Agora

María Reimóndez. (Foto: Arxina)
Agora

María Reimóndez será recoñecida como viguesa distinguida

A doutora en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo, referente no ámbito da Filoloxía Galega e colaboradora de Nós Diario, María Reimóndez, será recoñecida o vindeiro 26 de marzo como viguesa distinguida, nunha gala na que tamén se fará entrega das Medallas de Ouro da cidade ao hospital privado Ribera Povisa e á Policía Nacional. Xunto a Reimóndez serán recoñecidos Emilio Sotelino; o IES A Guía; o CEIP Lope de Vega, o Quiñones de León e o Vicente Risco; a Asociación de Viúvas Demócratas de Vigo e as corais polifónicas do Centro Cultural de Valadares e da Sociedade Atlántida de Matamá. 
Salvador Sobral en concerto en xullo de 2021. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)
Agora

Salvador Sobral presenta este sábado, en Compostela, o seu último disco, 'Timbre'

Salvador Sobral regresa co inicio da primavera para presentar, este sábado, no Auditorio da Galiza de Compostela o seu cuarto álbum de estudio, Timbre. O novo álbum,  lanzado o pasado setembro, revela a faceta máis íntima e persoal de Sobral. Este álbum é unha viaxe ecléctico a través de 11 cancións, cantadas en varios idiomas; e colaboracións con artistas como Jorge Drexler, Silvia Pérez Cruz, Silvana Estrada, a súa irmá Luísa Sobral e Barbara Pravi, engaden capas de profundidade e diversidade á experiencia auditiva. O título do disco, Timbre, atopa o seu significado na voz distintiva do cantante e na paleta de cores que representan a diversidade das cancións. En palabras do propio Sobral, "O disco será como unha colorida paleta de timbres que disparan a claridade". 
Paulo Carril, secretario xeral da CIG (Foto: Nós Diario).
Agora

A CIG rexeita o "boicot" do Goberno español aos mecanismos de control da Carta Social Europea

A CIG vén de remitir un escrito ao Comité Europeo de Dereitos Sociais, polo rexeitamento por parte do Executivo estatal, "sen fundamento", da participación da experta Carmen Salcedo no proceso de "reclamación sobre a indemnización por despedimento", así como "polo cuestionamento da lexitimidade da central sindical na reclamación sobre o salario mínimo interprofesional [SMI]". O sindicato considera que constitúen “graves intromisións nas funcións do Comité Europeo de Dereitos Sociais” e un “boicot do Goberno español aos mecanismos de control da Carta Social Europea”. Neste sentido, o deputado do BNG, Néstor Rego, requirirá esta cuarta feira no Congreso ao Executivo estatal que respecte "o dereito de reclamación colectiva sindical e a representatividade da CIG".
Forzas de seguridade de Paquistán na fronteira con Afganistán. (Foto: Hussain Ali / Europa Press / Contacto)
Agora

Paquistán e Afganistán intercambian ataques na proximidade da área limítrofe que comparten

Os talibán, que gobernan en Afganistán, sostiveron a segunda feira que lanzaron varios ataques “con armas pesadas” contra centros militares de Paquistán perto da fronteira. Pouco antes, o grupo xihadista apuntou que no mínimo oito persoas morreron en ataques aéreos paquistanís en dúas provincias afgás, e sinalou que o líder insurxente que buscaban abater as autoridades de Islamabad, Adbullah Shah, está no territorio paquistaní. 
Os representantes da Fruga, Elías Somoza e Manuel Dacal (Foto: Nós Diario).
Agora

A Fruga exixe a posta en marcha da Mesa de Interlocución Láctea ante a "especulación" da industria

