Agora

Mobilización en Castroverde na defensa da sanidade pública, hoxe. (Foto: Nós Diario)
Agora

Castroverde mobilízase en defensa da sanidade pública

O BNG convocou hoxe unha concentración en Castroverde (comarca de Lugo) en defensa da sanidade pública da comarca. Laura Arrojo, veciña e militante do Bloque no municipio, precisou que durante esta semana no centro de saúde "non" terán facultativos que atendan a veciñanza, perto de 2.500 persoas cunha media de idade "moi avanzada". "A Xunta intenta facer en Castroverde o que xa se fixo noutros centros de atención primaria, reducir a calidade do servizo até fechar o centro de saúde", denunciou. Que en Castroverde queden "sen médico unha semana" e só teñan pediatra "tres días", engadiu, "non é casualidade". "En 2010 levaron a ambulancia medicalizada para O Corgo, despois quitaron un dos tres médicos que había no centro e agora só quedan dous para toda a poboación do concello", lamentou. Ademais, expuso, "non cobren nin as baixas nin as vacacións, obrigándonos a ir ás Urxencias do Hula, que xa están saturadas".
Agora

Sanidade amplía a campaña de vacinación contra gripe e Covid-19

A Consellaría de Sanidade anunciou esta sexta feira que a campaña de vacinación da gripe e da Covid-19 amplíase até o próximo 12 de xaneiro. As persoas de máis de 60 anos, embarazadas e as pertencentes a grupos de risco teñen dispoñíbeis os hospitais públicos galegos para vacinarse de maneira conxunta de gripe e Covid e, ademais, nos centros de saúde administrarán a vacina da gripe, dirixida tamén a crianzas de 6 a 59 meses.
Automóbiles producidos na factoría de Stellantis Vigo (Foto: Pedro Davila / Europa Press).
Agora

Stellantis aumentou este ano en 31,5% a súa produción de vehículos na Galiza

A factoría viguesa do grupo automobilístico Stellantis produciu este ano 531.732 vehículos, o que supón 31,5% máis que en 2022, segundo os datos publicados esta sexta feira pola compañía. Deste total, 13% dos automóbiles ensamblados na planta da cidade olívica foron 100% eléctricos, cun incremento de 21% respecto ao exercicio previo. No conxunto do Estado, Stellantis produciu máis dun millón de vehículos, cun incremento de 17,8%.
Presentación do ciclo 'Folk no Colón', esta sexta feira, día 22.
Agora

O mellor folk cítase no Teatro Colón da Coruña

Folk no Colón reunirá na Coruña algunhas das figuras máis destacadas da música galega entre decembro e maio, segundo informou o concelleiro de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro. Entre as actuacións que terán lugar no Teatro Colón da cidade herculina participarán Susana Seivane, Leilía, Luar na Lubre, Budiño, Xabier Díaz e 'Os do Fondo da Barra'.No acto de presentación, o alcalde estivo acompañado por algúns dos artistas que forman parte deste proxecto como Susana Seivane, Bieito Romero, Budiño, Quique Peón ou Xabier Díaz. "A selección de artistas e bandas responde a unha longa e exitosa traxectoria musical e á publicación nos próximos meses de novos discos que a cidadanía coruñesa poderá descubrir en directo nun espazo de referencia como é o Teatro Colón", subliñou. 
A Axencia de Doazón chama a doar sangue dos gupos A positivo O positivo (Foto: Nós Diario).
Agora

O Sergas chama a doar sangue, especialmente dos grupos A+, 0-, B+, AB-

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) do Sergas chama hoxe de novo a cidadanía a doar sangue tras comprobar que as reservas dos grupos A positivo, 0 negativo, B positivo e AB negativo están en niveis baixos. O único grupo que se atopa en nivel bo é o AB positivo, mentres que A negativo, 0 positivo e B negativo están en nivel normal. Así, ADOS lembra que nos hospitais galegos necesitan perto de 500 doazóns de sangue para poder desenvolver o seu labor asistencial. Por iso, incide que se pode doar nalgunha das dez unidades móbiles que percorren diariamente Galiza ou nalgún dos sete locais permanentes de doazón das principais cidades galegas.
Carlos Vicente, nun partido co Rácing.
Agora

