O colectivo 'Habitar o baleiro' leva a vida rural e o despoboamento ao Museo do Pobo

A mostra reúne corenta imaxes do fotógrafo ourensán Brais Lorenzo.  
Veciños da Espasa, Chandrexa de Queixa, Terra de Trives (Foto: Brais Lorenzo).
photo_camera Veciños da Espasa, Chandrexa de Queixa, Terra de Trives (Foto: Brais Lorenzo).

O colectivo Habitar o baleiro inaugura o 13 de xuño Ala Sur do Museo do Pobo Galego, en Comostela, unha exposición de dez anos de documentación fotográfica do despoboamento e a vida no rural da Galiza. A mostra forma parte dun proxecto homónimo de xornalismo e fotoxornalismo con vocación de longo percorrido. Son un total de corenta imaxes tomadas polo fotógrafo Brais Lorenzo (Ourense, 1986) durante unha década de traballo de documentación do rural galego. Con textos dos xornalistas Cláudia Morán, Lucía Abarrategui e Sergio Pascual, a exposición constrúe unha obra pegada á realidade que aínda existe.

A súa narrativa visual e textual inclúe, tamén, testemuños reais dos protagonistas das imaxes. Completan o colectivo o produtor e realizador, Miguel Riaño; o director de fotografía, Thomas Harris; e o deseñador gráfico, Juan Carlos García

Coordinada por Tono Arias, unha contrastada figura da fotografía que ten o seu centro de operacións na Estrada (Terra de Montes), a mostra configúrase a partir dunha narrativa complementada por varios audios, vídeos e tamén textos que crean unha experiencia inmersiva. A idea é achegar ás persoas espectadoras ao presente e o pasado das vivencias e comportamentos sociais das persoas protagonistas das historias. 

A exposición aborda problemáticas medioambientais que afectan moi especialmente a zonas da Galiza rural, como é o caso das secas ou os incendios forestais. Como parte da narrativa visual, forman parte da mostra, ademais, algunhas imaxes que documentan tradicións, ritos ou crenzas propias da cultural popular galega. Sobre esta temática non falta algunha imaxe do entroido como exemplo vivo do que se mantén. 

A Galiza que resiste

A exposición fotográfica, que se poderá ver en Compostela até o 1 de setembro, procura ser testemuño da Galiza que vive e resiste onde semella que non quere vivir ninguén. “Un rural que esmorece e, con el, paseniño, un modo de habitar o territorio e a nosa identidade como pobo”, sinala este colectivo, “unha vida ameazada pola falta de servizos, a precariedade e as problemáticas medioambientais”, engaden. 

Porén, tamén queren mostrar que é unha contorna onde “contra todo, nacen outros proxectos e formas de vida cheos de ilusión e esperanza”. Por este motivo, na mostra de Habitar o baleiro aparecen algúns exemplos que amosan a vitalidade e a esperanza.  

Comentarios