Agora

Merdeiros no Casco Vello de Vigo.
Agora

Presentan un libro sobre os "merdeiros" de Vigo

A vindeira sexta feira, 19 de xaneiro, ás 19.30 horas, presentarase no Camões Centro Cultural Portugués, sito na Praza de Almeida de Vigo, o libro O merdeiro. Personaxe da ribeira, de Adriana Del Río Miranda, historiadora da arte, e Hadrián Román Carreiro, historiador. Editado pola Asociación Etnográfica A Merdeira, o volume recolle os froitos de varios anos de investigación e traballo. Analiza a orixe, como era e como se comportaba na cidade esta tradicional figura do Entroido de Vigo. Ao tempo reflexiona sobre a evolución da personaxe até o momento da súa desaparición e da súa posterior recuperación grazas ao tecido asociativo da cidade. O acto contará coa actuación da Banda de Gaitas do Casco Vello, antes do coloquio coas autoras. 
António Guterres, líder da ONU, onte no Foro de Davos, Suíza. (Foto: Hannes P. Albert / DPA)
Agora

O secretario xeral da ONU, António Guterres, critica a "epidemia de impunidade" nos conflitos armados

António Guterres, secretario xeral da Organización das Nacións Unidas (ONU), cuestionou hoxe no Foro de Davos, en Suíza, a “epidemia de impunidade” en guerras como as que se desenvolven en Ucraína, Palestina ou o Sudán, e instou a levar a cabo profundas reformas nas organizacións internacionais como a ONU que permitan estabelecer “institucións e marcos multilaterais e mecanismos efectivos de goberno global”.

Grupo Lence.
Agora

Lence e SLG reúnense para avanzar na colaboración bilateral de cara ao futuro

Grupo Lence recibiu na súa sede de Lugo a representantes do Sindicato Labrego Galego (SLG) para traballar no avance da colaboración de cara ao futuro. Así, ambas as partes realizaron esta cuarta feira un percorrido pola planta da firma lucense. Tras iso, tamén mantiveron un encontro privado no que abordaron temas como o actual momento do sector lácteo, as gandarías, o rural e os principais retos globais que están por chegar nestes eidos.
(Foto: FGV).
Agora

Narón acollerá o Campionato da Galiza de Voleibol base

A localidade de Narón, en Ferrolterra, será o fogar da edición de 2024 do Campionato da Galiza de Voleibol nas súas categorías de base, é dicir, pre benxamín e benxamín, así como da Copa Alevín. Desde a Federación Galega de Vólei (FGV) estiman que aproximadamente 300 deportistas masculinos e femininos procedentes de todos os currunchos da Galiza participarán nun evento que se desenvolverá sobre as 12 pistas habilitadas nos pavillóns da Solaina e Campo da Serra. A inscrición dos equipos non terá límite por club "sempre e cando teñan un mínimo de catro integrantes e un máximo de sete no caso de benxamíns e alevíns", sendo o abano de tres-cinco para os da pre benxamín.

Unha muller traballando nunha oficina (Foto: Tasty Content).
Agora

Descende a constitución de empresas na Galiza e medra no Estado español

As empresas creadas na Galiza en novembro de 2023 foron 324, o que supón 1,5% menos que no mesmo mes do ano anterior. Este retroceso contrasta co incremento de 6,4% na media estatal durante o mesmo período, segundo os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) esta cuarta feira. O capital desembolsado para a constitución destas 324 empresas, todas sociedades limitadas (SL), foi de 11,1 millóns de euros. Pola súa parte, as disolucións de empresas foron 123 (99 de forma voluntaria, oito por fusión e 16 doutro tipo), o que supón 15,8% menos respecto ao mesmo mes de 2022. Mentres, 92 empresas aumentaron capital en novembro de 2023, nove menos que un ano antes. Ademais, reduciron o seu capital 18, case a metade na comparativa interanual.
Os produtos foron recadados nun partido solidario co UCAM Murcia o pasado 29 de decembro. (Foto: Monbus Obradoiro).
Agora

Obradoiro e Gadis entragan preto dunha tonelada de produtos ao Albergue Xoan XXIII

