Agora

(Foto: Carreira da Muller).
Agora

A Carreira da Muller da Coruña volve o 22 de setembro

A carreira da muller, o certame atlético organizado por unha empresa láctea de Asturias, alcanza o seu 20 aniversario, e como vén sendo habitual A Coruña será unha das paradas que fará ao longo do seu percorrido polas principais cidades do Estado, inzando de deportistas as rúas herculinas o próximo 22 de setembro, data que coincide en domingo. O obxectivo desta Carreira da Muller, destacan deste a organización, é "promocionar a práctica do deporte entre as mulleres, loitar contra e cancro e recadar fondos para promover a súa investigación concienciando, ao mesmo tempo, sobre a importancia da súa prevención, ademais de combater a violencia de xénero e as desigualdades sociais e educativas en todos os ámbitos", causas para as que en 2023 recadaron 189.592 euros, doados na súa meirande parte á Asociación Española Contra o Cancro.
Imaxe do videoclip da peza "Revolución Chic".
Agora

Brais Morán & Nasaufunk publican o día 15 o seu terceiro disco, 'Revolución Chic'

Na vindeira segunda feira, 15 de xaneiro, publícase Revolución Chic, o novo traballo discográfico de Brais Morán & Nasaufunk. Un álbum con son disco, "no que se reencarnan as sementes da Música Negra", e que lembra a música dos anos 70 nas discotecas do futuro. Trátase do terceiro traballo como Brais Morán & Nasaufunk, despois de Cruzando o eclipse (2015) e No Mato do desespero (2018). 
Equipo de odontoloxía da profesora Inmaculada Tomás. (Foto: Santi Alvite).
Agora

Un equipo da USC logra avances no diagnóstico da periodontite

Un equipo liderado pola catedrática de Odontoloxía Inmaculada Tomás, o Oral Sciences Research Group da USC, vén de descubrir novos biomarcadores para o diagnóstico da periodontite, unha enfermidade que afecta a case a metade da poboación mundial e que está asociada a medio cento de doenzas sistémicas. A investigación, que empregou a técnica de proteómica Swath-MS, permitiu descubrir novas proteínas "cunha excelente capacidade para detectar a periodontite antes e despois do tratamento".
Os deputados de Podemos no Parlamento vasco (Foto: Europa Press).
Agora

Alianza Verde propón a Podemos unha coalición ás eleccións vascas

Alianza Verde propuxo a Podemos formalizar unha coalición electoral para presentarse conxuntamente ás próximas eleccións en Euskadi, aínda que aberta tamén á incorporación doutros partidos. Tamén postula que a candidatura á Lehendakaritza recaia na formación violeta e sexa a actual portavoz de Elkerrakin Podemos no parlamento vasco, Miren Gorrotxategi, ao contar cun "amplo coñecemento e aceptación popular". A proposta formal da formación ecoloxista foi xa remitida aos morados e expón que a marca electoral sexa 'Elkarrekin Podemos-AV/AV', aínda que tamén se abre a outros posíbeis nomes.

A pintora Aurichu Pereira, en 2011.
Agora

Homenaxe a Aurichu Pereira no Museo do Pobo

A vindeira quinta feira, 11 de xaneiro, ás 19 horas, a recentemente falecida Aurora Pereira Carballo (1940-2023), coñecida como Aurichu Pereira, pintora, música, deseñadora de moda, e muller comprometida co nacionalismo galego, recibirá unha homenaxe no Museo do Pobo Galego. No acto, que terá lugar na Ala Sur do Museo, tomarán parte músicas e poetas, amigos e amigas da que fora referente da arte galega da man de Carlos Maside e Luís Seoane. 
Unha muller vacinouse no Instituto Feiral de Vigo o 26 de outubro. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
Agora

Sanidade amplía por segunda vez a campaña de vacinación contra os virus de gripe e da Covid

