Que é o Lérez Up?
É o primeiro evento de videoxogos e cultura friqui de Pontevedra, unha iniciativa coa que buscamos introducir e dar a coñecer entre a veciñanza e a sociedade en xeral esta forma de ocio. Cremos que é un sector que está en pleno desenvolvemento, con moito potencial de crecemento, e unha das probas máis palpábeis é a oferta académica que se está a enfocar neste ámbito, cada vez máis ampla.
Entendemos que é un espazo moi interesante no que participar e do que tirar tamén en materia lingüística. É moi importante que no futuro a nosa lingua poida estar no mundo dos videoxogos, que agora mesmo non o está.
Hai proxectos que están a andar ese camiño desde a Galiza.
Hai empresas pequenas dedicadas tanto ao deseño de videoxogos como a dar soporte a todos eses creadores e creadoras. Aquí no Lérez Up contamos coa presenza de profesionais, que en moitos casos son autónomas que o que fan é deseñar para grandes compañías: cartelería, personaxes... que serven para a formación dos grandes videoxogos que todas coñecemos.
Esta primeira edición decorre no Pazo da Cultura. Cal é o ambiente e con que propostas se está a encontrar o público?
O Lérez UP está organizado polo Concello en colaboración coa asociación Gaming Toop, ademais doutras empresas locais. Desenvólvese no Pazo da Cultura hoxe e mañá todo o día, e aí público está a gozar de distintos espazos: de videoxogos con consola, de videoxogos con ordenador, unha zona de realidade virtual e unha área de stands na que ademais de artistas que expoñen e venden as súas creacións tamén hai sitio, para os cómics e para as tendas locais relacionadas coa industria dos videoxogos.
Un dos principais atractivos do Lérez Up son as exhibicións, os torneos de primeiro nivel de videoxogos disputados en todo o mundo, pero calquera persoa que se achegue pode probar a xogar.
As persoas expertas son os que máis saben, pero aquí pódese xogar sen necesidade de especialización ningunha. Para iso hai unha zona de xogo libre na que calquera pode participar e na que se poden dar pequenos desafíos. Mais tamén contaremos co torneo máis grande Smash Bros Ultimate organizado na Galiza, cun cento de participantes entre os que se atopan os primeiros clasificados no ámbito estatal.
Ademais, haberá diferentes faladoiros sobre todo o que envolve a creación e o desfrute dos videoxogos mais exhibición de cosplay e concurso. Neste caso falamos de creadores e creadoras locais, de Portugal e do resto do Estado español que deseñan e visten os seus propios traxes. O xurado valorará a modelaxe, a costura e a caracterización. Veremos cales gustan máis!