Amy Halpern, esencial na escena do cinema experimental estadounidense, e Ute Aurand, unha das figuras máis importantes no cinema persoal actual, contarán cun programa ao redor da súa obra na XIII edición do '(S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico' que terá lugar na Coruña entre o 27 de maio e o 5 de xuño.
O director do evento, Anxo Rueda, presentou onte parte a programación nun acto institucional no que destacou que este festival está en "proceso de revolución" cun "un esforzo absoluto" por incorporar unha nova xeración de cineastas e por atraer á xente nova desde a pequena pantalla á grande e "pasar do individualismo á experiencia colectiva das salas de cinema".
O responsábel da mostra engadiu que este ano, ademais de contar con figuras internacionais, "vai ser un punto de encontro, de cambio e de aposta pola renovación nos contidos audiovisuais".
O foco estará posto nas cineastas das novas xeracións que "cuestionan e rompen" os parámetros do cinema experimental ou de vangarda orixinal.
A súa programación presencial de arte galega -que contará con case unha vintena de artistas- complementarase co proxecto 'Ultreia et Suseia', un monográfico sobre as producións da Galiza formado por entrevistas que o (S8) fixo en exclusiva a case unha ducia de autoras e autores como Carla Andrade, Diana Toucedo, Helena Girón, Samuel Delgado ou Xisela Franco.
Creacións vangardistas nas actividades
A mostra coruñesa contará, ademais, con varios programas e actividades con referentes da creación vangardista nos que, ademais de Halpern e Aurand, figurarán Leah Singer, Le Ranaldo, Dianna Barrie, Richard Tuohy, Alexandre Larose ou Philipp Fleischmann.