Agora

O 'Río Xunco' nunha foto de arquivo. (Foto: Salvamento Marítimo).
Agora

Remolcado un pesqueiro con 9 tripulantes ao norte de Estaca de Bares

O pesqueiro Río Xunco, con nove tripulantes a bordo, foi remolcado por Salvamento Marítimo cando se atopaba a dúas millas ao norte do cabo de Estaca de Bares. O barco rexistrou unha avaría ao enredarse un elemento descoñecido na hélice. O centro de Fisterra recibiu aviso ás 6.48 horas da mañá. Nun primeiro momento mobilizouse tanto a salvamar Shaula como a Alioth por se fosen precisos dous buques para o remolque, posto que a escora era "grande". Finalmente, Alioth foi a encargada de levar o Río Xunco ao porto de Celeiro, onde atracou ás 11.20 horas. Este pesqueiro, de 29 metros de eslora, é un arrastreiro de fondo do Cantábrico con base no porto de Burela (A Mariña).

Alumnado durante a realización dunha proba. (Foto: Europa Press).
Agora

Convocadas as probas para a acreditación de matemáticas e linguas

A Xunta da Galiza convocou esta segunda feira as probas de avaliación en competencias clave en matemáticas e linguas castelá, galega e inglesa, para que as persoas sen o título de Educación Secundaria Obrigatoria ou Bacharelato poidan acreditar os seus coñecementos, acceder á formación para o emprego e cursar os certificados profesionais que inclúen como requisitos esta formación. Ao redor de 4.000 persoas poderán acceder á convocatoria 2024. A presentación de solicitudes poderá realizarse a través da sede electrónica da Xunta, abrirase desde esta terza feira e estenderase até o próximo 15 de febreiro. Este ano realizaranse dúas probas, unha en xuño e outra en outubro.

Central de emerxencias do 112 Galiza (Foto: 112).
Agora

Un camión perde a súa carga de vigas de formigón entre Ames e Negreira e ocasiona retencións

Un camión que transportaba vigas de formigón perdeu parcialmente a súa carga na mañá desta segunda feira na estrada que une Negreira con Bertamiráns, o que causou retencións na zona e tráfico lento, aínda que xa foi restabelecido. O suceso tivo lugar pouco despois das 8 horas na AC-544 ao seu paso pola parroquia de Trasmonte, en Ames, nas proximidades do desvío a Ponte Maceira. Foi o propio camioneiro o que alertou o 112 de que perdera parte da súa carga, vigas de formigón, que quedaran sobre a estrada. Até a zona desprazáronse efectivos de Garda Civil de Tráfico, para regular a circulación, e GES de Brión. Por fortuna, non houbo que lamentar persoas feridas.

O presidente Alfonso Rueda, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta do pasado 21 de decembro. (Foto: Arxina)
Agora

Rueda convoca de urxencia o Consello da Xunta para cesar os altos cargos para as listas do 18-F

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, convocou de urxencia esta segunda feira o seu Consello para levar a cabo os cesamentos dos altos cargos do Goberno galego, paso inescusábel para poder integrarse nas listas do PP para as eleccións do próximo 18 de febreiro (18-F). O prazo para rexistrar as listas ante as xuntas electorais finaliza esta mesma segundafeira, 15 de xaneiro, á medianoite, de maneira que o máximo mandatario galego apurou até o último día para levar a cabo un trámite sen o que non se pode acreditar a elixibilidade.

Pedro Castillo, ex presidente do Perú (Foto: Nós Diario).
Agora

A Fiscalía do Perú solicita 34 anos de prisión para o ex presidente Castillo

A Fiscalía do Perú solicitou esta sexta feira 34 anos de prisión para o ex presidente Pedro Castillo "polos delitos de rebelión, abuso de autoridade e grave perturbación á tranquilidade pública". Unha vez deposto Castillo, acusado de golpe de estado en 2022, a vicepresidenta Dina Boluarte substituíno. Naquel contexto, unha gran masa saíu ás rúas en protesta polo que consideraban unha usurpación e a represión deixou decenas de mortes.
Vivenda en Montalvo. Sanxenxo, de Rodríguez+Pintos arquitectos.
Agora