A Federación Rural Galega (Fruga) exixiu esta terza feira á Consellaría do Medio Rural a posta en marcha da Mesa de Interlocución Láctea da Galiza ante a chegada dos novos contratos de compra ás explotacións leiteiras galegas como consecuencia das renovacións do mes de abril, os cales implican "unha baixa que varia entre dous e catro céntimos por litro dependendo da empresa". "Estamos ante unha baixada que en ningún caso é xustificada, e que vai supor dificultades para moitas gandarías galegas, especialmente para as explotacións máis intensivas, tendo en conta que calquera baixada no prezo do leite nestas granxas supón unha importante mingua dos ingresos", explicou a Fruga. "Esta baixada dos prezos non se leva adiante en base ás variacións que se poden dar nos custos de produción, senón que deriva principalmente de cuestións de mercado", sinalou o sindicato. "As variacións nos prezos, neste caso cara abaixo, responden única e exclusivamente aos intereses das propias industrias e a operacións especulativas no mercado mundial cos derivados lácteos", engadiu a organización. Por isto, a Fruga quixo deixar patente "a indefensión que padecemos os gandeiros e as gandeiras galegas" e que as Administracións "miran para outro lado". 
O actual mandatario alxerino, Abdelmadjid Tebboune. (Foto: Oficina Presidencial de Alxeria / Europa Press / Contacto)
Agora

O presidente de Alxeria adianta as eleccións presidenciais ao vindeiro 7 de setembro

Abdelmadjid Tebboune, presidente de Alxeria, fixo público a quinta feira que decidiu convocar as eleccións presidenciais o 7 de setembro, poucos meses antes da data prevista, tras consultar varias formacións políticas. Tebboune, que se presentou en 2019 como independente tras militar case tres décadas na Fronte de Liberación Nacional, impúxose daquela con 58% dos apoios. Nesta ocasión, non confirmou se optará á reelección.
As ourensás de Auriense conquistaron a súa primeira Liga Galega. (Foto: Futgal).
Agora

Auriense e Fillos de Breogán, campioas da Liga Galega de Fútbol Gaélico

A Liga Galega de Fútbol Gaélico baixou o pano da tempada coroando os seus novos campións. 'Novo', claro, no caso da categoría feminina, porque na masculina continúa o dominio de Fillos de Breogán. A formación herculina conquistou o seu quinto título consecutivo após superar na finalísima a Estrela Vermelha por 44-14, igualando así aos composteláns no palmarés. Con todo, aínda queda pendente de xogar o partido polo terceiro posto, programado o 6 de abril en Vigo, coincidindo co Torneo Reconquista, entre Keltoi e Auriense. Polo contrario, na categoría feminina si que houbo novidades, pois as ourensás de Auriense gañaron a súa primeira Liga -sen contar a de 2020, na que formou parte dun combinado con máis equipos- vencendo as vixentes campioas, Turonia, por un resultado de 30 a 20.
 
Protesta das Anpas de Cambre, esta terza feira, ante o consistorio. (Foto: Europa Press)
Agora

Anpas de Cambre exixen ao Concello unha solución á "falta de limpeza" nos centros

As asociacións de nais e pais de todos os centros educativos de Cambre (comarca da Coruña) concentráronse esta terza feira ante o Consistorio reclamando unha solución á "falta de limpeza" nos centros de ensino. Respecto a esta demanda, que relacionan coa folga da empresa de limpeza –por impagos nas nóminas–, as Anpas mantiveron unha xuntanza co Concello, que se comprometeu a executar un contrato de urxencia para solucionalo. Con todo, afirmaron que "semanas despois desta promesa a situación segue a ser a mesma". "Non podemos máis, intentamos chegar a unha solución pero o Concello non cumpriu coa súa promesa", argumentaron. As concentracións das Anpas repetiranse cada 15 días até que se solucione o problema.
Vehículos na terminal Ro-Ro de Bouzas, no Porto de Vigo (Foto: Europa Press).
Agora

