Enmarcado por versos de dúas poetas norteamericanas contemporáneas de primeira orde, a canadiana Anne Carson e a estadounidense Louise Glück, o traballo fai gala “de coherencia e e cohesión”. “A escrita actúa como oráculo que todo o ve, que todo o cose, mesmo a ruína. Estamos perante un poetizar coidado e puído, que se revoluciona en cada poema”, sinala o xurado, formado pola poeta Noelia Gómez -gañadora do premio en 2018 con O xiro-, o poeta Xulio Cid Neira e o profesor Xesús Sambade Soneira.
O fallo define a linguaxe de Onde nacen as hedras como “suave como o tacto da folla, composta por palabras que gabean pola lectura, como hedras”. Ademais dos 2.000 euros de dotación económica, o galardón -convocado polo Concello de Muxía e a fundación López Abente- implica a publicación do libro por Edicións Xerais.
En 2017, Ana Varela, tradutora e natural de Narón, gañou o Francisco Añón con Asombrario, que viu luz en edición non venal.