Agora

#violencia #violencia_machista #violenciamachista O condenado causoulle todo tipo de malos tratos físicos e psicolóxicos constatados agora pola Xustiza.
Agora

As axudas para fillas e fillos menores de 30 anos de vítimas mortais por violencia de xénero xa poden solicitarse

O Diario Oficial da Galiza (DOG) publicou unha nova convocatoria de axudas dirixida aos fillos e fillas menores de 30 anos de vítimas mortais por violencia de xénero e a mulleres que resultaron gravemente feridas como consecuencia dunha agresión. O orzamento destas indemnizacións para 2024 ascende a 70.000 euros, ampliábeis en funcións das necesidades, e os apoios poderán solicitarse desde esta quinta feira até o 30 de novembro de 2024. Os beneficiarios recibirán 7.000 euros nunha única achega e poderán obter a axuda cada un dos fillos da vítima mortal de violencia de xénero que en data do falecemento da nai sexan menores de idade e convivisen con ela, independentemente da renda familiar.

Mapi Vilas, cos seus trofeos.
Agora

Mari Paz Vilas, premio á mellor da Queens League

A futbolista galega Mari Paz Vilas foi distinguida co Premio Coroa de Ouro á mellor xogadora da Queens League. Esta liga impulsada por Gerard Piqué xunto con coñecidos streamers e youtubers como Ibai Llanos é unha liga de fútbol que tivo neste 2023 a súa primeira edición, e distínguese das competicións habituais en que non só non adopta as normas internacionais da FIFA, senón que aposta por introducir factores no xogo como as denominadas "armas segredas", consistentes en cartas que poden modificar o devir do partido sancionando o rival, outorgando a posesión da pelota ou mesmo facendo que os tanto anotados conten por dous durante certo tempo.
(Foto: Alexandre Ferreira).
Agora

O deporte chinés do wushu chega a Ourense

O wushu, un deporte similar pero con diferencias con respecto ao kung fu, é unha arte marcial tradicional chinesa que adoptou esta denominación nos tempos da Revolución Cultural como outra forma de diferenciación para distinguir esta nova modalidade máis acrobática e visual. Agora, Ourense terá a oportunidade de coñecela en primeira persoa, pois onte chegou á Cidade das Burgas unha delegación de deportistas da Federación Chinesa conformada por 12 mestres do máis alto nivel mundial que impartirán seminarios de tecnificación e protagonizarán unha exhibición hoxe como feche da Gala do Deporte das Escolas Deportivas no Pazo dos Deportes Paco Paz.
(Foto: RFEA).
Agora

Aldara Meilán comanda a 'Armada Galega' no Estatal de Marcha

A localidade madrileña de Xetafe dará acollida este domingo, día 17 de decembro, aos Campionatos de España invernais de promoción e de 10 quilómetros Máster nas modalidades de marcha en ruta, unha proba que xuntará máis de 160 atletas chegados desde todos os recunchos do Estado. Por parte galega acudirán un total de 12 marchadoras e marchadores na procura dun bo resultado tanto a nivel de rexistro como de clasificación na que será a última proba do 2023. Entre eles e elas destaca a presenza da vixente campioa, Aldara Meilán (Atlética Lucense), así como a do campión mundial e europeo na categoría M-45 Juan Manuel Morales Del Castillo (Marineda), gran favorito na distancia dos 10 quilómetros. Ademais, tamén optan a podio Emilia Mesa (Sada) na F-45 e Soledad Pousa na F-50. 
 
O candidato de EH Bildu á Alcaldía de Iruña, Joseba Asiron, hoxe. (Foto: Eduardo Sanz / Europa Press)
Agora

Rexistrada na capital de Nafarroa unha moción de censura que levará EH Bildu á Alcaldía

EH Bildu, PSOE, Geroa Bai (alianza na que participa o Partido Nacionalista Vasco) e Contigo Zurekin (unha coalición con presenza de Podemos e Izquierda Unida) rexistraron hoxe no Concello de Iruña, a capital de Nafarroa, unha moción de censura que acabará cos seis meses de Goberno de Cristina Ibarrola, de Unión del Pueblo Navarro. A forza conservadora chegou á Alcaldía en minoría logo de que o PSOE se negara a negociar con EH Bildu -que conta con oito das e dos 16 edís das forzas da oposición-, algo que a forza soberanista si fixo no tocante ao Goberno de Nafarroa, permitindo que María Chivite (PSOE) se fixera coa Presidencia. Nunha votación na última semana do ano, Joseba Asiron (EH Bildu) volverá ao cargo que xa desempeñou entre 2015 e 2019.