As exportacións galegas medran 8,9% en xaneiro e as importacións caen 2,5%

As exportacións galegas aumentaron un 8,9% o pasado xaneiro en comparación co mesmo mes de 2023, mentres que as importacións baixaron un 2,5%, segundo datos publicados esta segunda feira polo Instituto Galego de Estatística (IGE). En concreto, a Galiza exportou produtos e servizos por valor de máis de 2.317 millóns de euros no primeiro mes deste ano, mentres que as importacións ficaron nos 1.787 millóns de euros. Os produtos con maior influencia nas exportacións galegas foron os vehículos automóbiles, tractores, cun peso do 29,3%, mentres que nas importacións foron os aparellos e material eléctrico, cun 31,4%. No Estado español, os produtos enviados ao exterior baixaron un 2,5%, con 30.144 millóns e as importacións estatais caeron un 2,9%, con case 33.873 millóns.
Carmen Lence, no centro, esta segunda feira en Madrid. (Foto: Grupo Lence)
Agora

Dous terzos das persoas que abandonan o rural son mulleres en idade fértil

Dúas de cada tres persoas que abandonan o rural son mulleres en idade fértil. Así o alertou esta segunda feira en Madrid a CEO do Grupo Lence, Carmen Lence, durante a súa intervención no II Foron Activistas por un mundo rural, impulsado por Leche Río. "Sen crianzas, o rural non ten futuro, e sen rural, perdemos a nosa soberanía alimentaria", proclamou Lence, que tamén sinalou as mulleres rurais "como unha peza imprescindíbel".
Profesorado, estudantado e familiares do IES O Milladoiro, esta segunda feira. (Foto: Nós Diario)
Agora

Profesorado e alumnado do Milladoiro denuncian problemas de convivencia

Máis dun cento de persoas, entre profesorado, alumnado, familiares e representantes sindicais, protestaron esta segunda feira fronte ao IES O Milladoiro, en Ames (comarca de Compostela), contra os "problemas de convivencia" que "impiden dar clase" en circunstancias normais no centro. É unha situación que, segundo denuncian, achacan a "unha porcentaxe mínima do alumnado" pero que xera problemas na actividade do centro. Na concentración –convocada por CIG, CCOO, UXT e STEG– unha das profesoras leu un comunicado no que a comunidade educativa reclama "unha solución para conseguir recuperar o normal desenvolvemento da actividade educativa" e "preservar o dereito do persoal docente e non docente a exercer o seu labor profesional en condicións dignas", así como "o dereito" dos alumnos e das alumnas a ter unha ensinanza "inclusiva, libre e en paz". 
Delegados e delegadas da CIG, esta segunda feira, na Coruña. (Foto: Nós Diario)
Agora

A CIG-Saúde reclama a xubilación aos 60 anos de persoal da sanidade pública

Medio cento de delegadas e delegados da CIG-Saúde concentráronse esta segunda feira ante a Delegación do Goberno español na Galiza, na Coruña, para exixir a xubilación aos 60 anos para o persoal da sanidade pública que leve máis de 25 anos cotizados. Así o manifestou a secretaria de Organización da federación, Ana Lestón, tras incidir na necesidade de "facer planificación do persoal sanitario tanto do presente como do futuro". 
Concentración do persoal de Ilunion, esta terza feira na cidade de Vigo (Foto: Nós Diario).
Agora

Persoal de Ilunion mobilízase contra a "persecución sindical e laboral" da empresa

Persoal de Ilunion, centro especial de emprego do grupo ONCE cuxos operarios e operarias traballan no sector da automoción, mobilizouse esta cuarta feira en Vigo "contra a represión sindical e laboral". Con esta protesta, os traballadores e as traballadoras queren rexeitar "a persecución" contra a representación sindical e o persoal por parte da dirección de Ilunion en resposta á campaña para reclamar "melloras nas condicións de traballo" e denunciar "a explotación que padece". De feito, segundo sinalou a CIG, seis dos 11 representantes do sindicato na empresa "foron sancionados ou amoestados no marco desta política de amedrente por reivindicar dereitos e denunciar unhas condicións de traballo lamentábeis, así como o abuso da contratación a través de empresas de traballo temporal, as xornadas abusivas e a falta de seguridade".