Agora

Agora

O Hostal dos Reis Católicos será restaurado cunhas obras que ascenden a 10,5 millóns

As obras de rehabilitación do Hostal dos Reis Católicos, o Parador de Santiago de Compostela, foron licitadas por 10,5 millóns de euros procedentes de fondos Next Generation. O Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) publicou esta quinta feira a licitación dos traballos, que consistirán na restauración das fachadas, os patios renacentistas, o beiril histórico, a Capela Real e o ciborio, segundo explicou onte Turespaña nun comunicado. Ademais, levaranse a cabo tarefas para solucionar os problemas de humidades na fachada da rúa de San Francisco e da Praza do Obradoiro, así como melloras da iluminación de patios e elementos exteriores. A licitación forma parte do primeiro lote de obras de cinco paradores no Estado español: Úbeda, La Granja, Ronda e Lorca.
O líder paramilitar sudanés Mohamed Dagalo, hoxe en Etiopía. (Foto: Forzas de Apoio Rápido)
Agora

Atrásase a xaneiro o inicio das conversas para acabar coa terceira guerra civil no Sudán

A Autoridade Intergobernamental para o Desenvolvemento, o bloque comercial de África oriental, comunicou que a reunión que estaba prevista hoxe en Xibutí entre Mohamed Dagalo e Abdel Fattah al Burham, líderes das paramilitares Forzas de Apoio Rápido sudanesas e do Exército respectivamente, foi atrasada a xaneiro, recolleron hoxe medios internacionais. Ambos os dous aceptaron negociar a fin da guerra civil no Sudán.

Fillas de Cassandra, durante a súa actuación no festival Revenidas 2023. (Foto: Christian Pérez)
Agora

O festival Revenidas pon á venda os primeiros abonos en xaneiro

O festival Revenidas, que decorrerá entre o 12 e o 15 de setembro en Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa), porá a venda 500 abonos para o seu público máis fiel, mesmo antes de dar a coñecer o seu cartel. Os abonos poderán mercarse a partir das 12  horas do vindeiro 2 de xaneiro na web www.revenidas.com. O excepcional prezo destes 500 primeiros abonos será de 46 euros  máis gastos de xestión. As persoas que merquen estes abonos tamén poderán reservar xa a zona de acampada dende a propia web, abonando o suplemento correspondente

Aínda que o Revenidas non avanzou aínda ningún dos nomes que conformarán o seu cartel, o festival manterá a súa filosofía de incluír destacadas figuras da escena musical galega, estatal e internacional, tendo moi en conta cuestións como a paridade de xénero ou a presenza de linguas minorizadas. Non faltarán tampouco as actividades paralelas que son parte e historia fundamental do Revenidas como a tradicional sardiñada, a Gala de Circo Solidaria, os concertos a bordo ou o roteiro por Vilaxoán.  

Iria Pinheiro e Mónica de Nut, nunha actuación. (Foto: Moncho Fuentes / Culturgal)
Agora

Mónica de Nut e Iria Pinheiro estrean un novo espectáculo, 'Kennebec', en Cangas

A actriz e escritora Iria Pinheiro e a cantante, música e performer Mónica de Nut unen forzas en Kennebec, un espectáculo poético-musical de raigame punk. O espectáculo terá a súa estrea oficial esta sexta feira, 29 de decembro, no Auditorio Municipal de Cangas do Morrazo, ás 20 horas. As dúas artistas seguen o ronsel de creadoras como Laurie Anderson ou Björk para experimentar con novas músicas e con formas inusuais de traballar a palabra.
O río Miño ao seu paso por Ourense. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
Agora

Activado o Plan Inungal ante o risco de desbordamentos puntuais nos ríos galegos

A Xunta vén de activar o Plan especial de Protección Civil ante o risco de Inundacións na Galiza (Inungal) por posíbeis desbordamentos debido á situación meteorolóxica actual. Tal e como informou o 112, nestes momentos está baixo vixilancia a estación de Anllóns, en Ponteceso.
Chuac.
Agora