A lamprea leva habitando nos ríos da Galiza desde hai máis de 500 millóns de anos, moito antes da existencia da especie humana (Foto: Nós Diario).
Agora

O período para solicitar un posto para a pesca de lamprea no Teo e no Ulla comeza esta quinta feira

O sorteo dos postos para pescar lamprea nos ríos Tea e Ulla na próxima tempada decorrerá o 19 de xaneiro de 2024. O período para o rexistro de peticións arrinca esta quinta feira para ambos os ríos mais será menor no Tea, 10 días hábiles, que no Ulla, 15 días hábiles. A tempada no río Tea estenderase do 1 de febreiro ao 15 de maio, mentres que no caso do Ulla (salvo nalgunhas áreas con calendario propio) será entre o 1 de xaneiro e o 23 de marzo.
As murallas de Lugo, cidade considerada como o grande bastión de Ramiro I. (Foto: Nós Diario)
Agora

Detido un veciño de Lugo por unha agresión á súa parella, á que supostamente empurrou e agarrou do pescozo

Axentes da Policía Local de Lugo detiveron un veciño da cidade, de 29 anos de idade, como presunto autor dun delito de violencia de xénero, tras unha suposta agresión á súa parella. Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron esta terza feira, cando do 092 recibiu varias chamadas alertando de que se estaba producindo unha forte discusión de parella nunha vivenda da rúa Montirón. Ao chegar ao momento, os axentes foron recibidos por varios veciños do edificio, que explicaron que se produciu "un gran escándalo" nunha das vivendas. Os funcionarios chamaron á porta e un home abriulles, para confirmar que tivera unha discusión coa súa parella e que ela abandonara o domicilio.

O Banco Santander, presidido por Ana Botín, obtivo a peor nota (Foto: Humberto Bilbao).
Agora

A banca do Estado español é a máis vulnerábel aos riscos xeopolíticos de toda a UE

A banca do Estado español foi a que peor ratio de capital rexistrou de toda a Unión Europea (UE) por segunda vez consecutiva no exercicio anual de transparencia que elabora a Autoridade Bancaria Europea (EBA) e que estuda a solvencia das entidades, o que sitúa o sector financeiro estatal como o máis vulnerábel da UE aos riscos xeopolíticos. Banco Santander foi a que obtivo o peor dato entre as dez entidades do Estado español examinadas neste estudo.
(Foto: Movister Team).
Agora

O Movistar de Carlos Canal tamén correrá a Volta Ciclista á Galiza

A terceira edición da Volta Ciclista profesional á Galiza, tamén coñecida como O Gran Camiño, volverá contar coa presenza do Movistar Team, o único equipo do Estado español no circuíto UCI World Tour, a máxima categoría planetaria. Nesta tempada, a súa número 45 dentro do pelotón, non só mantén o bloque de 2023, senón que incorporou ás súas filas Carlos Canal, o corredor galego máis importante da actualidade. O Movistar Team forma parte importante da historia do Gran Camiño, xa que un dos seus ciclistas, Alejandro Valverde, foi quen rematou no primeiro posto da clasificación xeral na edición de 2022. Este ano pasado, logo da retirada do murciano, o seu xefe de filas foi o luso Rubén Guerreiro, que logrou facerse con dous segundos postos de etapa e o terceiro na xeral.
(Foto: Básquet Coruña).
Agora

A solidariedade protagonizará o Leyma-Rioverde de baloncesto

Como acontece desde hai xa varias campañas, cada mes de decembro o Pazo dos Deportes de Riazor quenta motores para a noite máis solidaria do ano. Nesta ocasión, a tradicional 'chuvia de peluches' a beneficio de Cáritas desenvolverase o próximo día 15, sexta feira, no intermedio do choque que enfrontará desde as 21 horas o Leyma Básquet Coruña co Rioverde Clavijo, polo que desde o club fan un chamamento a acudir ao recinto con eles para lanzalos á pista durante o tempo de descanso. Ademais, a escuadra herculina informou de que o orzamento da tempada 2023/24 aprobado na recente Xunta de Accionistas ascende a 1.433.005 euros, o que supón un incremento de 20%.
O presidente ucraíno Volodimir Zelenski o pasado domingo. (Foto: Presidencia de Ucraína / Europa Press / Contacto)
Agora

