Agora

Carlos Casares en Copenhagen, en xuño de 2001. (Foto: Fundación Carlos Casares)
Agora

Editorial Galaxia quere recuperar un dos seus premios máis prestixiados

O día 19 de xaneiro, celebrarase, ás 12 horas, no Café Vitruvia de Vigo, un acto de presentación arredor do Premio Galaxia de Novela 75 Anos. Depois de que pasasen case 50 anos desde que Carlos Casares gañase con Xoguetes para un tempo prohibido o premio convocado en 1975 para celebrar o 25 aniversario da editorial e pensando no 2025 e o seu 75 aniversario, Galaxia quere recuperar este premio. No acto, participarán Xosé M. Soutullo, director xeral de Editorial Galaxia; Dolores Vilavedra, presidenta do xurado e conselleira da editorial; Marcos Calveiro, secretario do xurado e direc-tor de Edicións; e Antón Vidal Andión, presidente do Consello de Administración de Editorial Galaxia. 
Os conxuntos do país representan case 40% do total da Primeira. (Foto: Pescados Rubén Burela).
Agora

Fútbol sala: volve a liga estatal máis galega

Concluído a parada de Nadal, a Primeira División de Fútbol Sala Feminino, a competición de elite con máis peso da representación galega -con seis equipos sobre un total de 16- regresa no día de hoxe, e de que modo, pois haberá un duelo fratricida entre os dous principais conxuntos do país: Pescados Rubén Burela e Poio Pescamar. O encontro, que se desenvolverá na Seca a partir das 20 horas de hoxe, enfrontará as guerreiras laranxas, líderes da categoría con 38 puntos, contra unha formación conserveira que ocupa a sexta praza con 24 puntos e que está obrigada a gañar se non quere aumentar aínda máis a distancia que a separa dun play-off polo título que fecha Navalcarnero con 32 puntos. Ademais, o Viaxes Amarelle recibe ás 16 horas o Les Corts e Marín visita o Roldán murciano ás 18. 
Moncho Fernández. (Foto: Monbus Obradoiro).
Agora

O Obradoiro busca dar a sorpresa ante o Barcelona

O baloncesto foi un dos poucos deportes nos que os e as xogadoras non tiveron descanso durante estas festas, e a acción continúa nesta fin de semana de Reis. Na elite masculina o partido estrela será o Barcelona-Obradoiro das 17 horas de mañá, mentres que o Breogán buscará saír da penúltima posición a costa do Covirán Granada tamén mañá, pero a partir daas 12.30 horas da tarde.
Efectivos policiais nas inmediacións do Instituto Perry, esta quinta feira. (Foto: Nós Diario)
Agora

Un tiroteo nun instituto de secundaria do Estado de Iowa deixa varias persoas feridas

Varias persoas resultaron feridas esta quinta feira nun tiroteo rexistrado nun instituto da cidade de Perry, no estado de Iowa, segundo informou a Policía estadounidense, que sinalou que o atacante morreu tras autoinflinxirse un disparo. O incidente tivo lugar no Instituto Perry, que retomaba esta quinta as aulas após as vacacións de Nadal, cando unha persoa irrompeu no centro escolar e abriu fogo. As primeiras chamadas alertando do sucedido rexistráronse sobre as 7.30 horas (hora local), segundo informacións da cadea de televisión ABC. As autoridades do condado de Dallas, que non revelaron polo momento información sobre o atacante, indicaron que as persoas feridas foron trasladadas a un hospital da zona, sen que até o momento se coñeza a magnitude das feridas.
Janet Novás.
Agora

Janet Novás presenta 'Feelings' na Fundación Luis Seoane da Coruña

O vindeiro día 13 de xaneiro, ás 20 horas, a bailarina, coreógrafa e actriz Janet Novás (O Porriño, 1982) presentará a performance Feelings na Fundación Luís Seoane da Coruña, dentro do seu ciclo "Body Talk". A peza cuxo título fai referencia ao célebre tema do músico brasileiro Morris Albert, é “un traballo que nunca se definiu. Naceu o día dunha morte e xurdiu coma un berro ou un pranto por esa perda. Desde ese momento negouse a tomar unha forma concreta e tamén negouse a morrer. Feelings é un corpo vivo que quere habitar espazos para chorar, para tomar o pranto como un exercício de liberación, para bailalo e exaltar a beleza dun corpo abatido”.  Ao longo da súa traxectoria, Novás desenvolveu unha linguaxe na que conviven a carga emocional e a sinxeleza estética. As súas creacións formaron parte da programación de prestixiosos festivais  e foron galardoadas con diferentes premios. Como actriz, Janet Novás vén de debutar no papel principal da película O Corno de Jaione Camborda, gañadora da Concha de Oro no Festival Internacional de Cine de San Sebastián.