O Alavés paga a cláusula de Carlos Vicente e deixa orfa a banda dereita do Rácing

A estelar tempada de Carlos Vicente nun Rácing que remata o ano en segunda posición viña ameazando nas últimas semanas con que Cristóbal Parralo perdese un dos seus xogadores chave. O seu alto rendemento espertou o interese de varios clubs de Primeira, e finalmente foi o Deportivo Alavés o que esta sexta feira deu o paso e abonou a cláusula de 600.000 euros que o ataba a Ferrol. A venda máis elevada na historia do equipo verdibranco. Vicente, que debutará en xaneiro na máxima categoría tras dar ao Rácing catro goles e outras tantas asistencias nos 21 encontros ligueiros que disputou, deixa orfa a banda dereita da Malata, unha posición para a que non será fácil atopar un substituto. O futbolista despediuse agradecendo o apoio da afección: "Aquí hai un racinguista e un ferrolán máis, porque o que vivín aquí é moi difícil que poida vivilo nalgún outro sitio".
buciñosfamilia
Agora

Vandalizan unha escultura de Buciños en Vigo

A Policía Local de Vigo investiga un acto vandálico que tivo como obxectivo o grupo escultórico A Familia, do escultor Buciños, e que obrigou a retirar unha das figuras. O conxunto está formado por catro figuras, un home, un neno, unha muller e unha nena, e a escultura da pequena apareceu dobrada, segundo informaron fontes municipais. Un veciño foi quen alertou a unha patrulla da Policía Local ao decatarse de que a figura da moza fora vandalizada. Non é a primeira vez que este grupo escultórico sofre un acto vandálico. En abril de 2022, dous turistas foron detidos por causar danos na instalación. O grupo foi restaurado e instalado de novo en marzo deste ano.

Entrada ao Val de Cuelgamuros durante o proceso de exhumación. (Foto: Gustavo Valiente / Europa Press)
Agora

A Xustiza española reactiva as exhumacións no Val de Cuelgamuros logo de suspendelas

Poucos días despois de suspender de forma provisoria os traballos de exhumación de vítimas da ditadura franquista no Val de Cuelgamuros, na Comunidade de Madrid, a Audiencia Nacional española deu marcha atrás hoxe á medida ao constatar que unha denuncia pola vulneración da liberdade relixiosa da familia dunha persoa sepultada, impulsada por unha asociación ultracatólica de extrema dereita, non tiña fundamento.

Os fortes refachos de vento volverán marcar a xornada. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
Agora

Vento, ondas e néboa: a xornada que espera á Galiza esta sexta feira

Galiza encóntrase entre os territorios en risco por fortes refachos de vento e ondas. As choivas tamén se poderían estender de forma ocasional ao resto da área cantábrica e norte da Galiza onde predominarán os intervalos nubrados. O que tamén se espera para certas zonas do país é néboas que poden dificultar a condución polo que se recomenda circular con precaución nas estradas.
O deputado do PSdeG no Parlamento galego Julio Torrado. (Foto: Nós Diario)
Agora

A Xunta deixou sen responder 78 preguntas parlamentarias do PSOE

O deputado do PSdeG Julio Torrado forzou esta quinta feira unha comisión con 78 preguntas en materia de Sanidade que a Xunta da Galiza non respondeu en algo máis de tres anos, o que cualificou de "indecente". Con todo, tras a resposta de varias das cuestións que se propuxeron, decidiu retirar a gran maioría, unha vez, iso si, contestadas varias delas e de evidenciar unha situación "irrespectuosa cos dereitos dos deputados e das deputadas". 
Estación de Alta Velocidade na Gudiña (comarca de Viana). (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
Agora

3,6 millóns de viaxeiras usaron a Alta Velocidade entre a Galiza e Madrid desde 2021

