Contracultura

Rosa Taboada: "Coa serie 'As Labregas' quero recuperar o noso pasado porque forma parte da nosa herdanza"

Rosa Taboada (Compostela, 1975) é a directora de 'As labregas', unha serie de ficción e un dos proxectos seleccionados do Ames AV LAB. Este é un laboratorio de aceleración de proxectos audiovisuais posto en marcha co apoio do Concello de Ames e a Deputación da Coruña co obxectivo de impulsar o tecido produtivo deste sector.

Rosa Taboada é a creadora da produtora Martela Films. (Foto: Juan Crusoe)
photo_camera Rosa Taboada é a creadora da produtora Martela Films. (Foto: Juan Crusoe)

—Como lle xurdiu a idea para As labregas?
Cando xurdiu este laboratorio, unha das premisas era que a historia tivese algunha relación co concello de Ames. As miñas antepasadas moi directas viviron e traballaron aquí, polo que pensei en contar a historia de mulleres que non tiveron a oportunidade de contalas. Paréceme moi interesante crear este tipo de proxectos porque o pasado vai desaparecendo, especialmente polo estilo de vida acelerado que levamos. A historia é recente, porque é a das nosas avoas e bisavoas, mais penso que cada vez se esvae máis. É importante recuperar o noso pasado porque forma parte da nosa herdanza, por moito que vivamos en desconexión con ela.

—Ademais tendo en conta que algunhas destas memorias van desaparecer ao falecer as persoas que as gardan.
Totalmente. Galiza, sobre todo, sempre partiu dunha tradición de base oral para contar as súas historias. Moitas delas xa as perdemos e outras se estarán perdendo nestes intres. O cambio de vida actual, mudando o rural polo urbano, tamén inflúe nestas perdas até o punto de que xa non hai memoria das antepasadas máis afastadas. Quedámonos na primeira liña máis inmediata detrás de nós ou na segunda.

—En que punto está actualmente o proxecto?
Estamos nunha fase moi iniciática de preprodución. Polo tanto, estamos desenvolvendo aínda a parte de documentación. Aínda que somos un equipo de xente nova, para a parte do asesoramento contamos con mulleres maiores, con moita experiencia, tanto á hora de buscar a documentación  nos rexistros civís para que non se nos escape nada como no que respecta á arte e ás localizacións. Esta é unha historia cunha base real, mais que tamén ten unha parte ficcionada, e na que trataremos de contas as vidas de mulleres de diversa índole: as que tiveron  que emigrar, as que quedaron, algún casamento entre curmáns...

Hai historias moi interesantes que non coñecemos, mais que están documentadas e que podemos rastrexar a través dos arquivos. Para min tamén é moi importante contar con actores e actrices non profesionais para que a propia comunidade de Ames poida participar e contribuír a algo que é seu. Ao final non é a historia da miña familia, senón que é algo común de moitas persoas que viven aquí.

—Cales son as súas expectativas con respecto á participación no laboratorio?
O certo é que bastante altas, tanto polo laboratorio en si mesmo como polas persoas que nos están titorizando. Xa comezamos con Jorge Coira e Araceli Gonda, que é unha das mellores guionistas que temos na Galiza. Tamén hai produtoras moi potentes dentro do laboratorio e que teñen unha experiencia brutal en canto a conseguir que o proxecto se leve adiante. A nosa expectativa, en primeiro lugar, é acadar esta parte de financiamento do proxecto, que é precisa e necesaria para comezar a busca de soporte e a etapa de venda en televisión.

Tamén somos conscientes de que é unha historia local, mais queremos que se poda partillar con Portugal nalgún momento posto que cremos que é unha historia que pode ser moi próxima e que se podería facer perfectamente cunha coprodución. Por outra banda, para cando remate o laboratorio, agardamos poder ter todo o necesario para comezar o proceso de filmación.

Máis en CULTURA
Comentarios