en Vigo na rúa ou infraviviendas, "16 en catro meses"

Un acto en Vigo lembrou esta cuarta feira, 6 de decembro, as persoas falecidas na cidade na rúa ou infravivendas, "16, desde o verán", segundo o colectivo Os Ninguéns, organizador deste acto. O colectivo demandou que se "blinde" e sexa unha realidade o artigo 47 da constitución, que fai refrencia ao dereito á vivenda.

Violencia Machista
Agora

Detido un mozo de 28 anos por unha agresión machista á ex parella en Pontevedra

A Policía Local de Pontevedra detivo un home, de 28 anos de idade por unha suposta agresión machista unha muller, de 23, coa que mantivera unha relación. Segundo informa o Concello, o mozo foi apresado despois de que as persoas participantes nunha concentración en apoio a Palestina escoitasen como nun piso próximo unha muller pedía auxilio e socorro. Os axentes entraron no domicilio e observaron que estaba revolto e había cristais rotos. Tal e como consta no parte da Policía Local, produciuse "unha discusión acalorada" na que a vítima chegou a ser "suspendida no ar" e tiña "feridas o pescozo". Ademais, os axentes comprobaron que tiña danos de agresións anteriores. Os policías tamén tomaron declaracións a algunhas das persoas que estaban na rúa, que relataron que escoitaran unha discusión, fortes golpes e unha muller que pedía auxilio.

1507459159629
Agora

Catro detidos por un alixo de cocaína de máis de 7 toneladas nun polígono de Cambre

A Policía Nacional, en colaboración co Servizo de Vixilancia Aduaneira, detivo catro persoas tras o achado dun alixo de cocaína que superaría as sete toneladas nunha empresa de peixe conxelado en Cambre (comarca da Coruña). Segundo informaron fontes oficiais, a sustancia, que indiciariamente pesaría máis de sete toneladas en total, foi interceptada  nunha nave dun polígono industrial. Polo momento, hai confirmados catro detidos e tomouse declaración a máis persoas no marco dunha investigación que segue o seu curso. Os axentes do operativo estiveron a traballar in situ tamén de madrugada. Este alixo de cocaína, de confirmarse a contía, sería o máis grande atopado na Galiza galega no que vai de ano

Unha persoa prende a luz (Foto: Nós Diario).
Agora

O prezo da luz baixa 6,3% hoxe, até os 105,97 euros/MWh

O prezo media da luz para os clientes de tarifa regulada vinculados ao mercado almacenista baixará hoxe, 6 de decembro, un 6,33% con respecto aos datos de onte, 5 de decembro, até os 105,97 euros por megawatt hora (MWh). O prezo máximo, de 129,91 euros/MWh, rexistrarase entre as 20 e as 21 horas, mentres que o prezo mínimo, de 90,59 euros/MWh, alcanzarase entre as 4 e as 5horas, segundo os datos provisionais do Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE)

(Foto: Baloncesto Breogán).
Agora

O Breogán visita o inferno turco na Champions

O Leite Río Breogán é un conxunto ferido. Construído para optar a metas maiores, a realidade é que unha vez superado o primeiro terzo da Liga ACB ocupa a penúltima posición. Polo contrario, a situación é ben diferente en Europa, pois nos catro partidos que disputou até o de agora na Basketball Champions League logrou imporse en dous dos catro partidos nos que participou até o momento. Esta terza feira ás 18 horas os celestes regresan á súa competición refuxio, e precisamente ante un dos equipos aos que se impuxo, o Bursaspor de Turquía, a quen derrotou por 68-48 na primeira volta. Nesta ocasión o obxectivo dos puntos será máis complexo, pois o fogar da escuadra otomana, o Tofaş Nilüfer Spor Salonu, é un recinto moi complexo para os visitantes que ten capacidade para 7.500 espectadores.  
Comezo do curso nun colexio de Andalucía (Foto: Álex Zea / Europa Press).
Agora

O Estado español marca o seu mínimo histórico en ensino no informe PISA

O informe PISA da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico correspondente aos exames desenvoltos en 2022 foi publicado hoxe, nunhas probas que colocaron o Estado español coa peor nota da súa historia, cunha caída nos resultados de Matemáticas e Lectura e unha suba nos de Ciencia. Porén, a baixada global duns resultados marcados pola Covid-19 sitúa o Estado perto da media da Unión Europea.