Agora

Unha muller colocaunha máscara. (Imaxe: Iñaki Berasaluce / Europa Press)
Agora

O Ministerio de Sanidade e as comunidades avalan o fin da máscara en hospitais, farmacias e residencias

O Ministerio de Sanidade e as comunidades acordaron esta tarde pór fin ao uso obrigatorio da máscara en centros sanitarios, residencias e outros estabelecementos como farmacias. Fixérono nunha xuntanza do Consello Interterritorial que decorreu en Madrid, na que a maioría das Administracións convocadas apoiaron unha medida que o Consello de Ministros e Ministras español aprobará en datas próximas. O uso obrigatorio da máscara estará limitado a espazos con pacientes vulnerábeis.
O incendio activo en Baleira o pasado mes de marzo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Agora

Prohibidas desde este sábado as queimas agrícolas e forestais debido ás condicións meteorolóxicas

A partir deste sábado, día 24 de xuño, ficarán prohibidas as queimas de restos agrícolas e forestais realizadas por particulares na Galiza debido ás condicións meteorolóxicas. Quedan excluídas desta prohibición as queimas controladas que executa o Servizo de prevención e defensa contra os incendios. Isto implica que non se darán máis permisos e que os xa concedidos quedarán en suspenso a partir deste próximo sábado. A decisión tomouse tras avaliar a evolución da situación meteorolóxica e unha vez analizados ao detalle os diferentes indicadores técnicos que inciden no risco de incendio.

Paso a nivel en Valga.
Agora

Adif suprimirá dous pasos a nivel en Valga

Adif suprimirá dous pasos a nivel na liña entre Vilagarcía de Arousa e a denominada bifurcación Angueira, ao seu paso polo termo municipal de Valga (comarca de Caldas). Construirá un paso superior sobre a vía férrea, así como dous viais paralelos ao trazado. As actuacións, agora licitadas, contan cun investimento de 3,8 millóns de euros, segundo trasladou Adif. Os pasos a nivel están situados nos puntos quilométricos 64/110 e 65/212 da liña convencional e corresponden aos cruzamentos cos camiños de Carracido e de Castiñeiras-Carballa, ambos os dous de titularidade municipal.
Centolas na lonxa. (Foto: Europa Press)
Agora

A veda de centola comeza este sábado en todo o litoral galego

A veda de centola comeza este sábado, 24 de xuño, en todo o litoral do país. Será até o 5 de novembro entre A Guarda e Estaca de Bares e até o 26 de novembro entre Estaca de Bares e o río Eo, incluída a ría do Barqueiro. Así o estabelece a resolución pola que se aproba o plan de xestión da centola e do boi para a campaña 2023-2024, publicada hoxe no Diario Oficial da Galiza (DOG). Pola súa parte, a veda do boi comezará o 2 de setembro e prolongarase tamén até o 5 de novembro.
O submarino 'Titan'. (Foto: American Photo Archive vía Europa Press)
Agora

As autoridades dos EUA confirman que o 'Titan' sufriu unha "catastrófica implosión"

O comandante da Garda Costeira estadounidense, John Mauger, confirmou na tarde desta quinta feira que o submarino turístico Titan, no que viaxaban cinco persoas para visitar os restos do Titanic, sufriu unha "catastrófica implosión" durante a inmersión e parte dos seus cascallos foron xa localizados. As persoas expertas sinalaran a primeira hora da mañá desta quinta —mediodía na Galiza— como o momento no que, segundo os cálculos, estas cinco persoas quedarían sen oxíxeno. O submarino desapareceu o pasado domingo e a marxe de supervivencia era de 96 horas.
#turismo #turista #turistas #hotel #hoteis #peregrinos (Foto: Arxina)
Agora

Os hoteis galegos rexistraron unha ocupación de 40,1% en maio, por baixo da media