O Monbus Obradoiro e Supermercados Gadis fixeron entrega esta cuarta feira ao Albergue Xoán XXIII de Santiago de Compostela dun lote conformado por 830 quilogramos de produtos entre alimentos non perecedoiros e artigos de hixiene, grazas aos puntos anotados polo propio Obra e o UCAM Murcia na iniciativa coñecida como O Partido Solidario, que disputaron ambas formacións o pasado 29 de decembro de 2023. Ao acto de entrega acudiron Frei Miguel da Mata, director do Centro Cultural Social Xoán XXIII; Román Roo, delegado do Grupo Gadisa na área de Santiago e Rafa Silva, conselleiro do Monbus Obradoiro, entre outros, destacando o representante da empresa de alimentación que para eles "deporte e solidariedade son moi importantes", salientando a súa "responsabilidade social".  
Os tres novos ramais (Foto: Xunta da Galiza).
Agora

Entran en servizo tres novos ramais da conexión entre a autovía Tui-A Guarda e a A-55

Tres novos ramais do enlace conexión da autovía Tui-A Guarda coa autovía A-55 e de Areas entrarán en servizo esta cuarta feira, 17 de xaneiro. En concreto, prevese pór en servizo os novos ramais de saída da ligazón do punto quilométrico 30 da autovía A-55, así como o ramal directo entre a nova glorieta das estradas N-551 e PO-552 e a glorieta elevada. Segundo informa o Goberno galego nun comunicado, manterase en servizo o novo ramal á autovía desde a ligazón sentida Portugal-Tui, calzada decrecente. Así mesmo, apunta que só resta o novo ramal en execución de entrada á autovía en sentido Portugal desde a ligazón, que se prevé terminar nun mes.

Baxi e Celta xogarán fóra da casa (Foto: Baxi Ferrol).
Agora

Mala sorte para o Baxi Ferrol no sorteo da Copa da Raíña de baloncesto

O Baxi de Ferrol, único dos tres equipos galegos na elite do baloncesto feminino estatal que logrou un boleto para participar na edición 2024 da Copa da Raíña, xa coñece o seu rival nos cuartos de final do torneo do KO, logo do sorteo levado a cabo na mañá deste terza feira na sede do Concello de Huelva, cidade andaluza que acollerá todos os partidos dunha competición que se estenderá do 21 ao 24 de marzo. E, a dicir verdade, non houbo sorte. O contrincante da escuadra ferrolá será o vixente campión, Casademont Zaragoza, contra quen medirá forzas o 22 de marzo, sexta feira, ás 20.30 horas nun encontro retransmitido por RTVE Play. Os precedentes non son positivos para os intereses do Baxi, pois en ambos os choques que protagonizaron na Liga logrou imporse o conxunto maño.
Grandes ondas na costa da Coruña (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press).
Agora

A Xunta declara alerta laranxa nas zonas de litoral do oeste da Galiza

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira da Xunta da Galiza activou a alerta laranxa para esta cuarta feira por temporal costeiro nas zonas litorais do oeste do país. Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e das persoas, Emerxencias, a través do 112 Galiza, informou da situación aos Concellos afectados, ás Deputacións, aos servizos e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros. Ante esta situación, a Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa: diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén de extremar as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar.
(Foto: UCI).
Agora

Nova medalla de Ramos na Copa do Mundo de Ciclismo Adaptado

Outro metal nas antípodas. Se na segunda feira informábamos da medalla de ouro conquistada polo galego Damián Ramos na proba contra o reloxo durante a primeira parada da Copa do Mundo de Paraciclismo, que se levou a cabo até o día de hoxe en Adelaida (Australia), agora toca comunicar que o coruñés completou a súa participación cun novo éxito. Trátase dun un bronce na especialidade de fondo en estrada, onde se repetiu o podio da modalidade contra o reloxo, mais nunha orde distinta, finalizando en primeiro lugar o belga Clincke, segundo o polaco Bertolin e terceiro Ramos, que cos puntos obtidos deixa case atado o seu posto nos Xogos de París.
Palestina 2
Agora

O Concello de Lugo pendura a bandeira de Palestina da Casa Consistorial

O alcalde en funcións do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, acompañado de concelleiras e concelleiros, participou esta tarde nun acto simbólico, realizado por dous veciños procedentes de Palestina que residen en Lugo, no que se pendurou a bandeira de Palestina da Casa Consistorial. Arroxo explicou que “realizamos esta acción en cumprimento co acordo do pleno de decembro, como mostra da solidariedade do Concello e de toda a veciñanza de Lugo co pobo palestino”. Arroxo explicou que a bandeira foi pendurada de xeito simbólico, mais non permanecerá na fachada da Casa Consistorial debido ás restricións marcadas pola Lei de Bandeiras. “Buscaremos unha ubicación definitiva para a bandeira, como mostra do apoio a unha solución  pacífica para o conflito en Palestina”. Con esta medida, Lugo convértese, xunto con Girona e Málaga, nos únicos concellos de todo o Estado que penduraron a bandeira de Palestina da súa casa consistorial. Unha das veciñas de Lugo de orixe palestina que participou no acto é Yasmín Letum, a rapaza que fora expulsada en novembro da cancha do Breogán por exhibir a bandeira do seu país no partido contra o hapoel.