A Consellaría de Sanidade acordou unha segunda ampliación, até o 26 de xaneiro, da campaña de vacinación contra a gripe e a Covid-19, que estaba prevista para concluír o día 12. Desta maneira, o sistema de autocita permanecerá habilitado tanto para as persoas de entre 12 e 59 anos que presenten algunha condición de risco, como aquelas de 60 e máis anos e de entre 6 meses e os 11 anos. As persoas que só queiran recibir a vacina da gripe poden solicitala nos seus centros de saúde. 
O monstro e a nena.
Agora

Cinema para a cativada na oitava edición de Pequefilmes

A Cidade da Cultura acolle neste primeiro mes do ano unha selección do mellor cine para público miúdo coa oitava edición de Pequefilmes, o festival internacional de curtametraxes infantís que proxectará no Gaiás máis de medio cento de obras procedentes de 16 países, o 26, 27 e 28 de xaneiro. O festival infantil contará este ano, entre as súas producións, con trinta e unha estreas na Galiza e nove a nivel estatal. 
Entre as películas programadas destacan dúas curtas galegas e en lingua galega. Trátase de O monstro e a nena de Jorge Juan Costas Mira e Morte e O meu avó de Gon Caride.  A programación contaré tamén con filmes que recibiron importantes recoñecementos en prestixiosos festivais. É o caso da produción portuguesa Ice merchants de João Gonzalez, con nomeación ao Oscar e premio á Mellor Curta Animada no Festival de Cine Infantil de Chicago, o máis importante do mundo neste xénero. 
 
(Foto: RFET).
Agora

Jessica Bouzas di adeus ao Open de Australia

O primeiro Grand Slam da tempada de tenis, o Open de Australia, quedou sen representación galega logo da eliminación de Jessica Bouzas ás primeiras de cambio.A de Vilagarcia, número 164 no ránking da WTA, estaba obrigada a superar unha fase previa se quería clasificarse para o cadro principal, pero perdeu contra unha competidora india, Ankita Raina, que se ben está por debaixo dela no ránking mundial (223), fixo valer sobre a superficie dura da pista 11 de Melbourne Park a maior experiencia que lle outorgan os seus 30 anos de idade, polos 21 da novísima galega. Alí, Raina venceu en dúas horas e 40 minutos de encontro por dous sets a un: 6-4, 5-7 e 7-6, decidíndose este último no tie-break.

Xosé Regueira, terceiro pola esquerda, ante a fachada das torres. (Foto: Nós Diario).
Agora

A Deputación da Coruña compromete melloras nas Torres do Allo, en Zas

O vicepresidente da Deputación da Coruña Xosé Regueira visitou onte o concello de Zas para coñecer o estado das Torres do Allo ademais dos últimos achados no xacemento romano de Brandomil. "As Torres do Allo son un dos símbolos máis emblemáticos da comarca e da provincia, por iso, debemos protexelo e impulsalo" sinalou Regueira, quen avanzou que traballarán na mellora das súas condicións e da accesibilidade para que toda a veciñanza "poidan desfrutar desta xoia patrimonial", destacou.
Miguel Anxo Fernández Lores, no pleno da pasada segunda feira 9 de xaneiro. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)
Agora

Lores ve Pontevedra nunha situación "complexa" por falta de orzamento

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, asegurou esta terza feira qu e a situación do concello é "complexa e é real" con "problemas importantes de funcionamento" ao carecer de orzamentos para 2024. Unha "parálise" que cre que pode prolongarse até mediados de marzo se PP e PSOE non presentan unha alternativa de goberno ao do BNG logo de que a oposición rexeitara a moción de confianza debatida na segunda feira. 
413786319_772735244882105_1794713021998923704_n
Agora

