Agora

A rapazada será a protagonista. (Foto: FGA).
Agora

O ciclo 'FGA nas Aulas' chegou a Baleira

A Federación Galega de Automobilismo (FGA) fixo onte a segunda parada do ciclo FGA nas Aulas de Primaria no CEIP Concepción López Rey de Baleira (A Fonsagrada).
Para esta segunda etapa do certame a entidade federativa contou coa presenza de Daniel e Samuel Bruzos, pilotos e integrantes da Escudería Lucus Rally.
Este programa de palestras sobre automobilismo, que conta coa colaboración de Supermercados Gadis, levará a máis dunha decena de escolas os principios básicos do automobilismo, así como aspectos chave para a formación dun deportista, xunt ocon exposicións, concursos de debuxo e outros aspectos directamente relacionados co deporte das catro rodas.
 
O torneo estenderase até o próximo sábado, día 27 de xaneiro.  (Foto: FGB).
Agora

Billar Padrón acolle o Estatal de Billar a Tres Bandas

Pode que non teña o foco mediático doutros certames, pero o que seguro non lle falta ao Campionato de España de Billar a Tres Bandas é historia, pois neste 2024 celebra a súa 90 edición, que ten como sede terras galegas. É, concretamente, o hotel Scala, en Padrón, onde se desenvolve un torneo organizado pola Federación Galega de Billar -baixo o auspicio da súa homóloga estatal- e que se estenderá até o próximo sábado, día 27 de xaneiro. Alí aspiran a facerse co triunfo final 165 deportistas procedentes de todos os currunchos do Estado, sendo a delegación galega a máis numerosa, xa que está integrada por 34 participantes. Entre os que contan con máis opcións de facer un bo papel están Álvaro Lama -campión de España Júnior en 2022- e María Romero, campioa estatal en Bola 10 no 2021. 
Iria Castro, Sarmiento e Balseiro xunto á obra de Nóvoa, 'Samos'.
Agora

O Museo de Lugo incorpora á súa colección unha obra de Leopoldo Nóvoa

O Museo Provincial de Lugo incorpora á súa colección de arte galega a obra Samos do artista lucense Leopoldo Nóvoa (1919-2012), doada ao museo pola viúva do pintor, Susana Carlson. A deputada de Cultura, Iria Castro, e a directora do Museo, Aurelia Balseiro, recibiron a doazón da man de Rosario Sarmiento, comisaria da exposición Leopoldo Nóvoa. O silencio da pintura, patente na Sala de Exposicións Temporais até o 4 de febreiro. 

Samos é un cadro que ten como elemento central unha lasca de pizarra recollida polo pintor na vila de Samos. Foi realizado en Armenteira, na casa-taller na que Nóvoa, pasaba longas tempadas estivais, e que constituía un dos  seus espazos de creación mais importantes. Un lugar da gran sobriedade, beleza e recollimento que Nóvoa levaba as súas obras. En Samos está presente, nese sentido, o valor da sobriedade no discurso plástico do artista. É unha obra na que predomina os negros o grises, apenas rotos por una banda de cor avermellada que atravesa a súa superficie lateralmente.

Recollida de pellets nunha praia asturiana (Foto: Jorge Peteiro / Europa Press).
Agora

O dispositivo da Xunta recolleu esta segunda feira 20 quilos de pellets e 352 doutros plásticos

O dispositivo despregado pola Xunta da Galiza nas praias e no mar para a recollida de pellets permitiu recoller esta segunda feira uns 20 quilos de bólas plásticas, segundo informa a propia xunta, o equivalente a pertodun saco deste material, así como 352 quilos doutros plásticos presentes na costa e que poden depositarse no colector amarelo. En total, até o momento, o operativo da Administración galega recuperou 3.544 quilos deste material, o que supón uns 142 sacos. Ademais, desde o 10 de xaneiro tamén se retiraron dos areais preto de 11.200 quilos doutros plásticos asimilábeis a residuos urbanos. Esta terza feira traballan nas praias galegas ao redor de 300 efectivos repartidos por 28 areais pertencentes a 17 concellos.

Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 da Galiza, no municipio da Estrada (Foto: Europa Press).
Agora

Ferido un home após sufrir un accidente na A-55 ao seu paso por Tui

Un home resultou ferido após sufrir un accidente mentres circulaba co seu vehículo pola A-55 ao seu paso pola localidadede Tui, na comarca de Baixo Miño. Tal como informou o 112 Galiza, foi un particular o que alertou dos feitos, asegurando que un home perdera a conciencia e atopábase dentro do seu vehículo accidentado. Os feitos ocorrerían sobre as 08:30 horas no punto quilométrico desta autovía, en dirección Vigo.

 

Fachada do mosteiro de San Martiño Pinario, en Compostela. (Foto: Diego Deslo)
Agora

San Martiño Pinario acolle a exposición que conmemora os 55 anos da liturxia en galego

O mosteiro de San Martiño Pinario, en Santiago de Compostela, acollerá até finais de febreiro a exposición 55 anos da liturxia en galego (1969-2024), impulsada pola Editorial SEPT e producida por Merlín Comunicación co apoio da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e do Arcebispado de Santiago de Compostela. Inaugurada esta segunda feira, a mostra recolle o percorrido da lingua galega na liturxia nestes 55 anos.
Lucas, á esquerda. (Foto: Fegatri).
Agora

Continúa ingresado na UCI o triatleta Lucas García

A última hora do estado do campión do mundo de tríatlon en grupos de idade de 15 a 19 anos, o galego Lucas García Picón, é que continúa ingresado na UCI do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) logo de impactar contra un vehículo mentres adestraba coa súa bicicleta en Barro (Pontevedra) na pasada sexta feira. Estábel dentro da gravidade, pois sufriu un traumatismo craneoencefálico con perda de consciencia, a rotura de varias costelas e danos nun ril, aos seus 17 anos de idade o deportista do Club Fluvial de Lugo está considerado como unha das maiores promesas da disciplina na Galiza. 
Membro das forzas de seguridade de Afganistán en 2023. (Foto: Saifurahman Safi / Europa Press / Contacto)
Agora

Os talibán profundan en Afganistán nas normas para reprimir as mulleres

O último informe da Organización das Nacións Unidas (ONU) sobre Afganistán desvelou hoxe que os talibán, que controlan de facto o territorio, están a restrinxir o acceso das mulleres ao traballo, á atención médica ou ás viaxes no caso de que non estean casadas ou conten cun titor masculino. Desde a súa volta ao poder en 2021 limitaron a presenza de nenas na escola e forzaron as mulleres a levar roupa que só deixe ao aire os ollos.

Xan Rodiño (centro) foi o número '1' na categoría absoluta. (Foto: FGDA).
Agora

Cómodo triunfo de Lúa de Forza na última xornada da Liga Atlántica de Bilarda

Cangas acolleu a oitava xornada da Conferencia Rías Baixas da Liga Atlántica de Billarda, deixando para os libros de rexistros a puntuación máis baixa de todas cantas se levan disputadas até o momento, pois a formación gañadora, Lúa de Forza de Sanxenxo, tan só puido sumar 67 tantos, caendo a media por equipo aos 53 e por xogador a unicamente 11. Nese plano individual, o vencedor absoluto foi Xan Rodiño, que cos seus 19 puntos contribuíu decisivamente á vitoria da escuadra sanxenxeira e afianzou o seu liderado na clasificación xeral, pois alcanza os 170 puntos polos 161 cos que conta Xián e os 156 de Piru. Con respecto á categoría feminina, a mellor foi Tania (Valpaços Terra Quente de Vigo), que estivo acompañada no podio por Lu (Lúa de Forza) e Antía (Gharaboto de Marín).
Melindre
Agora

O Concello de Melide comeza esta semana a promoción da Festa do Melindre cun obradoiro e cata

