A AELG revisa a “maridaxe” entre literatura e ensino

Arredor de 20 participantes darán corpo ás II Xornadas de Literatura e Ensino que a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega celebra en Compostela na tarde do día 9 e ao longo de todo o sábado día 10 de novembro.


María Lado e Lucía Aldao participarán nas xornadas.
photo_camera María Lado e Lucía Aldao participarán nas xornadas.

O estudo da literatura, a animación á lectura ou o encontro entre a escrita e o ensino son algúns dos temas que protagonizarán as II Xornadas de Literatura e Ensino que a AELG desenvolverá a partir das 16.30 do día 9 e até fin do día 10 no Museo Pedagóxico de Galiza en Compostela.

O profesor Rui Torres, da Universidade Fernando Pessoa do Porto será o encargado de abrir as xornadas coa intervención “Literatura digital e ensino criativo: a escrileitura como ferramenta de releitura crítica da tradição”. Unha mesa redonda a seguir reunirá a catro representantes de iniciativas que están a promover a lectura no ensino.Joseph Ghanime Lopes, profesor da escola de idiomas de Lugo, membro da Associação Docentes de Português na Galiza e dinamizador na iniciativa Pega no livro, Concha Costas, presidenta de Espazo Lectura, Miguel Ríos, profesor de bioloxía no IES Rosalía de Castro de Santiago e dinamizador do Club de Lectura do centro, e María José Díaz Pinheiro, profesora do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo e coordinadora do Club de Lectura, participarán no encontro titulado “Eu son do Club de Lectura, e ti?”, O espectáculo poético “Con dez poemas por barba” de María Lado e Lucía Aldao pechará a primeira xornada.

O escritor Agustín Fernández Paz, o máis recoñecido e galardoado da literatura infantil e xuvenil, iniciará a segunda xornada coa conferencia “Literatura infanto--xuvenil: unha clave literaria con función competencial normalizadora?” para darlle logo paso ao profesor Ramón Nicolás que falará de Celso Emilio Ferreiro no seu centenario. Francisco Castro, Fina Casalderrey e María Reimóndez pecharán unha sesión composta na súa integridade por representantes da escrita coa intervención “Xoga a literatura infanto-xuvenil na 1ª ou na 2ª división?”

A difusión e divulgación da poesía será o obxectivo da seguinte sesión na que co título “Coloca as túas mans sobre a poesía” xuntará ao profesor Ángel Núñez Ramos e as escritoras Ledicia Costas e Dores Tembrás. O espectáculo “A hostia en verso”, con Lucía Aldao, Daniel Landesa, Lorena Souto, Xabier Xil Xardón, Ledicia Costas e o músico Mig Seoane porá fin ás xornadas.

O programa completo pódese consultar  aquí.

Comentarios