Os representantes da Fruga, Elías Somoza e Manuel Dacal (Foto: Nós Diario).
Agora

A Fruga demanda que a PAC só beneficie as persoas dadas de alta na Seguridade Social agraria

A Federación Rural Galega (Fruga) destacou que a Galiza é a única autonomía do Estado na que "todas as persoas beneficiarias" da Política Agraria Común (PAC) "son cotizantes da Seguridade Social agraria". Neste sentido, o sindicato criticou esta terza feira que no resto de autonomías "as persoas beneficiarias incumpren esta condición" na campaña da PAC de 2023.

Deste modo, a Fruga reclamou que se corrixa esta "anomalía" por parte das Administracións, emprazando á Xunta da Galiza a dirixirse ao Goberno do Estado español para que a PAC recaia "exclusivamente sobre todas aquelas persoas que poidan demostrar a súa condición de agricultor ou agricultora a título principal, profesional ou activo agrario mediante a alta na Seguridade Social Agraria".

Desta maneira, segundo defendeu o sindicato agrario, as persoas solicitantes "que non acrediten estar dadas de alta na Seguridade Social agraria quedarían excluídas, dándose a posibilidade de acrecentar os importes para cobrar por parte das persoas que si demostran a súa condición de profesionais do sector agropecuario".

Centro da Fundación Marta Ortega no porto da Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
Agora

A Fundación Marta Ortega pide unha concesión no Porto da Coruña para "actividades culturais"

A Fundación Marta Ortega, da presidenta da multinacional téxtil Inditex, solicitou unha concesión no Porto da Coruña para "desenvolver actividades culturais". Segundo publicou esta terza feira o Boletín Oficial do Estado (BOE), a Autoridade Portuaria iniciou o trámite de competencia de proxectos en relación coa solicitude da fundación, que pediu a "ocupación de superficie e instalacións" portuarias para "desenvolver actividades e eventos". 
Besteiro, xunto a candidatas por Pontevedra, esta terza feira en Vigo. (Foto: Europa Press)
Agora

Besteiro comprométese a "reanimar" a Atención Primaria, "deficitaria en toda a Galiza"

O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta da Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, trasladou o seu compromiso coa Sanidade Pública da Galiza, e en especial coa Atención Primaria, e afirmou que "reanimará" este servizo con investimento público. Así o manifestou, en declaracións aos medios, após manter un encontro en Vigo con representantes da plataforma SOS Sanidade Pública. O candidato socialista apostou por "recuperar" a Atención Primaria, que a día de hoxe ten mil profesionais menos que hai 15 anos, e cuxo investimento público se reduciu en 135 millóns. "Os datos queiman o relato do PP", constatou Besteiro, que defendeu ademais que a Primaria, porta de entrada ao sistema sanitario, "é o que une a toda a Galiza" e é "deficitaria".
'Lavanderas de Galicia', de Joaquín Sorolla, Museo Carmen Thyssen Málaga.
Agora

Carmela Galego analizará na Coruña o legado artístico do pintor Joaquín Sorolla

Esta cuarta feira, 17 de xaneiro, ás 19.30 horas, Carmela Galego ofrecerá unha palestra co título Sorolla á luz da modernidade, na Asociación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña.  Despois de que en 2023 se celebrase o centenario do pasamento do pintor Joaquín Sorolla, a palestra analizará o legado que deixou. Da súa paleta semella que nace a claridade. "El ve a luz en 1863, o mesmo ano que a pintura contemporánea fascinou en París. Sabe combinar a receita perfecta entre tradición e modernidade que lle permite bogar con mestría grandes salóns, museos e paredes particulares. Gran coleccionista e pesquisador incansábel de identidades nas fronteiras do costumismo, a súa pintura deixa unha valiosa testemuña dunha forma de entender o mundo e a arte", declara Galego.  
Concentración de barcos do sector bateeiro fronte as costas da Pobra do Caramiñal. (Foto: Europa Press)
Agora

