CONTRACULTURA

Resaca Emocional: "'Bolboretas' fala desde a perspectiva do amor que ten unha persoa con baixa autoestima"

Berto é un dos compositores e unha das voces de Resaca Emocional, un proxecto que integra xunto con Ash Diz (composición, voz e percusión), Lorena Cachito (percusión e voz), Brais Iriarte (baixo, guitarra e voz), Zeltia Iglesias (deseño e merchandising), Ro Campoy (debuxo, maquillaxe, fotografía e merchandising), Gala Rodríguez (escenografía e fotografía), Xurxo Pinheiro (técnico de son), Dani Ábalo (técnico de luces) e Manu Tarrío (management e 
apoio emocional).
Gala Rodríguez, Manu Tarrío, Brais Iriarte, Ash Diz, Berto, Ro Campoy, Xurxo Pinheiro e Dani Ábalo. (Foto R. E.)
photo_camera Gala Rodríguez, Manu Tarrío, Brais Iriarte, Ash Diz, Berto, Ro Campoy, Xurxo Pinheiro e Dani Ábalo. (Foto R. E.)

Como xorde este colectivo?
Eu, como Berto, levaba moitos anos personalizando a miña arte en min. Chegou un momento no que me saturou e deixou de ter sentido. Tiña un desexo de desvincular a música da miña identidade persoal. Ocorréuseme o nome de Resaca Emocional porque, como unha persoa que ten trastorno bipolar, é algo que aparece bastante na miña vida. Polo camiño, nestes últimos anos, fun coñecendo xente e quedándome coas persoas que me facían sentir ben. Esas persoas tamén se foron quedando coas que mellor as facían sentir e así naceu: en base a ir facendo amizades na música e no mundo cultural e de ir atopando espazos seguros. Tamén buscabamos volver a comportarnos como crianzas, algo que se ve nos temas que imos facendo. Queríamos intentar, desde a nosa posición, mudar o paradigma do que é a personificación dos proxectos artísticos. 

Por iso tamén subimos o primeiro tema sen dicir quen eramos, para que a xente apreciara a canción por si mesma. E ao final ter relacións sas require moito, é moi canso: temos conversas constantes sobre os nosos roles, sobre como nos sentimos con respecto a eles, reunións para arranxar calquera malentendido... A nosa norma principal é que temos que falar as cousas cando hai algo que está incomodando ou 
provocando malestar. 

Bolboretas é o primeiro tema, que ademais conta cun videoclip. Cal era a idea á hora de facer esta presentación do proxecto?
Témoslle moito agarimo a este tema porque foi o que nos deu o camiño. Até que Ash e eu o compuxemos só tiñamos o nome da banda e a idea de falar desde a infantilidade, mais seguiamos pensando que había que tocar algo ligado ao tradicional porque é o que está de moda. Unha vez que a compuxemos démonos de conta de que era algo que nos representaba moito: actuamos como crianzas, sobre todo en relación coa música, e tamén de maneira excéntrica. Bolboretas fala desde a posición máis vulnerábel sobre a perspectiva do amor que ten unha persoa cunha baixa autoestima, que ten medo de estar namorada. É unha boa carta de presentación porque todas as cancións falan desde a vulnerabilidade e a paixón. Normalmente, as cancións de amor están bastante desapegadas desa infantilidade, que representa como nos sentimos ás veces. Todo o álbum é unha chamada a deixarse levar pola vulnerabilidade e pola crianza que hai en ti e a non ter medo. 

Fala dun álbum. Hai data de presentación?
Despois do verán, pero non podo dicir máis. Agora mesmo estamos preparando un directo que revisita as cancións do disco por completo, é dicir, os temas van soar totalmente diferentes en directo e en estudo. Bolboretas, por exemplo, no directo dura 10 minutos. Son concertos que levan moito traballo e que estamos preparando para que estean a punto para a presentación do disco. Queremos contar con esta marxe para comezar a facer os directos para ter seguridade no que facemos e o convencemento de que vai ir todo ben. É a filosofía que hai detrás deste proxecto, ir con calma. Queremos que a xente nos vaia coñecendo e que decida se lle gusta o que facemos. 

Comentarios