Esta terza feira, 23 de xaneiro, a partir das 11 horas iníciase a promoción da Festa do melindre e da repostaría tradicional de Melide, con obradoiros e catas. A primeira das actividades da programación previa consta dun obradoiro cata na EFA A Cancela, situado nas Neves, impartido por Alberto Rodríguez, presidente de Asociación Melide Terra Doce. A cata está dirixida ao alumnado do ciclo medio de panadería, repostería e confeitaría, que logo de aprender as técnicas tradicionais da elaboración dos doces de Melide, melindres, ricos e amendoados, elaborarán sobremesas incorporando estas receitas a pratos máis sofisticados. A actividade forma parte da promoción nos centros educativos con ciclos de cociña, panadería, repostería e confeitaría, que continuará de xaneiro a maio nas catro provincias galegas
Limpeza e recollida de pellets na praia de Patos, en Nigrán (comarca de Vigo), o 15 de xaneiro. (Foto: Adrián Irago / Europa Press).
Agora

O dispositivo da Xunta recolleu este domingo 24 quilos de pellets

O dispositivo despregado pola Xunta da Galiza nas praias e no mar para a recollida de pellets procedentes da vertedura do mercante Toconao en augas portuguesas permitiu recoller este domingo uns 24 quilos de pellets, o equivalente a preto dun saco deste material, así como 560 quilos doutros plásticos presentes na costa e que poden depositarse no colector amarelo. En total, até o momento, o operativo da Administración galega recuperou 3.524 quilos deste material, o que supón 141 sacos. Ademais, desde o 10 de xaneiro tamén se retiraron dos areais preto de 10.850 quilos doutros plásticos asimilables a residuos urbanos.

Convocatoria do Celta para a Copa.
Agora

O Celta, con todo a pola Real Sociedade

O Real Club Celta vén de anunciar a convocatoria para enfrontarse esta terza feira á Real Sociedade por segunda vez en tres días, no mesmo escenario —Balaídos— mais nun contexto diferente: está en xogo o pase ás semifinais de Copa. Rafa Benítez contará con todos os futbolistas dispoñíbeis para unha cita que esperta a ilusión dun celtismo que volverá recibir o equipo na previa na chaira de Tribuna.
pelota bola balón fútbol
Agora

Unha agresión deixa semiinconsciente un futbolista nun partido de veteranos en Boiro

Un futbolista do Club Deportivo Oasis Boiro quedou semiinconsciente durante un partido de veteranos a pasada fin de semana ao sufrir unha suposta agresión do porteiro do Carreira Cf. No partido, que se xogou en Boiro, atopábanse axentes da Policía Local que avisaron á Garda Civil polo sucedido. Ademais, o partido suspendeuse polo sucedido. O futbolista necesitou ser trasladado en ambulancia ao hospital ao atoparse semiinconsciente, aínda que xa foi de alta.

Pedro de Llano, Luis Menéndez e Marcos Santos, esta sexta feira. (Foto: Centro Internacional de Prensa da Galiza)
Agora

Veciñanza de Rois protesta contra a instalación dunha LAT perto de Castro Lupario

Veciñanza de Angueira de Castro, no municipio de Rois (comarca do Sar) protestarán este sábado contra a instalación dunha liña de alta tensión na contorna do Castro Lupario, por considerar que suporía un estrago "patrimonial e ambiental". A concentración, presentada esta sexta feira, terá lugar ás 12.30 horas onde xa comezaron as talas e as tarefas de desbroce para o inicio da instalación da liña de alta tensión (LAT) de 220 KV Lousame Ames-Tibo por parte de Red Eléctrica. O proxecto, que foi aprobado pola Xunta da Galiza, xerou unha grande oposición na veciñanza debido ao seu "potencial impacto negativo en áreas de gran valor histórico e ecolóxico", como son o Camiño Portugués, o Castro Lupario –entre as parroquias de Bastavales e Ribasar, o Pazo do Faramello –en Ribasar– e Angueira de Castro. 
Manifestación contra a ultradereita a segunda feira en Leizpig. (Foto: Jan Woitas / DPA)
Agora

As marchas contra a ultradereita espállanse por Alemaña por un plan para expulsar migrantes

Desde a pasada fin de semana, cada día milleiros de persoas en distintas cidades alemás -hoxe é a quenda de Hamburgo ou Münster- saíron á rúa a manifestarse contra a extrema dereita de Alternativa para Alemaña, segunda forza nas enquisas, ao coñecerse unha reunión de membros da formación con outros grupos ultradereitistas na que se presentou un plan para expulsar millóns de migrantes, até os que teñen nacionalidade alemá.