(Foto: Becas Podium).
Agora

O Arenal Emevé reforza as súas filas con Belén Carro

O Arenal Emevé de Lugo, único equipo galego na máxima categoría do vólei feminino estatal, reforza as súas filas de cara a segunda volta coa incorporación da xogadora madrileña Belén Carro. Aos seus 24 anos, esta deu os seus primeiros pasos no mundiño no Maxadahonda, destacando ademais no eido do vólei praia, onde a maiores do Campionato de España en categorías de base, a prata no Wezva Sub-17 e os bronces no Campionato do Mundo Sub-21 e o Europeo Sub-22, logrou a medalla de ouro nos Xogos do Mediterraneo no ano 2018. Desde o club, a través do seu manager, Rubén López, destacaron o "nivel competitivo" de Carro, así como a "moita experiencia que achegará".
Ferrol recoñece as xogadoras hoxe ás 17.30 no Mercado Moderno. (Foto: Baxi Ferrol).
Agora

O Baxi Ferrol estará na Copa da Raíña

A Galiza volverá ter representación na Copa da Raíña de baloncesto tres anos despois de que o Durán Maquinaria Ensino a disputase en 2021, caendo eliminado na rolda de cuartos de final após caer por 82-51 contra Perfumerías Avenida na primeira rolda. A remuda colleuna o Baxi Ferrol, quen fechou a súa clasificación para un torneo do KO que se disputará entre os días 21 e 24 de marzo no Pazo dos Deportes Carolina Marín de Huelva, estando xa dispoñíbeis para a súa adquisición abonos cun prezo que van dos 25 aos 45 euros na web da Federación Española de Baloncesto. O conxunto ferrolán obtivo o seu boleto logo de lograr unha transcendental vitoria sobre un dos seus posíbeis rivais, un IDK Euskotren que xa lograra o pase antes de saltar á pista e que perdeu na súa casa por  58 a 66.
Persoal de Maderas Iglesias nunha manifestación en Vigo. (Foto: Nós Diario)
Agora

A xustiza adxudica a venda de Maderas Iglesias a unha empresa vasca por 9,4 millóns de euros

O Xulgado do Mercantil número 3 de Pontevedra, con sede en Vigo, adxudicou a venda de Maderas Iglesias ao grupo empresarial vasco Suco Interiors por 9,4 millóns de euros. Unha transacción que levará a cabo a través da filial que esta compañía ten en Silleda (Deza), denominada Rica Interiors. Desde hai anos, o persoal de Maderas Iglesias mantiña un conflito laboral coa empresa ante a posibilidade de perda dos postos de traballo.
(Foto: FGM).
Agora

A Liga Galega de Sendeirismo botará a andar en febreiro

As diferentes competicións nacionais van oficializando os seus calendarios de cara ao recentemente inaugurado ano 2024, sendo unha delas a Liga Galega de Sendeirismo, que nesta ocasión botará a andar o próximo día 25 de febreiro. A confirmación chegou da man da Federación Galega de Montaña (FGM), que revelou que a V Andaiana de Noia, de 25 quilómetros, será a primeira proba das 14 que conformarán o circuíto. Marín, Guláns-Ponteareias, As Neves, Padrón, Entrimo, Brión, Porto do Son, o Barbanza, Ribeira, A Rúa, Pereiro de Aguiar e O Barco son as localidades e comarcas que acollerán os distintos eventos, baixando o pano en Valdeorras o 9 de novembro.
 
