Agora

A lendaria meta brasileira (co '1') dixo adeus a semana pasada. (Foto: Pescados Rubén Burela).
Agora

O Burela visita o Roldán no primeiro partido da era pos Jozi

Regresa a competición con maior peso da representación galega, a Primeira División de Fútbol Sala Feminino, e faino cun choque no que o líder, Pescados Rubén Burela, visita o STV Roldán de Murcia (sábado, 18 horas) sabendo que será o primeiro no que non estará baixo os paus a lendaria Jozi de Oliveira, logo da despedida a pasada fin de semana da porteira brasileira. Antes, ás 11, o Poio Pescamar abrirá a décimo oitava xornada na Seca contra o Móstoles coa firme intención de recuperar a senda da vitoria catro semanas despois. Xa ás 17 será a quenda de Ourense OnTime, que colide no Paco Paz precisamente co último verdugo poiense, Les Corts. Para as 18 queda o Torcal-O Castro e ás 19.30 baixan o pano na Coruña Amarelle e Maxadahonda.
Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 da Galiza, no municipio da Estrada (Foto: Europa Press).
Agora

Morre un motorista e tres persoas resultan feridas tras un choque frontal entre coche e moto en Coruxo (Vigo)

Un motorista morreu e outras tres persoas resultaron feridas tras o choque frontal entre unha motocicleta e un coche na PO-325, en Coruxo (Vigo), segundo informou o servizo de Emerxencias 112 de Galicia. O accidente produciuse na noite desta quinta feira e até o lugar desprazáronse efectivos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Bombeiros de Vigo, Garda Civil de Tráfico e Policía Local.

(Foto: As Brigantias Roller Derby).
Agora

Irmandiñas e Brigantias van a pola Copa Federativa

Os dous equipos herculinos da modalidade de roller derby, As Brigantias e Coruña Irmandiñas, enfrontaranse o vindeiro sábado, 3 de febreiro, nun partido que decidirá a formación gañadora da Copa Federativa Galega, que este ano se resolve nun único encontro previsto no Pavillón Polideportivo de Monte Alto ás 18 horas.
Tanto As Brigantias como o seu equipo 'B' xa estrearon a tempada. As primeiras cun triangular internacional contra Oxford Roller Derby e Hard Breaking Dolls Prague, mentres que as segundas xogaron un partido en Asturias contra La Güestia Roller Derby e en marzo continuarán con varios encontros da Liga ARDE (Asociación de Roller Derby de España).
Miguel Albuquerque, mandatario madeirense, o pasado ano. (Foto: Goberno de Portugal)
Agora

Albuquerque, presidente de Madeira polo PSD, imputado nun caso de corrupción

O líder do Goberno da Madeira (Portugal), Miguel Albuquerque, do Partido Social Democrata (PSD), foi imputado nunha operación anticorrupción, informou na madrugada desta quinta feira o luso Público. Amais, foi detido Pedro Calado, alcalde de Funchal (PSD) e considerado o sucesor de Albuquerque. O Jornal de Notícias subliñou que un ex socio do presidente recibiu 58 millóns de euros en contratos públicos da rexión entre 2015 e 2020.
Actuación de Pallasos en rebeldía en Palestina, en 2017.
Agora

O Centro Social O Fuscalho da Guarda organiza unha gala solidaria con Palestina en Tomiño

O Centro Social O Fuscalho da Guarda (O Baixo Miño) organiza este sábado, día 27, no Auditorio de Goián, Tomiño, unha gala de carácter benéfico en solidariedade co pobo palestino, na que haberá música e poesía. Intervirán Pallasos en Rebeldía, Tino Baz, Peter Punk, High Paw, Lirolai, o Mago Marco, o Trebón dos Sidos, AveLina Pérez e Jesús Andrés Tejada, Marga do Val, Koki e pandereiteiras e gaiteiras do Fuscalho, entre outros moitos. 
As campioas Lorena Patiño e Aroa Otero, no 'stand' do certame. (Foto: FCG).
Agora