Os servizos de Alta Velocidade de Renfe que conectan a Galiza con Madrid fan dous anos tendo transportado perto de 3,6 millóns de persoas, segundo informou a compañía. En concreto, Renfe transportou anualmente arredor de 1,8 millóns de viaxeiras e viaxeiros nos 7.300 trens de servizos comerciais e enlaces que circularon pola liña de Alta Velocidade entre a Galiza e Madrid, estreada en decembro de 2021. Neste 2023, nos meses de setembro e outubro son os que máis se incrementou o número de viaxeiros en comparación con 2022, cun 9,2% e un 17,4% máis, respectivamente. A incorporación dos trens da serie 106, prevista durante o primeiro trimestre de 2024, completará a oferta de Alta Velocidade na Galiza, incrementando as frecuencias. 
Materia Muerta, de Ribadeo, estarán na primeira edición do festival.
Agora

Un novo festival de rock duro para a Mariña, o Valadouro Rock

O 2024 xa trae consigo o nacemento dun novo festival,  Valadouro Rock. A Mariña, onde ten lugar un dos festivais máis coñecido da Galiza, o Resurrection fest de Viveiro, engade unha nova cita para amantes do rock duro. A primeira edición do Valadouro Rock será o 22 de xuño en Ferreira do Valadouro e ofrece unha experiencia de rock a base de bandas de todo o Estado. Das nove bandas que ofrecerá o seu cartel o novo festival confirmou as tres primeiras fichaxes: os valencianos Gigatrón, unha formación que leva 25 anos percorrendo o país cunha peculiar proposta paródica; Materia Muerta unha banda de hardcore de Ribadeo co seugundo disco a piques de saír; e o grupo asturiano de heavy, Sküld. Outros seis nomes completarán o cartel. 
A ministra de Sanidade, Mónica García (Foto: Gabriel Luengas / Europa Press).
Agora

O Ministerio de Sanidade presenta o proxecto que estabelece a especialidade de Urxencias e Emerxencias

O Ministerio de Sanidade a través da titular da carteira, Mónica García, e as Comunidades reúnense esta quinta feira nun pleno presencial do Consello Interterritorial do Sistema de Saúde para presentar o proxecto de Real Decreto polo que se estabelece a especialidade de Urxencias e Emerxencias. Igualmente, someterase a aprobación o Protocolo Común do Sistema de Saúde para actuación sanitaria fronte á violencia sexual. Na reunión vaise presentar, ademais, o 'Informe sobre a Avaliación do desempeño do Sistema de Saúde español fronte á pandemia de Covid-19'.

Juan José Cerdeira, Luis Menor e Patricia Torres, onte. (Foto: Nós Diario)
Agora

A Deputación de Ourense impulsa un sistema de administración por voz

A Deputación de Ourense anunciou esta cuarta feira "un novo avance" na súa transformación dixital coa posta en marcha dun sistema de "administración por voz", pioneiro na Galiza, que permite que as persoas máis vulnerábeis no ámbito tecnolóxico utilicen a administración electrónica "en igualdade de dereitos que a cidadanía dixital". Na presentación desta nova canle, participaron o presidente provincial, Luis Menor, a deputada de Benestar Social, Patricia Torres, e o director da área de Benestar da Deputación, Juan José Cerdeira, que fixeron unha demostración práctica deste sistema que utiliza a voz da persoa usuaria como a súa "sinatura biométrica vocal". O sistema xa está activo no Programa ChegOU de apoio á natalidade.
O fotógrafo Adra Pallón. (Foto: Belén Cordero)
Agora

As fotografías de Adra Pallón, na Rede de Museos de Lugo

Os catro museos da Rede Museística de Lugo -Museo Provincial de Lugo, Museo do Mar de San Cibrao, Pazo de Tor e Museo Fortaleza de San Paio de Narla- amosan até o vindeiro 1 de marzo o traballo fotográfico documental de Adra Pallón. Os incendios forestais, a loita obreira fronte á desindustrialización, o éxodo silencioso do medio rural e a realidade da clase traballadora son as temáticas que protagonizan o percorrido fotográfico que propón o premiado fotógrafo lucense baixo o título Intrahistorias. Luz entre as cinzas, con imaxes capturadas ao longo dos últimos cinco anos. As exposicións poderán visitarse até o vindeiro 1 de marzo de 2024.