Partido a vida ou morte para o Breogán na Champions

Gañar ou marchar. Non hai alternativa para o Leite Río Breogán se quere seguir con vida na Basketball Champions League. O conxunto lucense recibe no Pazo Provincial o Pinar Karsiyaka ás 20.30 horas desta cuarta feira sabendo que necesita un triunfo que compense a derrota por 89-85 no Ataturk Arena de Izmir e forze así un terceiro e decisivo partido que lle permita superar este play-in. Na rolda de prensa previa ao encontro, o preparador celeste, o croata Veljko Mršić, salientou o "bo ánimo" co que chegan os seus homes, e máis logo do triunfo da pasada fin de semana na ACB sobre o Granada. "O Pinar é un equipo no que os seus resultados falan por el: arriba na clasificación da liga turca, contan con americanos de alto nivel.. pero nós tamén somos bos, e intentaremos aproveitar o feito de xogar na casa", concluíu. 
As murallas de Lugo, cidade considerada como o grande bastión de Ramiro I. (Foto: Nós Diario)
Agora

Interceptado en Lugo un condutor sen carné e con numerosos antecedentes por delitos contra a seguridade viaria

A Policía Local de Lugo interceptou nas últimas horas a un condutor, veciño da cidade de 34 anos de idade, que foi sorprendido circulando co carné retirado por resolución xudicial, e que ten numerosos antecedentes por delitos contra a seguridade viaria. Segundo informaron fontes policiais, os feitos tiveron lugar na rúa Milagrosa, onde unha dotación deu o alto a este condutor ao observar que circulaba de forma irregular. Tras constatar que non ten o permiso en vigor, tramitáronse dilixencias por un suposto delito contra a seguridade viaria e inmobilizouse o vehículo.

Gando vacún de carne nunha explotación galega. (Foto: Nós Diario)
Agora

O SLG acusa a Xunta de non executar unha sentenza sobre axudas a granxas de carne

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas acusa á Xunta da Galiza de non ter "intención" de executar a sentenza que "recoñece que as granxas de carne de menos de 10 vacas teñen dereito a cobrar a axuda que a consellaría de Medio Rural habilitou durante a Covid-19" e que, segundo denuncia o sindicato, "excluíu de maneira deliberada". O SLG asume que a Xunta "non ten intención de cumprir o ditado pola Xustiza".
Cartel dunha vivenda en venta nun bloque de pisos. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
Agora

O prezo da vivenda de segunda man sobe 3%

O prezo da vivenda de segunda man subiu na Galiza un 3% en 2023, até situarse nos 1.368 euros o metro cadrado en decembro, sendo así a segunda Comunidade Autónoma do Estado español onde menos medra, só por diante de Estremadura (+1,23%), segundo o informe anual de prezos de venda de pisos.com. A cidade de Pontevedra foi a urbe galega que rexistrou unha suba máis pronunciada (10,11%).
Armando Oxea. (Foto: Nós Diario)
Agora

Armando Oxea deixa a súa acta de deputado provincial para ser o candidato de DO á presidir a Xunta

Democracia Ourensá (DO), o partido que lidera o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, dá un paso máis para concorrer aos comicios galegos do 18 de febreiro e informou de que Armando Oxea renunciou esta segunda feira á súa acta de deputado provincial para poder ser elixíbel como candidato. Nun comunicado, o partido recorda que a lei galega non permite ser candidato elixíbel, entre outros, a alcaldes ou deputados provinciais. "Estamos tan convencidos de que Armando será deputado galego que damos o paso sen dubidalo. De feito, en Democracia Ourensá damos por feito que obteremos máis dun representante nas eleccións", traslada DO. No comunicado, ratifícase que manterá a acta de edil e que na Deputación Antonio Fernández ocupará o seu lugar. 
O primeiro partido da selección saudita tivo lugar no ano 2022. (Foto: SAFF).
Agora