Zelenski lanza unha "última súplica" a Washington para que envíe máis armas

Logo de asistir á toma de posesión do novo presidente arxentino, o ultradereitista Javier Milei, o mandatario ucraíno, Volodimir Zelenski, intervirá hoxe perante o Senado estadounidense no que a axencia Reuters definiu como “unha última súplica” para que aprobe esta semana un paquete con 56.000 millóns de euros para armar Kíiv, posto que a sexta feira remata o período de sesións do lexislativo até o vindeiro ano. Con posterioridade ten previsto reunirse co presidente do país, Joe Biden. Neste contexto, o Fondo Monetario Internacional deu luz verde á entrega de 835 millóns de euros a Ucraína mentres a Unión Europea debate se aceptar o comezo das conversas de adhesión nunha cimeira que decorrerá a quinta e sexta feira.
Manifestación do persoal de Vitrasa no mes de decembro (Foto: Pedro Davila / Europa Press).
Agora

O comité de Vitrasa afea a actitude de Abel Caballero: "Vigo non é unicamente festa"

O comité de empresa de Vitrasa, a concesionaria municipal do transporte urbano de Vigo, denunciou o "deixamento" do alcalde, Abel Caballero, durante o conflito, "a pesar de ser o máximo responsábel deste servizo público esencial". Nun comunicado, a representación dos traballadores criticou que o rexedor non sexa capaz de pór solución á situación "e nin sequera pode dar unha explicación coherente". "Gobernar unha cidade como Vigo non é unicamente ocuparse das festas, senón garantir primeiro os servizos esenciais", reivindicou o comité, lamentando tamén a actitude de Vitrasa que, a pesar de contar cun próximo reequilibrio económico por parte do Concello (ao que hai que sumar compensacións anteriores), "di que segue en perdas".

Xulgado do penal número 2 de Vigo (Foto: Google).
Agora

A Fiscalía pide nove meses de prisión para un vigués que posuía pornografía infantil

Un vigués enfróntase a nove meses e medio de prisión por estar acusado dun delito de posesión e acceso a material pornográfico infantil ao dispor de vídeos sexuais de menores no seu teléfono móbil. A vista levarase a cabo esta terza feira, día 12 de decembro, no Xulgado do Penal número 2 de Vigo e para el Fiscalía solicita, ademais da pena de cárcere, unha inhabilitación para calquera profesión que conleve contacto regular con menores de idade durante polo menos tres anos. Segundo explica o Ministerio público no seu escrito de acusación, os feitos remóntanse a maio de 2019, cando o home se conectou a unha páxina web na que se exhibían arquivos pedófilos, centrados especialmente en prácticas BDSM, nos que os menores eran sometidos a actos sexuais con adultos.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome (Foto: Europa Press).
Agora

O PP facilita a aprobación da modificación de crédito sobre fondos europeos do Concello de Ourense

O Concello de Ourense convocou esta segunda feira un pleno extraordinario para levar adiante unha nova modificación de crédito, que foi aprobada cos votos favorábeis do Partido Popular. O seu 'si' permitiu manter unha subvención de 4,2 millóns de euros que concedera a Unión Europea este verán para o proxecto Move Ourense II, que consta de iniciativas como a creación dunha zona de baixas emisións no centro urbano ou proxectos de humanización de rúas. O custo dos proxectos é de 18 millóns de euros e para algúns hai fondos implementados, pero para outros o Concello "necesitaba ter liquidez", porque de non conseguir cofinanciar a parte que lle corresponde podería perder a axuda. Con todo, o alcalde, Gonzalo Pérez Xácome, non logrou os apoios para aprobar o pagamento de facturas dos gastos do contrato menor do servizo dos bonos comercio de 2023, xa que a oposición, en bloque, votou en contra. Xácome avanzou que denunciará no xulgado o interventor polos seus reparos á tramitación dos bonos comercio, alegando "fraude" e "sacarse unha lei que non existe da manga".
Sede central de Telefónica en Madrid (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press).
Agora

Os sindicatos rexeitan saídas forzosas no ERE de Telefónica

Representantes do persoal e Telefónica mantiveron esta segunda feira novas xuntanzas para negociar os expedientes de regulación de emprego (ERE) que a empresa aplicará nas súas tres principais filiais estatais e que afectan 339 empregados e empregadas na Galiza -máis da metade do cadro de persoal-. A parte social opúxose á posibilidade de introducir "saídas forzosas" neste proceso, á vez que UXT suxeriu que o proceso tamén debería afectar á área directiva da compañía. Neste sentido, a representación do persoal lamentou o "cambio de paradigma" que supón incluír a posibilidade de saídas forzosas en relación cos procesos anteriores, nos que se recollía a voluntariedade para adherirse ou non aos plans de redución de persoal.
Dúas mulleres traballan muxindo as vacas nunha explotación leiteira de Friol, na comarca  de Lugo (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
Agora

