Compostela revive o Banquete de Conxo na V edición da súa festa

Alvarellos guiou un percorrido literario pola histórica carballeira de Conxo, onde se lembrou as autoras e autores que escribiron sobre o bosque ou no bosque, desde o século XII até o XX.

Multitude de persoas participaron esta sexta feira no roteiro pola carballeira de Conxo (Foto: Arxina).
photo_camera Multitude de persoas participaron esta sexta feira no roteiro pola carballeira de Conxo (Foto: Arxina).

Esta sexta feira, 24 de maio, comezaron as celebracións da V edición da Festa do Banquete de Conxo, en Compostela, co paseo literario As voces do bosque, guiado polo escritor e editor Quique Alvarellos, e un escape room co que as persoas participantes puideron coñecer máis sobre este espazo e a súa historia.

Alvarellos guiou un percorrido literario pola histórica carballeira de Conxo, onde se lembrou as autoras e autores que escribiron sobre o bosque ou no bosque, desde o século XII até o XX.

Pola tarde tiveron lugar os obradoiros de baile tradicional e de Cantos de Taberna co posterior percorrido polos bares do barrio para interpretar as diferentes pezas.

O barrio de Conxo celebra durante esta fin de semana a súa histórica festa para conmemorar a fraternidade, a liberdade e a igualdade, ofrecendo un amplo programa de actividades. A veciñanza poderá escoller entre diversas opcións culturais, lúdicas e deportivas para achegarse até a contorna da carballeira.

Este sábado 25 de maio, por exemplo, haberá un taller de observación de aves, outro de baños de bosque, unha camiñada pola "Ruta dos muíños", ou a Carreira de Orientación da Festa do Banquete, unha proba non competitiva.

A xornada central da IV Festa do Banquete de Conxo será o domingo 14 de maio, que arrancará co desfile "Alá van estudantes e artesáns" que desde a praza do Toural percorrerá as rúas de Compostela, baixo a coordinación artística dos Quinquilláns até chegar á praza de Conxo, onde María Luísa López Otero se encargará de dar lectura ao pregón. A seguir, a comitiva dirixirase á carballeira, na que se fará unha representación teatral do Banquete para dar paso ao tradicional xantar e romaría popular cos brindes da veciñanza.

Pola tarde decorrerá "O serán da Fraternidade", unha foliada que estará amenizada con música, bailes tradicionais e representacións teatrais. Para rematar o evento, haberá unha despedida da Festa do Banquete 2024 con discursos dos Quinquilláns e pregón de feche a cargo da cineasta Jaione Camborda

Comentarios