Segunda feira na Coruña

Miriam Reyes e Celia Parra fechan o ciclo Poetas Di(n)versos

Dúas poetas galegas fecharán a novena edición do ciclo Poetas Di(n)versos. Unha desenvolve a súa obra en galego -Celia Parra- e a outra maiormente en castelán -Miriam Reyes. Esta segunda feira, 4 de xuño, na Coruña, lerán a súa obra, atravesada pola experimentación con formatos audiovisuais.
 

Celia Parra
photo_camera A poeta Celia Parra. Imaxe: cedida.

Celia Parra naceu en Ourense en 1990. Aos 19 anos publicou o seu primeiro libro, No berce das mareas. Mais co tempo especializouse no mundo da denominada videopoesía. Como investigadora, docente e creadora. Versogramas titúlase o documental que dedicou a esa modalidade poética. Segundo a organización de Di(n)versos, “considerado o primeiro documental sobre o panorama internacional da videopoesía”.

Miriam Reyes

Canda Parra estará Miriam Reyes (Ourense, 1974). A súa é unha das voces máis salientábeis da poesía española contemporánea. O seu traballo, que inclúe títulos como Desalojos (2008) ou Haz lo que digo (2015), tamén explora formatos híbridos co vídeo ou co que denomina “recital multimedia”. En 2015 encargouse de editar e traducir a antoloxía de poetas galegos Punto de ebullición. E prepara o seu primeiro libro integramente en galego.

“As dúas autoras son nomes vinculados a unha poesía híbrida, multimedia, e especificamente a un subxénero de rechamante rendemento, a videoposesía”, sinalan desde a organización do ciclo da Concellaría de Cultura da Coruña, “aínda que tamén son responsábeis de dúas das poéticas que están a concitar máis atención nos últimos anos”.

O recital conducirao a director de Poetas Di(n)versos, a poeta Yolanda Castaño. Será, como é habitual, no auditorio do Ágora a partir das oito e media do serán. Unha libraría “de proximidade” porá a venda as obras das autoras participantes “que se prestarán a asinalos para quen queira aproveitar a ocasión”.

Nota: a poeta Miriam Reyes.

Comentarios