Os hoteis galegos rexistraron unha ocupación media de 40,1% o pasado maio, segundo os datos publicados esta sexta feira polo INE. Galiza ficou, así, como cuarto territorio que menor ocupación contabilizou, só por diante de Castela-A Mancha (34,9%), Asturias (37%) e Aragón (37,1%). A media estatal foi de 57,6%. O país foi o oitavo destino 'favorito' dos viaxeiros españois en maio, con 5% dos casos, con Andalucía (20,4%), Catalunya (14,8%) e País Valencià (12,4%) á cabeza. A tarifa media diaria dos hoteis galegos foi de 68,45 euros a noite, 7% máis que en 2022.
Celta-Osasuna do pasado curso. (Foto: AFP7 / Europa Press)
Agora

O Celta comezará a Liga en Balaídos

O curso 2023-24 arrincará para o Celta na fin de semana do 12 e 13 de agosto en Balaídos, días antes de facer os seus 100 primeiros anos de historia. Diante estará Osasuna, rival que a pasada tempada marchou de Vigo cos tres puntos no peto (1-2) e que no partido de volta asinou un empate (0-0). A primeira saída será a Anoeta, fronte á Real Sociedad, e na terceira xornada visitará a cidade olívica o Real Madrid. Os celestes fecharán a Liga tamén na casa, contra o Valencia, arredor do 26 de maio.
Accidente en Lugo. (Foto: Europa Press)
Agora

Catro feridos nun accidente con catro coches implicados na cidade de Lugo

Catro persoas resultaron feridas nun accidente con catro vehículos implicados na cidade de Lugo. O sinistro produciuse ás 10.20 horas desta quinta feira no punto quilométrico 503 da estrada N-6, entre a Avenida das Américas e Garabolos, no carril en sentido O Ceao. Segundo confirmaron o 112-Galiza e a Garda Civil, un total de catro coches víronse involucrados neste accidente provocado pola invasión do carril contrario por parte dun vehículo contra o que bateron o resto de turismos. Os feridos, que precisaron atención sanitaria, son os condutores de tres dos vehículos e o ocupante doutro.
camareiro bar hostalaría cervexa restaurante
Agora

Galiza lidera a caída de ofertas de emprego

Galiza foi o territorio do Estado español onde máis se reduciu a oferta de emprego o pasado ano, cun descenso de 18,43% que contrasta cun contexto estatal no que o número de vacantes aumentou 25,31% a respecto do ano anterior, segundo recolle o informe 'Oferta e Demanda de Emprego en España', de Infoempleo e o Grupo Adecco. No conxunto do Estado, o sector servizos é o que máis postos de emprego ofreceu en 2022, con 8,97% do total, o que implica 2,60 puntos porcentuais máis que en 2021.
Vehículo da Garda Civil. (Foto: Europa Press)
Agora

Buscan un agresor que deixou na UCI a un home no Porriño e matou o seu cabalo

A Garda Civil abriu unha investigación para dar co presunto autor dunha malleira que deixou na UCI a un home no Porriño (comarca de Vigo). Ademais, matou o seu cabalo ao mutilarlle os testículos. Os feitos ocorreron a primeira fin de semana de xuño. As feridas que sufriu a vítima fixeron que tivese que ingresar no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, de onde recibiu a alta días despois. Ademais, no transcurso do sucedido, o responsábel da malleira tamén cortaría os testículos ao cabalo do afectado, que acabou por morrer desangrado. A Garda Civil mantén aberta unha investigación para identificar e localizar o presunto autor e tentar aclarar o ocorrido e as causas.

Segue en Nós Diario a evolución do prezo da luz. (Foto: Nós Diario)
Agora

O prezo da luz sobe esta quinta feira até os 122,45 euros/MWh e toca o seu nivel máis alto no mes de xuño

O prezo media da luz para os clientes de tarifa regulada vinculados ao mercado almacenista subirá esta quinta feira 4,6% con respecto a hoxe, cuarta feira, ataé os 122,45 euros por megawatt hora (MWh), tocando así o seu nivel máis alto neste mes de xuño. Por franxas horarias, o prezo mínimo, de 93,9 euros/MWh, darase entre as 18 e as 19 horas, mentres que o prezo máximo rexistrarase entre as 21 e 22 horas, con 147,18 euros/MWh. O prezo medio para a xornada de hoxe será así un novo máximo no que vai de mes de xuño e o máis alto do mercado para un día desde o pasado 15 de marzo, canto se alcanzaron os 132,68 euros/MWh. A media do 'pool' da electricidade no que vai de mes de xuño, a pesar da repunta rexistrada, sitúase nos 92 euros/MWh, fronte aos 169 euros/MWh que marco en xuño hai un ano.
Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 da Galiza, no municipio da Estrada (Foto: Europa Press).
Agora