Celanova acollerá a gala de entrega de Premios Gran de Area do COAG

O 20 de xaneiro terá lugar o acto de entrega dos Premios Gran de Area de Aportación á Arquitectura 2023, do Colexio de Arquitectos da Galiza (COAG), en Celanova. Estas distincións, resoltas en novembro, son un recoñecemento ao labor de todos os axentes que interveñen no proceso de xestación e construción dunha obra de arquitectura de calidade desenvolta en Vigo, Pontevedra e Ourense. Premiáronse 13 obras, entre elas a vivenda de Rodríguez+Pintos.
O Cartaxena, celebrando o seu triunfo sobre o Zalaeta (Foto: Cartagena).
Agora

Mala estrea do Zalaeta na Copa Princesa de Voleibol

O Zalaeta da Coruña, único representante da Galiza na Copa Princesa de Volei, que se disputa desde esta sexta feira na localidade canaria de Santa María de Guía, non tivo o debut soñado na competición, pois caeu derrotado fronte o Cartaxena por tres sets a cero. Nun choque que se levou a cabo nunha hora pouco habitual, as 9.30 da mañá de onte, a formación murciana non deu opción á herculina a pesar de que esta tivo certos tramos de dominio, especialmente durante a primeira e a segunda manga. Agora, as xogadoras dirixidas por Jorge Barrera deberán sacar o mellor de si o sábado (10.30 horas) contra o Fútbol Club Barcelona se queren acceder á seguinte rolda do torneo do KO.
 
A liña resolta no BOP beneficiará 66 concellos diferentes. (Foto: Deputación da Coruña
Agora

Axudas á contratación deportiva da Deputación da Coruña

A Deputación da Coruña publicou no Boletín Oficial da Provincia BOP) de desta sexta feira a concesión provisional dunhas subvencións destinadas a concellos e outras entidades locais para financiar gastos de persoal técnico nos Servizos Municipais de Deportes durante o ano 2024. Deste modo, un total de 66 entidades locais veranse beneficiadas dunha axuda máxima de 15.000 euros para a contratación de persoal, alcanzando o total os 889.400 euros. O ente financia até 80% dos custes salariais, chegándose a esa cifra cando a persoa incorporada sexa un ou unha graduada universitaria en Ciencias da Actividade Física e o Deporte que traballe a xornada completa. Ademais, poden asinar tamén técnicos superiores en Animación de Actividades Físicas e Deportivas e facelo a media xornada ou a tempo completo.
Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 da Galiza, no municipio da Estrada (Foto: Europa Press).
Agora

Trasladados unha muller e un menor por inhalación de monóxido de carbono nunha vivenda de Ponteareas

Unha muller e un menor tiveron que ser evacuados a un centro hospitalario con síntomas por inhalación de monóxido de carbono nunha vivenda de Ponteareas (O Condado), segundo informou o CIAE 112 Galiza. Os feitos ocorreron na madrugada desta sexta feira, sobre as 1.45 horas, cando un particular contactou con Emerxencias para alertar de que a súa cuñada e o seu sobriño estaban desmaiados nunha vivenda da rúa Cortiña Vella, por unha posíbel fuga de gas dunha estufa. O 112 deu aviso a Urxencias Sanitarias-061, ao GES de Ponteareas, á Garda Civil, Policía Local e Protección Civil. Os efectivos desprazados ao lugar informaron de que non se trataba dunha fuga de gas senón que os afectados estiveran queimando carbón nunha lata sobre a cociña de butano e inhalaran o monóxido do fume.

