A exposición 'Documenta Hórrea' chega a Corcubión

Esta mostra é froito dun traballo de "descuberta" de hórreos localizados nunha zona de Ferrolterra dos que un grupo de artistas fixo unha reinterpretación artística.
A iniciativa pon en valor unha das construcións máis emblemáticas da xeografía galega. (Foto: Documenta Hórreo)
photo_camera A iniciativa pon en valor unha das construcións máis emblemáticas da xeografía galega. (Foto: Documenta Hórreo)

O hórreo é un dos elementos que máis e mellor definen a paisaxe galega. E poñelos en valor é o obxectivo da exposición 'Documenta Hórrea', que esta sexta feira, día 14 —a partir das 19.30 horas— chega a Corcubión, na comarca de Fisterra, a iniciativa de Redio Neria e mais o Concello, coa colaboración da Deputación da Coruña, Emuga, o centro recreativo cultural de Corcubión e Son Radio-fusión.

As cantareiras As Rinchonas actuarán no acto de inauguración da mostra. A mostra, comisariada por Laura Bouza, conta coas fotografías de Xan Xe, as creacións de Juan Sobrino, Andrea Pena, Verónica Garcia, Alejandro Coedo, Malena Carballo e o alumnado de Laudas Calamity e a carpintaría de Antonio García. "A imaxe do hórreo volve ser o centro da arte, a verdadeira realidade", salientan desde a organización.

Esta exposición é froito dun traballo de "descuberta" de hórreos localizados nunha zona de Ferrolterra dos que un grupo de artistas consagrados, e outros en formación, fixeron unha reinterpretación artística a través de diversas técnicas dunha das construcións "máis emblemáticas da xeografía galega".

"Desde o punto de vista arquitectónico, o hórreo foi a dependencia máis importante da casa labrega, a de maior interese espacial e construtivo e na que se manifesta o sentido plástico e mesmo a fantasía. Constitúe unha das achegas máis significativas á hora de conformar a paisaxe galega e un elemento peculiar da nosa xeografía", precisan. 

Un elemento arquitectónico referencial que recibe, ao igual que a choiva, nomes diferentes segundo as zonas e as súas feituras: cabaceira, cabaceiro, cabazo, canastro, canizo, celeiro, espigueiro, palleira ou piorno. Unha construción, á que, sen embargo, "non se lle ten dado a importancia que merece, pero que empeza a ser reivindicada a través dun movemento [Rede Hórrea] que quere que se recoñezan os hórreos como patrimonio cultural inmaterial da humanidade".

Estas singulares edificacións foron protagonistas ao longo da historia do país de lendas, ritos ou traballos asociados, e mesmo teñen propiciado celebracións musicais como as foliadas.

O acto de inauguración, cuxo acceso será libre e gratuíto, será a partir das 19 horas desta sexta feira nas instalacións do Casino de Corcubión, e contará coa actuación das Cantareiras As Rinchonas de Corcubión, así como a presenza de organizadores e autoridades.

Comentarios