Trasladan unha persoa ao hospital por inhalación de fume na Coruña

Unha persoa foi trasladada ao hospital por inhalación de fume na Coruña, segundo informou o 112 a primeira hora desta quinta feira. A propia implicada contactou coa central de emerxencias dez minutos antes da medianoite e explicou que estivera queimando carbón nunha das estancias da súa vivenda, o que lle provocou mareos. Desde o 112 solicitouse a colaboración de profesionais sanitarios do 061 e da Policía Local da Coruña. Finalmente, o persoal médico encargouse de evacuar esta persoa ao centro médico de referencia para ser atendida.
Estabelecemento Claudio (Foto: Nós Diario).
Agora

Gadisa Retail abriu 18 novas tendas Claudio en 2023

Gadisa Retail continuou a tendencia dos últimos anos e fechará 2023 con 18 novos estabelecementos franquiados Claudio. Unha liña de negocio que afianza desde unha perspectiva socioeconómica: "a do compromiso coa contorna e con xerar novas oportunidades de emprendemento". A compañía destacou a súa "vocación de servizo esencial en áreas rurais e semiurbanas, con dispersión xeográfica, baseándose no seu modelo de proximidade á clientela".
Desta maneira, a empresa líder do sector dos supermercados na Galiza suma actualmente un total de 242 puntos de venda franquiados, dos que 125 son estabelecementos Claudio e 117 de Claudio Express.
Exterior dos xulgados da Coruña. (Foto: Nós Diario).
Agora

O Goberno español crea tres unidades xudiciais na Galiza, dúas na Coruña e unha en Vigo

O Consello de Ministros e Ministras decorrido onte aprobou 70 novas unidades xudiciais correspondentes á programación de 2023, tres das cales se atoparán na Galiza. O Real Decreto que se presentará hoxe crea unha praza de maxistrado para a sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña, correspondente á orde penal, e outra para a sección sexta da de Pontevedra, correspondente á orde civil, con sede en Vigo. Ademais, constitúe o xulgado de primeira instancia número 16 da Coruña. No acordo asinado entre PSOE e BNG para a investidura de Pedro Sánchez recolleuse a creación de cinco novos xulgados extraordinarios de violencia de xénero –fóra da programación común– que se incluirán nos orzamentos de 2024.
O xeneral Abdourahamane Tiani, presidente de facto de Níxer. (Foto: Presidencia de Níxer)
Agora

Níxer revisará os acordos cos países con bases militares após expulsar os soldados franceses

Para “afirmar a súa soberanía, salvagardar a patria e defender os seus intereses”, a Xunta Militar que goberna Níxer desde o golpe de Estado en xullo anunciou que revisará todos os acordos cos Estados que contan con soldados estacionados no seu territorio, os Estados Unidos, Italia e Alemaña, que suman arredor de 1.600 tropas, recolleu hoxe a prensa internacional. Washington sería o principal prexudicado pois coordina desde Níxer as súas operacións no Sahel.

Miguel López, o Hematocrítico.
Agora

María Reimóndez, Marcos Calveiro e Manuel Esteban lembran o Hematocrítico

Esta quinta feira, 28 de decembro, ás 19.30 horas, a sede da Deputación de Pontevedra en Vigo renderá homenaxe ao Hematocrítico no marco do ciclo “A Movida Literaria”. No acto participarán os escritores María Reimóndez, Marcos Calveiro e Manuel Esteban que porán o foco na literatura infantil e xuvenil reconstruíndo o universo de Miguel Lopez a través dos seus enxeñosos textos, nun acto que pechará as actividades de 2023.  
Luis Rubiales abandonando a sede da Audiencia Nacional após a súa declaración ante o xuíz, o pasado 15 de setembro. (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press)
Agora

As presuntas ilegalidades de Luis Rubiales chegan ao Congreso

BNG, ERC, Bildu e Podemos rexistraron esta cuarta feira no Congreso unha petición de investigación sobre as presuntas irregularidades na Real Federación Española de Fútbol (RFEF), por mor do caso Luis Rubiales e diversas sospeitas de presuntos delitos económicos, de espionaxe ou de coaccións. Segundo a petición impulsada por estas formacións, o "escándalo" do pasado Mundial de fútbol coa agresión sexual do ex presidente da Federación á xogadora Jenni Hermoso na celebración do torneo, denunciada por esta, expuxo o "machismo" que impera na institución que agora preside Pedro Rocha.
Bombeiros de Viveiro actuando nunha vivenda (Foto: Nós Diario).
Agora