Incautan máis de 35 quilos de vieira e mexillón furtivos na Pobra do Caramiñal

O Servizo Marítimo  da Garda Civil da Coruña incautou 21,3 quilos de vieira e 13,6 quilos de mexillón a dous furtivos na Pobra do Caramiñal (O Barbanza). Os produtos que non foron collidos con vida foron enviados a unha residencia de maiores para o seu consumo posterior. Segundo informou a Garda Civil, a acción levouse a cabo no marco dun servizo de prevención do furtivismo, mediante o cal os axentes do SMP detectaron a actividade ilícita de dous furtivos. Durante a intervención, incautaron ademais dos 21,3 quilos de vieira e os 13,6 de mexillón, outras cantidades pequenas doutras especies, así como unha pequena embarcación sen folio equipada cun motor e un equipo completo de mergullo que incluía unha botella de ar comprimido.

A formación de Cerceda impúxose por un só punto a APB Laracha. (Foto: APB A Laracha).
Agora

Novo triunfo de Cochiqueiros na Liga Atlántica de Billarda

O Concello de Culleredo acolleu a novena xornada da Liga Atlántica de Billarda na súa Conferencia Noroeste. A proba desenvolveuse na pista cuberta de Laxe, en Vilaboa, que foi o refuxio das billardas ante as inclemencias meteorolóxicas en forma de choiva. Alí, o triunfo por equipos recaeu en Cochiqueiros de Cerceda, que con 85 puntos foi o mellor por segunda data consecutiva. A tan só un de distancia rematou APB da Laracha, que continúa recortando distancias con respecto ao líder na clasificación xeral, Campo da Feira de Paiosaco. Xa no plano individual, o número '1' absoluto foi Gándara (Filloas de Sangue), mentres que na categoría feminina venceu Merche (APB A Laracha), levando para a casa o trofeo infantil Valentín (Filloas de Sangue). 
Nuno Santos, novo líder do PS, e Rebelo de Sousa, presidente luso. (Foto: Presidência de Portugal)
Agora

O presidente portugués disolve a Assembleia e formaliza a convocatoria de eleccións o 10 de marzo

Marcelo Rebelo de Sousa, presidente de Portugal, decretou hoxe a disolución da Assembleia da República e convocou de forma oficial os comicios parlamentarios adiantados do 10 de marzo. É a novena vez desde a Revolución dos Cravos -hai case medio século- que un presidente dá este paso, nesta ocasión tras a dimisión do primeiro ministro do Partido Socialista, António Costa, investigado pola Fiscalía nun caso de corrupción.

(Foto: Twin Trail Racing Team).
Agora

O Rally Dakar cóbrase a súa primeira vida en 2024

A pesar de que a presenza de veteranos pilotos como Carlos Sainz ou Sébastien Loeb poida darlle a imaxe de ser unha sorte de cemiterio de elefantes, o Rally Dakar continúa sendo unha das competicións de vehículos a motor máis esixentes do mundo. Isto demostrase no regueiro de mortos que vén deixando a proba desde que comezou a disputarse en 1978, e que se aproxima á cifra de 80 persoas entre pilotos, mecánicos, xornalistas e espectadores. O último nome en unirse a esa negra listaxe foi o de Carlos Falcón. Aos seus 45 anos, o motorista catalán faleceu a causa dos danos neurolóxicos provocados por unha parada cardiorrespiratoria que sufriu a consecuencia dun accidente.
Fillas de Cassandra apostan polo inédito no seu novo directo. (Foto: Sabela Andrés)
Agora

Entradas esgotadas para a presentación do novo directo de Fillas de Cassandra

Fillas de Cassandra vén de pendurar o cartel de "entradas esgotadas" para a presentación no seu novo directo, Últimas Dionisíacas, que terá lugar o 16 de febreiro no hall do Auditorio Mar de Vigo. En menos de 10 días, o dúo conformado por María Soa e Sara Faro vendeu os 1.400 billetes dispoñibles para a cita; o que dá boa conta do momento que está a vivir o grupo, a gran revelación da escena musical do pasado 2023.

Últimas Dionisíacas é a nova proposta escénica e musical de Fillas de Cassandra, na que as artistas farán unha revisión dos temas máis recoñecidos do seu primero LP, Acrópole, desde unha electrónica máis escura e potente; ademais de recuperar algúns dos sinxelos publicados nos últimos meses e avanzar outros inéditos para o público.