Promoción do Europeo de Ciclocrós de Pontevedra na Copa do Mundo de Ciclocrós

O calendario de ciclocrós, cos Mundiais da disciplina á volta da esquina, apura a súa recta final coa última proba da Copa do Mundo, que se disputou en Benidorm. Este certame serviu tamén para promocionar o Campionato de Europa da disciplina, que se desenvolverá na Galiza, e máis concretamente en Pontevedra. Para aproveitar esta oportunidade de dar visibilidade a un evento que porá todas as miradas do ciclocrós europeo na Boa Vila, a Federación Ciclismo Galego (FCG) dispuxo un stand no que centos de afeccionados e afeccionadas puideron coñecer o calendario de probas previstas, espertando, segundo sinala a FCG, "o interese de moitas corredoras por acudir á competición, e tamén entre o público estranxeiro presente en Benidorm". 
lugo
Agora

Feche de traballadoras da limpeza en Lugo

Traballadoras da limpeza en folga e representantes da CIG acaban de iniciar un peche no edificio administrativo da Xunta de Galiza en Lugo para reclamar a intervención activa da administración no conflito, que a patronal está a prolongar ao negarse a pór enriba da mesa unhas propostas que permitan chegar a acordo digno e teimar en manter as táboas salariais por debaixo do SMI. 
Jens Stoltenberg e Viktor Orbán nunha reunión en 2023. (Foto: Celestino Arce / Zuma Press / Contactophoto)
Agora

Hungría traslada á OTAN que non freará a adhesión de Suecia logo do aval turco

Menos de 24 horas despois de que o lexislativo turco ratificara a entrada de Suecia na Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), o primeiro ministro húngaro, o ultradereitista Viktor Orbán, garantiu hoxe ao secretario xeral da alianza militar liderada polos Estados Unidos, Jens Stoltenberg, a súa disposición a dar luz verde ao acceso de Estocolmo, que só fica pendente da aprobación do Parlamento de Hungría.

Concentración do persoal, esta cuarta feira na Coruña (Foto: Nós Diario).
Agora

Persoal da sanidade privada alza a voz por un novo convenio laboral

Persoal da sanidade privada concentrouse esta cuarta feira ás portas dos principais hospitais da Coruña para reclamar a negociación dun convenio que "mellore" as súas condicións laborais. Segundo informou a CIG, denunciaron que "lonxe de aceptar melloras", a patronal pretende que os traballadores e as traballadoras do sector "perdan dereitos" que xa tiñan alcanzados. Por isto, convocaron folga para o 5 de febreiro.
Os coruñeses aínda non saben o que é a vitoria. (Foto: Deportivo Liceo).
Agora

O Liceo quere lograr o seu primeiro triunfo na Champions 2023/24

A actual está sendo unha tempada moi dura para o Deportivo Liceo de hóckey sobre patíns, e a competición continental, a WSE Champions League, tampouco é un camiño de rosas para a escuadra herculina. Última clasificada do Grupo 'A' -no que está encadrada xunto con Barcelona, Fútbol Club Barcelona e o Forte dei Marmi italiano- após perder os tres partidos que disputou até o de agora, regresa á acción na noite de hoxe, cando ás 20.30 horas recibirá no Pazo dos Deportes de Riazor o conxunto transalpino. No seu anterior enfrontamento, o 11 de xaneiro, o Forte dei Marmi impúxose por 4-2 tantos a dous nun partido no que o Liceo non tivo opción algunha.  

Unha imaxe de 'Hadal', de Lois Patiño.
Agora

A Fundación Luis Seoane dedica unha mostra á obra experimental de Lois Patiño

A Fundación Luis Seoane inaugura esta quinta feira, 25 de xaneiro, a exposición Lois Patiño. Marea, un proxecto que reúne as instalacións, videocreacións e curtametraxes experimentais realizados polo cineasta Lois Patiño até 2010. Comisariada por Alberto Carton, a mostra estará na Fundación até abril, e no Centro Torrente Ballester de Ferrol a partir do mes de maio. Ademais, os días 27, 28 e 29 de febreiro, a Filmoteca de Galiza dedicará un ciclo á obra do realizador galego. 