O presidente ucraíno Volodimir Zelenski o pasado domingo. (Foto: Presidencia de Ucraína / Europa Press / Contacto)
Agora

Zelenski pide aos ucraínos que saíron do Estado que volvan para axudar na guerra

O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, dirixiuse esta quinta feira a todos aqueles ucraínos en idade de servir nas Forzas Armadas que "cruzaron a fronteira violando as regras" para reclamarlles que regresen e axuden ao Estado. "Os nosos mozos estiveron loitando durante dous anos e neste tempo, dígoo francamente, hai persoas que cruzaron a fronteira violando as regras", dixo. "Deben axudar Ucraína, deben estar en Ucraína", concluíu.
Capa de 'Barco á deriva'
Agora

MJ Pérez presenta en Chantada o seu novo sinxelo, 'Barco á deriva'

Barco á deriva é o nome do novo sinxelo que anuncia a cantautora MJ Pérez para a vindeira semana. O disco estará dispoñíbel o día ás 00 horas en todas as plataformas, mais o día antes, en Chantada, a quinta feira día 18, ás 20 horas, terá lugar unha proxección en exclusiva e anticipada da canción e o videoclip, unha peza audiovisual moi especial gravadaintegramente na Ribeira Sacra. 

O acto de presentación decorrerá no Café Cantón, con entrada libre, e constará dun coloquio que dirixirá a xornalista Guada Guerra, a proxección do videoclip e a interpretación directo dalgunhas pezas por parte da propia artista. 

A alcaldesa e a concelleira Miriam Louzao coas músicas de Leilía.
Agora

Leilía di adeus en Compostela

Este sábado 13 de xaneiro Leilía ofrecerá o seu derradeiro concerto en Compostela. A partir das 20.30 horas, a Sala Ángel Brage do Auditorio de Galiza servirá de escenario para o adeus da histórica formación de música tradicional galega As voces e as pandeiretas de Ana Rodríguez, Rosario Rodríguez, Montse Rivera, Felisa Segade, Patricia Segade e Mercedes Rodríguez uniranse para ofrecer o último espectáculo da xira Anque me vou, non me vou co que tecen un percorrido pola súa traxectoria.  
Teresa Abelleira e María Vázquez, protagonista de 'Matria'. (Foto: Europa Press / Avalon).
Agora

Teresa Abelleira e 'Matria', premios Cidade de Pontevedra 2023

O xurado dos premios Cidade de Pontevedra acordou onte por galardoar a deportista Teresa Abelleira, na categoría de persoa física, e a empresa local, de longa traxectoria, Matriuska Producciones, na categoría de persoa xurídica na súa edición de 2023.
O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez deu a coñecer os nomes e destacou os méritos das premiadas. De Teresa Abilleira resaltou o logro "dun resultado deportivo excepcional coa selección española" ademais da súa contribución á "defensa dos dereitos das mulleres e contra o machismo". Matriuska Producciones, salientou, é a responsábel de Matria, un filme que "pon no mapa a puxanza do sector cultural de Pontevedra, que é dos primeiros de Galiza". Os Premios Cidade de Pontevedra serán entregados o próximo 20 de xaneiro.
(Foto: Pescados Rubén Burela).
Agora

Nico Rosental abandona o Pescados Rubén Burela

Movementos no Pescados Rubén Burela de fútbol sala masculino, un dos dous representantes da Galiza na Segunda División dunha Liga Nacional de Fútbol sala (LNFS) onde ocupa a terceira posición a tres puntos do segundo clasificado (Wanapix AD Sala) e a seis do primeiro, o CD Antequera. A escuadra laranxa oficializou así o adeus do ala-pivote arxentino Nicolás Rosental, que asinou polo Oleoinnova Mengíbar xienense. Desde a dirección do seu xa ex equipo agradecéronlle ao internacional Sub-20 arxentino, que chegou a Burela o pasado verán procedente do Peñíscola, as súas achegas "fóra e dentro do campo", onde participou en 14 partidos no que vai de Liga. 
As herculinas debutarán contra o Cartaxena ás 9.30 de hoxe. (Foto: CV Zalaeta).
Agora

O Zalaeta quere facerse coa Copa Princesa de Voleibol

A Copa Princesa abrirá o curso voleibolístico en 2024 cun trofeo que de hoxe, 12 de xaneiro, ao 14, terá unha sede inédita, Santa María de Guía, en Gran Canaria. A décimo sétima edición do torneo do KO da categoría de prata do vólei estatal repite formato de competición, con seis equipos participantes, sendo o anfitrión o debutante na categoría CDV UFP Canarias. Xunto coa escuadra insular están os mellores conxuntos da Superliga Feminina 2, que pelexarán por suceder no palmarés o Fútbol Club Barcelona, vencedor dunha edición 2023 que se celebrou na Coruña. E, precisamente, da cidade herculina procede o único representante da Galiza nas Illas Afortunadas, o Zalaeta, que colidirá no Grupo 'B' co vixente campión e co Cartaxena, ante o que debutará hoxe ás 9.30 horas. 
 
