16/xan./24 - 15:34
Carmela Galego analizará na Coruña o legado artístico do pintor Joaquín Sorolla
Esta cuarta feira, 17 de xaneiro, ás 19.30 horas, Carmela Galego ofrecerá unha palestra co título Sorolla á luz da modernidade, na Asociación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña. Despois de que en 2023 se celebrase o centenario do pasamento do pintor Joaquín Sorolla, a palestra analizará o legado que deixou. Da súa paleta semella que nace a claridade. "El ve a luz en 1863, o mesmo ano que a pintura contemporánea fascinou en París. Sabe combinar a receita perfecta entre tradición e modernidade que lle permite bogar con mestría grandes salóns, museos e paredes particulares. Gran coleccionista e pesquisador incansábel de identidades nas fronteiras do costumismo, a súa pintura deixa unha valiosa testemuña dunha forma de entender o mundo e a arte", declara Galego.
!['Lavanderas de Galicia', de Joaquín Sorolla, Museo Carmen Thyssen Málaga.](/asset/thumbnail,1280,720,center,center/media/nosdiario/images/2024/01/16/2024011615272896367.jpg)