Máis

As luces do Morrazo

Tres faros compoñen a ruta de Cabo Home, un faro en cada unha das costas da Soavela para alumear a bravura das augas. 
Lighthouse at Cabo Home, an iconic cape in Cangas, Pontevedra, Galicia, Spain
photo_camera O faro de cabo Home, no concello de Cangas. (Foto: J. Ossorio Castillo)

Na comarca do Morrazo, máis concretamente no concello de Cangas, as ondas baten con forza. Quizais por isto son moitos os faros construídos para alumear o camiño e facilitarlles a tarefa ás persoas que saen ao mar.

Como exemplo paradigmático, a ruta dos faros de cabo Home transcorre pola costa cun faro alumeando cada unha das tres puntas da Costa da Soavela, máis coñecida como Costa da Vela. Este espazo, amparado baixo a denominación de Zona de Especial Protección dos Valores Naturais, percorre arredor de cinco quilómetros nunha ruta circular.

O camiño comeza no extremo máis occidental do territorio co faro homónimo á senda, resultando a estrutura máis alta das tres que conforman o percorrido. Os seus tres pisos alcanzan os 18 metros e conta cunha lanterna principal, outra auxiliar e unha última de emerxencia. Pintado de branco e azul e construído no ano 1853, tras o faro agóchase a illa de Ons con vistas tamén a toda a costa da Soavela, ás illas Cíes e ao Monte do Facho.

A seguinte parada é no faro Punta Robaleira, unha das construcións máis particulares da zona. Cun radio de maiores dimensións, o que implica maior anchura, é a máis baixa das tres estruturas cunha altura de perto de nove metros. A cor vermella que pinta as paredes desta edificación dá idea do perigosa que é esta zona. Como se para confirmalo fose, cruces repártense polo espazo para recordar os mariñeiros falecidos a carón dunha construción que alumea en vermello e en branco cada oito segundos.

O último punto do traxecto é o faro de Punta Subrido, moi semellante ao faro de cabo Home coa excepción de que en lugar de tres alturas conta tan só con dúas. Localizada no máis alto do saínte rochoso da enseada da Barra, para acceder á construción débese atravesar unha paisaxe de piñeiros e as súas vistas dan á ría de Vigo, ás illas Cíes e a varias das praias do lugar, destacando a praia Melide.

Contan as lendas que un monstro mariño é o causante dos accidentes mariñeiros, mais o que se sabe é que nestes cantís os faros guían a ría nos días de mar picado.

Máis en CULTURA
Comentarios