Grandes ondas na costa da Coruña (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press).
Agora

Activada a alerta laranxa por temporal costeiro no litoral desde O Barbanza até A Mariña

Todo o litoral galego desde O Barbanza até A Mariña permanece hoxe en alerta laranxa por temporal costeiro, ante as previsións de ventos de forza sete e ondas de até seis metros no norte do país. A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior acordou esta medida preventiva que está vixente desde primeira hora desta cuarta feira, xornada na que o resto da costa galega está en aviso amarelo tamén polas condicións adversas que se esperan. As previsións da Aemet apuntan a ventos de forza sete mar dentro en Estaca de Bares e mar combinada con ondas de até seis metros, mentres que no resto de costa a ondada podería superar os cinco metros de altura. A Xunta apela a extremar as precaucións mentres dure este fenómeno, que se espera que empece a remitir a partir da caída da noite.
Concentración en Castroverde, esta terza feira, ante o centro de saúde. (Foto: Nós Diario)
Agora

Veciñanza de Castroverde denuncia a escaseza de persoal médico no concello

Veciñanza de Castroverde (comarca de Lugo) volveu concentrarse esta terza, convocada polo BNG, para denunciar a falta de persoal médico no centro de saúde da localidade, con substitucións que Sanidade cobre "sen avisar". "Na ausencia das doutoras titulares, houbo substitucións pola tarde pero a veciñanza non foi avisada. Ademais, a día de hoxe, non se pode coller cita até o día 4. Ter un médico substituto pola tarde sen que ninguén o saiba é malgastar os recursos", afirmou a concelleira Iria Castro, que recordou tamén que a atención pediátrica de Castroverde é compartida coa Fonsagrada. "Cando esta facultativa colle vacacións ou baixas nunca se substitúe", engadiu. As crianzas desta vila teñen que agardar até o día 12 para ser atendidas pola súa pediatra. 
(Foto: ITF).
Agora

Mal comezo de ano para Jessica Bouzas en Australia

A tenista galega Jessica Bouzas non tivo unha boa entrada de ano no seu primeiro torneo da tempada, o Workday Canberra International, no que aspiraba a chegar o máis lonxe posíbel de cara á súa inminente participación no Open de Australia, o Grand Slam inaugural do 2024. Porén, e pese a que a de Vilagarcía de Arousa debutou con vitoria sobre a francesa Alice Robbe -224 no ránking da WTA- por 6-2 e 6-3 na súa estrea na fase previa, non foi quen de repetir éxito no seu segundo compromiso, nesta ocasión ante a suíza de 18 anos Celine Naef, que se impuxo por dous sets logo de remontar o tanto inicial de Bouzas (2-6, 6-3 e 6-0). Agora, a xogadora da Galiza máis destacada do momento xa está totalmente enfocada no Aberto de Australia, que comezará a próxima segunda feira, 8 de xaneiro.
 
(Foto: FGB).
Agora

As Irmandiñas de base, a por todas no Estatal de baloncesto

A Galiza xa está lista para debutar no Campionato de España de Seleccións Autonómicas (CESA) de Baloncesto das categorías infantil e cadete, que se desenvolverá desde hoxe e até o vindeiro 7 de xaneiro na capital onubense, Huelva, e en distintas localidades veciñas como Gibraleón ou Punta Umbría. O primeiro gran evento do ano no deporte da canastra congregará case 1.500 xogadores e xogadoras, entre as que destacan as integrantes das distintas seleccións galegas, que xogarán ante País Valenciano, Estremadura e Melilla (cadete masculino), Euskadi, Murcia e Catalunya (cadete feminino), Aragón, Navarra e Melilla (infantil masculino) e Asturias e Euskadi (infantil feminino).
Luis Arce, en primeiro plano, no Amazon Summit do pasado agosto. (Foto: Filipe Bispo / DPA)
Agora

Deputados afíns a Evo Morales acusan o presidente Arce de querer "fechar o Parlamento"

Deputados afíns ao ex presidente de Bolivia Evo Morales acusaron onte o actual mandatario, Luis Arce (MAS), de pretender "fechar o Parlamento" logo de que o Tribunal Constitucional acordase suspender as competencias do presidente do Senado, Andrónico Rodríguez. O senador do MAS Leonardo Loza asegurou que Arce utiliza os xuíces nunha "fase ilegal do seu mandato". Considérao unha "provocación ditatorial" que procede "non só da xudicatura, senón do propio Goberno".
Bloque de vivendas en Ourense. (Foto: Agostime / Europa Press)
Agora