Fecha o parque de bombeiros de Vilalba pola ausencia dun traballador dos servizos mínimos

O Parque de Bombeiros de Vilalba permanecerá fechado hoxe ante a ausencia dun dos traballadores previstos nos servizos mínimos, do mesmo modo que ocorreu en xornadas previas noutros centros como os de Viveiro ou Chantada. Segundo informou a Deputación de Lugo, esta mañá só se presentaron no parque de Vilalba dous dos tres efectivos necesarios para cumprir os devanditos servizos mínimos, sendo imposíbel mobilizar persoas doutros parques, xa que tamén están en situacións similares. Os reténs designados tampouco se presentaron. Ante esta situación, o Consorcio decidiu recolocar os dous efectivos de Vilalba en Barreiros, desde onde se atenderán as posíbeis incidencias, manténdose así o parque vilalbés fechado até esta quinta feira ás 9 horas.
Marisco incautado. (Foto: Europa Press)
Agora

Incautados máis de 40 kg de ameixa e 120 kg de centola na comarca de Fisterra

Axentes da patrulla do Seprona de Corcubión levaron a cabo un operativo especial de prevención do furtivismo que resultou na incautación de 40,7 quilogramos de ameixa na praia de Langosteira, e doutros 120 kg centola no porto de Fisterra. A atención dos axentes centrouse en dous individuos que se achegaron á auga, un deles equipado con traxe de neopreno e equipo autónomo de mergullador. Mentres este realizaba a extracción, a outra persoa, identificada como a súa esposa, patrullaba a zona para asegurar a ausencia de vixilancia. O Seprona abordou as dúas persoas cando o mergullador se dispuña a saír. Ao notar a presenza dos axentes, o home tentou regresar á auga, sendo interceptado por un dos axentes.
Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 da Galiza, no municipio da Estrada (Foto: Europa Press).
Agora

Morren dúas persoas en senllos accidentes en Riós e Melide

Dúas persoas morreron nas últimas horas en dous accidentes ocorridos en Riós (comarca de Verín) e Melide (Terra de Melide), nos que foron evacuadas outras tres persoas. Segundo comunicou o 112 na noite desta terza feira, en Riós faleceu unha persoa e dúas foron evacuadas por persoal de Urxencias Sanitarias da Galiza-061. Pola súa parte, en Melide perdeu a vida unha persoa ao bateren dous vehículos na estrada N-547 e o GES de Monterroso liberou un ferido.
ocarballiño
Agora

O Carballiño rexistra un terremoto de magnitude 1,7

O concello do Carballiño (comarca homónima) rexistrou na mañá de onte un terremoto de baixa intensidade, concretamente de magnitude 1,7 na escala de Richter. O tremor, con epicentro na localidade de Arenteiro, produciuse entre as parroquias de Mesego e O Torrón pasadas as 8.30 horas. Segundo o Instituto Xeográfico Nacional (IXN) tivo unha magnitude de 1,7, polo que se considera de baixa intensidade, e o seu hipocentro situouse a 15 km de profundidade. O concello carballiñés xa rexistrara dous sismos o pasado mes de outubro, ambos na madrugada do día 19. Un de magnitude 2,9 e outro de 1,8 pero a tres quilómetros de profundidade, sendo percibidos pola veciñanza.
Xosé Regueira e José Luís Sacau, onte, na sinatura do convenio. (Foto: Nós Diario)
Agora