Un camión queda enganchado ao tendido eléctrico e obriga a cortar o tráfico na N-525 ao seu paso por Verín

Un accidente obrigou a cortar na mañá de hoxe o tráfico na N-525 ao seu paso polo concello de Verín, comarca de Verín, despois de que un camión quedase enganchado ao tendido eléctrico coa súa pluma, que arrincou os cables. Segundo trasladou o CIAE 112 Galiza, o incidente produciuse ás 08:00 horas no quilómetro 168 da estrada nacional, que transcorre polo centro urbano de Verín. Alí, un camión pluma arrincou os cables do tendido eléctrico, que provocaron fume ao entrar en contacto co vidro para reciclaxe que transportaba o vehículo, o que obrigou a cortar a subministración eléctrica. Até a zona do incidente, que se saldou sen feridos, desprazáronse efectivos e a Policía Local e os bombeiros da zona. O tráfico foi desviado pola autovía A-52 e a estrada do polígono de Pazos.

Gonzalo Muíños, novo portavoz do PSdeG en Compostela. (Foto: Concello de Compostela)
Agora

Gonzalo Muíños, novo portavoz do grupo municipal socialista en Compostela

A xestora do Partido Socialista de Compostela nomeou esta terza feira o edil Gonzalo Muíños como novo portavoz do grupo municipal socialista. Diso informou o presidente da xestora, Diego Fernández, que sinala que a de Muíños foi a única proposta elevada polo grupo municipal ao órgano que dirixe a agrupación local tras a renuncia do que era secretario xeral, Xosé Sánchez Bugallo, após os resultados do 20 de maio. Muíños é membros da executiva provincial do PSdeG e é concelleiro do PSdeG desde 2011. Foi edil responsable de Mobilidade, Seguridade Cidadá, Barrios, Obras e Relacións Veciñais no último goberno municipal de Bugallo.

José Tomé, presidente da Deputación de Lugo, nunha imaxe de arquivo (Foto: Nós Diario).
Agora

O PSOE de Lugo designa oficialmente José Tomé como candidato á reelección na Deputación

A comisión executiva provincial do PSdeG de Lugo vén de designar de forma oficial do alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé, como candidato dos socialistas a presidir de novo a Deputación de Lugo, institución que o rexedor monfortino encabeza desde 2019. O acordo foi adoptado pola dirección que lidera o propio Tomé, quen, nun comunicado remitido aos medios a última hora da segunda feira, manifestou a súa vontade de "seguir traballando de forma intensa e continua" para que a Deputación "siga sendo útil" aos concellos. O nomeamento como candidato debe pasar agora por mans da Comisión Executiva Nacional Galega do PSdeG, previo paso á súa aprobación por parte da Comisión Federal de Listas do PSOE.
Campaña do orgullo das xuventudes socialistas (Foto: Xuventudas Socialistas de Galicia).
Agora

As xuventudes socialistas galegas cualifican Feixoo de "bomba de reloxaría" co colectivo LGBT

As Xuventudes Socialistas da Galiza (XSG) acusaron o presidente do PP, Alberto Núñez Feixoo, de ser "unha bomba de reloxaría" para o colectivo LGBTI, "as familias diversas e a liberdade e dereitos das persoas". Na presentación da campaña do Orgullo, o secretario xeral das mocidades socialistas galegas, Xurxo Doval, asegurou que Feixoo estaría disposto a derrogar "até a liberdade sexual, só ou acompañado". "Galiza xa é un exemplo de silencio e complicidade co odio ante a pasividade dunha Xunta gris, a cal dedica unha minucia do seu orzamento ao colectivo", censurou.