Marea xira ao redor de dúas pezas: Hadal, unha instalación composta por un vídeo, dúas videoinstalacións e unha instalación lumínica; e a curtametraxe experimental El sembrador de estrellas. A instalación Hadal "mergúllanos nunha incerta escuridade do mar, e reflexiona sobre aspectos perceptivos e sensoriais da experiencia submariña. A flotabilidade do corpo, a atención á respiración e o movemento oscilante da luz, envólvennos nunha experiencia íntima de fonda introspección", como describe o seu autor.

Eduardo Mendonça chega para suplir a baixa de Ricardo Brandao. (Foto: Pfadi Winterthur).
Agora

O Cangas 'pesca' no mercado luso e asina Eduardo Mendonça

O Cangas Frigoríficos do Morrazo, único equipo galego na elite do balonmán masculino estatal, unha Liga Asobal onde ocupa a antepenúltima posición, vén de incorporar ás súas filas un xogador portugués, Eduardo Mendonça. O luso substituirá no posto de pivote o seu compatriota Ricardo Brandao, logo de que o Porto decidise anular a cesión que o vinculaba co conxunto galego ante a praga de lesións que padeceu nesa posición tan transcendental nas últimas semanas. A nova sinatura dos do Morrazo, que foi presentada no día de onte, tamén medrou como xogador nas categorías inferiores dos Dragões, chegando a ser internacional basa coa selección portuguesa. Posteriormente pasou por bloques como Gaia, Braga, Boavista e Horta, dando o salto ao Pfadi Winterthur suízo, de onde procede, en 2022.
 
Ambulancia medicalizada. (Foto: Sergas)
Agora

Falece un operario en Rubiá após quedar atrapado nunha máquina dunha central hidroeléctrica

Un operario faleceu na mañá desta cuarta feira após quedar atrapado nunha máquina dunha central hidroeléctrica situada na localidade de Rubiá, comarca de Valdeorrras Segundo informa o 112 Galiza, os feitos ocorreron minutos antes das 12:30 horas e foi o propio persoal das instalacións o que alertou aos servizos de emerxencia. Así, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activou o operativo, solicitando a participación de Urxencias Sanitarias, dos bombeiros e do GES de Valdeorrasl. Unha vez no punto, situado na parroquia de Covas, os bombeiros liberaron o corpo do traballador, sen que se puidese facer nada para salvarlle a vida.

#turismo #turista #turistas #hotel #hoteis #peregrinos (Foto: Arxina)
Agora

As viaxeiras aloxadas en hoteis galegos creceron 6,3% en 2023 e roldaron os 4,7 millóns

Case 4,7 millóns de viaxeiros e viaxeiras aloxáronse ao longo de 2023 en hoteis galegos, que experimentaron unha repunta neste índice de 6,3% con respecto aos datos do ano anterior. En concreto, segundo publica hoxe o INE, en 2023 aloxáronse en hoteis galegos 4.987.989 persoas. As viaxeiras residentes no Estado español —3.424.297— experimentaron un crecemento de 0,39% comparando con 2022, mentres que as de fóra —1.563.693— foron un 21,9% máis. En canto ás pernoitas, realizaron 9.523.654, un 4,5% máis que os datos de 2022. A estadía media foi de 1,91 días.
Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 da Galiza, no municipio da Estrada (Foto: Europa Press).
Agora

Morre o condutor dun vehículo tras bater frontalmente con outro en Frades

O condutor dun vehículo faleceu a noite desta terza feira tras sufrir unha colisión frontal con outro coche no municipio  de Frades, comarca de Ordes, segundo informou Emerxencias 112 de Galiza. Até o lugar do accidente desprazáronse efectivos de Bombeiros de Ordes que interviron para excarcerar os dous condutores, un deles xa falecido. Así mesmo, acudiu persoal do servizo de urxencias sanitarias 061 e a Garda Civil de Tráfico.