A Deputación da Coruña financiará o Encontro de Embarcacións Tradicionais

O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e José Luís Sacau, presidente da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar), asinaron esta terza feira un convenio de colaboración polo que se instrumenta unha subvención nominativa de 100.000 euros para o cofinanciamento do XVI Encontro de Embarcacións Tradicionais da Galiza. Sada 2023, un evento que acolleu o pasado mes de agosto na comarca da Coruña máis de 100 embarcacións de diferente tipoloxía. A achega da entidade provincial supón un 70% do orzamento total do proxecto. Regueira destacou o "innumerábel patrimonio marítimo da Galiza", agradecendo o labor de entidades como Culturmar para a súa posta en valor, "un traballo que non podemos máis que apoiar desde a Deputación".
Cimeira do grupo Brics, que decorreu en agosto en Suráfrica. (Foto: Kremlin / DPA)
Agora

Rusia traslada que arredor de 30 países queren "estabelecer asociacións" cos Brics

Sergei Lavrov, titular de Exteriores de Rusia, que ostentará en 2024 a Presidencia do grupo Brics, informou hoxe de que “perto de tres decenas de Estados buscan actualmente estabelecer lazos e asociacións” coa entidade, destacando a entrada de novos membros o 1 de xaneiro de 2024, tras ser aprobado o ingreso de Exipto, Etiopía, Irán, Arabia Saudita e os Emiratos Árabes Unidos, amais da Arxentina, cuxo acceso depende da decisión do novo presidente, o ultradereitista Javier Milei.
Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Foto: Nós Diario).
Agora

Profesionais da saúde sitúan o CHUAC, o CHUS e o Chuvi como os mellores hospitais galegos

Os complexos hospitalarios universitarios da Coruña, Compostela e Vigo repiten nas tres primeiras posicións na oitava edición do Índice de Excelencia Hospitalaria (IEH) 2023, que elabora o Instituto Coordenadas de Gobernanza e Economía Aplicada. Esta análise conxunta de centros hospitalarios, tanto públicos como privados, elaborada mediante enquisas a 2.100 profesionais da saúde de todo o Estado español, volve situar por sexto ano consecutivo como mellor hospital da Galiza o Universitario da Coruña. O IEH analiza de maneira anual os centros que máis apostan pola cualificación do seu persoal, os investimentos en infraestruturas e tecnoloxía médica, o nivel científico, a atención ás persoas usuarias e a accesibilidade ao sistema de saúde. 
'Recantos dos excedentes' de António Miranda.
Agora

'Recantos dos excedentes' de António Miranda.

A XIV Bienal de Pintura do Eixo Atlántico vén de estrear unha web (galeriavirtual.eixoatlantico.com) que permite percorrer en tres dimensións a exposición das obras seleccionadas para a XIV Bienal de Pintura do Eixo Atlántico. Na galería virtual, formada por 25 obras de artistas da Galiza e do Norte de Portugal, cada peza contén información cos datos da obra e o autor ou autora. 

A selección foi realizada polo xurado formado, nesta edición, por Helena Mendes Pereira, que o presidiu, e tamén Sara Pérez Bello, designada pola Xunta de Galiza, João Ribeiro da Silva, designado pola Direção Rexional de Cultura do Norte, Patrícia Oliveira, designada polo Instituto Português do Desporto e da Juventude e Tito Senna, gañador da XIII Bienal. A exposición da XIV Bienal de Pintura do Eixo Atlántico inaugurouse o 23 de novembro no Cárcere de Lugo, onde se poderá visitar até o 30 de decembro. A partir de xaneiro, a exposición percorrerá Braga, Bragança, Maia, Ribeira, Felgueiras, Vila Real, Vila Nova de Gaia e Barcelos (Portugal), finalizando no mes de outubro en Monforte de Lemos (Galiza).  

Noel Turbulencias
Agora

Noel Turbulencias presenta un libro sobre o mundo da música na Galiza

Co gallo do 25º aniversario do Concurso de Bandas e solistas de Cuac FM, hoxe, ás 19.30 horas, presentarase na sede da Asociación Alexandre Bóveda da Coruña o libro Galicia MusiCalidade. Unha terra feita de acordes, unha obra escrita por Noel Miguélez, -"Noel Turbulencias", polo seu programa do mesmo nome na emisora-, e ilustrada por Victoria Sánches, que dá unha visión persoal do autor sobre o mundo musical galego.