bus urbano santiago (Foto: Arxina)
Agora

A ministra Sánchez insta as comunidades autónomas a manter as subvencións ao transporte público

A ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, instou esta segunda feira os gobernos das comunidades autónomas a manteren as bonificacións ao transporte público como unha medida que incentiva a mobilidade sostíbel e como un apoio á cidadanía a nivel económico e lembrou que é unha competencia "titularidade de comunidades e concellos". "Que se nos sinale ou se nos responsabilice por parte dalgúns presidentes e presidentas sobre a bonificación que eles mesmos poden articular e poden situar en 20%, 30%, 40%, 50% ou eliminala... É unha responsabilidade que lles corresponde a eles", afirmou.

pacto
Agora

O PP perde Vilardevós tras un pacto de PSOE e Interior Galego Vivo que inclúe rotar a Alcaldía

O PP perderá, despois de 12 anos, o goberno de Vilardevós (comarca de Verín), por mor do pacto que veñen de serlar o PSdeG-PSOE e Interior Galego Vivo para a formación dunha coalición de goberno durante os próximos catro anos, un acordo que inclúe rotar a Alcaldía a metade de mandato. A socialista Eva María Pérez Magote terá o bastón de mando os primeiros dous anos e Tamara Balboa, de Interior Galego Vivo, os dous seguintes. Os socialistas obtiveron tres escanos; IGV, dous, e o PP, catro, perdendo así a maioría absoluta.
fer
Agora

'Eu quero o galego': o popular Fer Castro leva a reivindicación lingüística a 'Pasapalabra'

"A miña idade, algúns temos un soño tolo, que é ter acceso a unha vivenda digna antes dos 40 anos". Aquelas palabras coas que se presentou en Pasapalabra, o concurso máis lonxevo da televisión estatal, servíronlle a Fernando Castro para gañarse ao público. Programa a programa, o concursante natural de Santiago de Compostela tornou no favorito da audiencia, sobre todo na Galiza, e cada vez son máis as persoas que cada noite seguen os seus avances no concurso. Esta quinta feira volveu vencer e quedou a só dúas palabras do 'bote', todo iso nunha tarde na que abandeirou a reivindicación lingüística portando unha camisola da Mesa pola Normalización co lema 'Eu quero o galego'.
Luis Arosa, novo alcalde da Illa.
Agora

O PSdeG manterá o bastón de mando na Illa de Arousa, por vez primeira en coalición co BNG

O PSdeG, finalmente, manterá o bastón de mando na Illa de Arousa, con Luís Arosa na Alcaldía. Será por primeira vez en coalición co BNG, cuxa candidatura encabeza Manuel Suárez. Nas eleccións municipais, os socialistas lograron tres concelleiros, fronte aos seis que tiñan no anterior mandato. Os nacionalistas alcanzaron tamén tres actas e o PP, con Matías González Cañón, foco da polémica despois de transcender que fora condenado por unha agresión á súa ex parella anos atrás, sumou cinco.
Cristina Fernández Davila, alcaldesa de Ponteareas polo BNG.
Agora

O PSOE ofrécese a apoiar a investidura do BNG en Ponteareas ante o "espectáculo" da dereita

O PSOE de Ponteareas, no Condado traslada o seu "enfado" ante o "espectáculo" de PP e ACIP, con cruzamentos de acusacións e sen chegar a un acordo de investidura ou de goberno, e advirte de que iso "de nada vale" aos veciños, polo que se ofrece a votar a investidura da candidata do BNG, a alcaldesa en funcións Cristina Fernández Davila, sempre que ACIP tamén a apoie. Os socialistas cualifican a "loita de egos" entre a candidata 'popular', Nava Castro, e o de ACIP, Juan Carlos González Carrera, como unha "clara demostración de que a dereita de Ponteareas está máis preocupada polas súas cotas de poder que polos veciños". A maioría absoluta en Ponteareas está fixada en 11 edís, e un goberno de BNG (6), PSOE (2) e Ponteareas en Común (1) só sumaría 9. PP e ACIP poderían gobernar (7 + 4), mentres a acta restante é a dos Indpendentes.