Imagen de WhatsApp 2024-01-23 a las 21.24.48_306e27bb
Agora

Do río ao mar, Palestina vencerá!: nova xornada de mobilizacións contra o xenocidio do pobo palestino

Convocada polos colectivos Galiza por Palestina, Mar de Lumes, a asociación galaico-árabe Jenín e BDS Galiza, a Galiza mobilizarase esta cuarta feira, 24 de xaneiro, en 28 vilas e cidades en solidariedade con Palestina, pola fin da ocupación sionista e para sinalar a complicidade do imperialismo no xenocidio e a limpeza étnica en curso. 
Pedro Nuno Santos, candidato do Partido Socialista portugués. (Foto: Nós Diario)
Agora

O Partido Socialista luso, en cabeza de cara ás eleccións parlamentarias adiantadas de marzo

Unha sondaxe publicada hoxe polos xornais Correio da Manhã e Jornal de Negócios coloca o Partido Socialista portugués con 26,4% dos sufraxios, por diante da coalición encabezada polo conservador Partido Social Democrata, con 20,8%. En terceira posición sitúase a ultradereita do Chega con 16,6% dos apoios, e case 15% da poboación aínda non decidiu o voto. Os comicios lexislativos adiantados decorrerán o 10 de marzo.

A autoestrada AP-9 ao seu paso por Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)
Agora

A Deputación da Coruña eliminará a bonificación de 95% do IBI a Audasa pola AP-9

A área de Xestión Tributaria da Deputación da Coruña liquidará este ano a Audasa 100% do Imposto de Bens Inmóbeis (IBI) nos 18 municipios polos que discorre a AP-9 e que teñen delegada a xestión e cobro dos seus tributos nesta institución. Así o anunciou esta terza feira o deputado de Facenda, José Ramón Rioboo, que explicou que os servizos tributarios da Deputación xa tiñan tomada esta decisión “de oficio, en virtude do Real Decreto 173/2000, que na súa cláusula vixésima estabeleceu no 19 de agosto de 2023 o fin da bonificación de 95% da que gozaba Audasa desde hai décadas” grazas a unha norma do ano 1972.
Presentación da traballo do Foro Económico, esta terza feira en Compostela (Foto: Foro Económico).
Agora

O Foro Económico resalta o potencial do galego na extensión das novas tecnoloxías

O Foro Económico presentou esta terza feira o resultado das súas investigacións sobre intelixencia artificial e tecnoloxías lingüísticas, nun acto en Santiago de Compostela no que salientou que o feito de contar cunha lingua propia abre a porta á creación de solucións específicas adaptadas ás necesidades lingüísticas locais, permitindo unha mellor precisión do procesamento da linguaxe natural. Ademais, o desenvolvemento de aplicacións específicas favorece a adopción de tecnoloxías e fomenta a diversidade e inclusión na era dixital, salienta o traballo do Foro Económico. De aí que o galego, resalta, sexa unha activo estratéxico que está servindo para potenciar o desenvolvemento e a innovación no ámbito das tecnoloxías da linguaxe.
Obradoiro de elaboración de melindres e doces de Melide (Foto: Concello de Melide).
Agora

Melide comeza a promoción da Festa do Melindre cun obradoiro no Condado

Esta terza feira comezou a promoción da Festa do Melindre e da repostaría tradicional de Melide. A primeira das actividades da programación previa foi un obradoiro-cata na Escola A Cancela, nas Neves (O Condado), impartido por Alberto Rodríguez, presidente de Asociación Melide Terra Doce. Neste sentido, a cata estivo dirixida ao alumnado do ciclo medio de panadaría, repostaría e confeitaría do centro de ensinanza.