Contracultura

Alberto Gómez Aneiros: "Os individuos que protagonizan 'Enredados' contan as súas experiencias en portais de citas"

Alberto Gómez Aneiros (Ferrol, 1959), bibliotecario, novelista e dramaturgo, é o autor de 'Enredados' (Edicións Embora), unha obra de relatos que xiran arredor das relacións interpersoais estabelecidas a través da rede.
O escritor Alberto Gómez Aneiros. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O escritor Alberto Gómez Aneiros. (Foto: Nós Diario)

Enredados explora as relacións entre persoas a través de distintos relatos. Por que quería facelo así?
Froito da miña curiosidade, quería obter información sobre as relacións interpersoais que se inician a través de Internet. Os individuos que protagonizan eses relatos cóntannos as súas propias experiencias, sentimentos, pensamentos, posturas ou imposturas nas súas relacións con persoas que coñeceron virtualmente neses portais de procura de parella e que, en moitos casos, acaban citándose e tendo encontros en persoa no mundo real, con distintos resultados en cada caso. Penso que esas vivencias teñen interese humano e literario.

Actualmente ligar por Internet, sobre todo co uso masivo nos móbiles das aplicacións e redes sociais, xa é a forma principal de relacionarse entre homosexuais e a segunda entre heterosexuais. Ora ben, a diferenza dos portais web “tradicionais”, as aplicacións de citas semellan catálogos de fotos que cousifican as persoas que se expoñen así “no mercado”, abocándoas a un narcisismo frustrante e deshumanizador.

—Un punto importante nestas historias é a versión que cada persoa dá sobre estas.
A necesidade que os humanos temos de contar o que nos pasa parece unha constante ao longo da historia. Arestora temos novos medios de transmitir as comunicacións de forma inmediata e extensión mundial, sen que polo visto iso nos faga mellores como civilización, de momento...

En todo caso, non deixa de sorprenderme a desinhibición que falando de si mesmos mostran moitas persoas nas redes ou na blogosfera, como fan moitos dos personaxes á busca de parella de Enredados, que utilizan eses mesmos medios para contactar, comunicarse e coñecerse, mulleres e homes anónimos virtuais en aparencia, pero auténticos, con nome e apelidos, capaces de revelar, comentar e reflexionar por escrito sobre as súas experiencias sentimentais ou sexuais, mostrándonos como certas realidades virtuais ás veces se transforman noutras inesperadas realidades que son máis duras, e as consecuencias persoais en cada caso.

—Como cre que poden interpretar estas versións as persoas que lean o libro?
Á parte do xuris do Certame de narración Ánxel Fole que premiou hai anos o relato que principia o libro, non coñezo até hoxe máis valoración que a do crítico literario Armando Requeixo, quen, no suplemento Nordesía, considerou positiva a incorporación á nosa literatura de narrativas que se desenvolven no virtual da rede, xulgando este libro como unha ”proposta valiosa e ben interesante”, onde o humor e a ironía están moi presentes.

—Actualmente xa non hai unha liña tan definida que separe a vida dixital e que decorre na rede desa vida máis analóxica.
Ao meu ver podería resultar perigoso confundir os ámbitos da vida virtual e da real, especialmente nese eido das relacións iniciadas a través da rede. Dalgún modo, Enredados mostra como, en certas ocasións, a lixeireza volátil e incerta das comunicacións escritas intercambiadas no ciberespazo contrasta e mesmo non tarda en tropezar coa gravidade dos corpos tanxíbeis e carnais, enfrontados cara a cara cos pés na terra, quitando máscaras e provocando decepcións e malentendidos dramáticos e tamén cómicos.

Máis en CULTURA
Comentarios