O Sindicato Labrego Galego acusa o Goberno galego de non pagar as axudas da PAC

O Sindicato Labrego Galego (SLG) denunciou esta segunda feira que a Xunta da Galiza "non só non adiantou as axudas da Política Agraria Común (PAC), senón que as granxas nin sequera cobraron este mes". Neste sentido, a organización lembrou que a Xunta anunciou a mediados do mes pasado que a Galiza "ía estar entre as primeiras autonomías en pagar os anticipos das axudas da PAC e mesmo se aventurou a alardear de que o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) realizaría o pagamento de 70% da axuda total no anticipo e de 90% nas axudas do saldo [por ecorréximes]", reprobou o SLG. "Chegado decembro, constatamos que, unha vez máis, asistimos á instrumentalización dos medios de comunicación por parte do Goberno galego con fins propagandísticos, á vez que dá unha falsa imaxe de apoio ao sector primario", sentenciou o sindicato agrario. Como réplica ao sindicato agrario, o Goberno galego defendeu onte que xa abonou case 44 millóns de euros en outubro e novembro en concepto de achegas da PAC. Ademais, engadiu que nesta semana vaise iniciar o pagamento doutros 96 millóns de euros máis.
Adegas Fillaboa (Foto: Masaveu Bodegas).
Agora

Adegas Fillaboa logra o selo ‘Sustainable Wineries for Climate Protection’ pola súa “aposta por sustentabilidade”

Adegas Fillaboa, situada en Salvaterra de Miño (O Condado) e que pertence ao grupo Masaveu Adegas, logrou o selo 'Wineries For Climate Protection' (SWfCP) que a recoñece como unha adega sostíbel nos ámbitos ambiental, social, económico e de gobernanza, segundo informa nun comunicado. En concreto, con este recoñecemento son xa tres as adegas de Masaveu Adegas -Murua, Pagos de Araiz e Fillaboa- en lograr este certificado, que confirma a aposta do grupo adegueiro pola sustentabilidade. A certificación SWfCP, creada pola Federación Española do Viño (FEV), permite avaliar o compromiso das adegas na loita contra o cambio climático e a súa aposta pola sustentabilidade, actuando en catro ámbitos en concreto como son a redución de gases de efecto invernadoiro (GEI), a eficiencia enerxética, a redución da xeración de residuos, a xestión correcta da auga, así como a súa uso responsábel e a eficiencia enerxética.

DXT, vehículos en desprazamento (Foto: Europa Press)
Agora

Dá inicio unha campaña especial de control de consumo de alcol e drogas ao volante na Galiza

A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) inicia esta segunda feira unha nova campaña especial de control sobre a taxa de alcol e a presenza de drogas en condutores que se estenderá até o domingo, 17 de decembro. Debido ás datas de Nadal, a campaña terá especial incidencia nas zonas de lecer, moitas delas en ámbito urbano, polo que promoverá a implicación dos Concellos e dos seus policías locais. O obxectivo, destacou a Delegación do Goberno español na Galiza, é concienciar sobre os riscos do consumo de alcol e drogas ao volante, que "está presente nun terzo dos accidentes mortais como factor concorrente ou causante".
Explotación de vacún en extensivo (Foto: Europa Press).
Agora

Tres granxas galegas atópanse no top 5 das gandarías con mellor calidade xenética

Tres granxas galegas atópanse entre as cinco mellores do Estado español, segundo a clasificación elaborada pola Confederación de Asociacións de Frisoa Española (Conafe) das mellores explotacións gandeiras por índice combinado (ICO), que avalía a calidade xenética dos animais. Trátanse da lalinense G.B. Gandaría, da negreiresa Landeira Sociedade Cooperativa Galega, e da lalinense Finca Mouriscade, dependente da Deputación de Pontevedra.
O prezo máximo da enerxía rexistrarase entre as 19 e as 20 horas. (Foto: Europa Press)
Agora

O prezo da luz rexistra este sábado o maior aumento do mes, cunha suba de 62%

O prezo medio da luz para a clientela de tarifa regulada vinculada ao mercado maiorista subirá este sábado 62,49% con respecto aos datos de onte, até os 35,39 euros por megavatio hora (MWh), sendo o maior aumento do mes. O prezo máximo, de 77,50 euros/MWh, rexistrarase entre as 19 e as 20 horas, mentres que o prezo mínimo, de 16,66 euros/MWh rexistrarase entre as 4 e as 6 horas, segundo os datos provisionais do Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE). Nestes nove primeiros días de decembro, o prezo medio do 'pool' eléctrico é de 82,8 euros/MWh, fronte aos 151,03 euros /MWh que marcou de media para o mesmo mes do ano pasado. Ao prezo medio do 'pool' sumaríase a compensación ás gasistas que debe ser aboada polos consumidores e consumidoras.