Un camión levanta unha vaca morta en Xermade, na comarca da Terra Chá (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
Agora

O SLG denuncia que a Consellaría do Medio Rural non publicou as axudas pola EHE

Tres meses pasaron desde que foron declarados na Galiza os primeiros casos da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE), coñecida como a Covid das vacas. Ao respecto, o Sindicato Labrego Galego (SLG) denunciou esta cuarta feira que a Consellaría do Medio Rural, "a pesar de rexeitar compensar os gastos derivados da enfermidade e limitarse a prometer axudas polo sacrificio dos animais coa doenza recoñecida oficialmente, non publicou aínda unha orde".
Andrea Jamardo, Lois Pérez, Fernández Lores e Demetrio Gómez.
Agora

Lois Pérez gaña o Premio María Victoria Moreno de literatura xuvenil

O poeta, escritor e guionista Lois Pérez é o gañador do VI Premio María Victoria Moreno de literatura xuvenil que organizan o Concello de Pontevedra e a editorial Cuarto de Inverno. O alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores; o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez; e Andrea Jamardo, da editorial Cuarto de Invierno, recibiron onte ao premiado. O xurado acordou por unanimidade seleccionar entre as preto de 30 obras presentadas o que leva por lema 'Entrementres e non', que resultou ser de Lois Pérez Díaz e co título definitivo Cartas na escuridade. O autor expresou o seu agradecemento e destacou que para el "é moi especial gañar un premio que leva o nome de María Victoria Moreno, que probabelmente sexa a poeta alófona -xunto con Anne Marie Morris- máis destacada da nosa literatura".
Sesión da terza feira na Asemblea Xeral da ONU, en Nova York. (Foto: Eskinder Debebe / UN Photo)
Agora

A Asemblea Xeral da ONU aproba unha resolución contra a glorificación do nazismo que foi rexeitada por Washington

Como cada ano desde 2005, a Asemblea Xeral da Organización das Nacións Unidas (ONU) aprobou na madrugada de hoxe unha resolución rusa que defende a loita contra o nazismo, o neonazismo, a discriminación racial e a xenofobia, recomendando medidas para combatelos e evitar o revisionismo sobre a Segunda Guerra Mundial. 118 Estados votaron a favor, mentres que 49 se opuxeron (entre eles os Estados Unidos) e 14 se abstiveron.

Peaxe na autoestrada AP-9 (Foto: Ana Varela).
Agora

O Parlamento insta o Estado a "non permitir" a suba das peaxes na AP-9 e AP-53

Unanimidade da Cámara galega para demandar ao Estado que en 2024 non se incrementen as peaxes nas autoestradas AP-9 e AP-53. Unha medida, proposta polo PP e apoiada polo BNG e PSdeG coa que se chama a "evitar así a súa incidencia negativa nas economías familiares e en sectores económicos estratéxicos nun contexto de elevada suba de prezos". As tres forzas chaman a evitar que "a previsión á alza do IPC e a aplicación da suba de 1% acumulativo polas obras de ampliación da AP-9 acordado con Audasa, poida dar lugar a que as peaxes da AP-9 se eleven case 5% o vindeiro 1 de xaneiro". A circulación por estas vías abeira os 30.000 usuarios diarios. Desde o BNG lémbrase que o acordo de investidura contempla diferentes bonificacións e exencións nas peaxes en beneficio das viaxeiras.

Vista panorámica de Vigo. (Foto: Nós Diario)
Agora

Detido un veciño de Vigo por unha suposta agresión á súa parella

A Policía Local de Vigo detivo un home de 56 anos de idade, O.A.V., como presunto autor dun delito de violencia de xénero, por unha agresión á súa parella, coa que discutiu por supostos motivos económicos. Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron a pasada madrugada, cando o 092 recibiu un aviso dunha muller para acudir a un domicilio da rúa Mazaricos, ante un epispdio de violencia de xénero. Á súa chegada, os axentes entrevistáronse coa muller, que relatou que tivera unha discusión coa súa parella, porque el lle recriminou un gasto que aparecía reflectido nunha conta común. Segundo a súa versión, o home reaccionara de forma violenta, impedíndolle saír de casa para ir traballar.