A Federación Española de Fútbol estreita o abrazo con Arabia Saudita

A Real Federación Española de Fútbol (RFEF), que organizará a partir desta terza unha nova edición da Supercopa masculina en Arabia Saudita, lanzou na segunda feira unha campaña de branqueamento da súa estreita relación cun país no que, como destaca Amnistía Internacional, "nacer muller supón ter menos dereitos que os homes polo mero feito de ser muller e facelo baixo un sistema de tutela masculina que controla e limita a liberdade e a autonomía persoal". Este consiste nunha serie de accións como palestras ou actos dirixidos a adestradoras e xogadoras sauditas para "potenciar" o fútbol feminino, eido que non é alleo á multimillonaria campaña de sportwashing que está levando a cabo a Casa Saud, pois aspira a organizar o Mundial feminino de 2035, que acollería tan só un ano despois de recibir o masculino.
CIFP Manuel Antonio de Vigo (Foto: Purificación González).
Agora

Desaloxado o CIFP Manuel Antonio de Vigo tras rexistrarse un incendio nun transformador

O Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Manuel Antonio de Vigo foi desaloxado á primeira hora da mañá desta segunda feira ao rexistrarse un incendio nun transformador, aínda que non houbo que lamentar feridos nin danos persoais. Segundo informou o CIAE 112 Galiza, sobre as 9.20 horas un particular contactou con Emerxencias para informar de que había un incendio, e o 112 Galiza alertou ao 061, bombeiros de Vigo, policía nacional e policía local. Os servizos de extinción confirmaron que o fogo afectara a un transformador "na entrada de mercadorías", e que o centro tivera que ser desaloxado como medida de prevención, aínda que ninguén resultara ferido.

Dúas crianzas practican deporte (Foto: Mikkel Bigandt / Adobe Stock).
Agora

Dá comezo o prazo para solicitar e descargar o Bono Deporte

O prazo para que as familias con crianzas de 6 a 16 anos con licenza federada ou do Programa Xogade poidan descargar o Bono Deporte abre esta segunda feira. As solicitudes poderán realizarse até o 29 de febreiro e os bonos descargados poderán empregarse ata o 1 de xullo. Segundo explicou a Xunta da Galiza, trátase dun sistema que funciona a través dunha aplicación móbil. Cada beneficiario disporá como máximo dun único bono por menor que se poderá descontar mostrando un código QR no momento do pagamento nos estabelecementos comerciais e entidades deportivas ou prestadoras de servizos adheridos á iniciativa que estarán identificados ademais cun distintivo da campaña.

Sede central do Instituto Galego de  Promoción Económica. (Foto: Igape)
Agora

A Xunta fecha as oficinas auxiliares do Igape

A Vicepresidencia Primeira e Consellaría de Presidencia, Xustiza e Deportes publicou onte no Diario Oficial da Galiza (DOG) a resolución pola que se suprimen as oficinas auxiliares de rexistro do edificio administrativo do Igape situadas en Compostela, Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo. No mes de novembro do pasado ano o xerente do Igape remitiu un escrito á Secretaría Xeral Técnica onde solicitaba a supresión das oficinas auxiliares polo que as persoas que se relacionan co Instituto Galego de Promoción Económica estarán agora obrigadas a relacionarse coa entidade por medios electrónicos.
 
Estado da cidade de Wajima logo do terremoto do 1 de xaneiro. (Foto: Zhang Xiaoyu /  Xinhua News / Contactophoto)
Agora

94 mortes e 222 desaparicións polo terremoto de magnitude 7,6 no oeste de Xapón

O balance de vítimas mortais a causa do terremoto de magnitude 7,6 rexistrado o 1 de xaneiro no oeste de Xapón ascendeu a 94, segundo confirmaron esta sexta as autoridades da prefectura de Ishikawa, que sinalaron que 222 persoas atópanse desaparecidas. Ademais, 464 persoas resultaron feridas. Catro días despois do sismo aínda hai 14 localidades da prefectura que seguen illadas, mentres perto de 30.000 persoas evacuadas continúan a esperar para retornar aos seus fogares.