Bush e Merkel tornan en personaxes de ópera en ‘A amnesia de Clío’

Unha ópera de produción galega, que se poderá ver esta semana nos escenarios da Coruña e Ourense, traza unha “extravagante viaxe” na que a realidade histórica e a ficción política entrecrúzanse sen límite.

A Amnesia de Clío - Real filharmonía de Galicia
photo_camera [Imaxe: Real Filharmonía de Galiza] Estampa de 'A amnesia de Clío'

A Real Filharmonía da Galiza ven de estrear no Auditorio da Galiza a ópera  A amnesia de Clío, unha coprodución da compañía Voadora do compositor Fernando Buíde, con texto do dramaturgo Fernando Epelde e dirección de Marta Pazos. A obra representarase de novo na terza feira na Coruña, concretamente no Teatro Colón, e na quinta en Ourense, no Auditorio Municipal.

A batuta levaráa o director titular e artístico da RFG, Paul Daniel, coa colaboración como director asistente do mestre galego Pablo Devigo, recentemente nomeado director asistente da Carmel Symphony Orchestra (EEUU) e do Teatro de Ópera e Ballet da Universidade de Indiana.

Ópera en clave feminista

Tal como explica o compositor, “trátase dunha viaxe extravagante, na que a realidade histórica e a ficción política entrecrúzanse para dar lugar a unha ópera contemporánea, cun pé na realidade e outro na distopía, e todo escrito en clave feminista”.

Configurada a modo de ópera en tres actos, A amnesia de Clío é o resultado de case dous anos de traballo para abordar unha temática "moi actual", o cambio de paradigma que supón a entrada da muller tanto na alta política como no mundo da arte.

A protagonista é a musa Clío, encarnada no libreto por unha muller forte, unha artista plástica cunha vida chea de matices que a levan a desembarcar na vida política.

Merkel e Bush, entre outros, tornan en personaxes en 'A amnesia de Clío'

Entre os roles principais, ademais da musa Clío -interpretada pola soprano canaria Raquel Lojendio-, están o ex presidente dos Estados Unidos, George W. Bush -papel desenvolvido polo barítiono Sebastià Peris- ou a presidenta alemá, Angela Merkel, á que da vida Marina Pardo.

Comentarios