Iglesias, do Team Monforte, logrou completar o Dakar. (Foto: Xunta).
Agora

Tres pilotos galegos cruzan a liña de meta do Rally Dakar

Tres de catro. O 75% da representación galega logrou rematar o Rally Dakar 2024, que baixou o pano no día de onte. Só evitou o pleno o accidente que sufriu na penúltima etapa o motorista Fran Gómez Pallas, que tivo que ser evacuado cunha costela fisurada despois de que a súa moto partise literalmente pola metade.
O mellor na clasificación xeral foi Ricardo Ramilo na categoría T4 de vehículos ligeros, que concluíu no posto 64. Un pouco máis abaixo, como 75, emerxe Eduardo Iglesias, quen pasou 83 horas e 40 minutos sobre a súa moto. Por último, Javier Campos, tamén na categoría de motos, investiu 196 horas en percorrer os 8.000 quilómetros da proba máis dura do planeta. 
As botellas encontradas en Coirós (Foto: Concello de Coirós).
Agora

Tiran centos de botellas nas proximidades dun xacemento arqueolóxico en Coirós

O Concello de Coirós, na comarca das Mariñas, denunciou ante a Garda Civil unha vertedura de centenares de botellas nas inmediacións do xacemento arqueolóxico Pena Furada. Os residuos son en maioría botellas de cervexa e licores que foron lanzados a unha parcela de propiedade municipal, tanto en sacas, como en caixas. O lixo será retirado polo Concello unha vez que a Garda Civil conclúa a inspección do lugar. Respecto diso, o alcalde de Coirós, Francisco Quintela, lamentou que "uns irresponsábeis" actuasen "con total desprezo cara ao medio natural, a riqueza patrimonial, a integridade da saúde e económica dos veciños", en lugar de depositar as botellas no lugar adecuado.

Samuel Pérez (Semente), presidente do Congreso de Guatemala. (Foto: Congreso de Guatemala)
Agora

O Constitucional de Guatemala sentencia que Semente non pode presidir o Congreso

A Corte de Constitucionalidade de Guatemala decidiu na madrugada de hoxe ordenar que se repita a elección da Xunta Directiva do Congreso, no primeiro revés para o novo presidente, o progresista Bernardo Arévalo, do Movemento Semente. O tribunal determinara que os representantes da formación, como o presidente do lexislativo, Samuel Pérez, terían que actuar como independentes, o que impediría que se integren na Xunta.

(Foto: EP).
Agora

De campión olímpico a candidato de Vox: retírase o campión olímpico galego Cristian Toro

O padexeiro Cristian Toro puxo punto e final á súa carreira deportiva. O deportista, que celebrará o seu 32 aniversario o próximo mes de abril, non volverá competir.
Toro, fillo de emigrantes galegos en Venezuela, trasladouse sendo aínda un cativo a Viveiro, onde comezou a practicar o piragüismo, iniciando unha traxectoria de éxitos que tocou teito nos Xogos Olímpicos de Río de Janeiro 2016, onde colgou do pescozo a medalla de ouro na proba do K2 200 metros. Nos últimos tempos, o dous veces campión de Europa foi noticia máis veces nas páxinas de política que nas deportivas por unha deriva á dereita que o levou a ser parte das listas de Vox á alcaldía de Madrid nas´ultimas eleccións municipais.
O desbordamento do río Tea provocou inundacións en Mondariz hai apenas catro días. (Foto: Europa Press)
Agora

A Xunta activa o plan Inungal ante o risco de desbordamento no río Mandeo, en Aranga

A Xunta da Galiza vén de activar o Plan Inungal ante o risco de desbordamento nos ríos. En concreto, está baixo vixilancia, en nivel amarelo —fase de preemerxencia—, o Mandeo, en Aranga (As Mariñas). Tendo en conta a previsión meteorolóxica, a Xunta decidiu na tarde-noite desta cuarta feira activar o citado plan tras analizar os valores actuais proporcionados polos organismos de conca e relativos ás distintas estacións de capacidade.