Trens parados na estación da Coruña (Foto: Nós Diario).
SOCIAL

Caos na liña de tren Santiago-A Coruña: un corte na subministración eléctrica obrigou a paralizar os convois

Segundo puido saber 'Nós Diario', ao longo da mañá desta xornada da quinta feira estivo paralizada toda a circulación na vía cara á Coruña a partir de Santiago e viceversa por unha incidencia relacionada coa subministración eléctrica.

A presenza policial incrementouse no Perú (Foto: Lucas Aguayo Araos / dpa).
Agora

Perú oficializa o 'Estado de emerxencia' de 60 días na fronteira con Ecuador

O Goberno do Perú ha oficializou un estado de emerxencia que afectará cinco departamentos da zona norte do país, fronteiriza con Ecuador e Colombia, que durará 60 días, pola violencia desencadeada por grupos criminais en territorio ecuatoriano nos últimos días. A medida comprende a provincia de Zarumilla do departamento de Tombes; as provincias de Sullana, Ayabaca e Huancabamba do departamento de Piura; a provincia de San Ignacio do departamento de Cajamarca; o distrito do Cenepa da provincia de Condorcanqui do departamento de Amazonas, e o distrito de Torres Causana da provincia de Maynas do departamento de Loreto.

Pleno do Consello de Dereitos Humanos das Nacións Unidas (Foto: Nicolas Maeterlinck / Europa Press / Contacto).
Agora

Marrocos gaña a votación e presidirá o Consello de Dereitos Humanos da ONU en 2024

Marrocos exercerá a Presidencia do Consello de Dereitos Humanos das Nacións Unidas (ONU) en 2024 tras imporse a Sudáfrica nunha votación secreta por 30 votos a 17. O enviado da Fronte Polisario ante a ONU, Oubi Bucharaya, pedira previamente aos Estados que compoñen a institución que non avalasen unha "forza de ocupación militar" que é, ademais, "o único país do continente que non ratificou a Carta Africana de Dereitos Humanos".
Polígono eólico en Abadín, na Terra Chá. (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
Agora

Denegado un polígono eólico de Enel Green Power ao non superar o trámite ambiental

A Consellaría de Economía, Industria e Innovación denegou a solicitude de autorización administrativa e construción do parque eólico Lingonde-San Simón, que estaba proxectado entre os municipios de Guntín, Portomarín (comarca de Lugo) e Monterroso (A Ulloa). O Diario Oficial da Galiza (DOG) publicou onte a resolución pola que se arquiva o expediente despois de que este parque non superara o trámite ambiental a comezos de 2023. Este polígono eólico estaba impulsado por Enel Green Power España, que aceptou o acordo notificado. Así, cancelouse a garantía depositada pola empresa de 576.000 euros. A resolución, con data de 20 de decembro de 2023, está asinada polo director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila. 
O período de rebaixas comezou a pasada fin de semana. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
Agora

As rebaixas de xaneiro de 2024 xerarán 15,3% contratos menos que hai un ano

A campaña de rebaixas de xaneiro e febreiro xerará 6.565 contratos na Galiza, o que supón un 15,3% menos que en 2023, segundo as previsións da empresa multiservizos Randstad. Por circunscricións, A Coruña asinará 2.580 vacantes, un 16,8% menos que un ano antes, mentres que a caída na de Pontevedra será do 16,1%, con 3.020 contratos. Na circunscrición de Lugo, con 550 vacantes, baixará un 10,6% a contratación, mentres que na de Ourense diminuirá un 5,6%, con 415 sinaturas. A baixada na Galiza é superior ao dato estatal, onde se prevé un descenso do 8,5% no número de contratos asinados na campaña de rebaixas de xaneiro. Do total, o comercio agrupará 65% dos contratos, por diante de transporte e loxística, que rexistrará unha baixada do 23,5%.