As inmobiliarias galegas prevén novas subas dos alugueiros en 2024

A Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (FEGEIN) prognosticou hoxe que, no primeiro semestre de 2024, o prezo dos alugueiros de vivendas experimentará un incremento moderado, e reclamou medidas para axilizar os trámites administrativos no sector, así como mobilizar vivendas baleiras e facilitar o acceso dos mozos e mozas a este ben básico. A través dun comunicado, FEGEIN sinala que a primeira parte deste ano estará marcada por ese incremento nos alugueiros, que se suma á alza de custos de construción e das materias primas para vivendas novas e usadas (rehabilitacións), e á "oferta minguante". Segundo a Federación, o prezo medio do arrendamento na Galiza foi en 2023 de 7,95 euros o metro cadrado. Por cidades, o alugueiro medio máis caro foi en vivendas de Vigo (9,75 euros/metro cadrado), seguidas da Coruña (9,20 euros) e Santiago (8,50 euros).
Dúas peregrinas en Portomarín, na comarca de Lugo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Agora

As pernoitas en aloxamentos extrahoteleiros galegos caen un 14% en novembro polo fin do Xacobeo

Os aloxamentos extrahoteleiros galegos —apartamentos turísticos, casas rurais, cámpines e albergues— contabilizaron un total de 65.820 pernoitas en novembro, o que supón un descenso de 13,95% en comparación co mesmo mes de 2022, rexistrando unha gran caída as noites en albergues polo fin do ano Xacobeo. Segundo datos publicados hoxe polo INE, esta baixada contrasta co aumento cultivado a nivel nacional, xa que no total do Estado español súmanse máis 6,4 millóns de pernoitas, un 7,9% máis que en novembro de 2022. En canto ao número de viaxeiros, na Galiza foron 36.194, un 20,8% menos, mentres que a nivel estatal o dato foi de 1,4 millóns, un 8,3% máis.
O presidente da Arxentina, Javier Milei, a pasada semana. (Foto: Juan Mabromata / Europa Press / Contacto)
Agora

A Arxentina confirma ao grupo Brics que non se integrará na entidade o 1 de xaneiro

Hoxe transcendeu que o presidente de extrema dereita arxentino, Javier Milei, remitiu unha misiva aos Estados membros do grupo Brics ratificando que o país americano non se unirá á entidade, indicando que a súa política exterior “difire en moitos casos da do Goberno precedente”, polo que finalmente o 1 de xaneiro serán cinco os novos membros: Exipto, Irán, os Emiratos Árabes Unidos, Arabia Saudita e Etiopía.
Jose Luis Baños de Cos. Foto: Eva Camba
Agora

Baños de Cos gaña o VI Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro

José Luís Baños de Cos vén de resultar gañador do VI Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro coa obra presentada baixo o título de Fóra de xogo. 

No concello da Pobra do Caramiñal, este 29 de decembro, os membros do xurado -composto por Mª Xesús Blanco, presidenta da Asociación Cultural Barbantia, María Canosa, escritora, gañadora da anterior edición, e Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia- decidiron por maioría, outorgar o premio á obra presentada baixo o lema "De pombas, aguias e señores corvos", que, unha vez aberta a plica, resultou da autoría de José Luis Baños de Cos, nado en 1977, licenciado en dereito e antropoloxía social, gañador en 2020 e 2022 do Certame de Textos Teatrais Roberto Vidal Bolaño, coas obras A cámara escura, e Lume, publicadas por Galaxia. 

O xurado valora desta obra o seu contido social, o tratamento dos seus personaxes femininos protagonistas e o alento poético dunha historia que reivindica os dereitos das nenas a través do deporte, a amizade e os soños compartidos nunha situación de discriminación e desesperanza. 

Estabelecementos comerciais no casco vello de Compostela (Foto: A Tenda da Caldeirería).
Agora

Os Bonos Corazón deixan case 1,4 millóns nos estabelecementos de Compostela

A campaña dos Bonos Corazón desenvolta polo Goberno municipal de Santiago de Compostela, que finalizou o pasado día 22, concluíu cun volume de vendas de case 1,4 millóns de euros en 560 estabelecementos de comercio e hostalaría. Até 12.000 persoas beneficiáronse entre o 17 de novembro e o 22 de decembro destes bonos. O orzamento municipal destinado ás axudas era de 433.000 euros, e só quedaron sen gastar 4.300.
González e López, esta quinta feira. (Foto: Nós Diario)
Agora

A Deputación da Coruña financia investigacións feministas na USC

A deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, asinou esta quinta feira un convenio co reitor da USC, Antonio López, par aa colaboración entre ambas institucións na programación de actividades do Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas (Cifex) –que investiga cuestións específicas referidas ás relacións de xénero–, subvencionada pola Deputación nun 70%, cun investimento de 35.000 euros.