As viñetas máis internacionais ocuparán o barrio vigués do Calvario esta fin de semana

Josep Homs, Javi Rey, Alicia Jaraba e Pau estarán en Vigo para participar na terceira edición do festival Banda á Feira.
Postos de banda deseñada na edición 2023 (Foto: Nós Diario).
photo_camera Postos de banda deseñada na edición 2023. (Foto: Nós Diario).

Banda á Feira, o festival dedicado á banda deseñada que organiza a Asociación Veciñal do Calvario, chega este ano á súa terceira edición. O popular barrio vigués reunirá, entre o 31 de maio e o 2 de xuño, centos de seguidoras e seguidores desta arte visual que poderán asistir a obradoiros ou contar coa sinatura de debuxantes. 

Nesta ocasión, aproveitando a celebración do 75 aniversario da creación do can Pif, un personaxe histórico do mundo da banda deseñada francobelga, o festival lembrará ao personaxe creado polo aragonés José Cabrero Arnal.

Por este motivo, pasarán por Vigo varios autores que tamén triunfaron a nivel internacional, como é o caso de Josep Homs -coa adaptación da saga Millenium- que realizará unha charla esta sexta feira. 

Pola tarde, desta vez no propio mercado, haberá unha conversa coa debuxante viguesa Alicia Jaraba (Celle qui parle, 2022). O domingo pola mañá, unha vez no mercado, será a quenda de Pau (As cinco bandeiras, 2023), que explicará a súa experiencia de máis de vinte anos publicando na revista Spirou.

 Múltiples actividades

Alén dos encontros e as charlas, o festival tamén programou outras actividades durante toda a fin de semana. O sábado e o domingo, coincidindo cos días de máis asistencia, haberá tres obradoiros para crianzas impartidos por María Vilar e Iago Araújo, de Kame Cómic. 

Ademais, no Banda á Feira deste ano daranse a coñecer novidades. É o caso da presentación, o sábado pola mañá, da edición integral en galego da obra A espada de San Eufrasio, do debuxante Miguel Fernández.

As persoas que estean presentes ese día poderán acceder ao sorteo de exemplares desta recompilación dos cinco álbums desta saga galega. Tamén, como en edicións anteriores, cada un dos días do festival haberá sesión de sinaturas coas autoras e autores que asisten.

Máis en CULTURA
Comentarios